Mostrando entradas con la etiqueta Montserrat Rey. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Montserrat Rey. Mostrar todas las entradas

viernes, 26 de abril de 2013

Os concelleiros de Ordes dimitirán se resultaran imputados

O salón de plenos, cheo de público durante a celebración do pleno municipal de onte.


No pleno celebrado onte tamén se acordou por unanimidade a axilización e a dotación de medios na arbitraxe no caso das preferentes bancarias

Derradeiro pleno de Gonzalo Castro e Montse Rei como concelleiros do BNG

O pleno municipal de Ordes acordou onte por unanimidade a dimisión de calquera concelleiro que sexa imputado nun proceso xudicial por motivos relacionados coa súa actividade política. 

Unha proposta lanzada dende a bancada do BNG e coa que “se pretende transmitir unha mensaxe de tranquilidade a todos os veciños e veciñas de Ordes nunha época na que a imaxe e concepción dos políticos e da súa labor é moi negativa”, según palabras do voceiro do BNG, Gonzalo Castro.

Copago
Outra moción aprobada foi a relacionada co copago dos comedores escolares. Dende o BNG e o PSOE criticáronse enérxicamente as axudas e subvencións aportadas aos centros escolares concertados (240 millóns de euros), sobre todo no caso daqueles que segregan o alumnado por sexos (3 millóns de euros). Ínstanlle á Xunta a eliminación deste copago e a ampliar este tipo de apoio ás familias con fillos escolarizados en educación Infantil e Primaria con poucos recursos. 

Tamén a que se vele polo dereito á educación en igualdade de condicións e á eliminación das tasas de servizo de comedor previstas para o vindeiro curso “por ser un novo machazo ás clases medias traballadoras”, argumentou Xesús Pedreira. 

Finalmente a iniciativa prosperou cos votos a favor de todas as forzas políticas agás o PP, que considera “que estas medidas contribuen a salvagardar unha ensinanza de calidade e igualitaria para todos os nenos e nenas, xa que o pago vai en consonancia coas posibilidades de cada fogar”.

Pistas rurais
En relación co estado e pistas rurais aprobouse cos votos de todos os partidos menos UXO a moción presentada polo BNG e PP. Nesta demándase a creación dun inventario do estado dos viais para elaborar un plan de traballo por parte do Concello, onde se especificarían tanto cuantía como as datas de execución.  

De non estar solventados todos os problemas antes do 30 de setembro o Concello estudiará a fórmula para poder aplicar unha compensación dun 20% no imposto de vehículos de tracción mecánica, medida esta solicitada polos nacionalistas. Según palabras do alcalde “as pistas que están en mal estado son as da concentración parcelaria e hai que ter en conta os meses de inverno e auga que levamos soportado. 

Mantivemos xuntanzas cos madeiristas para tratar de buscar solucións e comprometéronse a arranxalas unha vez que rematen a súa labor”. Con respecto á compensación económica, o alcalde, Manuel Regos asegurou “que os informes dos técnicos a rexeitan por cuestións legais entre outras, así que nós non podemos apoiar este punto”.

Preferentes
A primeira das mocións do PSOE foi aprobada por todos os partidos. Ésta atendía ó caso das preferentes instándolle á Xunta de Galicia a que se dote dos medios necesarios ao sistema de arbitraxe para axilizar o procedemento, facer públicos os criterios de inclusión ou exclusión na arbitraxe, a prestación de asesoramento xurídico aos afectados e, por último, a retirada do sistema de quitas.

Fondo de Emerxencia
Os socialistas tamén solicitaron a creación dun fondo de emerxencia dotado con 1.000 millóns de euros, xa que o 21% da población española vive por baixo do umbral da pobreza. Unha medida que posibilitaría aos concellos que os seus servizos sociais poidesen atender a todos os usuarios con axudas destinadas a productos de primeira necesidade ou gastos relacionados coa vivenda. Ademais, según os socialistas con este investimento acadaríanse uns 30.000 novos empregos. 

Por parte do portavoz do PP, José Luis Martínez Sanjurjo, especificouse que a cifra aportada na moción “non solucionaría nada xa que repartir eses cartos entre os aproximadamente 10 millóns de pobres supón 100 euros por persoa. E con iso non se consegue nada”. Precisou o voceiro popular. Finalmente os votos a favor por parte do equipo de goberno local e dos concelleiros de CIDGA, BNG e PSOE supuso a aprobación do texto.

O alcalde Manuel Regos (esq.), despídese de Gonzalo Castro e Montse Rei logo da súa renuncia.
Renuncia
Na sesión de onte, e por motivos persoais, formalizaron a súa renuncia os concelleiros do BNG Gonzalo Casto e Montse Rei. Para os dous houbo palabras de ánimo e recoñecemento por parte de todas as forzas políticas, recoñecendo a labor realizada durante estes últimos anos. Pola súa banda Castro asegurou que seguirá “traballando por Ordes. Un lugar que me volveu a acoller cos brazos abertos e co que manteño firmemente o meu compromiso”. 

