Mostrando entradas con la etiqueta Manuel Astray. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Manuel Astray. Mostrar todas las entradas

jueves, 17 de abril de 2014

Unanimidade ordense na defensa dos seus xulgados


A corporación mobilizará aos veciños en contra da desaparición do partido xudicial de Ordes

O pasado venres 11, a xunta de voceiros do Concello de Ordes celebrou unha xuntanza na que se abordou a posible desaparición do seus dous xulgados. 

Un encontro que estivo encabezado polo alcalde, Manuel Regos Boquete e a o que tamén acudiron a primeirea tenente de alcalde, Silvia Marín; o presidente da xunta de voceiros, Roberto González e os concelleiros Estrella Vázquez Varela (PP), Ramiro Recouso (BNG), Xesús Pedreira (PSOE) e Ana Álvarez (CideGa). 

A todos eles se uniron tamén os exconcelleiros Gonzalo Castro, Manuel Astray Mariño, Susana García Gómez e Marco Antonio del Río Pardo. Ao longo das máis de dúas horas de xuntanza analizáronse as consecuencias que suporía para Ordes a recente aprobación do Anteproxecto de Lei Orgánica do Poder Xudicial

Unanimidade
Entre o acadado figura a ratificación do acordo adoutado no pleno municipal do pasada mes de maio do ano 2012, no que por unanimidade se lle requería ao Consello do Poder Xudicial para que manteña Ordes como partido xudicial. 

Unha solicitude a través da que se lle instaba ao Ministerio de Xustiza a que no caso de que se producira a tramitación dun proxecto de lei que modifique a Lei 38/1988, de 28 de decembro, se manteña nesa reforma o actual partido xudicial de Ordes. 

No que se refire ao Goberno da Xunta de Galicia demandábaselle que no exercicio das súas competencias defendese expresamente o mantemento do partido xudicial de Ordes e ao mantemento dos xulgados Nº 1 e 2 actualmente existentes na vila ordense.

Acordouse tamén que sexa o alcalde quen convoque, pasadas as celebracións da Semana Santa, a todos os sectores sociais afectados. Preténdese así organizar e mobilizar á cidadanía para que apoien e se impliquen na loita en contra deste anteproxecto de lei, tratando así de evitar a súa aprobación polo Congreso dos Deputados.


Xulgados de Ordes 
Na actualizade a vila de Ordes conta con dous xulgados nunha sede na que realizan as súas funcións 20 traballadores e onde se celebran uns 3.000 procedementos ao ano

A súa supresión suporía un grave prexuízo para os máis de 32.000 veciños que cada ano requiren dos seus servizos e que se verían obrigados a desprazarse ata A Coruña. Unhas molestias que tamén afectarían aos residentes de concellos como Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia, Trazo e Val do Dubra.

*

jueves, 21 de marzo de 2013

Ordes espera por unha resposta de Fomento respecto da sinalización cara á ronda leste

O Concello solicitou ao Ministerio de Fomento, aínda sen resposta, melloras na sinalización da ronda leste.

Un pleno municipal do máis literario acorda dedicarlle unha rúa a Euloxio R. Ruibal

A parella de anciáns de Quenlle (Montaos) conta co apoio unánime dos grupos políticos municipais

A reunión plenaria da Corporación municipal do Concello de Ordes celebrouse esta tarde coas ausencias dos dous concelleiros do BNG, Gonzalo Castro e Montse Rei. En primeiro lugar debatiuse o apoio da Corporación á petición do indulto a favor do matrimonio de anciáns de Queis (Montaos) formulada ante o pleno polos seus avogados, Julio Castro Pol e Manuel Astray

Os feitos trasládanse ao ano 2007, cando  Manuel Rodríguez  foi condenado a  dous delitos de malos tratos. No caso de Carmen Martínez foi condenada por lesións á pena de prisión de cinco meses. Tamén se lle prohibiu aproximarse e comunicarse co seu home durante seis meses, feito que ambos quebrantaron.

O primeira tenente de alcalde, Silvia Marín, leu a petición dos avogados en voz alta para a continuación ser sometida a votación. Os catro grupos municipais, CideGa, PSdG-PSOE, PP e UxO apoiaron por unanimidade a medida.

Regulamento de Emerxencia Social
A primeira das mocións dos socialistas foi referida á solicitude de redactar unha ordenanza que permita crear un Regulamento de Emerxencia Social para os municipios que, como o caso de Ordes, teñan mancomunados os servizos sociais.  A medida foi igualmente apoiada de xeito unánime por todos os presentes. 

