viernes, 31 de mayo de 2013

Ramiro Recouso e Pablo Vidal, novos concelleiros da Corporación de Ordes

Pablo Vidal e Ramiro Recouso, primeiro e segundo pola esquerda, prometendo o seu cargo de concelleiros. 
Prospera a moción socialista de concesión de novos nichos do cemiterio

O secretario do Concello considera as supostas irregularidades das obras do tanatorio coma "un erro", do que os populares discrepan

O pleno do Concello de Ordes comenzou onte a súa sesión ordinaria correspondente ao mes de maio coa toma de posesión de Ramiro Recouso e Pablo Vidal (BNG) como novos concelleiros da Corporación municipal. 

Cemiterio municipal
Posteriormente a estes nomeamentos, o PSOE veu aprobada por unanimidade a moción coa que se lle facilita aos veciños a tramitación para a concesión dos novos nichos do camposanto municipal, correspondentes á nova mazá que se vai construír, e cuxos prezos ascenden a 950 euros no caso dos nichos e os 3.700 euros para os panteóns. 

O edil socialista, Xesús Pedreira, puntualizou que “debido á crise non é doado para unha familia poder facer tales desembolsos, polo que se debería ofrecer a posibilidade de abonar esas cantidades cando menos en dous prazos: a metade antes da adxudicación da concesión e a outra metade seis meses despois da data de adxudicación". 

Tamén se acadou compromiso de anunciar como mínimo con tres meses de antelación a posibilidade de adquirir a concesión de novos espazos.


Administración local
 A segunda das mocións socialistas perseguía reafirmar a autonomía local e a transcendencia do papel das entidades locais na igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, así como nas políticas de prevención e asistencia integral ás vítimas de violencia de xénero. 

Por todo elo ínstaselle ao Goberno de España a que retire o anteproxecto de lei para a racionalización e sustentabilidade da administración local, “por supor un desmantelamento dos servizos de promoción á muller que prestan as corporacións locais, ao eliminar as competencias que veñen prestando en materia de igualdade e contra a violencia de xénero”. 

Tamén se lle solicita a apertura dun proceso de diálogo e consenso para a reforma da Lei de Bases de Réxime Local con todos os grupos parlamentarios, os sindicatos, a FEGAMP e a FEMP.

Neste punto tanto os nacionalistas como os populares abstivéronse na votación. Os primeiros argumentando que é a Xunta de Galicia quen debe costear os servizos de índole social que se prestan dende os concellos ou ben propiciar un pacto local neste sentido, mentres que os populares pretendían que no texto aparecese o termo 'escoitar' en substitución da palabra 'retirar', algo que non foi aceptado pola bancada do PSOE. Tanto o Goberno local como CideGa votaron a favor.

LOPX e Rexistro Civil
A última das mocións socialistas facía alusión ao rexeitamento do borrador de anteproxecto de lei de  Reforma da LOPX e do Rexistro Civil. Instábaselle á Xunta de Galicia a que lle solicite do Goberno de España o mantemento dos Xulgados de Paz e que se lles dote dos medios adecuados e da profesionalización dos seus traballadores e raballadoras. 

Os socialistas tamén demandaban a garantía na gratuidade das funcións que prestan os Rexistros Civís. Outro texto que os socialistas viron aprobado grazas aos votos do Goberno local, mentres que CideGa se abstivo e o PP votou en contra baseándose “no elevado número de rexistros existentes”.

Expo Ordes
Pola súa banda o BNG presentou unha moción na que solicitaba unha renovación da Feira Multisectorial e de Maquinaria Agrícola Expo Ordes, reclamando un maior protagonismo para o sector gandeiro e cooperativo da comarca, así como para o sector textil. Finalmente todos os partidos votaron a favor agás o PSOE, que se abstivo “xa que a organización deste evento é potestade do equipo de Goberno”, explicou Pedreira.

Selección de persoal
Os nacionalistas tamén reclamaron por parte da alcaldía que se informe de calquer inicio de proceso de selección de persoal e que se remita a documentación pertinente á comisión informativa de personal destinada a tal fin. 

Neste sentido o secretario municipal puntualizou a distribución de competencias, en cuxo artigo 21 se especifica en materia de selección de persoal corresponde ao alcalde mentres que a función dos membros do pleno atínguese a custións orzamentarias tal e como se sinala no artigo 22. 

