Mostrando entradas con la etiqueta Leonardo Recouso 'Xoxardo'. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Leonardo Recouso 'Xoxardo'. Mostrar todas las entradas

jueves, 21 de abril de 2011

O Concello celebrará o Día das Letras Galegas cun certame de poesía

O poeta monfortino Lois Pereiro (1958-1996).
Tamén convocan un certame de debuxo baseado en poemas do artista ordense Xoxardo

Ordes conmemorará un ano máis o Día das Letras Galegas o vindeiro 17 de maio, que nesta ocasión homenaxea ao poeta posmoderno, Lois Sánchez Pereiro (Monforte de Lemos, 1958-A Coruña, 1996). Así o Concello, vén de convocar a cuarta edición do Certame de Poesía Día das Letras Galegas no que se establecerán diferentes categorías dependendo da idade dos participantes. Haberá unha categoría xeral para os participantes de 17 anos en diante; unha xuvenil para os rapaces e rapazas de entre 13 e 16 anos; e unha infantil para os nenos de ata 12 anos.

Para os mellores traballos repartiranse diferentes premios en metálico. Na categoría xeral, o gañador levará un premio de 150 euros, e o segundo clasificado outro de 100 euros. Por outra banda nas categorías xuvenil e infantil o primeiro e segundo premio serán de 100 e 70 euros, respectivamente. Ademais tamén haberá un premio de 160 euros ao que optarán os centros escolares do concello, que deberán presentar un mínimo de 20 participantes por centro sendo premiado o que presente as obras de maior calidade.

Presentación de traballos ata o 13 de maio
En canto ao prazo de presentación dos traballos, estará aberto ata o vindeiro 13 de maio no departamento de Cultura e Deporte do Concello de Ordes en horario de 09:00 a 14:00 horas, ou ben nos teléfonos 981680002 e 981680157, onde tamén se poderá recibir máis información así como consultar as bases do certame.

I Certame de Pinceladas e Poesías de Xoxardo
Por outra banda, o Concello de Ordes ten convocado tamén o I Certame de Pinceladas e Poesías de Xoxardo.

Este certame consiste en que, en función de dous poemas de Xoxardo propostos polo Concello, os rapaces e rapazas dos diferentes centros educativos do municipio realicen unha lámina que recolla o que para eles significan ditos poemas, podendo utilizar a técnica que elixan.

Estableceranse dúas categorías, a xuvenil de 13 a 16 anos cuxo gañador recibirá un premio en metálico de 50 euros, e a infantil para os participantes de ata 12 anos que tamén contará cun único premio de 50 euros.

O prazo de presentación dos traballos tamén estará aberto ata o vindeiro 13 de maio no Departamento de Cultura e Deporte do Concello, e os premios serán entregados o 17 de maio no Museo Xoxardo.

*

miércoles, 30 de marzo de 2011

O Concello solicitará á Deputación o saneamento e abastecemento da rúa República Arxentina

Astray, respecto á moción anti execución hipotecaria do BNG: "Ogallá fora competencia nosa reformar a lei hipotecaria"

Se organizarán actividades para coñecer a figura de Xoxardo 

A corporación municipal do Concello de Ordes reuniuse na mañán de hoxe para celebrar o pleno ordinario do mes de marzo. Un pleno no que se ratificou por unanimidade, o acordo da Xunta de goberno local de data 19 de xaneiro, de participación no Plan de Cooperación cos Concellos da Deputación para a anualidade de 2011. A través deste instrumento solicitarase a realización dos investimentos para o saneamento e abastecemento de auga na rúa República Arxentina.

Vivenda hipotecada
Por outra banda, no punto de mocións, foi rexeitada a urxencia de dúas mocións presentadas polo BNG. Na primeira delas, solicitábase que o Concello pedise á Xunta que inste á Xunta de Galicia e ao goberno do Estado o impulso dunha reforma lexislativa en materia civil, hipotecaria e procesal dirixida a protexer as persoas cuxa vivenda hipotecada é residencia habitual, co fin de admitir a dación en pagamento como cancelación da totalidade da débeda hipotecaria , entre outras cuestións.

Unha moción que non contou co apoio do grupo de goberno, xa que tal e como explicou o edil de Réxime Interior, Manuel Astray, “non é unha competencia do Concello de Ordes, ogallá puidera esta corporación facer algo ao respecto, pero é competencia do goberno do Estado e nós non podemos facer nada”.

A segunda das mocións dos nacionalistas fixo referencia a declarar Ordes como un concello desnuclearizado. O alcance desta declaración implicaría, segundo Gonzalo Castro, a prohibición de localizar no territorio galego un cemiterio nuclear ou depósitos de almacenamento de residuos nucleares, a prohibición de que en Galicia se constrúan centrais nucleares, continuar co impulso de políticas de aforro e eficiencia enerxética, ademais de incrementar o uso de enerxías renovables no noso modelo enerxético.