Castro tamén tivo palabras de ánimo para Ramiro Recouso e Pablo Vidal, quenes a partir do vindeiro mes ocuparán os dous escanos baleiros dende onte.

O público congregado no salón de plenos aplaude na despedida de Gonzalo Castro e Montse Rei.

*

viernes, 19 de abril de 2013

Gonzalo Castro e Montse Rei abandonan "por razóns de tipo persoal"

Gonzalo Castro e Montse Rey, esta mañá ante o rexistro municipal de Ordes.
O xa ex portavoz nacionalista avanza que non encabezará a lista do BNG de Ordes nas municipais do 2015

Os concelleiros do BNG de Ordes, Gonzalo Castro e Montse Rey presentaron esta mañá ante o rexisto do Concello de Ordes a renuncia a súa acta de membros da Corporación municipal de Ordes. Unha decisión motivada en "razóns de tipo persoal", nas que a falta de disponibilidade de ambos "imposibilitaría asumir con toda responsabilidade o compromiso adoitado cos veciños e veciñas de Ordes", tal e como expresou o xa ex portavoz municipal, Gonzalo Castro.

Os relevos no grupo municipal nacionalista serán Ramiro Recouso e Pablo Vidal, presentes na rolda de prensa, quenes alabaron a labor de Castro e Rey "liderando a oposición ao Goberno de Ordes", segundo palabras de Recouso. 

Podes ver o vídeo da presentación do escrito de renuncia baixo estas liñas.




Candidato á alcaldía polo BNG
Finalmente, Gonzalo Castro tamén expresou a "necesidade" de que sexa o propio BNG de Ordes quen propoña un candidato á alcaldía do municipio en 2015, explicando que "non sería coherente renunciar agora como concelleiro do BNG para voltar nun par de anos como candidato do BNG".


De esq. a der. Pablo Vidal, Ramiro Recouso, Gonzalo Castro e Montse Rey nos baixos da Alameda.
As frases de Gonzalo Castro, ex portavoz municipal do BNG de Ordes
"É importante que o BNG poida presentar un candidato ou candidata á alcaldía de Ordes en 2015 sen ningún tipo de limitacións"

"Dende fora do Concello de Ordes seguirei traballando para que a democracia sexa algo máis que ir votar cada catro anos"

"O meu estado de ánimo actual é de esperanza e ilusión polo futuro"   

*

jueves, 18 de abril de 2013

GONZALO CASTRO E MONTSE REY ABANDONAN A CORPORACIÓN DE ORDES

Gonzalo Castro e Montse Rey, en foto de arquivo.
Os concelleiros nacionalistas ofrecerán unha rolda de prensa conxunta mañá ás 13:00 horas nos baixos da Alameda

Os dous concelleiros do BNG de Ordes, Gonzalo Castro e Montserrat Rei abandonarán de forma inminente a corporación municipal de Ordes.

Entrarán no seu lugar Ramiro Recouso e Pablo Vidal.

Mañá venres presentarán a súa renuncia formal no Concello de Ordes ás 13:00 horas para a continuación ofrecer unha rolda de prensa explicando as razóns desta decisión.

* 

jueves, 21 de marzo de 2013

Ordes espera por unha resposta de Fomento respecto da sinalización cara á ronda leste

O Concello solicitou ao Ministerio de Fomento, aínda sen resposta, melloras na sinalización da ronda leste.

Un pleno municipal do máis literario acorda dedicarlle unha rúa a Euloxio R. Ruibal

A parella de anciáns de Quenlle (Montaos) conta co apoio unánime dos grupos políticos municipais

A reunión plenaria da Corporación municipal do Concello de Ordes celebrouse esta tarde coas ausencias dos dous concelleiros do BNG, Gonzalo Castro e Montse Rei. En primeiro lugar debatiuse o apoio da Corporación á petición do indulto a favor do matrimonio de anciáns de Queis (Montaos) formulada ante o pleno polos seus avogados, Julio Castro Pol e Manuel Astray. 

Os feitos trasládanse ao ano 2007, cando  Manuel Rodríguez  foi condenado a  dous delitos de malos tratos. No caso de Carmen Martínez foi condenada por lesións á pena de prisión de cinco meses. Tamén se lle prohibiu aproximarse e comunicarse co seu home durante seis meses, feito que ambos quebrantaron.

O primeira tenente de alcalde, Silvia Marín, leu a petición dos avogados en voz alta para a continuación ser sometida a votación. Os catro grupos municipais, CideGa, PSdG-PSOE, PP e UxO apoiaron por unanimidade a medida.