Vencellada a esta moción, o voceiro socialista, Xesús Pedreira, tamén pediu no pleno a subscrición de Ordes ao Convenio para o Fondo Social de Vivendas para Afectados por Desafiuzamentos, asinado pola FEMP, o Goberno de España e entidades financeiras españolas. 

Un convenio que permitirá a creación dun fondo social de 6.000 vivendas destinadas ao aluguer, achegadas polas entidades financeiras, e ás que poderán acceder persoas que fosen desaloxadas da súa primeira vivenda dende o 1 de xaneiro de 2008 e que se atopen en situación especial de vulnerabilidade social.

Silvia Marín respostou ao socialista afirmando que o Concello de Ordes xa está adherido ao citado convenio, polo que os socialistas retiraron a moción. 


O Grupo municipal do PP de Ordes, lendo o poemario de Ruibal, Caderno de Ordes.
Euloxio R. Ruibal
Diferente sorte correu a solicitude que dende o PSdG-PSOE se fixo chegar á Corporación de adicarlle a rúa provisionalmente coñecida como Trascampo da Feira, no entorno do CEIP Campomaior, ao literato ordense Euloxio R. Ruibal. A proposta foi aprobada pola unanimidade de todos os membros da Corporación municipal.

Tras a votación, a tenente de alcalde, Silvia Marín, entregou a cada un dos concelleiros un exemplar do  poemario de Ruibal Caderno de Ordes, publicado recentemente pola editorial Toxosoutos

Desvío cara ronda leste
A primeira das mocións do Grupo municipal popular tivo que ver coa petición de solicitar do Ministerio de Fomento a colocación duns carteis máis grandes e vistosos de desvío do tráfico pesado lonxe do centro da vila cara á ronda Leste. Os populares solicitaron ademais a activa participación da Policía Local no desvío nas horas máis conflictivas de tráfico pesado polo centro de Ordes.

Silvia Marín respostou aos populares afirmando que a medida xa fora solicitada polo Grupo socialista de xeito moi similar no pleno do pasado mes de xaneiro, e que de todos xeitos esta circunstancia "xa foi comunicada ao Ministerio", de quen agardan ainda resposta

Os votos en contra do grupo de Goberno e PSdG-PSOE á urxencia, impediu a súa votación, polo que o portavoz popular, José Luis Martínez Sanjurjo, optou por retirala logo de reclamar do Concello un novo escrito ao Ministerio para que dean "unha solución á maior brevedade posible".

Rogos socialistas 
Xa no apartado de rogos, Xesús Pedreira solicitou do Concello a retirada dun cano de augas do CEIP Castelao que fai uns días presentaba restos de alimentos. Marín respostou que esa circunstancia resultou ser accidental e motivada nunha conducta dunha nova cociñeira que por descoñecimento botou os restos ao carón da pipeta. Esta conducta, asegurou Marín, xa foi correxida e a cociñeira pediu disculpas. En todo caso, asegurou a tenente de alcalde, o cano é de augas pluviais, como asi atestou Augas de Galicia, e non de saída de desperdicios das cociñas da escola.

Tamén Silvia Marín acordou que o Goberno tomará en consideración o rogo socialista de proceder a realizar melloras no vial de Lesta.

Respecto do repintado do local social de Bailía (Leira), tamén Marín afirmou que xa se solicitaron unhas axudas inmersas no programa Lider para estas tareas.

Pedreira expuso tamén a inexistencia de alumeado no lugar da Brea, na estrada de Cerceda, ao que o grupo de Goberno respostou que logo de que se producira un roubo na zona, xa se están arranxando as deficiencias. 

Rogos populares
Pola bancada popular, José Manuel Gestal trasladou á Corporación a existencia de baches na rúa da Canteira no cruce coa rúa Ramón Ferreiro máis no lugar do Peñasco. Por parte do Goberno, afirmouse que no primeiro caso, a empresa encargada das obras xa foi avisada para que procedan ao seu inminente arranxo. Respecto do Peñasco, estes baches amañaranse unha vez chegue o bo tempo.

Gestal tamén denunciou unhas deficiencias na sinalización do Camiño Inglés no lugar de Carrás, en Montaos. Marín respostou que todo o Camiño Inglés está sendo revisado e que se correxirán esas e otras deficiencias detectadas.

Tamén un contedor no lugar de Carballedo (Buscás) tamén será reposto logo da denuncia do PP de Ordes.