Aprobouse a urxencia de debate deste punto sendo finalmente aprobada a proposta polos oito votos do BNG e do PP.

LOMCE
O seguinte texto presentado polos nacionalistas facía alusión á retirada da polémica LOMCE, á que tildaron de 'lei imposta que pretende axudar a aqueles centros que segregan ao alumnado por sexos, que sitúa ao galego nun segundo plano e que ten un carácter confesional pola consideración que adquire a asignatura de relixión”. 

Tanto o Goberno Local como CideGa abstivéronse na votación, o PP votou en contra, mentres que PSOE e BNG votaron a favor, polo que a medida non prosperou.

Xabarís
Por parte do PP presentouse unha única moción que atendía ao incremento descontrolado da poboación de xabarís que se reproducen e refuxian na zona boscosa da antiga escombreira da central térmica de Meirama. 

O Partido Popular pediu que no marco da normativa vixente se execute un programa efectivo de control das poboacións de xabaril na escombreira e nas áreas anexas. Tamén se pretende que a empresa titular da escombreira que causa parte do problema habilite unha partida económica para indemnizar aos afectados

Acordo cos madeiristas 

Xa no apartado de rogos e preguntas, a tenente alcalde Silvia Marín informou ao voceiro socialista que dende o Concello xa chegaron a un acordo cos madeiristas que realizan labores no termo municipal para que sexan eles quenes manteñan e arranxen as pistas danadas con motivo do seu traballo. 

Tanatorio municipal
Ante preguntas do PP o secretario municipal informou que as supostas irregularidades detectadas polo Tribunal de Cuentas nas obras do tanatorio municipal e financiadas con cargo ao Plan E son "un erro", xa que o Concello aportou toda a documentación e tramitou todo correctamente. P

Pola súa parte,  o portavoz municipal do PP, José Luis Martínez Sanjurjo, considerou que dende o Goberno municipal "foron aclarados" parte dos puntos que o Tribunal considerou como "irregularidades", pero que en ningún caso pode falarse de que este cometera "erros" na súa valoración.

*

Convocado en Ordes un novo curso de manipulador de alimentos

Terá lugar o próximo 19 de xuño en horario de 16:00 a 19:00 horas

O Concello de Ordes celebrará un novo curso de manipulador de alimentos o vindeiro 19 de xuño. O horario das clases irá dende as 16:00 ata as 19:00 horas e desenvolverase na Casa da Cultura

Os interesados deberán inscribirse na Casa do Concello de Ordes aportando unha fotocopia do seu DNI.

*

Cochinillo á grella esta noite en Ardemil

Con motivo do primeiro día de celebración da III Xuntanza Cabalar

Mañá sábado terá lugar o día grande coa apertura do recinto feiral 

A partir de hoxe venres e durante dous días, a parroquia de Ardemil acollerá a súa Xuntanza Cabalar, que esta ano celebra a súa terceira edición. Organizada pola recentemente fundada Asociación Cultural Cabaleiros de Ardemil nesta ocasión o número de cabalos inscritos  supera os douscentos, o que supón un incremento dalgo máis de medio cento con respecto ao ano pasado.

 O primeiro día desta cita estará marcado pola actuación musical da orquestra Atenas, e tamén pola boa mesa, xa que a partir das 20 horas repartirase cochinillo á grella entre todos os participantes.


Sábado
O día grande terá lugar o sábado cun cartel de actos e celebracións que arrancará ás 09:00 horas coa apertura do recinto feiral. Ás 10:00 horas iniciarase o curso de bestas cruzadas e ás 11:00 horas o de cabalos cruzados

Todos os inscritos disfrutarán dun gran xantar a partir das 13.30 horas, cun menú está composto por lacón asado acompañado de patacas estofadas, pan, refrescos, viños, café e postre. 

Novamente as competicións retomaranse ás 16:00 horas cun concurso de barriles, para dar paso unha hora máis tarde ás probas de trote libre e outra de andadura de trotóns a partir das 17.30 horas. 

Ademais haberá tamén agasallos sorpresa e instalarase unha carpa en caso de choiva. Outra das ventaxas é un xantar gratis para os vinte primeiros cabaleiros que se inscriban.