Regulamento de Emerxencia Social
A primeira das mocións dos socialistas foi referida á solicitude de redactar unha ordenanza que permita crear un Regulamento de Emerxencia Social para os municipios que, como o caso de Ordes, teñan mancomunados os servizos sociais.  A medida foi igualmente apoiada de xeito unánime por todos os presentes. 

Vencellada a esta moción, o voceiro socialista, Xesús Pedreira, tamén pediu no pleno a subscrición de Ordes ao Convenio para o Fondo Social de Vivendas para Afectados por Desafiuzamentos, asinado pola FEMP, o Goberno de España e entidades financeiras españolas. 

Un convenio que permitirá a creación dun fondo social de 6.000 vivendas destinadas ao aluguer, achegadas polas entidades financeiras, e ás que poderán acceder persoas que fosen desaloxadas da súa primeira vivenda dende o 1 de xaneiro de 2008 e que se atopen en situación especial de vulnerabilidade social.

Silvia Marín respostou ao socialista afirmando que o Concello de Ordes xa está adherido ao citado convenio, polo que os socialistas retiraron a moción. 


O Grupo municipal do PP de Ordes, lendo o poemario de Ruibal, Caderno de Ordes.
Euloxio R. Ruibal
Diferente sorte correu a solicitude que dende o PSdG-PSOE se fixo chegar á Corporación de adicarlle a rúa provisionalmente coñecida como Trascampo da Feira, no entorno do CEIP Campomaior, ao literato ordense Euloxio R. Ruibal. A proposta foi aprobada pola unanimidade de todos os membros da Corporación municipal.

Tras a votación, a tenente de alcalde, Silvia Marín, entregou a cada un dos concelleiros un exemplar do  poemario de Ruibal Caderno de Ordes, publicado recentemente pola editorial Toxosoutos. 

Desvío cara ronda leste
A primeira das mocións do Grupo municipal popular tivo que ver coa petición de solicitar do Ministerio de Fomento a colocación duns carteis máis grandes e vistosos de desvío do tráfico pesado lonxe do centro da vila cara á ronda Leste. Os populares solicitaron ademais a activa participación da Policía Local no desvío nas horas máis conflictivas de tráfico pesado polo centro de Ordes.

Silvia Marín respostou aos populares afirmando que a medida xa fora solicitada polo Grupo socialista de xeito moi similar no pleno do pasado mes de xaneiro, e que de todos xeitos esta circunstancia "xa foi comunicada ao Ministerio", de quen agardan ainda resposta. 

Os votos en contra do grupo de Goberno e PSdG-PSOE á urxencia, impediu a súa votación, polo que o portavoz popular, José Luis Martínez Sanjurjo, optou por retirala logo de reclamar do Concello un novo escrito ao Ministerio para que dean "unha solución á maior brevedade posible".

Rogos socialistas 
Xa no apartado de rogos, Xesús Pedreira solicitou do Concello a retirada dun cano de augas do CEIP Castelao que fai uns días presentaba restos de alimentos. Marín respostou que esa circunstancia resultou ser accidental e motivada nunha conducta dunha nova cociñeira que por descoñecimento botou os restos ao carón da pipeta. Esta conducta, asegurou Marín, xa foi correxida e a cociñeira pediu disculpas. En todo caso, asegurou a tenente de alcalde, o cano é de augas pluviais, como asi atestou Augas de Galicia, e non de saída de desperdicios das cociñas da escola.

Tamén Silvia Marín acordou que o Goberno tomará en consideración o rogo socialista de proceder a realizar melloras no vial de Lesta.

Respecto do repintado do local social de Bailía (Leira), tamén Marín afirmou que xa se solicitaron unhas axudas inmersas no programa Lider para estas tareas.

Pedreira expuso tamén a inexistencia de alumeado no lugar da Brea, na estrada de Cerceda, ao que o grupo de Goberno respostou que logo de que se producira un roubo na zona, xa se están arranxando as deficiencias. 

Rogos populares
Pola bancada popular, José Manuel Gestal trasladou á Corporación a existencia de baches na rúa da Canteira no cruce coa rúa Ramón Ferreiro máis no lugar do Peñasco. Por parte do Goberno, afirmouse que no primeiro caso, a empresa encargada das obras xa foi avisada para que procedan ao seu inminente arranxo. Respecto do Peñasco, estes baches amañaranse unha vez chegue o bo tempo.

Gestal tamén denunciou unhas deficiencias na sinalización do Camiño Inglés no lugar de Carrás, en Montaos. Marín respostou que todo o Camiño Inglés está sendo revisado e que se correxirán esas e otras deficiencias detectadas.

