Mostrando entradas con la etiqueta Xesús Pedreira. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Xesús Pedreira. Mostrar todas las entradas

miércoles, 25 de junio de 2014

Fomento aceptou as petición do PSOE de Ordes e mellorará o pavimento da N-550

Pedreira: ""A situación é especialmente grave diante do número 143 da avenida de Alfonso Senra e no tramo entre os números 122 e 133"

Os socialistas pedirán no próximo pleno unha batería de melloras viarias

O Ministerio de Fomento vén de aceptar as reclamacións formuladas pola Agrupación Socialista de Ordes e anuncia que mellorará o pavimento da N-550 na avenida de Alfonso Senra. 

Unha actuación que está contemplada nun proxecto de reforzo de firmes xa redactado e que “se está adaptando con criterio de eficiencia”, segundo a resposta escrita do Goberno ao senador socialista Francisco Javier Losada de Aspiazu.

A pesar da evidente degradación do firme na N-550 ao seu paso por Ordes, en especial diante da Alameda, o Ministerio de Fomento insiste en que “su estado de conservación es correcto, al tratarse de un pavimento rígido, con mayor durabilidad en el tiempo” e se escuda na Rolda Leste para xustificar que o desvío do tráfico pesado xera menores deterioros no firme. 

Beirarrúas
Sen embargo, o voceiro muncipal socialista, Xesús Pedreira, bota en falta que Fomento “aínda non se pronunciara sobre a necesidade de remodelar as beirarrúas que bordean esta travesía, para que cumpran coa legalidade vixente e garantan a seguridade viaria tanto para o tráfico rodado como, especialmente, para os peóns”. 

Neste sentido, os socialistas ordenses aínda están á espera dunha resposta de Fomento á Proposición non de Lei rexistrada polos deputados socialistas Paloma Rodríguez e Miguel Cortizo en marzo de 2014. Unha proposta que conta co respaldo unánime do pleno municipal.

O voceiro municipal do PSdeG-PSOE en Ordes, Xesús Pedreira, sinala que “estamos satisfeitos de que Fomento teña previsto mellorar o pavimento na avenida de Alfonso Senra, pero negar que as placas de cemento están separadas e que o firme está descompensado amosa un gran descoñecemento da situación sobre o térreo”.

Rede viaria
Por outra banda, os socialistas ordenses presentarán na sesión plenaria deste xoves unha batería de propostas de mellora da rede viaria ordense. Así, pedirán o pintado da estrada entre o cruce de Vilasuso-Bean e o límite de Oroso (dirección Deixebre), aglomerada no seu día a petición dos socialistas ordenses pero que aínda está sen pintar no seu tramo de Ordes. 

Así mesmo, os socialistas pedirán o desbroce doutra pista próxima, que vai dende a estrada de Vilasuso a Deixebre e a Casas do Monte (Beán), que leva dous anos sen desbrozar e fai que a circulación sexa máis complicada.

Por último, os socialistas faranse eco das reclamacións dos veciños das parroquias de Poulo e de Pereira e solicitaranlle ao Concello o incremento da sinalización vertical e horizontal no cruce entre a CP-3802 Ordes-Pontecarreira e a estrada que vai de Poulo a Pereira, no lugar de Carballo.

As frases de Xesús Pedreira, voceiro municipal socialista de Ordes
“Hai varios puntos da avenida Alfonso Senra onde os peóns se ven obrigados a baixarse á calzada da N-550 para poder circular, co perigo que iso supón para a súa seguridade. Un perigo que se incrementa no caso de que o viandante vaia en cadeira de rodas ou leve unha silla de nenos” 

"A situación é especialmente grave diante do número 143 da rúa Alfonso Senra e no tramo entre os números 122 e 133, que incumpren o establecido na Lei 1/1998, de 5 de maio, de Accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas, urbanísticas e da comunicación.