*

jueves, 30 de mayo de 2013

Orde do día do pleno municipal de hoxe


Os Viqueiras de Ordes preparan o quinto aniversario das Noites de Tasca


Martínez Sanjurjo prepara para o pleno unha batería de preguntas sobre as obras do tanatorio

Os populares de Ordes consideran que dada a "gravidade das anomalías detectadas, alguén debería asumir responsabilidade políticas"

O Partido Popular de Ordes reclamará no pleno de hoxe e do alcalde explicacións sobre as irregularidades detectadas polo Tribunal de Cuentas nas obras de ampliación do tanatorio municipal, financiadas con cargo ao Plan E.

José Luis Martínez Sanjurjo, portavoz municipal do PP de Ordes, formulará unha batería de preguntas no Pleno para tentar que o alcalde dea a cara a explique por qué non se supervisou o proxecto, porqué se adxudicou o contrato antes da aprobación do expediente, por qué non se esixiu a execución inmediata e por qué  non se esixiu a contratación de parados de Ordes.

O Informe de Fiscalización de las contrataciones desarrolladas por las entidades locales en relación con las inversiones financiadas por el fondo estatal de inversión local  creado por el Real Decreto-Ley 9/2008, de 28 de noviembre publicado polo Tribunal de Cuentas, desvela que na reforma do tanatorio municipal de Ordes non se levou a cabo a supervisión do proxecto prevista no artigo 9 da LCSP (Lei contratos sector público), que se adxudicou o contrato antes da aprobación do expediente, que se incumpriu o requisito de execución inmediata, e que non se incorporou cláusula de penalización por incumprimentos de contratación en catro contratos formalizados polo Concello.

“Levamos moito tempo chamando a atención sobre as anomalías de xestión do Concello de Ordes, e este informe do Tribunal de Cuentas acredita a veracidade das denuncias efectuadas polo Partido Popular”, afirma Martínez Sanjurjo, que considera que, dada a gravidade das anomalías detectadas, “alguén debería asumir responsabilidade políticas; ben o alcalde, ben o concelleiro responsable desas obras”. “Á vista dos feitos, calquera podería pensar que Ordes é un concello sen lei, polo escaso cumprimento das normas que caracteriza o proceder do equipo de Goberno local”, conclúe o portavoz do PP local.


Outros asuntos
Ao pleno previsto para o vindeiro xoves, e ademais dos asuntos que quedaron pendentes do pleno ordinario de abril, o Partido Popular de Ordes trasladará tamén, entre outros, os seguintes asuntos:

1) Moción para instar ao Concello de Ordes a adoptar medidas para minimizar e compensar os danos ocasionados polo xabaril no contorno do encoro de San Cosmade, nas parroquias de Leira e Ardemil.

2) Rogos:
    • Controlar os farois de alumeado público que permanecen acendidos as 24 horas e reparar os avariados.
    • Repintar o paso de peóns da rúa Rosalía de Castro, preto da intersección coa Rúa Nova.
    • Corrixir as deficiencias que subsisten logo das obras efectuadas nunha parte do mercado do campo da feira e que impiden que veciños e vendedores podan acceder a un tramo sobreelevado situado entre a Rúa do Muíño e o Campo da Feira.


  • Preguntas:
    • Sobre o custe das obras efectuadas na fonte de Faramilláns (Buscás).
    • Sobre o importe ao que ascende a totalidade das facturas aboadas, e pendentes de pagamento por parte do Concello de Ordes,  en concepto de asesoramento e defensa xurídica, desde o comezo do pasado mandato.
    • Sobre as previsións do Concello de Ordes en relación coa posta en servizo do novo depósito de auga potable de Merelle, rematado hai dous ano, pero sen conexión á rede de abastecemento por un erro municipal.
    • Sobre os contratos tramitados  polo Concello de Ordes, especificando cales se tramitaron por procedemento negociado sen publicidade, o máis utilizado polo equipo de Goberno.
    •  *

O PSOE de Ordes obrigará ao Concello a cumprir coa súa propia ordenanza sobre talas de madeira

Tamén exixirán que se tomen medidas para preservas as pistas das concentracións parcelarias

O PSOE de Ordes pediralle ao Concello que cumpra coa Ordenanza sobre Plantacións e Repoboacións Forestais para garantir a conservación da rede viaria municipal. 

Os socialista piden que o Concello de Ordes cumpra coa súa propia normativa que, no seu artigo 8º, especifica que “a autorización municipal para o transporte e almacenamento será obrigatoria e gratuíta. 

