martes, 19 de abril de 2011
Clausurado o curso sobre enerxía térmica coa participación de 14 desempregados
Unha iniciativa enmarcada dentro do proxecto Rede Xiana da Deputación da Coruña
O Concello de Ordes puxo onte fin a un dos cursos formativos dirixidos a desempregados que se estaba a celebrar no municipio, coa entrega dos diplomas acreditativos aos participantes.
Concretamente tratouse dun curso sobre enerxía térmica, enmarcado dentro do proxecto Rede Xiana da Deputación da Coruña.
Máis de 500 horas lectivas
No curso participaron un total de 14 persoas desempregadas que aprenderon a montaxe, a posta en servizo, operación e mantemento das instalacións solares térmicas. Un curso, de 529 horas lectivas, que serve ademais como apoio para conseguir o certificado de profesionalidade a todos os participantes.
Esta iniciativa levouse a cabo grazas á Deputación, ao Concello e á empresa Couselo, pioneira neste sector, que cedeu as súas instalacións para a realización das prácticas do curso e cuxo propietario asistiu tamén onte á entrega dos diplomas.
*