Tamén un contedor no lugar de Carballedo (Buscás) tamén será reposto logo da denuncia do PP de Ordes.

No apartado de preguntas, José Manuel Gestal preguntou ao Goberno  sobre o por que do incremento dos custes na contratación administrativa e xestoría do Concello de Ordes. Marín respostou que esta suba é debida ao aumento da carga de traballo e á actualización do IPC, que segundo a tenente de alcalde, "xa facía moito tempo que non se actualizaba".

Tamén o Goberno confirmou, a pregunta dos populares, a compra da caseta da piscina municipal do Muíño por importe de 3.000 euros, porque segundo Marín, "resultaba máis rentable mercala que arrendala". 

Respecto duns aparentemente confusos custes respecto do aluguer de carretillas elevadoras con motivo da celebración do festival de arte urbán, Silvia Marín respostou ao Partido Popular que pese a algunhas deficiencias no concepto das facturas, en realidade o servizo fai referencia ao aluguer e transporte de varias máquinas elevadoras e non só a unha.

Tamén Gestal quixo preguntar polo proceder dunha persoa calquera que queira entrear libremente nas pistas de atletismo da Cidade Deportiva de Vista Alegre. O concelleiro delegado de Deporte, Roberto Iglesias, respostou ao popular dicindo que simplemente dirixíndose a calquera dos encargados do departamento en calquer horario diurno, estes encargaranse de poñer as pistas a libre disposición dos usuarios que reclamen o seu uso.

Tamén dende o PP quixeron saber que destino se lle vai dar ás farolas vellas recentemente sustituídas na rúa dos Lagartos. Marín asegurou que agora esas farolas están gardadas nun almacén do Concello, pero que que está estudando onde irán reubicadas. 

Por último, o PP quixo saber as medidas que o Goberno municipal vai tomar respecto das deficiencias detectadas no interior e exterior dos baixos da Alameda de Ordes. Marín respostou que se están a estudiar diferentes solucións.

O pleno, logo de 45 minutos, remataba cunha alusión por parte da tenente de alcalde Silvia Marín á celebración do Día Mundial da Síndrome de Down.

*

viernes, 1 de marzo de 2013

Un pleno cheo de ausencias lle da para adiante ao centro de emprendimento na praza de abastos

Momento da celebración do pleno de onte da Corporación municipal de Ordes. 

A Corporación por completo amosou o seu apoio e cariño a Gonzalo Castro, ausente por motivos de saúde

A Corporación municipal de Ordes aprobou onte por unanimidade a modificación do uso da parcela onde se ubica a praza de abastos. Así pasará a ter categoría de equipamento de abastecemento e suministración co uso complementario técnico administrativo. 

Un trámite imprescindible para poder instalar na segunda planta deste inmoble un centro municipal de emprendemento. Un proxecto que o grupo municipal socialista demandara anteriormente durante a sesión plenaria do pasado mes de novembro.

Ausencias no PP e BNG
Antes, houbo que destacar a ausencia dos concelleiros do BNG, Gonzalo Castro e Monsterrat Rei, ambos por motivos de saúde. Para eles, e especialmente para Gonzalo Castro, todos os membros da Corporación amosaron palabras e xestos de apoio. 

Tamén o PP viu reducido a catro o seu número de concelleiros, xa que por motivos laborais e de saúde dous dos seus membros, José Manuel Gestal e Estrella Vázquez, tiveron que ausentarse da sesión.

Reforma da administración local
Precisamente foron os socialistas os encargados de abrir a rolda de mocións que ocupou a maior parte do tempo. A súa solicitude de retirar o anteproxecto de lei da reforma da administración local presentada recentemente polo Goberno Central foi aprobada grazas aos votos de UxO, PSOE e CideGa. 

Neste punto os populares non viron prosperar a súa emenda trasaccional na que se instaba ao Goberno para que o texto sexa elaborado tendo en conta as aportacións feitas pola Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP). Nel tamén se precisaba que as novas suxestións se trasladen tanto a este ente como á Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).

O PSOE tamén solicitou a aprobación dunha declaración que insta, entre outros puntos que afectan directamente ás mulleres, á derogación da reforma laboral, ó emprendemento de politicas igualitarias e promocionais no ámbito laboral, á erradicación das desigualdades laborais,  ó cumprimento da lei actual da saúde sexual e afectiva, á derogación das taxas xudiciais e ó aumento dos dereitos recollidos na lei de promoción de autonomía persoal e persoas en situación de dependencia. Novamente os socialistas contaron co apoio de UXO e CideGa para sacar adiante esta medida, mentres que o PP votou en contra. 