Non obstante, o madeirista deberá ingresar na Tesourería municipal unha fianza, cuxa contía determinará o técnico municipal, para responder polos posibles danos e prexuízos na rede viaria, que non será devolta ata que se comprobe que non se causaron danos ou prexuízos ás vías públicas municipais”. O seu voceiro, Xesús Pedreira Mirás esixe “que se leve á práctica esta ordenanza que están a cumprir os madeiristas noutros concellos con toda a normalidade”.

“Vendo o deterioro das pistas de concentración parcelaria, sobro todo no inverno, é necesario que o Concello tome medidas para preservalas e obrigue aos madeiristas a ingresar na Tesourería municipal unha fianza para a retirada da madeira”, apunta Pedreira.

Código ético e Rexistros Civís
Na sesión plenaria deste xoves, os socialistas pediranlle tamén ao alcalde, Manuel Regos, que fixe as datas para a primeira xuntanza da comisión para a redacción do Código Ético do Concelleiro, aprobada na última sesión extraordinaria celebrada a principios de xullo. Así mesmo, os socialistas pedirán que ao remate de 2013 se cambie a ordenanza fiscal municipal para que os automóbiles de máis de 25 anos estean exentos de aboar taxa municipal algunha.

No turno de mocións, os socialistas presentarán unha para expresar o total rexeitamento ao borrador de Anteproxecto de Lei de Reforma da Lei Orgánica do Poder Xudicial e do Rexistro Civil. O PSOE pedirá que se inste á Xunta de Galicia a pedirlle ao Goberno o mantemento dos Xulgados de Paz e que se doten dos medios axeitados, así como que se garanta a gratuidade das funcións que prestan os Rexistros Civís.

“O Goberno pretende que sexan os Rexistradores da Propiedade os que desempeñen as funcións dos Rexistros Civís. Iso suporía que servizos ata o de agora gratuítos como pedir un certificado de nacemento ou de defunción, obrigatorios en moitos trámites e dos que a cidadanía fai uso a cotío, pasen a ser de pago”, denuncia Xesús Pedreira.

Igualdade de xénero
Por último, o PSOE de Ordes presentará unha moción para que o Pleno municipal defenda as competencias locais en materia de igualdade de xénero, de prevención e asistencia integral ás vítimas e de garantir os dereitos da mulleres.

“No caso de Ordes, isto vai provocar a desaparición do Centro de Información á Muller, que presta unha atención integral á muller e en especial ás vítimas de violencia de xénero, e dos programas de emprego feminino e de conciliación da vida laboral e familiar, como poden ser os de coidado da terceira idade ou de dependentes”, denuncia o voceiro municipal socialista, Xesús Pedreira.

Luis Calvo e Once Caballero vencen no VIII Campionato Fútbol 8 Concello de Ordes

O equipo de Luis Calvo, vencedores en categoría benxamín.

A última cita do campionato terá lugar o próximo 8 de xuño cos encontros das categorías biberón e prebenxamín

Esta pasada fin de semana máis de 30 equipos déronse cita na cidade deportiva Vista Alegre para desputar o VIII Campionato de Fútbol 8 Concello de Ordes, nas súas categorías alevín e benxamín. 

Nesta ocasión os integrantes dos equipos Luis Calvo e Ural alzaron as copas que os consagraban como campións e subcampións na categoría benxamín respectivamente. 

O equipo do Once Caballero, campión alevíns.
Biberón e prebenxamín
O mesmo aconteceu coas alienacións do Once Caballero e do San Tirso que ocuparon o primeiro e segundo lugar respectivamente entre os alevíns. A última cita deste campionato terá lugar o próximo 8 de xuño, xornada na que se disputarán os encontros das categorías biberón e prebenxamín.

*

Máis de 700 persoas participan no pazo do Bidueiro na Xuntanza de Maiores


Manuel Regos: "Agradecemos moito aos participantes polo esforzo e apoio nestes tempos tan difíciles"

Algo máis de 700 persoas de cada unha das trece parroquias do municipio de Ordes participaron o pasado domingo na popular Xuntanza de Maiores


O lugar escollido para tal celebración foi o pazo do Bidueiro, onde se celebrou unha misa que estivo seguida dunha sesión de baile coa que os asistentes foron abrindo o apetito: empanada, polbo, carne, bo viño, café.... 