*

lunes, 23 de junio de 2014

Os socialistas de Ordes opóñense á ampliación do vertedoiro da Areosa

Pedirán no pleno municipal a retirada do proxecto

Pedreira: "A pretensión de convertir a Areosa no macrovertedoiro de Galicia suporá graves prexuízos para os veciños de Ordes"

A Agrupación Socialista de Ordes denuncia que a ampliación do vertedoiro da Areosa, anunciado este mesmo mes pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, terá consecuencias medioambientais adversas para os veciños das parroquias próximas e un maior deterioro das infraestruturas viarias polo paso dun maior número de camións transportadores de residuos. 

Por iso, o PSOE de Ordes pedirá na sesión plenaria deste xoves que o Concello de Ordes inste á Xunta de Galicia a abandonar este proxecto de ampliación do vertedoiro de Areosa polos prexuízos que ocasionará aos veciños de Ordes.

Xesús Pedreira (PSOE).
As frases de Xesús Pedreira, voceiro municipal socialista de Ordes
“Temos que lembrar que cerca de 400.000 toneladas das máis de 900.000 toneladas que recibe cada ano Sogama van parar ao vertedoiro da Areosa, que xa no ano 2012 acumulaba case dous millóns de toneladas de residuos sólidos urbanos"

"A pretensión de Agustín Hernández, reciclado e reutilizado agora con urxencia para alcalde de Santiago, de converter Areosa no macrovertedoiro de Galicia implica graves prexuízos para os veciños e veciñas das parroquias próximas a modo de cheiros, lixiviados, etc”. 

“O incremento do número de camións con destino a Sogama suporá un maior deterioro da rede viaria e iso repercutirá economicamente sobre o concello de Ordes, xa que tanto a Xunta como Sogama se desentenden do mantemento destas estradas que estropean, pero cuxo arranxo ten que ser sufragado polas arcas municipais”

*

jueves, 19 de junio de 2014

O PSOE reclamará ao Ministerio a "limpeza urxente" da N-550 ao seu paso por Ordes

Xesús Pedreira: "As cunetas están cheas de xestas e de toxos de gran tamaño que supoñen un elevado risco de lume"

O portavoz de Agricultura do Grupo Socialista, Pablo García, anunciou o pasado martes unha serie de iniciativas parlamentarias sobre a situación das marxes das estradas de Ordes. Sinala que a proliferación de maleza logo dun inverno moi chuvioso eleva o risco de incendios forestais na N-550 e outras estradas do concello. 

Por iso, os socialistas galegos queren que a Xunta se dirixa ao Ministerio de Fomento para que proceda á limpeza urxente das marxes da estrada nacional, cun alto risco pola continuidade que ten a estrada, asolagada pola maleza, con zonas arboradas.


Esta iniciativa, que será presentada na Cámara autonómica, coincide coa aprobación recentemente dunha proposta semellante no Concello de Ordes a proposta da Agrupación Socialista de Ordes. 

O seu voceiro municipal, Xesús Pedreira, explica que “como o ano pasado xa non se desbrozou, agora as cunetas están cheas de xestas e de toxos de gran tamaño que supoñen un elevado risco de lume agora que se achega o verán”.

*

martes, 10 de junio de 2014

O PSOE de Ordes recolle máis de 1700 sinaturas na defensa do partido xudicial de Ordes


Pedreira: "Estamos moi satisfeitos pola resposta da cidadanía, que dixo non a que os obriguen a desprazarse a máis de 40 quilómetros para calquera trámite xudicial" 

O PSOE de Ordes ven de recollr algo máis de 1.700 sinaturas de veciños do municipio na defensa da permanencia do partido xudicial de Ordes, cuxa continuidade se ve ameazada pola Lei de Demarcación e de Planta Xudicial que tramita o Ministerio de Xustiza. 

Os socialistas lembran que a desaparición dos xulgados de Ordes suporía unha importante molestia e un significativo gasto económico para os veciños, que terían que desprazárense ata A Coruña para calquera trámite xudicial, ao tempo que suporía unha importante perda para o sector comercial e hostaleiro de Ordes, sobre todo se temos en conta que cada ano se fan máis de 3.000 procesos en Ordes.