Tamén neste tema os populares presentaron unha emenda transaccional que non prosperou. Argumentando que a dos socialistas abordaba distintos temas que deberían ser tratados individualmente, o texto do PP instaba ao Goberno a seguir priorizando nos orzamentos o gasto social e en políticas de igualdade entre homes e mulleres. Nos obxetivos incídíase en errradicar a violencia de xénero e a conciliación da vida familiar e laboral.

Punto posposto
O punto no que se ían abordar as exencións e modificacións fiscais propostas polos socialistas pospúsoxe. Esta decisión tomouse co fin de poder abordar estas medidas nunha comisión, así como a de poder analizar detidamente o informe emitido a este respecto dende o departamento de Intervención.

Plan de igualdade
No turno do Partido Popular presentouse unha moción para instar aos concellos galegos a abordar un plan de igualdade similar ó que ten en marcha o Concello de Ordes. Tamén se insta á Xunta e ao Goberno Central a emprender programas de apoio empresarial orientado ás mulleres, así como medidas que erradiquen as desigualdades salariais. 

En palabras de  Susana Mosquera (PP), "o orzamento da Xunta nestas materias incrementouse nun 14% para este ano chegando a case un millón de euros", dato que foi rebatido tanto polo voceiro socialista, Xesús Pedreira, como pola tenente alcalde, Silvia Marín.

Como exemplo, Marín mencionou a reducción en arredor dun 50% das axudas á conciliación “importe que terán que asumir as Corporacións municipais co esforzo que elo vai suponer tendo en conta a situación económica actual”. 

Agás os socialistas que calificaron de “escaso investimento o orzamento empregado nestas áreas en comparación co que investía o Bipartito”, todas as demais forzas políticas apoiaron a moción.

Rogos socialistas e populares
As fochas aparecidas recentemente na rúa O Recreo, a aparición de vertedoiros incontrolados en Montaos e Parada, a limpeza de pistas de concentración parcelaria en Parada, Lesta e Mercurín e a revisión das tasas de auga, lixos e sumidoiros para as Pemes, foron os temas principais dos rogos socialistas. 

Por parte do PP solicitouse a mellora na sinalización da rotonda do polígono industrial de Merelle así como da rolda Leste. En ambas intervencións, o equipo de Goberno advertiu que os organismos, entes e equipos responsables de levar a cabo estas tarefas xa estaban advertidos.

 *

domingo, 11 de noviembre de 2012

Inolvidable noite contra o cancro en Ordes



A segunda edición da cea da AECC en Ordes congrega a 170 personas de Ordes e comarca

A presidenta Emilia Vázquez lembrou emocionada as últimas vítimas desta enfermidade do noso municipio

Os salóns do restaurante El Túnel acolleron na noite de onte a segunda edición da cea solidaria organizada pola Xunta local de Ordes da Asociación Española Contra o Cancro (AECC). Un exitoso encontro que congregou a 170 persoas chegadas de Ordes e da nosa comarca que non quixeron perderse a cita e acompañar a súa presidenta, Emilia Vázquez Pardo, nunha noite que asemella será unha das imprescindibles do ano en Ordes e que conseguiu recadar preto de 1.000 euros para a investigación contra o cancro.


Agradecemento de Emilia Vázquez
A noite deu comezo co agradecemento por parte de Emilia Vázquez a todos os asistentes á cena. Tamén quixo lembrar a presidenta a cada un dos veciños e veciñas de Ordes que xa non están con nós, víctimas do cancro durante este ano e o pasado. Unhas palabras que remataron cos emocionados aplausos de todos os asistentes.


Menú a 25 euros
A cea consistiu nuns entrantes a base de embutidos, croquetas, calamares á romana e pulpo á feira, para dar paso a pescada á galega e rematar con tarta de chocolate, café e licores. Para beber, Cepa Vella Ribeira Sacra 2011 e Rías Baixas Viña Dozo 2011, ademais de auga e refrescos. Todo a un prezo de 25 euros dos cales cinco foron destinados integramente á loite contra o cancro.


Mesa presidencial
A mesa presidencial estivo ocupada por Emilia Vázquez Pardo acompañada da tenente de alcalde de Ordes, Silvia Marín, que lucia unha renovada e favorecedora imaxe; así como os concelleiros de Deporte e Xuventude, e Diversidade funcional do Concello de Ordes, Roberto Iglesias e Lucía Iglesias, respectivamente. Tamén  Marcos Calvo, sicólogo da asociación xunto a Carmen Iglesias e Elisa Paz presidiron a cea.


Sorteo de agasallos
Logo do menú tivo lugar un dos momentos máis esperados da noite co sorteo dos agasallos doados polos establecementos colaboradores do acto. Algún dos gañadores de obxectos tan diversos como foron aparatos electrónicos, caixas de viño, xamón, productos farmacéuticos, xoias e reloxos, doces e cestas de froitas ou libros foron Pepe Martínez, Jorge González, Pili Cristín, María Xosé Mira, Pili do Jaipy, María Almodóvar ou Lucía Domínguez, quen levouse o regalo estrela da noite: un vale dunha fin de semana no balneario da Toxa.