A frase de Manuel Regos, alcalde de Ordes
"Agradecemos moito aos participantes non só pola súa asistencia senón sobre todo polo esforzo e apoio que moitos prestan no ámbito familiar para axudar nestes tempos tan difíciles”

*

LP 45 acollerá mañá a gran gala 'Operación Ordes'

Máis de 200 estudantes dos distintos centros da comarca amosarán as súas dotes musicais.

Mañá venres a discoteca LP45 acollerá dende as 21:00 horas a gran gala de Operación Ordes, na que participarán máis de 200 alumnos e alumnas dos distintos centros da comarca amosarán as súas dotes musicais. 

Non serán os únicos que formen parte do cartel de participantes, xa que tamén se contará coa participación de Carlos Gende ‘Xerendal’, máximo expoñente galego de dos estilos ragg e bix box, entre outras sorpresas. Á gala poderán acudir todos aqueles que o desexen por tan só dous euros.

Gran final

A Casa da Cultura de Ordes foi o lugar escollido recentemente para a celebración da gran final da primeira edición deste concurso musical. Os gañadores na modalidade de alumnos de Primaria ata 2º da ESO foron As pandereteiras, do IES Maruxa Mallo. 

A interpretación do tema O Verdegaio supósolles o primeiro posto e alzarse co cheque de 200 euros. Os falcatrueiros, formación composta por alumnos do IES Nº1 e do Castelao, e Twisted Brothers ocuparon os segundo e terceiro lugar respectivamente con cheques de 100 e 50 euros cada un deles.  

O primeiro premio para os alumnos a partir de 3º da ESO foi para o grupo Con Sentidiño, un dúo de hip hop composto por dúas rapazas que nesta ocasión foron as únicas que se atreveron cunha interpretación orixinal. Sheila Rodríguez e Alba Docampo alzaronse coa segunda e terceira posición. 

Ao final do evento a todos eles se lles fará entrega dos seus cheques, que foron doados pola Asociación de Comerciantes de Ordes. Os organizadores tamén contan nesta ocasión coa colaboración do Concello de Ordes.

*

viernes, 24 de mayo de 2013

Continúan as labores de repintado da N-550 ao seu paso por Ordes


Na tarde de onte procedeuse a mellorar un tramo duns tres quilómetros na entrada á vila

Continúan as labores de repintado da estrada N-550 ao seu paso polo municipio de Ordes por parte do Ministerio de Fomento. 


Tres quilómetros
Neste sentido na tarde de onte procedeuse a mellorar as condicións dun tramo de aproximadamente tres quilómetros ata a entrada da vila. 

*

O PSOE de Ordes quere facilitar os trámites para a concesión dos novos nichos do cemiterio

Xesús Pedreira pedirá que o Concello articule medidas para facilitar os pagos e garantir que un maior número de veciños poida ter acceso ás concesións

O PSOE de Ordes informou hoxe de que presentará unha moción para facilitar aos veciños os trámites para a concesión dos novos nichos do camposanto municipal, correspondentes á nova mazá que se vai construír. 

O voceiro socialista, Xesús Pedreira Mirás lembra que na última sesión plenaria se aprobou unha modificación da ordenanza fiscal reguladora da taxa do cemiterio municipal, de xeito que as cuantías ascenden a preto de 950 euros no caso dos nichos e a preto de 3.700 euros para os panteóns. 

Só unha solicitude
Ademais, para facilitar que a maioría de veciños poidan ser titulares das concesións, o PSOE de Ordes suxire que se estableza que ningunha persoa, física ou xurídica, soa ou en concorrencia con outras, poda asinar máis dunha solicitude. “Ademais, pensamos que tamén se teñen que incluír medidas como que tampouco podan presentar solicitudes separadas os membros da mesma unidade familiar", asegurou Pedreira. 

É dicir, que os fillos menores ou maiores de idade que estean empadroados no mesmo domicilio familiar non podan presentar solicitudes separadas das dos seus pais”, exemplifica o concelleiro socialista.


O PSOE de Ordes tamén solicitará que se especifique claramente que tanto os nichos como as columnas seguirán sendo de titularidade e propiedade do Concello de Ordes, polo que non poderán ser obxecto de compravenda, permuta o transacción de ningunha clase. 

