miércoles, 27 de abril de 2011

A praza de abastos xa ten 'manual de instruccións'

O derradeiro pleno da lexislatura 2007-2011 aproba definitivamente o seu regulamento

Amplíase a concesión de dez ata os quince anos con prórroga doutros cinco

O pleno da corporación municipal  reuniuse na mañá de onte para celebrar a sesión ordinaria do mes de abril. Unha sesión que remataría a lexislatura 2007-2011 e na que se aprobou, de maneira definitiva, o regulamento municipal da praza de abastos, así como se trataron as alegacións presentadas ao documento.

En concreto, neste punto, aprobouse unha proposta da alcaldía a través da que se estimou unha das alegacións presentadas, relativa ao prazo de concesión dos postos. No documento inicial establecíase un prazo de concesión de 10 anos, mentres que na proposta da alcaldía presentada hoxe se establece como prazo 15 anos coa posibilidade dunha prórroga doutros 5 anos.

Acordes
Por parte dos nacionalistas, o portavoz municipal do BNG, Gonzalo Castro, fixo mención ao apoio á totalidade das alegacións da Asociación de Comerciantes de Ordes ao regulamento da praza. Este manifestou que “desde o BNG comprometémonos a modificar o regulamento da praza, incluindo a totalidade das propostas dos comerciantes, como a de destinar toda a praza a locais comerciais e non só a planta baixa como propón o goberno, ampliar o prazo da concesión dos postos, para que inclua a vida laboral dunha persoa e eliminar a posibilidade que prevé o Regulamento de decretar o peche dun local de forma unilateral por parte do goberno, e sen alternativa para o comerciante, no caso da realización de obras na praza”.

Alegacións que foron desestimadas, sendo avaladas por nun informe de intervención. A proposta foi aprobada cos votos a favor dos edís do grupo de goberno e o concelleiro non adscrito José Luis Díaz Hermida.

Ante as críticas da oposición porque non fosen tidas en conta todas as alegacións presentadas ao regulamento, o edil de Industria e Comercio, José Manuel Tobío insistíu en que hai unhas alegacións que se poden estimar e outras non, tal e como reflexa o informe de intervención.

Non hai demanda para o primeiro piso
Tobío explicou que de ningunha maneira se quere desmantelar a praza de Abastos. Indicou que a planta baixa estará destinada para postos de venda, e que no caso de que sexa necesario e a demanda fose suficiente, bastaría cunha modificación puntual do regulamento para que a primeira planta se destinase tamén para este uso. Insistiu unha vez máis en que non existe unha demanda suficiente para a ocupación de dito espazo, indicando novamente que durante o ano pasado se mantiveron contactos con cadenas comerciais para a súa posible implantación nesta zona, proposta que foi rexeitada.

En canto ao resto das alegacións, e na relativa ao punto do regulamento no que se fala do peche de postos por causa de obras no recinto, o edil do goberno ordense explicou, que no caso de que houbese obras proporíanse alternativas e solucións aos afectados, “e mostra delo as obras que se realizaron recentemente na praza, durante as que se lles buscou un sitio alternativo aos praceiros”.

Por outra banda aprobáronse por unanimidade outros dous puntos da orde do día do pleno, un relativo á aprobación de convenio urbanístico con Xestur Coruña para a permuta de terreos na parque empresarial de Merelle; e outro polo que se aprobou a modificación da cláusula sobre investimentos do contrato de xestión do servizo municipal de abastecemento de auga e depuración de augas residuais.

O Recreo
No punto de mocións rexeitouse a urxencia das dúas mocións presentadas polo BNG, unha relativa á rúa do Recreo á que o alcalde, Manuel Regos, respostou que polo ben de todos os veciños o Concello bacheou esta rúa a pesar de que non é de titularidade municipal, senón da Deputación provincial, e anunciou que están xa contratadas as obras de aglomerado e alumeado na mesma.

A outra moción dos nacionalistas, da que tamén se rexeitou a urxencia, solicitaba a celebración de dous debates electorais en Radio Ordes. Cuestión rexeitada, xa que tal e como explicou o edil de Comunicación, Manuel Astray, o solicitado non cumpriría coa lei. Sen embargo, Gonzalo Castro afirmou que “o goberno equivócase ao pensar que os debates en Radio Ordes non son legais, son totalmente legais, o único que pretende é buscar unha desculpa para que non se celebren”.


*