viernes 16 de marzo de 2012

A próxima edición de Expo Ordes contará con máis de 60 stands inscritos

Inauguración da XVIII edición de Expo Ordes polo alcalde Manuel Regos, en abril do 2009 / Arquivo.

Terá lugar os días 27, 28 e 29 de abril no Campo da Feira

A popular Festa do Champiñón se celebrará o domingo 29 con degustación gratuíta do fungo nos establecementos de Ordes

O concello de Ordes acollerá os próximos 27, 28 e 29 de abril unha nova edición da súa feira multisectorial Expo Ordes. Unha cita que este ano celebra a súa vixésimo primeira edición e na que ata o de agora xa están inscritos máis de sesenta expositores de diferentes sectores como o agrícola, o alimentario, o naval o de automoción, mecánica, e por suposto o textil. Tamén a Deputación da Coruña xa confirmou a súa presenza na feira coa instalación dun estand.  

Nesta próxima edición, o Concello de Ordes ten previsto celebrar xornadas temáticas adicadas á diversidade funcional, aos empresarios, á Mancomunidade de Ordes e no último día de celebración, ao champiñón. Como xa é costume na vila dende 1990, os establecementos ordenses ofrecerán durante ese día, diferentes tapas e racións elaboradas con ditos fungos. 

Os empresarios interesados en participar nesta nova edición de Expo Ordes todavía están a tempo de inscribirse por vía telefónica chamando ao Concello de Ordes (981 680002) ou ben achegándose ata as dependencias municipais.

Podes ver o vídeo da inauguración da edición Expo Ordes 2010 facendo clic baixo estas liñas:


Manuel Regos, alcalde de Ordes.
As frases de Manuel Regos, alcalde de Ordes
“Expo Ordes sitúase xa no itinerario das feiras multisectoriais máis importantes de Galicia e dende o Concello traballamos a reo para facela medrar e mellorala

“Con este tipo de iniciativas sabemos que contribuimos á promoción do texido industrial e comercial do munipio que, agora máis que nunca, precisa da axuda de todos para poder superar este momento tan complicado”
    
*

O BNG quere saber canto debe e a quen o Concello de Ordes

Gonzalo Castro solicita a Regos que informe da relación de gastos por 2,8 millóns de euros remitidos a Facenda para acceder ao crédito para o pago a proveedores

O BNG de Ordes ten solicitado esta mañá ao alcalde, Manuel Regos, “unha relación detallada e xustificada dos gastos remitidos ao Ministerio de Facenda para acceder á liña de crédito para o pago a proveedores”, segundo informou o portavoz municipal do BNG, Gonzalo Castro.

O portavoz nacionalista afirmou que “os membros da Corporación Municipal e os veciños de Ordes tiveron coñecemento por informacións xornalísticas da intención do alcalde de acceder á liña de crédito habilitada por Facenda para, supostamente, garantir o pago das débedas aos proveedores”.

Para Castro, “este xeito de actuar do alcalde constitue unha actitude irresponsable e irrespetuosa cos seus veciños, xa que, tanto os/as concelleiros/as da Corporación Municipal, como os demáis veciños de Ordes, teñen dereito a coñecer a situación económica real do seu Concello e as débedas pendentes de pago con proveedores”.

Son 215 euros por habitante
O portavoz municipal de Ordes afirmou que “o Concello de Ordes é o máis endebedado de toda Galiza, como o demostra o recoñecemento por parte do alcalde da existencia de case 2,8 millóns de euros de débeda cos proveedores, situando a Ordes á cabeza da débeda a provedores por habitante, que é de 215 euros, e que se situaría perto dos 800 euros por habitante se lle sumamos a débeda procedente de créditos cos bancos” .