Xesús Pedreira (PSdG-PSOE).
As frases de Xesús Pedreira, voceiro socialista de Ordes
“É fundamental elaborar uns pregos de condicións  para a adxudicacións dos nichos que recollan medidas que faciliten que a maioría dos veciños e veciñas de Ordes interesados poidan ser titulares desas concesións”

“Nestes momentos de crise económica non é doado para unha familia poder facer tales desembolsos, polo que deberiamos ofertarlles a posibilidade de abonar esas cantidades cando menos en dous prazos: a metade antes da adxudicación da concesión e a outra metade seis meses despois da data de adxudicación. É unha medida legal e que xa se está aplicando noutros municipios”

*

jueves, 23 de mayo de 2013

O PP de Ordes quere poñer coto aos danos do xabarín na escombreira de Meirama


Os populares defenderán no Pleno que o Concello reclame á empresa titular un peche perimetral efectivo e indemnizacións para os afectados


José Manuel Gestal: “Como sempre, o Concello de Ordes non se entera porque o alcalde non se atreve a pisar as aldeas por temor aos reproches dos veciños”


O Partido Popular de Ordes informou hoxe do incremento descontrolado da poboación de xabarís que se reproducen e refuxian na zona boscosa da antiga escombreira da central térmica de Meirama. Segundo denuncian os populares, este incremento estase a traducir en constantes e custosos danos nos cultivos das aldeas próximas, a maior parte delas pertencentes a Ordes.

Tempo atrás, a citada escombreira foi obxecto dunha restauración ambiental mediante repoboación forestal e agora constitúe unha zona de refuxio para animais salvaxes que, no caso dos porcos bravos, causan serios danos nas aldeas próximas.

Peche perimetral e outras propostas
Para poñer coto a esta situación, o Partido Popular de Ordes presentará no próximo pleno ordinario municipal unha moción para instar ao Concello a dirixirse á empresa titular da escombreira para esixirlle que revise o peche perimetral dese espazo e zonas adxacentes para evitar que os xabarís que crían e se agochan na área boscosa podan invadir e danar o contorno.
O Partido Popular pide tamén que no marco da normativa vixente se execute un programa efectivo de control das poboacións de xabaril na escombreira e nas áreas anexas propiedade da referida empresa, como o contorno da depuradora ou a superficie forestal  situada augas abaixo do encoro de San Cosmade.
A terceira das proposta do Partido Popular pretende que a empresa titular da escombreira que causa parte do problema habilite unha partida económica para indemnizar aos afectados polos danos ocasionados polos xabarís na área de influencia.
Paralelamente, o PP de Ordes trasladou xa esta situación á Consellería de Medio Ambiente para que se axilice a concesión de permisos para a realización de batidas de xabaril por parte dos cazadores da zona.
José Manuel Gestal (PP).
As frases de José Manuel Gestal, concelleiro do PP de Ordes 
"Os maiores danos provocados polos xabarís procedentes da escombreira da central térmica se rexistran nas aldeas máis próximas, como As Raposeiras, Orellán, Porta do Nó, Tirás, O Castro, Meitufe, A Espiñeira, A Bailía, Vilasenín ou Pepín, se ben en ocasións, os animais se desprazan a puntos máis alonxados"

"Os danos dos porcos bravos se suceden a cotío en cultivos (millo, patacas, horta,…) pero tamén en fincas dedicadas a pasto e á produción de forraxe, ante a impotencia e o crecente enfado dos afectados, que teñen que asumir en exclusiva as perdas económicas derivadas dos danos as súas colleitas"

“Como sempre, o Concello de Ordes non se entera porque o alcalde non se atreve a pisar as aldeas por temor aos reproches dos veciños”.


A Cidade Deportiva de Ordes acollerá este sábado o VIII Torneo de Fútbol 8



miércoles, 22 de mayo de 2013

Ordes acollerá un seminario sobre cooperativismo como método de inserción laboral


Os próximos 28 e 29 de maio, a partir das 10:00 horas e de xeito gratuíto

Os vindeiros 28 e 29 de maio, Ordes acollerá un seminario no que a fórmula do cooperativismo como alternativa á inserción laboral será o seu eixe central. 

