Aspecto exterior do mercado de Abastos de Ordes na rúa do Mercado / Arq. |
A Asociación de Comerciantes de Ordes (Acordes) mostrou hoxe o seu malestar fronte ao Concello por “non ter en conta” a opinión deste colectivo na creación do novo regulamento da praza de abastos que a xuízo da súa presidenta Natalia Barreiro, “resulta imprescindible nesta tema”.
Os comerciantes condenan tamén a actitude do goberno municipal por non comunicarse tampouco previamente cos praceiros que actualmente ocupan o recinto. A xuízo da súa presidenta, dende o goberno municipal fixeron unas normas “de presa e correndo” e Ordes merece unha praza de abastos “en condicións” que sirva como “motor económico” do noso municipio.
A Asociación ven de presentar unha serie de alegacións respecto a este novo regulamento que Barreiro confía en que dende o goberno municipal “teñan en conta”.
Alegacións de Acordes ao novo regulamento da Praza de Abastos de Ordes
Piso superior. No novo regulamento considerarase praza de abastos só a parte baixa do mesmo, porque o piso superior quéreno dedicar a outros usos que nada teñen que ver coa praza.
Dende Acordes consideramos que, debido a que hai moitos anos (25 mais ou menos) que non se ofertan os citados postos non se sabe a demanda real dos mesmos, e sería contraproducente limitar de antemán o citado espazo. Acordes ten coñecemento de que houbo varios comerciantes que solicitaron un posto e déronselles largas.
Período de concesión. O novo regulamento propón unha concesión de dez anos cunha única prórroga de cinco anos (total 15 anos).
Dende Acordes consideramos que a citada concesión é de moi poucos anos. Este período de tempo non contempla a vida laboral dunha persoa, xa que pasados os 15 anos tería que deixar o seu posto como praceiro. Tamén consideramos que despois do desembolso económico que supón ter un posto (concesión, canons, mobiliario, mercadorías, etc.) o tempo para rendabilizalo é moi escaso. Por suposto tamén temos que ter en conta que, na maior parte dos casos, as concesións en outras prazas de abastos contemplan como mínimo 20 ou 25 anos con dereito a prórrogas ( 30-35 anos como mínimo).
Peche por reformas. O novo regulamento contempla a posibilidade de peche de algún posto en particular, ou da totalidade da praza en xeral, por reformas sen contemplar a posibilidade de indemnización aos praceiros afectados.
Dende Acordes consideramos que o Concello non pode xogar arbitrariamente co sustento e medio de vida dos praceiros. O Concello ten a obriga de buscar alternativas satisfactorias para ambas partes, como por exemplo a reubicación noutro espazo, a reforma feita por partes, etc.
Dende Acordes consideramos que, se deben ter en conta as nosas alegacións , xa que somos os primeiros implicados e os primeiros interesados, xunto cos actuais praceiros que tamén presentaron as súas alegacións, para a reactivación da praza de abastos de Ordes.
*