viernes, 29 de abril de 2011

Sanjurjo: "Co PP na Alcaldía de Ordes, non se volverán a derrochar os impostos en obras inútiles"

O candidato popular á alcaldía, José Luis Martínez Sanjurjo, nun momento da súa intervención.

Os populares consideran "esgotado, dividido e descoordinado" o actual goberno municipal

Martínez Sanjurjo promete un centro de día e unha nova gardería municipal

O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, eloxiou hoxe a “nova xeración” de políticos que conforma a candidatura popular no Concello de Ordes e púxoa como exemplo da renovación que, ao seu entender, pide e necesita a sociedade galega e española.

Podes ver o vídeo da presentación facendo clic baixo estas liñas:



Durante a presentación a cargo de Diego Calvo do equipo que concorrerá ás eleccións do próximo 22 de maio polo PP de Ordes, Feijóo enfatizou non só a xuventude do candidato á Alcaldía, José Luis Martínez Sanjurjo, senón tamén o feito de que a idade media da lista popular sexa de tan só 35 anos; e felicitou á formación local porque, segundo dixo, supón un paso máis dentro do compromiso de renovación que el mesmo adquiriu cando asumiu a Presidencia do partido, en xaneiro de 2006.

Alberto Núñez Feijóo, presidente do Partido Popular de Galicia.
“Dar paso a esta nova xeración é a única alternativa a catro anos de parálise en Ordes”, insistiu, e contrapuxo o proxecto “ilusionante” do PP co “esgotamento, división e descoordinación” do actual goberno municipal. De xeito máis concreto, lamentou que os veciños de Ordes “sufran dobremente o mal dos bipartitos, cun cuadripartito” e engadiu que “as absurdas perdas de tempo e de diñeiro que proporcionan estas alianzas postelectorais non resolven ningún problema dos cidadáns, senón que xeran problemas novos”.

“Nun momento coma este os concellos non precisan de alcaldes que non soportan o seu tenente de alcalde, senón que precisan de alcaldes que cooperen e presten mellores servizos ós seus veciños”, destacou. En consecuencia, ofreceu ós veciños de Ordes un “camiño distinto” ó dos últimos catro anos, que consiste en estender o “novo comezo” que supoñen estas eleccións para o Partido Popular de Ordes e convertelo tamén nun inicio doutra forma de facer política no Concello.

A discoteca Elepé 45 acolleu a unhas 600 persoas durante o mitin dos populares.
Austeridade, rigor e responsabilidade
Neste senso, considerou que os votantes teñen a opción de elixir entre un goberno que “deixa como única herdanza un concello endebedado” ou outro do PP que “ofrece austeridade, rigor e responsabilidade para xestionar os recursos públicos”. “En 2009, Galicia enteira afrontou unha elección semellante, e escolleu o Partido Popular”, dixo a modo de comparación, e concluíu que os veciños de Ordes apostarán maioritariamente por un goberno popular, do mesmo xeito que fixeron os galegos nas pasadas autonómicas.

Núñez Feijóo asegurou que a maioría das grandes obras acometidas en Ordes na última lexislatura municipal foron posibles grazas á actual Xunta de Galicia, como as variantes sur –xa rematada— e norte –en execución—, a mellora da rede de saneamento e abastecemento en varios núcleos rurais ou a reforma e ampliación da Casa do Concello.

A coñecida discoteca ordense tivo un cheo absoluto na presentación da candidatura popular.
Centro de día
Pola súa banda, o candidado do Partido Popular á Alcaldía de Ordes, José Luis Martínez, aproveitou a preseza de Feijóo para adiantar que se os veciños o elixen alcalde pedirá á Xunta a cesión ou reversión do Centro Comarcal, situado nas aforas da vila, para instalar nel un centro de día no que podan recibir asistencia persoas maiores e dependentes.

En materia de equipamentos, Martínez adiantou tamén a súa intención de xestionar a construción dunha segunda gardería pública para Ordes. “Unha escola infantil situada na propia vila, para facilitar o acceso de todas as familias que o precisen a este servizo esencial”, aseverou.

Aspecto do cheo absoluto na sala central da discoteca Elepé 45.
Sentido común e austeridade
Así mesmo, Martínez Sanjurjo avanzou que se o 22-M acada a maioría necesaria, conformará un Goberno local “baseado no sentido común, no bo facer e na austeridade”, polo que co PP na Alcaldía, “Ordes non volverá derrochar os impostos dos veciños en grandes obras inútiles, como a ampliación da Alameda, un búnquer de luxo para o Concello, ou cadeiras de centos de euros para a zona VIP do campo de fútbol”.

*