Unha cuestión cuxa urxencia tampouco foi aprobada, xa que como explicou tamén o edil Manuel Astray, “dende 1984 neste Concello xa está aprobada unha moción ao respecto deste tema, estando Ordes xa declarado término municipal desnuclearizado, polo que esta moción do BNG non ten lugar”.

Quenda mensual nos locais de ensaio
No punto de rogos e preguntas e ante as críticas e preguntas dos nacionalistas sobre dotar un local de ocio para a xuventude nos baixos da Alameda, inaugurados o pasado venres, a concelleira Silvia Marín quixo aclarar que para a utilización dos locais de ensaio sí se establecerá unha quenda mensual para os grupos que o soliciten na Oficina de Información Xuvenil. Ademais engadiu que se establecerán unhas normas de uso. Pola súa banda, Castro anunciou o seu compromiso para impulsar nos baixos da Alameda e desde o próximo goberno municipal, a dotación dun local social xuvenil amplo e convenientemente equipado”.

Finalmente, tamén explicou que se organizarán actividades para dar a coñecer a figura de Leonardo Recouso “Xoxardo”, pintor e escultor ordense a quen se adica o museo instalado nestes baixos.

*

martes, 29 de marzo de 2011

Inauguradas oficialmente as instalacións culturais dos baixos da Alameda

O alcalde Manuel Regos coa nai, viúva e fillas de Xoxardo.
Albergarán unha biblioteca, uha sala de conferencias, aulas de formación, un museo e locais de ensaio musical

Manuel Regos: "Se trata dunhas instalacións pensadas para o beneficio do municipio"

O alcalde Manuel Regos, inaugurou o pasado venres as novas instalacións municipais ubicadas nos baixos da Alameda, máis coñecidas como o novo punto de encontro de Ordes. Trátase dunhas instalacións, de máis de 1.300 metros cadrados, que albergan a biblioteca municipal, unha sala de conferencias, aulas de formación, un local para a xuventude, locais de ensaio para as bandas musicais do municipio e un novo museo, o Museo Xoxardo que acolle a obra do falecido artista ordense Leonardo Recouso, máis coñecido como Xoxardo.

Os actos deron comenzo na Casa do Concello cunha recepción á familia de Xoxardo, unha recepción na que Manuel Regos destacou a figura deste pintor, escultor e poeta natural de Ordes. Ademais Regos agradeceu a dispoñibilidade da familia para ceder as obras, un agradecemento que foi recíproco por parte dos familiares que mostraron a súa gratitude ao alcalde por ter habilitado un museo en homenaxe a Xoxardo. Ao acto acudiron a viúva de Xoxardo, dona María José Varela, as súas fillas Estela e Paula Recouso Varela, a súa nai, dona Purificación Ramos Blanco e o seu irmán, don José Manuel Recouso Ramos.

Tal e como explicou Regos, este museo será un “museo vivo, itinerante” que irá intercambiando a gran cantidade de obras do autor cada certo tempo, así como poderá ser utilizado para outras mostras e exposicións”.

Manuel Regos e a nai de Xoxardo, dona Purificación Ramos Blanco.
Placa conmemorativa
Trala recepción no Concello, alcalde e membros da Corporación, así como os asistentes ao acto dirixíronse ata os baixos da Alameda, onde se descubriu unha placa conmemorativa e se fixo unha visita polas diferentes instalacións.

En canto á biblioteca municipal, o rexidor ordense destacou os novos servizos cos que conta, como unha zona de ludoteca, sala de lectura infantil, postos informáticos e a zona de adultos, e insistiu na importancia da ampliación destas instalacións que xa quedaban pequenas no municipio.

Por outra banda, Regos tamén quixo destacar outros dos espazos cos que contan estas novas instalacións, como un local para a xuventude, e os locais de ensaio para os grupos musicais do municipio “uns espazos moi demandados pola nosa mocidade e dos que agora xa poderán disfrutar”, dixo.

Ademais, o novo punto de encontro de Ordes conta tamén cunha sala de conferencias, aulas de formación e unha oficina na que está instalada a Cruz Vermella.

Centos de veciños asistiron a este acto de inauguración, no que puideron comprobar de primeira man o resultado do traballo realizado nos baixos da Alameda. O alcalde, Manuel Regos, insistiu en que “se trata dunhas instalacións pensadas para o beneficio do municipio, polo que espero que sexan do agrado de todos e estou seguro que servirán para o disfrute de todos os veciños e veciñas, tanto de nenos como de maiores”.

*