O poeta monfortino Lois Pereiro (1958-1996). |
Ordes conmemorará un ano máis o Día das Letras Galegas o vindeiro 17 de maio, que nesta ocasión homenaxea ao poeta posmoderno, Lois Sánchez Pereiro (Monforte de Lemos, 1958-A Coruña, 1996). Así o Concello, vén de convocar a cuarta edición do Certame de Poesía Día das Letras Galegas no que se establecerán diferentes categorías dependendo da idade dos participantes. Haberá unha categoría xeral para os participantes de 17 anos en diante; unha xuvenil para os rapaces e rapazas de entre 13 e 16 anos; e unha infantil para os nenos de ata 12 anos.
Para os mellores traballos repartiranse diferentes premios en metálico. Na categoría xeral, o gañador levará un premio de 150 euros, e o segundo clasificado outro de 100 euros. Por outra banda nas categorías xuvenil e infantil o primeiro e segundo premio serán de 100 e 70 euros, respectivamente. Ademais tamén haberá un premio de 160 euros ao que optarán os centros escolares do concello, que deberán presentar un mínimo de 20 participantes por centro sendo premiado o que presente as obras de maior calidade.
Presentación de traballos ata o 13 de maio
En canto ao prazo de presentación dos traballos, estará aberto ata o vindeiro 13 de maio no departamento de Cultura e Deporte do Concello de Ordes en horario de 09:00 a 14:00 horas, ou ben nos teléfonos 981680002 e 981680157, onde tamén se poderá recibir máis información así como consultar as bases do certame.
I Certame de Pinceladas e Poesías de Xoxardo
Por outra banda, o Concello de Ordes ten convocado tamén o I Certame de Pinceladas e Poesías de Xoxardo.
Este certame consiste en que, en función de dous poemas de Xoxardo propostos polo Concello, os rapaces e rapazas dos diferentes centros educativos do municipio realicen unha lámina que recolla o que para eles significan ditos poemas, podendo utilizar a técnica que elixan.
Estableceranse dúas categorías, a xuvenil de 13 a 16 anos cuxo gañador recibirá un premio en metálico de 50 euros, e a infantil para os participantes de ata 12 anos que tamén contará cun único premio de 50 euros.
O prazo de presentación dos traballos tamén estará aberto ata o vindeiro 13 de maio no Departamento de Cultura e Deporte do Concello, e os premios serán entregados o 17 de maio no Museo Xoxardo.
*