A cita será desenvolvida pola Unión de Cooperativas Galegas de Traballo Asociado (UGACOTA), en colaboración coa Oficina do Fomento ao Cooperativismo da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes

Poderán participar todos os interesados de xeito totalmente gratuíto. Basta con inscribirse ata o próximo venres nas oficinas que a Mancomunidade de Ordes ten instaladas nos baixos da Alameda, chamar ao teléfono 981 680002, ou ben a través do correo electrónico manuel.pena@ordes.dicoruna.es .

En total serán dúas sesións de cinco horas cada unha que darán comenzo a partir das 10:00 horas. Durante o primeiro día as ponencias versarán sobre a fórmula do cooperativismo como alternativa de autoemprego, mentres que o martes o tema principal serán as ideas, as persoas e o emprendemento colectivo.

*

Kiko Hernández de 'Sálvame' divulga as fotos da boda de Javito en Ordes


O gañador de Gran Hermano 3 casou o pasado sábado no pazo do Bidueiro

O popular colaborador televisivo e ex Gran Hermano Kiko Hernández, publica no seu blog El confesionario de Kiko as fotografías do enlace matrimonial de Javier García de Seares, Javito, gañador de Gran Hermano 3, con María Esmorís Castiñeiras, o pasado sábado 18 de maio no pazo do Bidueiro de Ordes.

A anécdota da reportaxe escrita por Kiko Hernández aparece ao comezo do texto, ao definir Ordes como "un  pueblecito gallego con vistas incomparables".

*

Ordes xa conta cunha guía visual turística

O alcalde de Ordes, Manuel Regos, e o concelleiro de Cultura, Ramón Vázquez Raña, amosan a guía visual.
Manuel Regos: "Queremos convidar á xente doutros lugares a que se anime a vir a visitarnos e a coñecer Ordes"

O Concello de Ordes acaba de publicar unha nova guía de turismo rural coa que pretende dar a coñecer, entre outros aspectos, a súa riqueza cultural, artística e paisaxística. Trátase dun amplo desplegable en tres idiomas: galego, castelán e inglés

A través dun mapa de fácil lectura calquera persoa pode organizarse un itinerario tanto pola vila como polo seu ámbito rural. Un percorrido que pasa por igrexas, ermidas, encoros, aldeas, monumentos e restos arqueolóxicos, pazos, casas e residencias de turismo rural, áreas recreativas e de esparcemento en medio da natureza, museos, fervenzas e, como non, rutas de sendeirismo así como o Camiño Inglés

O desplegable tamén amosa unha guía con todas as rúas do casco urbán de Ordes, nas que tamén aparecen outras zonas de interés como poden ser o parque empresarial de Merelle ou mesmamente o núcleo poboacional do Mesón do Vento.

As frases de Manuel Regos, alcalde de Ordes 
“Con esta guía pretendemos convidar á xente doutros lugares a que se anime a vir a visitarnos e a coñecer todas as cousas que ten Ordes"

"Pretendemos contribuir para que a xente de aquí coñeza rincóns, paraxes e espazos dos que secadra non sabían, facendo con todo elo que o noso municipio ocupe o lugar que merece no consciente colectivo

“A promoción vai da man da que tamén se ofrece dende a recentemente estreada páxina web da Mancomunidade de Ordes (www.mancomunidadeordes.org), un portal orientado especialmente á promoción turística da nosa comarca

*

Charla en Mesía sobre dereito de sucesións

A charla sobre dereito de sucesións tivo lugar na Cas de Cultura de Mesía.

A cargo de María José Liste González, asesora xurídica de Servizos Sociais e do CIM da Mancomunidade de Ordes

A Casa da Cultura de Mesía acolleu recentemente a charla ‘Ideas básicas sobre dereito de sucesións en Galicia’. Unha cita completamente de balde para todos os asistentes e organizada pola Asociación Cultural Moita Leria e a Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes

Nela abordáronse aspectos relacionados cos distintos tipos de testamento, a tramitación de sucesións e as súas peculiaridades, o dereito de sucesións no ámbito galego, os pactos sucesorios (melloras), as obrigas fiscais ou as sucesións intestadas. 

Ao fronte desta charla estivo María José Liste González, asesora xurídica de Servizos Sociais e do CIM da Mancomunidade de Ordes.

