viernes, 30 de agosto de 2013

A piscina do Muíño despediu hoxe o verán 2013



Máis de corenta nenos e nenas participaron en xogos, competicións e xincanas acuáticas

A piscina estará aberta ata o 15 de setembro

Cunha gran festa na que non faltaron os xogos, competicións e xincanas acuáticas, hoxe clausuráronse os cursos de natación organizados polo Concello de Ordes. Ademais tamén se fixo entrega dunha medalla e dun diploma a cada un dos participantes. 

Ao longo dos dous últimos meses máis de corenta nenos e nenas tiveron a oportunidade de aprender a nadar ou ben perfeccionar o seu estilo dentro da auga.


Aberta ata o 15 de setembro
A piscina municipal do Muíño fou o espazo no que se levaron a cabo estes cusos, que neste derradeiro día contou coa presenza do concelleiro de deportes, Roberto Iglesias

A piscina municipal do Muíño continuará aberta ata o vindeiro 15 de setembro.

*

A ITV agrícola estará no Mesón e polígono industrial de Ordes a mediados de outubro


O PP de Ordes denuncia dous postes da luz con risco de caída en Barbeiros

Estado do cruce do accidente, no lugar do Cruceiro de Barbeiros, denunciado hoxe polo PP de Ordes.

Martínez Sanjurjo: "O día a día do Concello de Ordes é puro teatro, ata o punto de que converteron a vella Casa Consistorial nun enorme e carísimo decorado"

O Partido Popular de Ordes informa hoxe de que máis dunha semana despois de se ter rexistrado un accidente no lugar do Cruceiro en Barbeiros, no que a colisión dun vehículo provocou danos estruturais en dous postes do tendido eléctrico, que a xuízo do PP local, "supoñen un perigo para automobilistas e viandantes", o Concello de Ordes continúa facendo "caso omiso da situación e nin sequera se personou no lugar dos feitos".

O Partido Popular de Ordes faise eco, unha vez máis, das denuncias dos veciños que tamén neste caso e sempre segundo o PP, "volven queixarse da deixadez do Goberno local, malia o perigo real destes dous postes".

Ante esta situación de "crecente desidia municipal", o Partido Popular de Ordes insta ao alcalde a que valore o risco xerado neste punto da rede viaria municipal, precinte os postes en caso necesario, sinalice o perigo e xestione a inmediata subsanación do problema.

Martínez Sanjurjo (PP).
As frases de José Luis Martínez Sanjurjo, portavoz municipal do PP de Ordes 
"Lamentamos que o acontecido en Barbeiros sexa só unha réplica do que con excesiva frecuencia sucede en calquera punto do termo municipal, no que as incidencias se amorean ante a deixadez do Concello"

“Vendo o que sucede a cotío, acredítase que Ordes ten un alcalde que só se dedica a figurar, en lugar de atender ás necesidades e os problemas cotiás do veciños"

"O día a día do Goberno local é puro teatro, ata o punto de que converteron a vella Casa Consistorial nun enorme e carísimo decorado: ben pintado por fora, pero inservible e cheo de refugallos por dentro”

*

O apoio do PSOE de Ordes aos orzamentos municipais da como froito o arranxo de pistas en Vilamaior e Parada

Estado actual da pista de Parada, logo da intervención municipal.


Xesús Pedreira: “Mentres outros grupos municipais rexeitan todo por sistema, os socialistas negociamos e conseguimos melloras que xa poden disfrutar os veciños e veciñas de Ordes” 

Os socialistas de Ordes informaron o pasado mércores de que o acordo polo cal o PSOE de Ordes deu o seu apoio aos orzamentos municipais de Ordes para 2013 "comeza a dar os seus froitos" e os seus beneficios "empezan a ser visibles para os veciños e veciñas do municipio". 

Pista en Parada.
Vilamaior e Parada
Así, nestes días quedaban arranxadas varias pistas de concentración na parroquia de Vilamaior, así como o vial que vai ata Parada dende a estrada Ordes-Carballo a través do Quinto.