As frases de Xesús Pedreira, secretario xeral da Agrupación Socialista de Ordes,
"Agradecemos en primeiro lugar a todos os veciños e veciñas de Ordes que asinaron esta petición e tamén aos establecementos comerciais que colaboraron na recollida de sinaturas durante este último mes”


"Estamos moi satisfeitos pola resposta da cidadanía de Ordes, que dixeron non a que os obriguen a desprazarse a máis de 40 quilómetros para calquera trámite xudicial" 

"Esta iniciativa tamén serviu para informar a moitos veciños da situación, pois son moitos os que descoñecen as consecuencias da decisión do señor Gallardón”

* 

martes, 27 de mayo de 2014

Os socialistas de Ordes denuncian o mal estado das cunetas da N-550


Pedreira: "As cunetas están cheas de xestas e de toxos de gran tamaño que supoñen un elevado risco de lume"

Os socialistas de Ordes denunciaron hoxe o pésimo estado de conservación no que se atopan as cunetas da estrada Nacional 550 ao seu paso polo Concello de Ordes, que se une ao pésimo estado de conservación do firme desta estrada en xeral. 

Por esa razón, os socialistas presentarán este mércores unha moción ao pleno municipal na que instan á Demarcación de Estradas do Estado en Galicia a que faga a limpeza das cunetas da N-550 canto antes e de xeito preventivo, xa que está a comezar a tempada de lumes. 

Pequenas actuacións

Así mesmo, os socialistas aproveitarán a sesión plenaria deste mércores para solicitar unha cuneta na rúa Coruña que evite que as augas pluviais vaian pola estrada. Ademais, os socialistas tamén lle solicitarán ao Concello que realice diversas actuacións de mantemento e reparación dos parques infantís do municipio, tanto na Vila de Ordes como nas parroquias.

Por último, os socialistas pedirán a colocación das placas identificadoras da rúa Canteira, o cambio dos escudos nas sinais existentes na intercesión desta rúa coa N-550 e que se intensifique a recollida dos residuos urbanos durante a celebración da vindeira Expo Ordes, pois a Agrupación Socialista de Ordes recibiu varias protestas de veciños/as do Campo da Feira pola falla de recollida do lixo o sábado, intre no que os colectores estaban cheos e tiveron que deixar o lixo fóra.

As frases de Xesús Pedreira, voceiro municipal do PSOE de Ordes 
“A pesar das nosas protestas, o ano pasado xa non se desbrozaron as cunetas, que este ano están cheas de xestas e de toxos de gran tamaño que supoñen un elevado risco de lume agora que se achega o verán”


“Estes días pódese observar que estiveron botando herbicida nas cunetas, que contaminan máis que eliminar vexetación. Está claro que o uso de herbicida é eficaz para secar a vexetación, pero tamén é moi alto o prezo que se paga pola súa afección en abellas ou paxaros”

*

jueves, 22 de mayo de 2014

O PSOE reclamará en Madrid a cesión da estación da Pontraga ao Concello de Ordes

Paloma Rodríguez e Xesús Pedreira, onte na estación da Pontraga, en Ordes. 

A estación está suxeita a un contrato de aluguer por 23 anos a un prezo anual de 9000 euros


Pedreira: "Eses cartos poderían investirse no mantemento da Pontraga e poñela a disposición dos veciños  para actividades sociais, cultural ou turísticas"

A deputada socialista Paloma Rodríguez vén de presentar ante o Congreso dos Deputados, a instancias da Agrupación Socialista de Ordes, unha proposición non de lei para que o Goberno ceda a titularidade da antiga estación de ferrocarril da Pontraga ao Concello de Ordes. 

“Unha cesión que tería lugar por un importe simbólico e co compromiso de que as instalacións se dediquen a fins de tipo social, turístico, cultural e dinamizador do benestar dos veciños e da economía de Ordes”, explica o voceiro municipal Xesús Pedreira, quen onte mércores acompañou a Paloma Rodríguez durante a súa visita á estación.

Pedreira lembra que o 27 de marzo de 2008, o Concello de Ordes e o ADIF asinaron un contrato de aluguer tanto do inmoble da estación da Pontraga como da totalidade do recinto ferroviario por un período de 23 anos. Vintetrés anos durante os cales o Concello de Ordes tería que abonar o pago dun aluguer de 9.000 euros anuais, o que suporía un gasto total mínimo de 207.000 euros. 