No apartado de preguntas, José Manuel Gestal preguntou ao Goberno  sobre o por que do incremento dos custes na contratación administrativa e xestoría do Concello de Ordes. Marín respostou que esta suba é debida ao aumento da carga de traballo e á actualización do IPC, que segundo a tenente de alcalde, "xa facía moito tempo que non se actualizaba".

Tamén o Goberno confirmou, a pregunta dos populares, a compra da caseta da piscina municipal do Muíño por importe de 3.000 euros, porque segundo Marín, "resultaba máis rentable mercala que arrendala". 

Respecto duns aparentemente confusos custes respecto do aluguer de carretillas elevadoras con motivo da celebración do festival de arte urbán, Silvia Marín respostou ao Partido Popular que pese a algunhas deficiencias no concepto das facturas, en realidade o servizo fai referencia ao aluguer e transporte de varias máquinas elevadoras e non só a unha.

Tamén Gestal quixo preguntar polo proceder dunha persoa calquera que queira entrear libremente nas pistas de atletismo da Cidade Deportiva de Vista Alegre. O concelleiro delegado de Deporte, Roberto Iglesias, respostou ao popular dicindo que simplemente dirixíndose a calquera dos encargados do departamento en calquer horario diurno, estes encargaranse de poñer as pistas a libre disposición dos usuarios que reclamen o seu uso.

Tamén dende o PP quixeron saber que destino se lle vai dar ás farolas vellas recentemente sustituídas na rúa dos Lagartos. Marín asegurou que agora esas farolas están gardadas nun almacén do Concello, pero que que está estudando onde irán reubicadas. 

Por último, o PP quixo saber as medidas que o Goberno municipal vai tomar respecto das deficiencias detectadas no interior e exterior dos baixos da Alameda de Ordes. Marín respostou que se están a estudiar diferentes solucións.

O pleno, logo de 45 minutos, remataba cunha alusión por parte da tenente de alcalde Silvia Marín á celebración do Día Mundial da Síndrome de Down.

*

lunes, 4 de marzo de 2013

A Mancomunidade insístelle á Xunta para que lle ceda o Centro Comarcal de Ordes

Exterior do infrautilizado Centro Comarcal de Ordes, inaugurado en 2001 e da titularidade da Xunta de Galicia.

Os concellos da comarca levan dende 2009 loitando coa Xunta polo edificio e destinalo a sede da Mancomunidade de Ordes

Tamén se aprobou un novo servixo lingüístico de promoción da lingua galega

Esta mañá tivo lugar o pleno ordinario de marzo da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes, no que se acordou volver a solicitarlle ao Goberno autonómico a cesión das instalacións do Centro Comarcal, ubicado na rúa Casillas. 

A intención é a de trasladar a este espazo, infrautilizado nestes momentos, o persoal e servizos da Mancomunidade convertíndoo na súa nova sede. Ademais tamén se instalaría unha sala de exposicións e unha aula de formación co fin de promover o emprego na comarca.

Os alcaldes da comarca, reunidos esta mañá en Ordes.
Principio de 'OK' de Alfonso Rueda
A tramitación da cesión do edificio do Centro Comarcal á Mancomunidade de Municipios de Ordes remóntase a xaneiro do 2009, onde a Corporación municipal aprobou por maioría, coa abstención do BNG, a revocación da cesión á Xunta de Galicia do centro comarcal "dado que non cumpre co fin para o que foi cedido: a promoción dos recursos da comarca", explicara naquela data o alcalde, Manuel Regos.

Uns meses despois, en agosto do 2009, os por aquel entonces presidente e vicepresidente da Mancomunidade, Miguel Prado Patiño, hoxe parlamentario, e Manuel Astray, hoxe retirado da política, reuníanse co conselleiro da Presidencia, Administracións públicas e Xustiza da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, para tratar este tema. Segundo as declaracións que fixera á saída o por aquel entonces alcalde de Frades, o encontro tivo éxito

«Rueda xa nos adiantou que el ve positivo e necesario que unha infraestructura como o centro comarcal de As Casillas teña unha utilidade e que sexa utilizado pola Mancomunidade de Ordes», dando a entender que a cesión sería un feito en poucos meses, segundo se expresou Prado Patiño e así foi recollido por La Voz de Galicia.

«Como non hai ningún tipo de proxecto definido para este edificio, non haberá ningún problema para a cesión, iniciar a elaboración do convenio de colaboración e asinalo no primeiro trimestre do 2010», recolle La Voz as palabras de Alfonso Rueda.