Fortuna nacionalista
A anécdota da noite a protagonizaron os membros do BNG local Gonzalo Castro, Montse Rei e Ramiro Recouso, gañadores os tres doutros tantos agasallos no sorteo.


Música e poesía
Por último, a velada foi amenizada polo guitarrista Albo, quen brindou aos participantes unha emocionada versión de Lela, de Alfonso R. Castelao. Logo da música, o ocurrente humor e a poesía de Julita Calvo puxeron a guinda a unha noite inolvidable para todos.

*

viernes, 5 de octubre de 2012

Ordes se prepara para a campaña electoral autonómica

José Luis Martínez Sanjurjo (PP) estreou o mural electoral da Alameda cun cartel de Alberto Núñez Feijóo.
Xesús Pedreira (PSdG-PSOE) formará parte das listas electorais encabezadas por Francisco Caamaño.
Gonzalo Castro (BNG) pegando un cartel co rostro de Ana Pontón, número dous pola provincia da Coruña.
Pasada a medianoite, os portavoces municipais dos principais partidos asistiron na alameda á tradicional pegada de carteis

Pasados apenas uns minutos das doce da noite, os portavoces municipais do Partido Popular, Partido dos Socialistas de Galicia e Bloque Nacionalista Galego, deron comezo á campaña electoral autonómica coa tradicional pegada de carteis electorais na Alameda de Ordes.


"Galicia Primero. Vota Feijóo 2012" é o lema de campaña do Partido Popular.

Deseños e lemas
Acompañados dalgúns concelleiros, afiliados e simpatizantes, José Luis Martínez Sanjurjo (PP), Xesús Pedreira (PSdG-PSOE) e Gonzalo Castro (BNG) amosaban aos asistentes os diferentes deseños e lemas de cada unha das campañas electorais. 


"É o momento. Galicia decide" acompaña ao rostro de Pachi Vázquez na propaganda electoral do PSdG-PSOE.

Así, o Partido Popular decantouse nesta ocasión polo uso do castelán para decir "Galicia Primero. Vota Feijóo 2012", o PSdG-PSOE pronunciouse por "É o momento, Galicia decide", e o BNG aposta por "Para facerlles frente. Gobernemos nós e a nosa terra".


"Para facerlles frente", lema do BNG, vai acompañado de fotografías de Ana Pontón e Francisco Jorquera. 

Representación ordense nas listas
Das listas electorais dos tres principais partidos, somentes o PP non contará con ningún ordense como candidato ao Parlamento de Galicia. O PSdG-PSOE incluiu ao secretario xeral local, Xesús Pedreira, nas súas listas como segundo reserva, mentres que a concelleira do BNG Montserrat Rei representará á nosa comarca no posto 17 das súas listas.


*

lunes, 28 de mayo de 2012

O BNG non quere camións polo centro da vila de Ordes


Montserrat Rei: "A nosa proposta inclúe excepcións xustificadas, coma a carga e descarga ou o transporte público"
O BNG de Ordes anunciou esta mañá que o Pleno que terá lugar o vindeiro xoves, 31 de maio, debatirá unha moción dos nacionalistas na que se propón instar ao Ministerio de Fomento a prohibir o tráfico dos vehículos pesados, que circulen en dirección A Coruña ou Santiago, no tramo da N-550 que discurre polo centro da vila de Ordes, ao existir xa a alternativa da recentemente inaugurada ronda leste.
Montserrat Rei, concelleira do BNG de Ordes, manifestou que “non resulta suficiente con sinalizar adecuadamente a nova ronda para sacar o tráfico pesado do centro de Ordes, é necesario que o Ministerio de Fomento, como titular da N-550, prohiba o tráfico pesado no tramo desta estrada que discurre pola vila de Ordes”.

Rei explicou que a proposta do BNG “ten como obxectivo que o Ministerio de Fomento prohiba o tráfico polo tramo da N-550 que discurre polo centro de Ordes aos vehículos cuxa masa máxima autorizada exceda as 3,5 toneladas, introducindo as sinais correspondentes nos accesos á vila de Ordes desde esta estrada”.

A concelleira do BNG explicou que “non existen razóns para non adoptar esta medida, xa que os camións que circulan cara A Coruña ou Santiago pola N-550 teñen unha alternativa para circunvalar o núcleo urbano sen pasar polo centro, a recentemente inaugurada ronda leste”.