Gonzalo Castro afirmou que “esta situación ven a confirmar o que xa advertiu a intervención municipal do Concello de Ordes no informe da Conta Xeral de 2010, onde salientaba o total incumprimento do Plan de Saneamento aprobado polo Pleno en xullo de 2009, malia os reparos da intervención municipal a esta conta xeral de 2010, foi aprobada grazas á connivencia entre UxO e PP”

Gonzalo Castro, do BNG de Ordes.
As frases de Gonzalo Castro, portavoz municipal do BNG de Ordes
“A intervención municipal hai tempo que ven evidenciando a existencia dunha xestión caótica e irresponsábel por parte do alcalde e o seu goberno, que agora se ve confirmada polo recoñecemento expreso do alcalde da existencia de 2,8 millóns de euros de facturas pendentes de pago cos provedores"

"A esta petición de 2,8 millóns de euros que o Concello ten remitido ao Ministerio de Facenda para pago a proveedores se lle sumaría a débeda cos bancos, o que roldaría un total de uns 11 millóns de euros. Esto segue a impedir atender o pago, no día a día, dos servizos e traballos dos provedores do Concello, ocasionando un grave quebranto económico aos autónomos e ás empresas de Ordes”

*

Os alevíns do AC Órdenes, campións de liga


O equipo de alevíns do AC Órdenes de hoquei proclamáronse hoxe campións de liga a fata de dúas xornadas para rematar a competición.

Noraboa, campións!

*

miércoles 14 de marzo de 2012

Regos, disposto a retrasar un día a celebración do pleno municipal

Débese tanto á folga xeral como á necesidade de contar con máis tempo para preparar o plan de axuste económico municipal


A nova data podería ser o venres 30, ás nove da mañá

O goberno municipal de Ordes ven de acordar unha proposta de cambio de data de celebración do pleno municipal, pasando do xoves 29 ao venres 30 a primeira hora de mañán. O motivo deste cambio, segundo declaracións do Goberno, débese tanto á inconveniencia de celebrar un pleno municipal durante unha xornada na que está convocada unha folga xeral, como á necesidade de contar cun espazo de tempo maior para preparar adecuadamente o plan de axuste económico municipal que deberá ser aprobado no debate plenario deste mes.

Agora, a intervención municipal ten a última palabra para adoitar administrativamente esta nova data.

*

A marcha dos traballadores de Navantia chega a Ordes e recibe o apoio de Manuel Regos

Os traballadores de Navantia esta mañá  no despacho do alcalde de Ordes, camino de Santiago de Compostela
A marcha a pe que se dirixe a Santiago fixo escala no concello de Ordes onde mantiveron unha xuntanza co alcalde  


A marcha de Navantia que se dirixe a pe cara a Santiago de Compostela para reivindicar a reactivación do sector asteleiro fixo parada hoxe en Ordes. O alcalde Manuel Regos recibiu a unha representación dos traballadores e informouse da situación que atravesan os asteleiros ferrolanos a cal foi tilda de de “crítica” por parte dos traballadores. 

Regos tamén se interesou polas medidas posibles para atallar esta situción. Éstas pasan por “unha maior implicación do Goberno Central nas accións comerciais que está a realizar a empresa co fin de aumentar a carga de traballo, así como pola construcción do dique  flotante para poder introducirse no mercado da reparación de buques”, tal e como lle informou o seu representante, Fernando Sinde. No encontro tamén se falou da importancia de executar os compromisos adquiridos coa empresa, como por exemplo a construcción da sexta fragata da Armada Española.

Apoio dos ordenses
En total foron 150 os traballadores que con axuda da Guarda Civil de Ordes atravesaron o Concello sen ningunha incidencia. Moitos deles recibiron o apoio dos ordenses que se cruzaban no seu camiño con palabras de ánimo e pronosticándolles unha pronta solución. Fernando Sinde quiso agradecer o a poio mostrado polo alcalde de Ordes quen “se mostrou moi receptivo e sensible coa situación que calificou como un problema de todos, aínda que ata Ordes non cheguen os buques”. 