Pese ás boas intencións, o certo é que o convenio e a ulterior cesión nunca tivo lugar  

Servizo linguístico
O pleno tamén aprobou a creación dun servizo lingüístico para a promoción do uso da lingua galega. Entre outras funcións dito servizo será o encargado de revisar tanto os documentos oficiais como as páxinas web da Mancomunidade e dos concellos que a conforman, agás Mesía. 

En breve o departamento administrativo tramitará á solicitude da subvención ofrecida con tal fin aos entes locais por parte da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Oficina de Cooperativismo
     Por último autorizouse tamén a dar de alta o ficheiro da Oficina de Cooperativismo, tal e como marca a Lei de protección de datos 15/99 do 13 de decembro R.D. 1720/07, así como a participación e instalación dun espazo feiral na feira multisectorial ExpoOrdes 2013, que se desenvolverá durante a última fin de semana de abril. Un espazo onde se exlatarán os atractivos turísticos, gastronómicos e artísticos da comarca, así como o seu potencial empresarial.

*

viernes, 14 de octubre de 2011

"Algún día haberá en Ordes unha corporación socialista e de esquerdas..."

Manuel Astray Mariño, en 2008.

En 1984, o socialista Manuel Astray Mariño foi o primeiro en levar ao pleno municipal o cambio do nome das rúas franquistas de Ordes

Ainda queda un supervivinte daquela corporación: Roberto González Santos, quen votou en 1985 en contra do cambio e en 2007 ao seu favor

A nosa principal vía urbana na vila de Ordes vese obrigada a soportar para a posterioridade o nome do seu suposto benefactor: Alfonso Senra. Logo da substancial repercusión que tivo o artículo publicado a semana pasada sobre a súa obra figura, chegamos á conclusión de que foi precisamente ao contrario: foi o distrito de Ordes, e non ao revés, quen beneficiou a este descoñecido para os ordenses, avogado tudense.  

O certo é que o cambio dos nomes franquistas das rúas ordenses ven sendo un debate moi antiguo que vería solución a comezos do primeiro mandato de Manuel Regos, concretamente o 24 de setembro do 2007, cando o grupo municipal do BNG leva ata o pleno esta reivindicación histórica que finalmente foi secundada pola unanimidade de todos os grupos representados no Concello de Ordes: UxO, PP, PSOE, BNG, TEGA e NA.

Orixe socialista
Pero a orixe destas reivindicacións ten lugar moito antes da primeira entrada dos nacionalistas na corporación municipal de Ordes en 1995. Asi, debemos trasladarnos ata a sesión plenaria do martes, 27 de novembro de 1984 cando o concelleiro socialista Manuel Astray Mariño foi quen de propoñer por primeira vez ao pleno da corporación o cambio de nome dunha serie de rúas con reminiscencias franquistas. 

Tomada en consideración a proposta, acordouse a creación previa dunha comisión de estudo que habería de propor uns novos nomes. Nunha xuntanza do 7 de xaneiro de 1985, acordáronse os seguintes: A rúa Generalísimo –referente ao dictador Francisco Franco− pasaría a chamarse rúa Nova; a rúa General Mola –militar instigador do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936− mudaría polo de Avenida de Galicia; a rúa Calvo Sotelo –protomártir do 'Movimiento Nacional'−, pasaría a ter a denominación popular da rúa dos Lagartos; e a rúa José Antonio –Primo de Rivera, fundador de Falange Española−, por rúa do Recreo.

A proposta gustou e a comezos de marzo de 1985, foi aberta a periodo de información pública que rexistrou as seguintes incidencias: ninguna pronunciación a favor do cambio do rueiro, polas trinta e cinco oposicións a cambio algún no rueiro ordense, as vinteoito de oposición a cambio de rúa do General Mola e as catro contra o cambio da rúa de Calvo Sotelo. Aquela resposta popular disgustou a Astray, que pretendeu facer entrega, sen éxito, doutras tantas opinións de veciños a favor do cambio e que algúns deleslle fixeran chegar de xeito espontáneo. Ademais, Astray Mariño pretendeu restarlle importancia á falta de apoio explícito, pois “a xente non se molesta por eses asuntos” e a decisión final sobre o particular "corresponde aos concelleiros" da corporación municipal e non á veciñanza a través dunha “consulta popular”.   

A votación habería de levarse ata o pleno do 26 de marzo de 1985 e o resultado foi como sigue:
Cambio do nome da rúa Generalísimo por rúa Nova. A favor: 3 (Astray, Pérez y Penas). En contra: 7. Abstención: 3 (Cores, Ferreiro Tacón e alcalde).