A concelleira Montserrat Rei.
As frases de Montserrat Rei, concelleira do BNG de Ordes 
"A nosa proposta inclúe excepcións en casos xustificados, nos que se podería permitir aos transportistas o acceso ao centro, como por exemplo no caso de que teñan como destino a carga ou descarga nalgunha empresa ou comercio da vila, ou o transporte público con paradas na vila, entre outros”

“No caso de transportistas de mercadorías que fornecen aos comercios e locais hostaleiros, na súa maioría non superarían a masa máxima autorizada de 3,5 toneladas”

“Despois de moitos anos de espera, a mobilización dos veciños e veciñas de Ordes, con máis de 3.000 sinaturas que solicitaron o desvío o tráfico pesado do centro da vila, especialmente os camións de lixo que teñen como destino Sogama, ten conseguido que se construise unha ronda alternativa para desviar o tráfico pesado do centro da vila, por iso debense realizar de xeito inmediato as xestións que permitan que a veciñanza poida desfrutar canto antes dos beneficios desta ronda”

*

lunes, 14 de mayo de 2012

Os grupos municipais, unidos na defensa da identidade de Ordes


Momento do Pleno extraordinario do Concello de Ordes celebrado esta mañá nos baixos da Alameda.
UxO, PP, PSOE, BNG e CideGa están de acordo en manter o Partido Xudicial de Ordes

Instarán á Xunta de Galicia ao seu mantemento

Aprobado o crédito de pagamento do crédito a provedores

Cos nove votos a favor do equipo de Goberno, PSOE e CideGa, esta mañá aprobouse en pleno extraordinario  o crédito correspondente ó Plan de Pagamento a Provedores impulsado polo Ministerio de Facenda. Unha medida que no caso de Ordes ascende a 2,7 millóns de euros. 

Ante as críticas verquidas tanto polo BNG como polo PP, Silvia Marín pediulle aos voceiros de ambas formacións que “deixen de facer demagoxia con este asunto xa que é o mesmo interventor municipal quen o apoia a través dun informe favorable,  respecto á petición de crédito a longo prazo polo importe das obrigas pendentes” 


"Investir en bens e servizos"
Marín tamén quiso lembrar “que foi a crise económica a que trouxo un descenso nos ingresos das administracións locais” e que “si a cifra lles parece moito é porque a diferencia doutros concellos o de Ordes incluiu todas as facturas pendentes de pagos. Tamén hai que ter en conta que somos un concello que medra no número de habitantes, polo que nos vemos obrigados a investir en bens e servizos para os veciños”.  A tenente alcalde de Ordes criticou a actitude dos populares e nacionalistas aos que acusou de querer “paralizar o Concello” e de non contribuir para “que os proveedores de Ordes poidan cobrar” votando en contra.

Os socialistas votaron a favor da operación porque “pensamos que é importante que eses proveedores cobren canto antes”. Sen embargo, votaron en contra da aprobación inicial da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento municipal para aumentar a dotación de solo industrial. Xesús Pedreira explicou que “nestes tempos de crise económica non podemos deixar unicamente na iniciativa privada a posta en marcha no novo polígono industrial, pois a iniciativa privada non será quen. É necesario que a iniciativa pública tamén esté presente, ben a través de SEPES, ben a través de Xestur”. 

Pola súa banda, o BNG votou en contra dunha medida “que hipotecará aos veciños de Ordes para os próximos dez anos, ao pagar case un millón de euros de intereses por un préstamo de 2,8 millóns, reducindo en 400.000 euros anuais os servizos públicos e subindo os impostos en 300 euros anuais ás familias medias”, tal e como manifestou a concelleira Montserrat Rei.


Rei, que disculpou a ausencia neste Pleno do portavoz municipal do BNG de Ordes, Gonzalo Castro, por razóns de saúde, acusou ao alcalde de “intentar meter o lixo debaixo da alfombra, intentar pagar moitos gastos de difícil xustificación que nin sequera foron incluidos nos respectivos orzamentos anuais durante os últimos catro anos”.



Solo industrial
O segundo punto abordado esta mañá foi a modificación puntual das normas para a dotación a través do sistema de compensación de solo industrial asinando un convenio cos veciños no polígono de Pardiñas. Máis do 50% dos propietarios apostan por un convenio de compensación que permitiría a entrada de capital privado nesta iniciativa, a pesar de que nun principio o Concello plantexou un sistema directo de  cooperación coa entidade local. 

“Temos que asinar un convenio onde todos estemos de acordo e fixar uns prazos. É labor do Concello velar polo cumplimento dos consensos acordados e de dito sistema”, asegurou Silvia Marín que tamén precisou que “de non cumprirse teriamos que voltar ó sistema de cooperación e xestión directa”.  