Pola súa banda o edil ofreceulles gratuitamente as infraestructuras do concello, como os polideportivos, no caso de que quiseran pernoctar ou facer un alto no camiño. Regos tamén se comprometeu a facer partífice aos veciños e institucións de Ordes da súa situación, ademáis de transmitirlle á Xunta e ao Goberno de España unha resolución de apoio as súas inquedanzas.

*

CideGa apoia o cambio de data do pleno para non facelo coincidir coa xornada de folga

Ana Álvarez invita á corporación municipal a propoñer outra data de celebración do pleno

A concelleira de Cidadáns de Galicia, Ana Álvarez, mostrou esta tarde o seu apoio a un cambio de data na celebración do pleno municipal previsto para o xoves, 29 de marzo, para non facelo coincidir coa xornada na que está convocada unha folga xeral contra a reforma laboral.

*

O BNG de Ordes pide o apoio do pleno municipal á folga xeral do 29-M

Veñen de presentar unha proposta de cambios de datas para non facer coincidir o pleno municipal co día das mobilizacións contra a reforma laboral

O portavoz do BNG de Ordes, Gonzalo Castro anunciou esta mañá a presentación dunha moción na que os nacionalistas propoñen que “o Pleno da Corporación Municipal de Ordes manifeste o seu apoio ás mobilizacións e á folga xeral convocadas para o 29 de marzo de 2012 polas organizacións sindicais representativas en contra da reforma laboral aprobada polo Real Decreto 3/2012, do 10 de febreiro”.

Gonzalo Castro xustificou o apoio a esta folga salientando que “a regulación laboral aprobada con esta reforma do PP socava dereitos dos traballadores e traballadoras, actuando para iso sobre a rebaixa das indemnizacións por despedimento, a ampliación das facultades da empresa para ordenar modificacións discrecionais nas condicións de traballo e a devaluación da negociación laboral”.

Para o portavoz do BNG, “o obxectivo último desta reforma é a procura dunha maior precariedade e desregulación nas relacións laborais, que conduzan a unha redución real das rendas salariais, que xa viñan sufrindo un retroceso antes e, sobre todo, despois do estoupido da crise fronte ás rendas de capital”.

Apoio explícito
Castro afirmou que “no noso concello a maioría da poboación é traballadora, polo que se verá directamente afectada pola minoración de dereitos no desempeño do seu labor profesional imposta por esta reforma laboral, o que require un apoio explícito da institución local representativa á folga xeral convocada para o vindeiro día 29 de marzo polas organizacións sindicais máis representativas, coa finalidade de que os traballadores e traballadoras expresen o seu rexeitamento á reforma laboral”.

O BNG de Ordes rexistrou unha solicitude na que insta ao alcalde a cambiar a data de celebración do Pleno Ordinario de marzo, ao coincidir a súa celebración, o 29 de marzo, coa xornada de folga xeral.

Gonzalo Castro, do BNG de Ordes.
A frase de Gonzalo Castro, concelleiro do BNG de Ordes
“Esta solicitude de cambio de data do Pleno resulta absolutamente lóxica e necesaria, toda vez que o mantemento da data de 29 de marzo constituiría unha traba para que os concelleiros/as da Corporación Municipal, os funcionarios con habilitación de carácter estatal e o persoal da radio municipal, que tivesen intención de participar da xornada de folga, poidesen exercer con normalidade ese dereito amparado constitucionalmente”

*

O PSOE proporá no pleno a adopción de medidas para paliar os danos da seca

Solicitarán a condonación das cotas á Seguridade Social por seis meses e unha liña de financiamento co IGAPE ao cero por cento

Tamén piden o adianto do pleno municipal ao mércores 28 para evitar a folga xeral

A Agrupación Socialista de Ordes presentou esta mañá unha moción para o seu debate na próxima sesión plenaria na que solicita que a adopción de medidas para paliar os danos causados pola seca. O concelleiro socialista Xesús Pedreira explica que “a ausencia de precipitacións nos últimos tres meses supuxo unha reducción na produción forraxeira das explotacións dun 40%, o que obriga a comprar penso e forraxes noutras zonas para alimentar o gando. Isto supón un importante sobrecusto para un sector xa de por si moi castigado pola crise”.  