Cambio de rúa General Mola por avenida de Galicia: A favor: 3 (Astray, Pérez y Penas). En contra: 7. Abstención: 3 (Cores, Ferreiro Tacón e alcalde).

Cambio do nome da rúa de Calvo Sotelo por rúa dos Lagartos: A favor: 5 (Astray, Pérez, Pena, Cores e Ferreiro Tacón). En contra: 7. Abstención: 1 (alcalde).

Cambio do nome da rúa de  José Antonio por rúa do Recreo: A favor: 5 (Astray, Pérez, Pena, Cores e Ferreiro Tacón). En contra: 7. Abstención: 1 (alcalde).

Decepción
A proposta quedaría finalmente desestimada ante a decepción do seu impulsor, quen logo de coñecerse o resultado pronunciouse dicindo que ningún dos personaxes que soportan o nome desas rúas en Ordes "merece esa distinción" e que “algún día” haberá “unha corporación de esquerdas e progresista que lles dea o nome dalgún veciño que o merezca”.

O curioso de todo isto é que na actual corporación 2011-2015 todavía pervive un supervivinte daquel episodio: Roberto González Santos, quen en 1985 votou en contra do cambio do nome das rúas e en 2007, rectificaría para finalmente votar a favor. Pero anecdótica resultaría igualmente o colofón que habería de poñer o de Unión por Ordes ao epitafio de Astray en 1985. Despois de escoitar a este, González pidiu o turno de palabra para dicir, e así consta nas actas, que “espera” que o pobo de Órdenes non poña unha corporación “tan de esquerdas” como di “o señor Astray”.

Dúas supervivientes
O que moitos ainda non saben é que dúas vías do rueiro ordense superviviron á quita feita polo Concello de Ordes e promovida a en 2007 polo grupo municipal do BNG: A Prolongación de Calvo Sotelo, que corre pola AC-524  entre a rúa dos Lagartos e a AC-3802, e a xa citada avenida de Alfonso Senra da N-550. 

Que a aportación de Alfonso Senra aos movimentos dictatoriais da España do século vinte pasara desapercibida para Manuel Astray Mariño en 1984 e para os nacionalistas ordenses en 2007 trátase de todo un misterio.

*

sábado, 13 de agosto de 2011

Ordenses ilustres (V): Manuel Astray Rivas

Ordessiete continúa coa serie de biografías de destacados veciños de Ordes

Manuel Astray Rivas naceu en Ordes en 1924. Foi avogado e escritor. Na súa faceta xurídica foi subdirector da Oficina da Administración Pública de Ordes. Como escritor, destacouse como colaborador xornalístico e literario nas páxinas de La Noche, onde compartiu espazo con Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco, Fernández del Riego ou Álvaro Cunqueiro. Posteriormente seguiría escribindo en El Correo Gallego e en La Voz de Galicia. É autor dun opósculo autoeditado, Caída programada, sobre o presidente de Chile, Salvador Allende. A obra que o inmortalizaría sería Síndrome del 36: la agrupación del ejército guerrillero de Galicia  (Edicións do Castro, 1992), unha memoria persoal e testifical da actividade do grupo do exército guerrilleiro galego. Finado en 1992, deixou inédita unha obra teatral, A Pouleira, traxedia sobre o mundo rural galego. É pai de Manuel Astray Mariño, avogado e político ordense, histórico membro do PSdG-PSOE de Ordes ata 2007, ano no que abandoa esa formación política.

Se ben nunca chegou a publicar a súa obra poética, o diario vespertino La Noche publicou unha moi meritoria composición súa en galego, Saudades, o 19 de decembro de 1949

Saudades
Está frieir'a noite,
encolleit'o corazón,
teño saudades,
e ánseas d'amor

Tenebras d'abatemento,
pousono sospirar
amargoso sofrimento...
de te recordar;
n'aquelas tardes quentiñas,
d'o mes de San Joán,
en qu'as anduriñas,
viamos voar;
moi arrechegadiños,
collidos d'a man.

Mariquiña, Mariquiña
labros de caravel,
olliños de merlo,
boquiña de mel,
anxo d'o ceo...
pra min, és.

Silvestre mapoliña,
tristeiro amañecer,
douce melanconía,
estimada joíña...
pra min, és.

Adiós, adiós, queridiña,
canto che vou a chorar,
almibre tés n'a boquiña...
quen'o volver'a probar.


Fonte bibliográfica: Plumas e letras en La Noche (1946-1949). Ed. a cargo de Luis Alonso Girgado. Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias. Santiago de Compostela, 1996.