*

lunes, 20 de mayo de 2013

O Casal xa conta con novas beirarrúas e rede de abastecemento de augas e pluviais


Estado actual da pista do Casal, logo das obras de mellora.
As obras supuxeron un investimento de 66.000 euros sufragados pola Deputación da Coruña e o Concello de Ordes


Os veciños e veciñas do Casal xa poden facer uso dende hai escasos días das novas beirarrúas con bordillos, a ambos lados da estrada. 

Tamén se levou a cabo a cabo a instalación dunha rede de pluviais, inexistente ata o de agora, así como a dunha nova rede de alcantarillado e outra de abastecemento de auga para consumo doméstico.

Orzamento
O orzamento ascendeu a 45.000 euros, que cos impostos incluídos supuso unha cuantía total de 66.000 euros. Estas obras están incluidas no POS 2011, polo que ademais do Concello de Ordes tamén foron sufragadas pola Deputación da Coruña.

*

sábado, 18 de mayo de 2013

O Concello de Ordes inviste 123.000 euros na mellora das estradas de Buscás e da Espinica

Estado actual da estrada de Buscás, logo das melloras levadas a cabo polo Concello de Ordes. 

Entre outras leváronse a cabo tarefas de asfaltado, melloras do firme, aplicación de conglomerado e apertura de gabias

O Concello de Ordes ven de investir 123.000 euros na mellora de dous dos seus viais máis transitados. Concretamente na estrada N 550 que transcurre pola parroquia de Buscás leváronse a cabo tarefas de asfaltado e melloras do firme, aplicación de conglomerado, apertura de gabias, quedando pendiente o remate das tarefas de pintado para unha vez que amaine a chuvia. 

Trátase dun tramo de máis de tres quilómetros que amosaba unha serie de anomalías e fuchancas en gran medida dadas pola gran cantidade de precipitacións registradas nos últimos meses, así como pola gran cantidade de tráfico que por este vial transita, moito del pesado debido aos vehículos agrícolas e os empregados nas labores de tala de árbores efectuadas nesta zona. 


Espenica
Tamén interviuse na estrada que transcurre pola Espenica, unhas melloras moi demandadas pola veciñanza debido ao estado de deterioro que presentaba e que, igualmente ca anterior, se viu acrecentado polas chuvias registradas ao longo deste inverno.

Tal e como se explicara en sesión plenaria o Concello viuse obrigado a agardar a que as condicións meteorolóxicas posibilitaran estas intervencións e obras, as cales está incluidas no Plan de Obras e Servizos. Dentro do investimento realizado inclúese o tratamento e xestión dos residuos xerados.  

*

Máis de trescentos corredores participan no V Cross Ambiental e II Andaina Concello de Ordes

Os corredores ao seu paso polo Campo da feira de Ordes.

Dende as 16:00 horas, os participantes concentráronse no Campo da Feira para iniciar dende alí un percorrido pola vila de Ordes

Máis de trescentos corredores de todas as idades déronse cita hoxe no V Cross Ambiental e II Andaina Concello de Ordes ‘Memorial José Estebo’. 

Dende as 16:00 horas, os participantes concentráronse no Campo da Feira para iniciar dende alí un percorrido que transcurría tanto polas inmediacións como por algunhas das rúas da vila ordense. Uns tramos que  ían dende os cen metros ata os dez quilómetros según a categoría. 

Entrega de premios
Ao final da tarde o concelleiro de Cultura, Ramón Vázquez Raña, foi o encargado de entregar os trofeos, medallas e premios en metálico que acadaron os mellores atletas. Tamén houbo sorteo de agasallos sorpresa entre todos os inscritos.

*

A festa da xuventude encheu o Campo da feira de música e diversión



O público disfrutou dun cartel encabezado pola orquesta Olympus e Tania Veiras

Milleiros de mozos e mozas disfrutaron e divertíronse na noite de onte na I Festa de Xuventude Movida de Ordes, celebrada no Campo da Feira. 


O público disfrutou dun cartel encabezado pola orquestra Olympus, quenes abriron o gran espectáculo pasadas as 21:00 horas. 
Artistas
A continuación chegoulle o turno á artista local Tania Veiras e ao remate Henry Mendez e os 'pinchas' de Radio Líder Marcos Magán, David Espósito, Manu López e DJ Charlie.

A I Festa da Xuventude foi organizada pola Asociación Movida Ordes e contou coa colaboración de Coca Cola, Zambra Agency, Roster Music e Galicia Espectáculo.

*