A iniciativa quedou aprobada cos sete votos a favor de UXO, mentres que PSOE BNG e CideGa votaron en contra (tres votos) e a abstención dos populares (seis votos). Tanto PSOE como CideGa e BNG puxeron de manifesto o seu temor a que a entrada de capital privado se traduza nunha especulación coas parcelas. Pola súa banda o PP asegurou non querer pronunciarse ata que manteña contactos cos propietarios dos terreos e que eles mesmos lles informen sobre o seu punto de vista.

Neste punto Silvia Marín recriminoulle á nacionalista Montserrat Rei as declaracións publicadas nestes días nas que se asegura que o alcalde de Ordes “renuncia ó impulso do polígono industrial de Pardiñas”. Marín demandoulle responsabilidade ós nacionalistas á hora de manifestar na prensa o seu ideario “algo que todos podemos facer pero sin mentir”, e mostrou a súa sorpresa ante ditas afirmacións xa que “iso nunca se falou nas comisións que mantivemos, polo que eu xa non sei se é que non asistimos ás mesmas xuntanzas ou é que non nos cinguimos ós puntos presentados en tales encontros. “En todo momento a nosa actitude é a de sacar adiante este proxecto atendendo ós intereses e preferencias dos veciños implicados nel”, puntualizou Silvia Marín.

O BNG votou en contra da privatización da xestión do hipotético polígono empresarial de Pardiñas. Montserrat Rei, afirmou que “o BNG propuxo na comisión de urbanismo que se asegurase a participación pública na promoción do polígono, para garantir o acceso ás parcelas con prezos asequíbeis e evitando a especulación, mais o alcalde negouse a contemplar esta iniciativa do BNG”. Rei afirmou que “o alcalde estivo enganando aos veciños de Ordes coa falsa promesa electoral dun novo Polígono, e agora pretende escurrir o bulto pasándolle a pelota aos propietarios dos terreos”.

Partido Xudicial
Finalmente, o Pleno municipal de Ordes aprobou por unanimidade esixir o mantemento do Partido Xudicial de Ordes, tal e como solicitara a semana pasada a Agrupación Socialista de Ordes. Todos os concelleiros apoiaron un texto común elaborado polo secretario Municipal do Concello de Ordes.

O voceiro municipal do PSdeG-PSOE, Xesús Pedreira, agradeceu o apoio de todas as forzas políticas “diante unha decisión que perxudica a Ordes e aos seus veciños, tanto dende o punto de vista económico como xudicial”. Pedreira Mirás amosou o seu especial agradecemento ao grupo do BNG e anunciou que “votarei a favor da proposta do BNG de que se quiten as taxas xudiciais porque estou totalmente de acordo, pero esta demanda non tiña sentido que se incluíse na moción aprobada hoxe”.

Montserrat Rei, concelleira do BNG de Ordes, manifestou que “agradecemos que o Pleno aceptase a inclusión dos puntos propostos polo BNG na súa emenda, que vímonos obrigados a presentar para modificar a proposta de acordo que foi incluida coa convocatoria do Pleno, porque na mesma non se instaba a ningunha Administración competente a defender o mantemento do partido xudicial de Ordes”.

Así, a proposta aprobada polo pleno ordense require ao Consello Xeral do Poder Xudicial que manteña Ordes como partido xudicial e insta ao Ministerio de Xustiza a que, no caso de que se produza a tramitación dun proxecto de lei que modifique a Lei 38/19988 de 28 de decembro, e manteña nesa reforma o actual partido xudicial de Ordes.


Defensa da Xunta
Ademais, demándase da Xunta de Galicia que defenda expresamente o mantemento do partido xudicial de Ordes e os xulgados número 1 e 2 actualmente existentes no municipio. Ademais, o Concello de Ordes remitirá este acordo aos municipios que integran o partido xudicial de Ordes para solicitarlles o apoio ao mantemento de Ordes como partido xudicial. O partido xudicial de Ordes están composto polos concellos de Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia, Trazo e Val do Dubra, o que supón unha superficie de 752,94 km2 e 37.604 habitantes.

O escrito aprobado esta mañá explica que a eliminación do partido xudicial ordense “tómase dende os despachos de Madrid sen ter en conta, como vén sendo habitual, as características peculiares dos territorios onde se implantará a reforma, cal é o noso caso de Galicia, cunhas características moi peculiares (dispersión da poboación, envellecemento da mesma, comunicacións, etc). Por outra banda, e aínda que nun principio négase que se vaian a pechar xulgados, é de temer que coa nova Planta Xudicial isto se leve a cabo sen remisión”.

A moción aprobada hoxe lembra que Ordes conta con dous xulgados nunha sede xudicial moderna e funcional que supuxo un importante investimento por parte do Concello e a Comunidade Autónoma. A eliminación dos xulgados en Ordes supoería para a cidadanía do Concello un grave perxuizo, ao teren que desprazárense ata Santiago.


*