A terceira reclamación socialista na zona, o adecentamento da pista de concentración entre O Peñasco e a pista que vai cara Vilamaior, queda pendente de incluír nun próximo Plan de Obras da Deputación. "É importante que se faga, pois a saída desa pista coa estrada Ordes-Lanzá está nunha curva e ten pouca visibilidade, polo que poden producirse accidentes”, lembra o concelleiro socialista Xesús Pedreira.
  
Pista de Vilamaior.
Outras melloras
Así mesmo, os socialistas ordenses lembran que en próximas datas comezarán a executarse outros investimentos incluídos no pacto de apoio aos orzamentos municipais de Ordes, que recollen partidas por un importe próximo aos 100.000 euros. 

“As máis inmediatas serán o investimento de 6.000 euros na promoción do comercio local ordense, que esperamos que se concrete nos próximos días, e a dotación de mobiliario para a antiga escola de Pereira, que os veciños utilizan como local social”, adianta Xesús Pedreira.

Por último, nas próximas semanas tamén está previsto que o Concello ordense cumpra co seu compromiso cos socialistas e habilite unha partida de 40.000 euros para a creación dun Centro Municipal de Emprendemento, que se situaría na primeira planta da praza de abastos

Xesús Pedreira (PSOE).
As frases de Xesús Pedreira, voceiro municipal socialista de Ordes
“Mentres outros grupos municipais rexeitan todo por sistema, os socialistas negociamos e conseguimos melloras que xa poden disfrutar os veciños e veciñas de Ordes” 

“Logramos o arranxo da pista do Coto ata a Capela do Rosario e dun pequeno tramo de pista entre outras dúas da concentración nova e que é moi importante para os veciños de Armada, Ameixeira e Carballedo xa que acurta o traxecto para ir cara o campo de fútbol e cara Frades”

*

A Mancomunidade de Ordes impulsará a creación da primeira cooperativa de produtores de grelos


Momento do encontro entre produtores de grelos e técnicos e representantes da Mancomunidade de Ordes.
Manuel Regos: "Ofreceremos toda a axuda e o apoio para todos os produtores que decidan formar parte desta nova iniciativa"

A Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes a través da súa Oficina do Fomento ao Cooperativismo mantivo na mañá do pasado mércores 28 una xuntanza con produtores de grelos e representantes de distintas asociacións para constituir a que será a primeira cooperativa dedicada á comercialización deste  producto.

Trátase dun proxecto que melloraría a distribución, a produción, a trazabilidade na cadea de produción ou as garantías á hora da venda do vexetal. Este asunto abordarase no pleno convocado de cara ao vindeiro luns cos alcaldes de toda a comarca. 

Posteriormente terá lugar outra xuntanza xa de cara ao mes de outubro, na que se agarda a presenza de representantes de cooperativas similares, ademais dalgún membro da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia.
  
Estiveron presentes na reunión Manuel Regos Boquete, presidente da Mancomunidade e alcalde de Ordes; e os concelleiros José Luis Gómez Candal e Ramón Vázquez Raña. Tamén Manuel Pena, técnico da Oficina de Fomento ao Cooperativismo; e as técnicas de AGACA Ruth Rodríguez e Loli Couso. Como representante da Asociación A Ponderosa (Anxeriz) asistiu Carmen Gesto, así como un total de oito produtores de diversos concellos da comarca.

Manuel Regos Boquete.
As frases de Manuel Regos, presidente da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes
“Trátase dun proxecto beneficioso para todos e que sen dúbida traerá riqueza para a nosa zona, fomentando e promocionando o cultivo dun dos mellores productos que temos, o grelo

"Nós apostaoms pola fórmula do cooperativismo nos tempos actuais porque a unión fai a forza

"Dende a Mancomunidade de Ordes ofrecerase toda a axuda e o apoio para todos os produtores que decidan formar parte desta nova iniciativa”

*