Mostrando entradas con la etiqueta Miguel Prado Patiño. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Miguel Prado Patiño. Mostrar todas las entradas

martes, 5 de octubre de 2010

A Mancomunidade solicita unha subvención para seguir co seu programa de axentes de emprego

Prado Patiño: "Estes técnicos contribúen á dinamización e a xeración de novas actividades nos nosos municipios”

O pleno ordinario da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes, celebrado esta tarde no concello de Ordes, aprobou por unanimidade solicitar unha subvención á Consellería de Traballo e Benestar para o mantemento do programa de axentes de emprego e desenvolvemento local. Unha axuda solicitada ao abeiro da Orde do 7 de setembro de 2010 da Consellería de Traballo e Benestar, publicada no DOG 178 do mércores 15 de setembro.

O presidente da Mancomunidade de Ordes, Miguel Prado Patiño, destaca a importancia do mantemento deste servizo para a comarca ordense xa que “estes técnicos colaboran na implantación das políticas activas de emprego relacionadas coa creación de empresas e actúan como promotores de actividade, asesores puntuais de proxectos de empresa e mesmo como prospectores de mercado, de xeito que contribúen á dinamización e a xeración de novas actividades nos nosos municipios”. Ademais, apuntou a especial importancia de manter un servizo coma esta nunha época de crise económica coma a que estamos a vivir.

A esta sesión ordinaria do pleno da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes, que tivo lugar na casa do concello de Ordes, asistiron os alcaldes de Cerceda, José García Liñares; Frades, Miguel Prado Patiño; Mesía, Mariano Iglesias Castro; Oroso, Manuel Mirás Franqueira; e Tordoia, Antonio Pereiro Liñares; así como o vicepresidente da Mancomunidade e concelleiro de Ordes, Manuel Astray Mariño. A única ausencia, por motivos de axenda, foi a do alcalde de Trazo.

Foto: O pleno da Mancomunidade de Municipios de Ordes convocado para a sesión ordinaria de hoxe.

*

viernes, 1 de octubre de 2010

A Mancomunidade impulsa mediante un curso a autonomía das persoas con discapacidade


O programa pretende axudar á integración dos discapacitados proporcionándolles técnicas de desenvolvemento de forma independiente

A Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes iniciou hoxe un curso de autonomía persoal dirixido a persoas con discapacidade de todos os concellos da comarca: Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia e Trazo. O curso, que se desenvolve por segundo ano consecutivo, vaise prolongar ata finais de maio de 2011, con cinco horas diarias de clase en horario matinal. Impartido por unha docente e unha auxiliar especializadas, atende a trece alumnos con distintos tipos de discapacidade co obxectivo de proporcionarlles técnicas para desenvolverse de forma independente no mercado laboral e no ámbito social.


O presidente da Mancomunidade, Miguel Prado Patiño, que acudiu á clase de apertura nas instalacións da Casa da Cultura de Ordes acompañado polo alcalde de Ordes, Manuel Regos, e pola concelleira de Discapacidade, Silvia Marín, salientou tamén a diversidade de actividades que se levan a cabo no curso. De feito, hai obradoiros de debuxo, lectoescritura e manualidades nos que o alumnado pode desenvolver a súa creatividade, outros de cociña e tarefas domésticas que ademais serven para afondar na socialización dos participantes, ou de baile e diversos exercicios para estimular as súas capacidades físicas e psicomotrices.

Servizo 065
O curso, xestionado pola Mancomunidade, está subvencionado pola consellería de Traballo e Benestar a través dun programa de cooperación. O servizo 065, dependente tamén deste departamento autonómico, colabora no transporte dos alumnos ás clases. De forma provisional, as sesións teñen lugar na Casa da Cultura de Ordes, ata que nas vindeiras semanas estean de novo dispoñibles as aulas de formación do Mesón do Vento que xa acolleron esta iniciativa a pasada tempada.

Fotos: Momentos das clases de autonomía persoal da Mancomunidade de Municipios de Ordes.
 
*

martes, 21 de septiembre de 2010

Como ensinar aos nosos maiores a non aburrirse?

Quince persoas fórmanse nun curso de animación xerontolóxica da Mancomunidade

A Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes acaba de iniciar un curso de animación xerontolóxica, orientado á mellora da empregabilidade de personas desocupadas. O curso, que se imparte nas dependencias do Museo do Traxe de Ordes, conta coa participación dunhas quince persoas. As clases prolongaranse ata o 19 de novembro. En horario matinal de 9 a 14 horas, están sendo impartidas por dúas profesoras con ampla experiencia no sector da terceira idade e dos servizos sociais.
A creación de residencias e centros de día, a ampliación das programacións dos centros socioculturais e clubs de xubilados ou a necesidade de dinamizar centros municipais e vivendas comunitarias fan pensar nun aumento da demanda deste tipo de profesionais. Tal como explicou o presidente da Mancomunidade, Miguel Prado Patiño, “o interese das persoas maiores polo aproveitamento do tempo libre é cada vez maior e está claro que calquera traballador que queira desempeñar as súas funcións con este colectivo debe estar familiarizado coas súas particularidades e coñecer as técnicas específicas de animación”.