De feito, para unha explotación leiteira media o sobrecusto provocado pola seca ascende a uns cinco céntimos por cada litro de leite producido, o que supón uns gastos de 10.000 euros máis ao ano. “Ordes é un dos municipios máis afectados, debido á importancia que ten o seu sector gandeiro, especialmente nas parroquias de Barbeiros, Lesta, Parada e Vilamaior”, explica Xesús Pedreira, quen indica que “hai moitas explotacións moi perxudicadas e algunhas mesmo perderon toda a forraxe que tiñan”.

Paquete de medidas 
Por esa razón, o concelleiro socialista vai solicitar ao pleno a adopción dun paquete de medidas destinadas a tentar paliar esta situación e que implican ás administracións autonómica e central. “As máis inmediatas serían solicitar a apertura dunha liña de financiamento ao 0% a través do IGAPE para a compra de forraxe para alimentación do gando, así como a condonación das cotas da Seguridade Social dos profesionais do sector durante seis meses”, sinala Pedreira Mirás.

Ademais, a proposta dos socialistas ordenses solicita o incremento do límite de axudas baixo o réxime de mínimis ata os 15.000 euros e a convocatoria da mesa do leite, na que se debatería sobre o diferencial de prezos existente entre as explotacións galegas e as do resto do Estado. Finalmente, os socialistas solicitan que a redacción dun convenio coas entidades financeiras para que se poda cobrar a PAC no momento no que se solicita e a publicación da 'Lei de medidas para mellorar o funcionamento da cadea alimentaria', que deberá incluir a figura do 'árbitro' e un 'prezo de referencia', que se poida aplicar mentres non se alcanza un acordo.

Xesús Pedreira Mirás.
Folga xeral
Así mesmo, o concelleiro socialista presentou esta mañá unha solicitude á Alcaldía para pedir que a sesión plenaria prevista para o xoves 29 de marzo se adiante ao mércores 28 de marzo, para non coincidir coa xornada de Folga Xeral convocada a nivel nacional. Xesús Pedreira considera que “é a solución máis lóxica e coherente para que quen queira exercer o seu dereito á folga poida facelo sen ningún tipo de cortapisa por ter que acudir a un pleno, ben como concelleiro, ben como funcionario”.

*

lunes 12 de marzo de 2012

Pachi Vázquez conta co ordense Enrique Negueruela na súa nova Executiva

Socialistas ordenses participantes no 12º Congreso Nacional do PSdG-PSOE celebrado onte en Santiago.
É experto en mercados laborais e ocupará a secretaría de Economía do PSdG-PSOE

O pasado 12º Congreso Nacional do PSdG-PSOE celebrado onte en Santiago de Compostela e que rematou coa victoria de Pachi Vázquez contou cunha nutrida representación ordense entre os que se encontraban, entre outros, o secretario xeral da Agrupación local, Xesús Pedreira, e os afiliados Carmen Fernández Reboredo, Javier Gómez García, Carlos Souto Figueira, José Lino Gómez, Carlos Pérez Casas, Miriam Carballo e Antonio Morán. Ademais, a nova Executiva socialista de Pachi Vázquez conta xa cun ordense, Enrique Negueruela, á fronte da secretaría de Economía do PSdG-PSOE.

Experto en traballo
Negueruela traballa na oficina do INEM de Ordes, e é experto en mercados laborais. Foi técnico de emprego en Comisión Obreiras e posteriormente asesor de Ricardo Varela durante a súa etapa como conselleiro de Traballo na Xunta de Galicia.

