domingo, 3 de abril de 2011

Castro comprométese ante os comerciantes a dinamizar a praza de abastos

Un dos obxectivos dos nacionalistas é o de impulsar unha campaña de promoción do comercio ordense 

Gonzalo Castro, candidato do BNG á alcaldía de Ordes, mantivo recentemente unha reunión coa directiva da Asociación de Comerciantes de Ordes (ACORDES), onde se estudou a situación do comercio e as medidas a adoptar para relánzalo.

Nesta reunión, Castro comprometeuse a “iniciar desde o próximo goberno municipal, unha campaña de promoción do comercio de Ordes, un sector que é imprescindíbel para recuperar o dinamismo económico de Ordes como cabeceira de comarca, e recuperar os 500 empregos destruidos nos últimos catro anos, o principal obxectivo do BNG para o próximo goberno municipal.”

O candidato do BNG comprometeuse a levar adiante outras propostas dos comerciantes, como a de solucionar os problemas de aparcamento en Ordes, e fixo fincapé en que “hai que aproveitar a situación estratéxica que ten Ordes, a medio camiño entre A Coruña e Santiago, para convertir ao noso pobo nun referente comercial, non só comarcal, senon incluso provincial, mediante ambiciosas campañas de promoción do comercio ordense”.

Praza de Abastos
Por outra banda, Gonzalo Castro comprometeuse cos comerciantes “a dinamizar e modernizar a praza de abastos, unha actuación que permitirá distribuir e comercializar os productos do sector primario, un sector moi importante na nosa comarca, e que xenerará un beneficio ao resto do sector comercial ao provocar unha maior afluencia de xente ao noso pobo”.

O candidato nacionalista fixo fincapé en que “o diálogo, a colaboración e a posta en común de actuacións cos sectores socioeconómicos do noso concello, será unha constante do próximo goberno municipal, un goberno que porá o concello ao servizo de todos e todas, sen discriminacións, e que priorizará a creación de emprego e a reactivación económica”.

*