Prácticas non laborais
O curso de animación xerontolóxica da Mancomunidade de Ordes ofrece tamén prácticas non laborais en centros de atención á terceira idade, tanto públicos como privados. Coas prácticas, o alumnado poderá aplicar a teoría aprendida durante a acción formativa. A formación de persoas nesta categoría profesional resulta útil para as empresas e entidades do sector da dependencia para aumentar a súa competitividade e mesmo reducir custos, ao aumentar a calidade de vida dos maiores.

O curso está financiado nun 80% polo Fondo Social Europeo e no 20% restante pola administración autonómica. Por cada día de asistencia ao curso, o alumnado recibe unha bolsa de desprazamento de sete euros.

Foto: Os alumnos participantes posan xunto ao alcalde de Ordes, Manuel Regos, ás portas do Museo do Traxe Juanjo Liñares.

*

lunes, 6 de septiembre de 2010

O Centro de Información á Muller pasa a mans da Mancomunidade

A entidade supramunicipal solicitará unha subvención á Xunta para a súa creación, e agarda instaurar o novo servizo a partir de xaneiro de 2011

O pleno da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes acordou hoxe solicitarlle unha subvención á consellería de Traballo e Benestar para instaurar a partir do vindeiro mes de xaneiro de 2011 un Centro de Información á Muller (CIM) con cobertura oficial para os sete municipios da comarca ordense: Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia e Trazo.
Deste xeito, o actual CIM, dependente do Concello de Ordes, pasaría a ter unha xestión mancomunada. No caso de obter a subvención autonómica solicitada hoxe, a entidade supramunicipal habilitará nos seus orzamentos do vindeiro ano os recursos necesarios para a posta en marcha do seu CIM.

Os traballadores pasan á Mancomunidade
Na sesión plenaria de hoxe tamén se acordou que en futuras reunións valorarase cal é o sistema axeitado para transferir á mancomunidade o persoal do actual CIM. Polo de agora este é un aspecto sen dirimir, xa que a previsión é abordalo unha vez estea confirmada a subvención solicitada á consellería.

No pleno desta mañá participaron os alcaldes de Frades, Miguel Prado Patiño (tamén presidente da mancomunidade); de Mesía, Mariano Iglesias Castro; de Oroso, Manuel Mirás Franqueira; e de Trazo, José Dafonte Varela. En representación de Cerceda acudiu a concelleira María Isabel Castro Fraga; e polo concello de Ordes participou o concelleiro Nel Astray Mariño, á vez vicepresidente da mancomunidade.

Prestacións actuais do CIM
Baixo a titularidade da mancomunidade, o Centro de Información á Muller manterá como mínimo a gama de servizos e os programas actuais, desde as súas áreas de información xurídica, de atención psicolóxica, de formación e recursos, de programación de actividades, e de atención específica.
Na área de información xurídica ofrécese asesoría en temas como separacións, divorcios, herdanzas, impago de pensións de alimentos, vivenda, custodia, malos tratos e prestacións sociais. A área psicolóxica aborda casos de depresión, ansiedade, maltrato e problemas de autoestima, intervén en situacións nas que se precise mediación familiar, de dificultades na parella, adicións, e ofrece apoio grupal a persoas afectadas por enfermedades crónicas.

Desde a área de formación e recursos, o CIM programa cursos para persoas desempregadas e ocupadas, ofrece información sobre axudas ao aluguer de vivenda, axudas a familias numerosas, axudas económicas a vítimas de violencia de xénero, e sobre recursos para a conciliación da vida laboral e familiar. De xeito parello, a área de actividades programa charlas, obradoiros, as actividades da escola de nais e pais, excursións, video-forums e diversas campañas de sensibilización.

Por último, o CIM dispón dunha área na que se ofrece atención específica para emigrantes e inmigrantes retornados, para persoas con discapacidade, para vítimas de violencia de xénero, para situacións de prostitución, e para familias monoparentais, entre outros.

Foto: Momento da intervención do vicepresidente da Mancomunidade e concelleiro de Ordes, Nel Astray, durante o pleno desta tarde.
 
*

viernes, 20 de agosto de 2010

A Mancomunidade recibiu aos ordenses de Bos Aires

Estudiaron a posibilidade da cesión das propiedades do centro arxentino á Mancomunidade ordense

Unha delegación da Mancomunidade viaxará proximamente á capital arxentina para "avanzar nas xestións"

A Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes recibíu esta mañá a visita dunha delegación do Centro Galego da Comarca de Ordes en Bos Aires (Arxentina), encabezada polo seu presidente José Luís Durán. Un encontro no que os alcaldes dos sete concellos que compoñen a Mancomunidade de Ordes estudiaron a posibilidade da cesión das propiedades que o Centro Galego da Comarca de Ordes ten en Bos Aires.