*

sábado, 11 de junio de 2011

MANUEL REGOS, ALCALDE DE ORDES POLO PERIODO 2011-2015

Manuel Regos Boquete co bastón de mando, recén instituído como alcalde de Ordes polo periodo 2011-2015.
O pleno da nova corporación municipal proclamou como alcalde ao candidato de Unión por Ordes (UxO) por ser o partido máis votado nas eleccións


O alcalde avanza que serán "catro anos de austeridade" coa creación de emprego como principal obxectivo


Ordes terá un viveiro de empresas dirixido a emprendedores

En tempo récord. Así poderíamos definir o xeito en que Manuel Regos accedeu por un novo periodo de catro anos á alcaldía de Ordes. Cun salón de plenos cheo no que entre o público se atopaban moitos ex concelleiros como Esther Couto, Ramiro Recouso, Manuel Astray, María Xosé Raña e José Luis Díaz Hermida, deu comezo a solemne sesión de constitución da corporación municipal do Concello de Ordes pola lexislatura 2011-2015.

O acto iniciouse coa formación da chamada mesa de idade que estivo constituida por Roberto González (UxO), como edil electo de maior idade, e Lucía Iglesias (UxO), como a máis nova. Seguindo o procedimento dictado en todo momento polo secretario do Concello, procedeuse á xura ou promesa do cargo de concelleiro polos dezasete membros da nova corporación. Entre xuras e promesas, entre as que houbo máis da primeira, procedeuse á votación do novo alcalde de Ordes.


Ana María Álvarez (CideGa) votouse a si mesma, ao igual que Xesús Pedreira (PSOE). Os dous concelleiros electos do BNG votaron por Gonzalo Castro como novo alcalde de Ordes, facendo o propio en favor de José Luis Martínez Sanjurjo os seis do Partido Popular. Tampouco os sete de Unión por Ordes (UxO) serían suficientes para nomear ao seu cabeza de lista, Manuel Regos Boquete, como novo alcalde de Ordes, xa que a maioría absoluta en Ordes esixe un mínimo de nove concelleiros.

Os dezasete membros da nova corporación municipal tomaron posesión da súa acta de concelleiro.
Así, finalmente sendo Unión por Ordes o partido máis votado polos veciños, o seu cabeza de lista, Manuel Regos Boquete, foi nomeado automáticamente polo secretario como alcalde-presidente dun goberno en minoría.

Roberto González, como edil de maior idade, entrega a Regos a vara de mando, símbolo do poder do goberno municipal.

Podes ver o vídeo de constitución do pleno facendo clic baixo estas liñas:



Un traballo para cada ordense
Logo de proceder ao protocolario acto de entrega de bastón de mando -símbolo do poder dos alcaldes nos seu territorio-, González abandoaba o sillón da presidencia en favor de Regos Boquete, quen ofreceu un discurso de investidura no que avanzou unha política de goberno baseada na austeridade co obxectivo de sacar a Ordes do "bache" que supón a crise económica xeneralizada. Así, segundo as súas palabras, porase en marcha o Plan Xeral de Ordenación Municipal e o novo polígono industrial coa intención de dotar de solo industrial ás empresas que queiran establecerse no noso municipio.

O salón de plenos estivo ateigado de xente entre os que se encontraban moitos ex edís do Concello de Ores. 
Tamén se construirá un viveiro de empresas dirixido aos xóvenes emprendedores. Finalmente, o novo alcalde avanzou que as políticas sociais terán cabida no seu goberno, no que non faltará a "axuda aos máis necesitados". En conclusión e nun discurso moi breve, o obxectivo político do goberno de Manuel Regos destes catro anos será lograr "que todos os veciños e veciñas de Ordes poidan ter un traballo".

*

miércoles, 8 de junio de 2011

Esta mañá despedíronse os xa ex concelleiros do periodo 2007-2011

Foi durante o pleno de despedida da corporación municipal no que Estrella Vázquez leu unha emotiva carta de 'ata sempre'


Este sábado ás 11:00 horas terá lugar a constitución da corporación municipal 2011-2015 co previsible nomeamento de Manuel Regos como alcalde de Ordes

Esta mañá tivo lugar na Casa do Concello o pleno de despedida da lexislatura 2007-2011. Baixo a presidencia do seu alcalde-presidente Manuel Regos,  o pleno da corporación tivo como único punto da orde do día a aprobación da acta do pleno anterior, pero tamén serviu como despedida dos concelleiros salientes que son o seguintes: Polo Partido Popular, Teodosio Martino e José Luis Díaz Hermida; polo Partido dos Socialistas de Galicia, José Manuel Tobío; polo Bloque Nacionalista Galego, Ramiro Recouso e María Xosé Raña; e por Nova Alternativa, Manuel Astray e Juan Simón. O pleno de hoxe unicamente rexistrou a ausencia de este último xa ex concelleiro.