*

A unidade móbil da ITV de motos estará o 16 de abril no Mesón do Vento

O horario de atención asinarase no mesmo momento

A unidade móbil de inspección técnica de motos, ciclomotores e quads prestará servizo no Campo da Feira do Mesón do Vento o próximo 16 de abril. O horario de atención ao público seráde 09:00 a 13:30 horas e de 15:30 a 18:00 horas. 

Poderán pasar revisión todos aqueles ciclomotores de dúas rodas e máis de tres anos de antigüidade, así como as motos e quads de máis de catro anos. O horario de atención asinarase directamente no punto de revisión, o cal quedará instalado na mesma nave de gando.

*

sábado 10 de marzo de 2012

O Mesón do Vento celebrou o seu primer día da Feira do Lacón con Grelos


Mañá domingo será o día grande da festa con degustacións gratuítas nos estabelecimentos da zona

A parroquia ordense de Mesón do Vento convirtiuse esta mañá nun dos principais puntos de comercialización gandeira da comarca co gallo da  primeira xornada da XIV Feira do Lacón con Grelos que congregou a máis de mil persoas. A mostra gandeira contou con preto dun centenar de cabezas de distintas razas, entre elas a limusín ou rubia galega, ademáis de touros e bois entre outras pezas. Tamén por primeira vez  e chegados dende Cantabria, puidéronse contemplar exemplares da raza limusín sin cornos, unha variante obtida grazas á manipulación xenética e pola que moitos dos visitantes amosaron un especial interese. Jean Luce Kress, experto nesta raza e presidente da empresa KBS Genetic falou das súas principias características ao congregados. 

Tamén se exhibiron as últimas novidades de maquinaria agrícola para o sector agrogandeiro. Os postos con todo tipo de productos típicos, licores e doces, ademáis dos  inchables para os máis pequenos foron outros dos lugares máis visitados. A amenización da xornada correu a cargo da orquestra Bahía Blanca  tanto durante a sesión vermú como a sesión vespertina. 


Probas de andadura
Mañá domingo, o Mesón do Vento se prepara para o seu día grande cun programa que inclúe a degustación gratuíta de lacón con grelos nos establecementos da zona. Haberá ademais unha concentración moteira do clube Bielaqueimada. A media xornada terá lugar a proba de Andadura Federada Galega de dous e catro tempos cuns premios que van dende os trinta ata ós centro trinta euros. 

Tras a sesión vermú terá lugar a carreira de trotóns para a continuación dar paso á proba de trote libre. En ambos casos, a cuantía dos premios que se repartirán entre os primeiros clasificados rondarán os douscentos e cen euros, respectivamente. Finalmente, a organización ten prevista unha proba de arrastre con gando vacún a partires das 17:00 horas. De novo o baile e a diversión a cargo da orquestra Bahía Blanca pecharán a XIV Festa do lacón con grelos a partires das 20:00 horas.

*

Grafito e arte urbana en Ordes ata o mes de maio

Momento dos cursos de arte urbana organizados por Cultivarte e Mutante en colaboración co Concello de Ordes.
Sokram e Mou, de Dios Ke Te Crew, ensinan os segredos da pintura con grafito ou a produción musical 

Pintura de grafito e arte urbana, produción musical e personalización de  roupa e complementos son os cursos que o Concello de Ordes  está a programar ata o vindeiro mes de maio a cargo dos artistas locais Nana, Sokram e Mou, integrantes estes últimos do colectivo de hip hop ordense, Dios Te Te Crew.

A través do curso de pintura de grafito e arte urbana, os alumnos participantes están a coñecer os distintos estilos e técnicas, dende o bocetaxe en papel ata o emprego de aerosoles, rodillos e pinceis para realizar murais. A produción musical lles achega o uso das ferramentas informáticas de composición músical. Composición con sintetizadores e caixas de ritmos, gravación de instrumentos e voces, así como as nocións de mestura serán algúns dos puntos a tratar durante as clases. Por último, o curso de personalización de roupa e complementos ensinará aos participantes a decorar prendas e complementos con motivos pictóricos.

