sábado, 9 de abril de 2011

Preparados para recibir milleiros de visitantes nunha nova edición de Expo Ordes e Festa do Champiñón

O alcalde Manuel Regos inaugura oficialmente Expo Ordes 2009 xunto a un grupo de concelleiros.
Preto de 60 expositores daranse cita no Campo da Feira os días 15, 16 e 17 de abril

A Festa do Champiñón chega a súa 22º edición o domingo 17

Ordes se prepara para celebrar os vindeiros 15, 16 e 17 de abril unha nova edición de Expo Ordes. Unha feira multisectorial que como cada ano achegará ao municipio ás máis importantes empresas tanto a nivel local, como provincial e autonómico.

Nesta ocasión serán preto de 60 expositores os que se darán cita no recinto feiral de Expo Ordes, ubicado no Campo da Feira. Un recinto de máis de 3.000 metros cadrados baixo carpa, aos que se sumará outro espazo exterior con exposición de maquinaria.

Todos os sectores estarán representados nesta feira multisectorial que xa se ten convertido en todo un referente na comarca, dende a náutica, ao textil, a alimentación, o automóbil, as enerxías renovables, os mobles, a construción ou a maquinaria agrícola terán o seu espazo en Expo Ordes 2011. Uns estands aos que se sumarán outros de diferentes asociacións, colectivos e institucións da comarca.

Inauguración o venres 15 ás 20:00 horas
A inauguración da feira terá lugar o venres día 15 ás 20:00 horas nunha xornada adicada aos empresarios e autónomos locais. O sábado 16 o recinto feiral abrirá ás 10:00 ata as 19:00 h., contando durante todo o día coa actuación da Charanga Ruada. O domingo o recinto tamén estará aberto de 10:00 a 21:00 horas, estando previsto que ás 11:00 horas haxa unha visita ao recinto feiral por parte das autoridades locais, seguida dunha actuación da Banda de Música de Ordes. Durante todo o día a Charanga NBA será a encargada de animar aos visitantes.

Podes ver a inauguración de Expo Ordes 2010 co alcalde de Ordes, Manuel Regos, acompañando ao presidente da FEGAMP, Carlos Fernández, facendo clic baixo estas liñas.



XXII Festa do Champiñón
Como vén sendo habitual a última das xornadas de feira, o domingo día 17, terá lugar unha das citas festivas máis características do municipio, a Festa do Champiñón. Unha festa que vai xa pola súa vixésimo segunda edición e que xa é todo un referente en Ordes.

Esta xornada contará cunha degustación gratuíta do producto nos establecementos hosteleiros do municipio, unha degustación que correrá a cargo do Concello, quen repartirá arredor de 10.000 kilos de champiñóns entre os establecementos do municipio, co fin de que o ofrezcan aos seus clientes o champiñón nas especialidades que cada un elixa.

*