Pola súa parte, Estrella Vázquez, concelleira do Partido Popular, leu unha emotiva carta de despedida aos concelleiros saintes que a continuación reproducimos:


A concelleira popular Estrella Vázquez Varela.
Agradecemento aos concelleiros que se van

Por Estrella Vázquez, concelleira do Partido Popular de Ordes

Hoxe, no derradeiro pleno desta lexislatura, quixeramos despedirnos tamén dos compañeiros de corporación que non van a acompañarnos na próxima lexislatura a partir do vindeiro sábado.

Por iso, neste momento, quero deixar constancia e agradecer publicamente o traballo e a dedicación do noso compañeiro Teodosio Martino, logo de vintecatro anos formando parte da corporación ordense. Os primeiros vinte como alcalde, e os catro últimos como o noso voceiro municipal. Hoxe deixa esta corporación na que o vamos estrañar os que ó seu carón fomos formándonos politicamente. Cun xeito tan peculiar de facer as cousas, sempre contento, sempre con cara amable, sen horarios. Martino estivo a disposición dos veciños a calquera hora e día do ano.

Efectúo este agradecemento en nome propio e sobre todo no  de todos os militantes e simpatizantes do Partido Popular. Tamén no de moitos veciños anónimos, que sen ter un significado político, si recoñecen a traxectoria de Teodosio Martino que durante dúas décadas soubo ser o alcalde de todos, sen reparar en siglas, ideoloxías nin amizades particulares. 

Grazas, Martino, porque deixas o listón moi alto, tanto polos resultados da túa xestión que están á vista de todos, como pola túa capacidade de diálogo. Fuches, como dixen, alcalde de todos e para todos; sempre disposto a falar coa xente, a escoitar aos veciños, fose cal fose o problema. Aínda que en moitas ocasións tiveses que escoitar críticas acedas, sempre as  escoitabas, e iso di moito de ti como persoa e como político. 

Contigo Martino, todos o sabemos, en Ordes fixéronse moitas obras útiles para uso e disfrute de todos os veciños. Pero, ao mesmo tempo soubeches deixar as contas cadradas e saneadas. Son virtudes que te honran e que todos che agradecemos e recoñecemos.

Xuntos pasamos épocas difíciles e outras cheas de ledicia. Eu tiven a sorte de compartir contigo estes últimos oito anos, polo que o meu agradecemento tamén por contar comigo. Sempre serás recordado como o alcalde do pobo, o alcalde que sempre tiña as portas abertas para quen quixera entrar. Moitas grazas pola túa dedicación e amizade.

Tamén quixera agradecer ó resto dos compañeiros o tempo que compartimos durante estes últimos anos, pero permitídeme que en especial me lembre de Ramiro Recouso, porque por riba das diferenzas ideolóxicas que nos separan, en Ramiro atopei sempre un home de palabra, unha persoa íntegra e con principios, sempre poñendo o sorriso nas nosas caras coas súas verbas cheas de retrancas. A partires de agora isto non vai a ser o mesmo sen ti. Pero sobre todo dentro e fora da política atopei un amigo que espero conservar por moito tempo. Grazas por estar aí.

A todos, moitas grazas compañeiros porque sei que de corazón, todos vos esforzastes cada día para construír un Ordes mellor.

Corporación 2011-2015
O pleno de presentación da corporación municipal do Concello de Ordes para o periodo 2011-2015 terá lugar este sábado 11 de xuño ás 11:00 horas no salón do plenos da Casa do Concello de Ordes. A asistencia aos plenos municipais é libre e gratuíta.


viernes, 6 de mayo de 2011

O Museo Juanjo Liñares, máis andaluz que nunca

De esq. a der. Manuel Viqueira, Jesús Pedreira, Manuel Astray e Roberto González.
Permanecerá aberta no horario habitual ata o vindeiro 29 de maio

O Museo do traxe Juanjo Liñares acolle unha mostra monográfica titulada “Andalucía” adicada a esta comunidade. A exposición está instalada no salón de actos do museo, onde todos os asistentes poderán observar todo tipo de traxes andaluces, así como complementos característicos do traxe andaluz, e un patio típico andaluz, de maneira totalmente gratuíta.