Xesús Pedreira considera que “nestes tempos de crise económica é abusivo que o Concello teña que pagar estas cantidades, sobre todo tendo en conta os investimentos e os traballos realizados na Pontraga, especialmente durante os obradoiros de emprego, que impediron a total desaparición deste inmoble, que estaba totalmente abandonado polo ADIF a pesar do seu valor arquitectónico”.


Cesión da titularidade
Os socialistas de Ordes agardan que o ADIF ceda a titularidade do inmoble e lembran que se a estación continúa en pé foi grazas aos investimentos realizados polo Concello de Ordes. “Xa lle temos reclamado en moitas ocasións a ADIF a cesión da Pontraga, incluso chegamos a iniciar conversas formais nese sentido pero non avanzan”, explica Pedreira.

A última vez na que os socialistas ordenses reclamaron a cesión da Pontraga foi a finais de 2013, coincidindo coa presentación da súa proposta de Senda Verde. 

Unha reclamación que tampouco foi atendida por ADIF. Neste sentido, Pedreira explica que “non ten sentido seguir abonando 9.000 euros anuais a ADIF cando eses cartos poderían investirse en continuar no mantemento da Pontraga para que poda estar a disposición dos veciños e veciñas de Ordes, que poderían utilizala para actividades sociais, cultural ou turísticas”.

*

miércoles, 21 de mayo de 2014

A aplicación da lei fará desaparecer as festas parroquiais, asegura o PSOE de Ordes

A normativa esixe previa licencia para montar escenarios

Pedreira: "Non haberá comisión de festas capaz de reunir tanta documentación ou de afrontar o gasto que suporía conseguir tantos permisos polo que suporía o fin para as festas parroquiais”

O PSOE de Ordes advirtiu hoxe de que a aplicación da Lei 9/2013, de 19 de decembro, do Emprendemento e da Competitividade Económica de Galicia podería supoñer un importante problema que podería derivar na desaparición das festas parroquiais. 

O problema radica no apartado C do Artigo 41 da Lei, que indica que “a celebración de espectáculos e de actividades extraordinarias e, en todo caso, os que requiran instalacións de escenarios e estruturas móbiles estarán sometidos a licenza”. 

O voceiro municipal socialista, Xesús Pedreira, advirte do “conflito que vai causar esta normativa xa que se os Concellos a aplican con rigorosidade, non haberá comisión de festas algunha que sexa quen de reunir tanta documentación ou de afrontar o gasto que suporía conseguir tantos permisos, licenzas e autorizacións, polo que suporía o fin para as festas parroquiais”.


Moción no Parlamento
Por iso, os socialistas de Ordes veñen de presentar unha moción plenaria para instar ao conselleiro de Economía e de Industria que derrogue o apartado C do Artigo 41 da Lei 9/2013. 

Unha reflexión que dende a Agrupación Socialista de Ordes xa trasladaron ao grupo parlamentario socialista, cuxo deputado autonómico Xosé A. Sánchez Bugallo tamén vén de presentar unha pregunta parlamentaria dirixida ao conselleiro de Economía e de Industria para coñecer que ten previsto facer para evitar estes problemas.

As frases de Xesús Pedreira, voceiro municipal socialista de Ordes
“O cumprimento desta norma obriga aos organizadores das festas tradicionais nas parroquias a presentar proxectos de seguridade e de instalacións”

“Estamos falando de estudos de impacto acústico, plans de emerxencias... e moita máis documentación que non é nada doado reunir para unha comisión de festas das nosas parroquias, que posiblemente se vería obrigada a facer un desembolso importante para conseguir toda esta documentación ou a contratar a algún profesional que a fixera por eles. E polo que xa nos dixeron algunhas comisións de festas de Ordes, non terán capacidade para afrontar estes novos gastos”

“Con esta Lei, o Partido Popular está a crear un conflito moi importante na cidadanía galega”.

*