Os cursos de cultura e música urbana están organizados pola Asociación Cultural Cultivarte e o Gabinete de Arte, Deseño e Comunicación Mutante coa colaboración prestada polo Concello de Ordes.

*

Unha treintena de ordenses participaron na xornada informativa da reforma laboral



Celebrada polo Concello en colaboración da Mancomunidade co gallo do Día Internacional da Muller Traballadora

A Casa de Cultura de Ordes acolleu na tarde de onte a xornada informativa A nova reforma laboral que o secretario xeral da comisión executiva provincial FSP-UGT de A Coruña, Luis Barena, ofreceu á treintena de participantes congregados.  


O encontro estivo encuadrado dentro do programa de actos programados polo Concello de Ordes en colaboración coa Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes co gallo do Día Internacional da Muller Traballadora.


*

jueves 8 de marzo de 2012

Sabela Arias, premiada no certame de arte de Begonte

Mirando a cidade, de Sabela Arias.
Recibiu unha das tres mencións de honra do encontro pictórico lucense

A obra Mirando a cidade da pintora ordense Sabela Arias ven de ser recoñecida no XXII Certame de Arte José Domínguez Guitián que anualmente organiza o centro cultural de Begonte (Lugo). A ordense recibiu unha das tres mencións de honra xunto aos tamén pintores Noa Persán e Eduardo Baamonde. 


Gañador
O gañador absoluto foi o lucense Iago Eireos, Premio José Domínguez Guizán 2012, coa súa obra Dos hermanas.

Ordes acollerá un novo curso de lingua galega

O prazo para inscribirse remata o día 26 de marzo e será preparatorio para a obtención do nivel Celga 2


O Concello de Ordes acollerá a  partires do vindeiro 26 de marzo un novo curso oficial de lingua galega de cara á obtención do nivel Celga 2. Un curso que está aprobado pola Consellería de Educación e Ordenación  Universitaria da Xunta de Galicia e de carácter completamente gratuíto.

Aberta a todos
As clases se impartirán na Casa da Cultura e están abertas a todos os que queiran participar. O prazo de matrícula rematará o mesmo día 26 e as inscricións deberán formalizarse nas oficinas do Concello de Ordes entregando unha fotocopia do DNI ou NIE.

*

Celebrado un novo curso de manipulador de alimentos

Alumnos participantes no curso de manipulación de alimentos do Concello de Ordes.

Os alumnos participantes asistiron a unha charla formativa de tres horas de duración

O Concello de Ordes celebrou onte na Casa de Cultura un novo curso de manipulador de alimentos. A iniciativa englóbase dentro do programa de actividades previstas polo Concello para incentivar a búsqueda de emprego entre os veciños.

O curso consistiu nunha charla informativa de tres horas presenciais nas que se abordaron aspectos prácticos sobre a seguridade alimentaria, a manipulación de alimentos e as normas mínimas a seguir na industria alimentaria. Ao seu remate realizouse unha proba tipo test na que se evaluaron os coñecementos adquiridos polos asistentes. 

*

miércoles 7 de marzo de 2012

O Concello de Ordes acollerase ao crédito sindicado de Mariano Rajoy

A portavoz do Goberno, Sáenz de Santamaría, o pasado 24 de febreiro presentando o plan de axuste municipal.
A corporación municipal deberá aprobar en pleno un 'plan de axuste' que logo deberá recibir o visto bó do Ministerio


Os provedores do Concello de Ordes poderían estar cobrando as súas facturas antes deste verán 

O Concello de Ordes acollerase ao crédito sindicado deseñado polo Ministerio de Facenda de abono de débedas municipais a provedores mediante crédito, que o pasado 24 de febreiro presentaba a vicepresidenta Soraya Saenz de Santamaría. Un proxecto que contempla o desembolso duns 35.000 millóns de euros para facer fronte ás débedas a provedores do conxunto dos municipios españois. Os concellos que finalmente se acollan ao programa deberán devolver o capital prestado nun prazo de dez anos cun periodo de carencia de outros dous, polo que o Concello de Ordes, de ser aprobado o seu plan, non deberá amortizar capital, aínda que si abonar intereses, ata o ano 2014.