O presidente da Mancomunidade de Ordes, Miguel Prado Patiño, sinala que “agradecemos o ofrecemento da directiva e dos socios do Centro Galego da Comarca de Ordes. Estudiarémolo e veremos como se pode articular legalmente”. De feito, Prado Patiño indicou que “espero que en breve unha delegación da Mancomunidade visite Bos Aires e podamos avanzar na xestión desta cesión de propiedades”.
Un punto no que coincidiu José Luís Durán, que sinalou que “siempre hemos contado con la colaboración de la Mancomunidad, que el año pasado nos donó un crucero muy bonito y que le da un prestigio a nuestras instalaciones. Ahora proponemos pasarle los bienes en propiedad a la Mancomunidad para estar más tranquilos sobre su futuro”.

Máis de 750 asociados
O Centro Galego da Comarca de Ordes en Bos Aires conta con máis de 750 asociados. Conta cunhas importantes instalacións en Lomas Valentinas (Bos Aires) nas que o pasado 1 de agosto mesmo inauguraron unha piscina climatizada. Ademais, contan cun amplo salón de actos con capacidade para máis de 600 persoas e unhas amplas zonas verdes que utilizan como merendeiro para albergar actos sociais. “Además tenemos un grupo folclórico de 25 personas, entre músicos y bailarines, y enseñamos gaita y baile gallego gratuitamente”, apunta Durán.

Miguel Prado aproveitou a ocasión para felicitar a Durán “pola boa cesión do centro que estades levando a cabo nos últimos anos pois eu coñezo o centro anterior e o certo é que sorprende ver o moito que se leva avanzado nos últimos anos”. Neste sentido, adiantou que “seguiremos colaborando con este centro, onde os alcaldes da Mancomunidade de Ordes somos socios honorarios”.

Unha colaboración que xa está tendo lugar nestes mesmos días, pois canda esta delegación do Centro Galego da Comarca de Ordes en Bos Aires viaxaron tamén catorce dos 25 integrantes do seu grupo folklórico, que participaron no encontro organizado pola Xunta e mesmo participaron tamén no Día do Emigrante, das festas patronais de Ordes.

Á reunión desta mañá asistiron o presidente da Mancomunidade e alcalde de Frades, Miguel Prado Patiño; o alcaldes de Oroso, Manuel Mirás Franqueira; Cerceda, Xosé García Liñares; e Mesía, Mariano Iglesias Castro; así como o primeiro tenente de alcalde de Trazo, Xosé Liste.

Foto: Foto de familia dos dirixentes da Mancomunidade de Ordes co presidente do Centro Galego da Comarca de Ordes en Bos Aires (Arxentina), José Luis Durán [camisa azul e perilla]. 

*

miércoles, 4 de marzo de 2009

Reunión bimensual dos técnicos de servizos sociais


A Mancomunidade de Ordes creará un foro na súa páxina web para facilitar a coordinación dos técnicos

Os técnicos municipais que traballan no área de Servizos Sociais dos sete concellos da Mancomunidade de Ordes e os técnicos da propia Mancomunidade reuniranse cada dous meses para tratar de coordinar as súas actuacións neste campo tan sensible para os veciños e veciñas da comarca. Así se acordou na primeira destas reunións, celebrada no Centro Comarcal de Ordes, e á que acudiron unha trintena de técnicos en representación dos sete concellos da comarca (Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia e Trazo) e que estivo presidida por Miguel Prado Patiño, presidente da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes.

Necesidade de coordinar os servizos que prestan
Neste encontro, os técnicos municipais e da mancomunidade puxeron de manifesto a necesidade de coordinar os servizos que prestan en cada un dos concellos. Os asistentes (entre os que estiveron presentes sociólogos, educadores familiares, avogados, a dirección do Centro de Información á Muller de Ordes...) acordaron como primeiro paso crear un foro na web da Mancomunidade de Municipios de Ordes (http://www.mancomunidadedeordes.com/). Un foro no que puideran intercambiar experiencias e compartir dúbidas.
O seguinte encontro, o 30 de abril
Así mesmo, na reunión acordouse tamén que este tipo de encontros teña unha periodicidade bimensual, de cara a profundizar na coordenación das actuacións que se prestan na comarca ordense en materia de servizos sociais. Así, o seguinte encontro terá lugar o vindeiro 30 de abril. Unha reunión na que se tratará de unificar os protocolos de actuación en materia de servizos sociais, prestando especial interese ás fichas de derivación de casos entre municipios.

*