Recreación dun patio típico andaluz no Museo do traxe Juanjo Liñares de Ordes.
Feira de abril
O acto de apertura da mostra tivo lugar onte pola tarde e correu a cargo do director do Museo, Manuel Viqueira que estivo acompañado por veciños, así como por diferentes membros do goberno local ordense. Viqueira animou tanto a veciños como a visitantes a visitar esta mostra, que como explicou, coincide ademais coa feira de abril.

A exposición permanecerá aberta ata o vindeiro domingo día 29 de maio no horario habitual do museo, de martes a sábado de 10 a 14 horas e de 17 a 20 horas, e os domingos e festivos de 10 a 14 horas. Os luns está pechado.

*

miércoles, 4 de mayo de 2011

A Mancomunidade pide unha subvención de 45.000 euros á consellería de Alfonso Rueda

Momento do pleno da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes, este luns 2 de maio.
Con esa cantidade pretenden sufragar os gastos do persoal do CIM: unha directora, unha sicóloga, unha xurista e unha axente de igualdade

O pleno da Mancomunidade de Municipios de Ordes acordou solicitarlle unha axuda económica de 45.000 euros á Consellería de Presidencia, Administracións públicas e Xustiza, para asumir parte dos gastos derivados do persoal asignado ao Centro de Información á Muller (CIM), que desde principios deste ano pasou a depender da entidade supramunicipal.

A axuda, ssolicitada ao abeiro dunha convocatoria da Xunta para a promoción da igualdade, permitiría incorporar ao plantel do CIM un axente de igualdade a xornada completa. Ademais, a cantidade pedida á consellería serviría para asumir parte cos custos derivados do actual cadro de persoal do CIM, composto por unha directora, unha psicóloga e unha asesora xurídica.

O presidente da Mancomunidade, Miguel Prado, destaca a importancia de que a consellería conceda a subvención tramitada, para manter os servizos actuais e para reforzalos coa incorporación do axente de igualdade. “Esa persoa –explica Prado Patiño- encargaríase da preparación de actividades relacionadas coa igualdade de xénero e co desenvolvemento do Plan de Igualdade co que xa contamos na Mancomunidade, e que esperamos que sirva para camiñar cara unha igualdade plena e real entre homes e mulleres”.

Apoio á Unidade de Doantes de Embrións de Bos
Na sesión celebrada esta mañá, o pleno da Mancomunidade tamén acordou apoiar a continuidade da Unidade de Doantes de Embrións de Bos (Guísamo-Bergondo), polo valor que esta entidade xenética ten para o sector gandeiro na comarca. A decisión tomouse logo dunha comparecencia no pleno do presidente da Asociación da Frisona da Coruña (AFRICOR), Luis Seoane Labandeira, na que expuxo os prexuízos que o peche da unidade suporía para o sector.

Tal como explicou Seoane, nos novos plans da Consellería de Medio Rural contémplase “o máis que probable peche” da unidade e a produción de embrións bovinos de xenética de elite “vai quedar en mans duns poucos, polo que se o resto de gandeiros desexamos traballar con ela deberemos adquila a estes privilexiados”. A diferencia é que, mentres que os embrións que produce a unidade situada en Bergondo están a disposición de todos os gandeiros de Galicia a uns 300 euros por unidade, co novo programa estarán no mercado a un prezo entre os 1.000 e os 1.500 euros.

O presidente da Mancomunidade, Miguel Prado Patiño, manifesta que o acordo desta mañá vai na liña de reivindicar “que os gandeiros da comarca non teñan que sufrir ese incremento de custos, porque as explotacións xa non están pasando polo seu mellor momento e o que necesitan son apoios, non novos sobrecustos, neste caso na súa aposta por mellorar a xenética da cabana e a súa productividade”.

Por eso, emprazouse á Consellería de Medio Rural a reconsiderar a súa postura sobre a Unidade de Doantes de Bos, que nos seus vinte anos de existencia se convertiu nunha marca de prestixio e calidade no esixente mercado da xenética e leva posto a disposición dos gandeiros galegos 11.516 embrións das mellores familias de vacas do mundo.

A sesión plenaria desta mañá estivo presidida por Miguel Prado Patiño e asistiron o vicepresidente da mancomunidade e representante do Concello de Ordes, Manuel Astray Mariño; máis os alcaldes de Mesía, Mariano Iglesias Castro; e de Tordoia, Antonio Pereiro Liñares. Os representantes dos concellos de Cerceda, Oroso e Trazo excusaron a súa ausencia.

*