Así, e para facer finalmente efectivo o reintegro das cantidades adebedadas, o Concello de Ordes deberá presentar á Facenda Pública antes do vindeiro xoves, 15 de marzo, unha relación das facturas pendentes de pago a provedores a data de 31 de decembro do 2011. A continuación deberá preparar un plan de axuste que faga fronte a esas débedas e que o pleno da corporación municipal deberá aprobar antes do 31 de marzo. A preguntas deste medio, o Goberno municipal de Ordes aínda está estudando a mellor fórmula para cumplir este último requisito xa que as opcións pasan por convocar un pleno extraordinario ou ben incluír o seu plan de axuste no pleno ordinario do vindeiro 29 de marzo.

Antes do verán
Unha vez aprobado e remitido o plan ao Ministerio de Facenda, este deberá aprobar finalmente o crédito ao Concello e os provedores de Ordes poderían comezar a cobrar as súas facturas na súa entidade bancaria, segundo o propio Goberno de España, mesmo antes deste verán.

*

Unha charla abordará a reforma do mercado laboral

A ministra de Emprego e Seguridade Social, Fátima Báñez. // Foto: Ministerio.

Terá lugar este venres ás 20:00 horas na Casa de Cultura de Ordes

Causas de despedimentos, regularización do EREs, cálculo de indemnizacións e outros aspectos serán tratados por un experto

O Concello de Ordes organizará conxuntamente coa Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes  a xornada informativa A nova reforma laboral. O acto, de libre acceso e gratuíto, terá lugar este venres 9 de marzo ás 20:00 horas no salón de actos da Casa da Cultura. Este evento está enmarcado nos previstos co gallo da celebración do Día Internacional da Muller

O encontro abordará cuestións relativas ao recente Real-Decreto lei 3/2012 de medidas urxentes para a reforma do mercado laboral, coñecido popularmente como 'lei da reforma laboral'. Causas de despedimento, regularización dos expedientes de regulación de emprego (ERE), reducción da xornada laboral, novos tipos de contratos, cálculo de indemnizacións, e outros aspectos serán expostos por Luis Barenasecretario xeral da comisión executiva provincial FSP-UGT de A Coruña. Tamñen se exporán outros temas laborais como a regulación do servizo doméstico ou a contratación en sectores con maior presenza de mulleres, como o caso da industria textil de Ordes.

*

lunes 5 de marzo de 2012

Intercambianse libros na biblioteca de Ordes

O comodato de libros realízase baixo a supervisión do personal da biblioteca municipal, nos baixos da Alameda.

Ponse en marcha 'Lendo, compartimos', un programa de estimulación da lectura mediante o comodato de libros

A Biblioteca Municipal de Ordes ven de emprender unha iniciativa pioneira en toda a comarca. ‘Lendo, compartimos’ preséntaxe como un novo programa de animación á lectura entre xente de todas as idades a través do intercambio gratuíto de libros e obras entre os seus socios e usuarios.

Para poder acceder aos exemplares cedidos temporalmente xa se colocou unha mesa na que se poden depositar os libros, cómics, novelas, contos, etc. Éstes estarán controlados polo persoal do centro e serán eles os encargados de xestionar os comodatos e de devolverllo ao propietario ou propietaria no momento que o desexen. Deste xeito preténdese axudar aos veciños e usuarios que debido á crise económica non poden acceder a libros que precisan á par que se contribúe co aforro na administración. Outros dos obxetivos son o aproveitamento deses libros esquecidos ou infrautilizados que se teñen na casa a través dun xesto que incentiva a solidariedade e ensina a compartir cos demáis. 

*