sábado, 30 de junio de 2012

Espectacular exhibición de taekwondo


O taekwondo, ou 'kárate coreano', significa pé (tae), puño (kwon) e arte marcial (do).

Mestres e alumnos do ximnasio Luar amosaron os seu dominio desta arte marcial coreana

O pavillón Campomaior de Ordes albergou esta mañá unha gala de exhibición de taekwondo a cargo dos mestres e alumnos do ximnasio Luar, canteira de campións galegos en categorías infantil e cadete. No encontro tamén se disputaron diversas competicións da categoría alevín. 

O taekwondo pode ter ata dez grados (cores do cinto) e outros tantos dan (cinto negro, experto).
Medallas e trofeos
En total máis de 150 deportistas demostraron as súas dotes non só nesta arte marcial senón tamén noutras modalidades como batuka ou pilates. Posteriormente tivo lugar a entrega de medallas e trofeos que contou coa presenza dos concelleiros Silvia Marín e Luis Gómez Candal

*

As Noites psicoeducativas de Ordes despedíronse cun cheo absoluto



Obradoiros de fieltro, tiro con arco, cociña fría e decoración culinaria ou karaoke foron algunhas das actividades realizadas

A última das Noites psicoeducativas organizadas polo Concello de Ordes en colaboración coa Deputación da Coruña tivo lugar onte no pavillón Campomaior. Unha iniciativa coa que se lles ofrece aos menores entre 12 e 16 anos, alternativas para o seu tempo de ocio loxe do consumo de alcol. Asimesmo, con este plan preténdese incidir tamén na mellora da autoestima e das relacións interpersonais.



*

Música de todos os tempos no auditorio de Ordes



A Escola Municipal de Música celebrou onte o seu festival fin de curso

Os alumnos da Escola Municipal de Música de Ordes celebraron onte o seu festival de fin de curso no auditorio da Casa da Cultura. Unha cita que contou coa presenza de númeroso público entre os que se atopaban familiares, amigos, veciños e veciñas do municipio que non quiseron perderse o recital. 


Interpretacións
No acto se interpretaron pezas de autores clásicos como J. S. Bach e tamén de bandas contemporáneas como M-Clan.

*

viernes, 29 de junio de 2012

O curso de habilidades sociais despídese co desexo de que continúe o curso que ven



Nesta edición foron dezaseis os alumnos de distintos concellos participantes no programa da Mancomunidade de Ordes

Alumnos, pais e nais de alumnos, monitores e representantes do Goberno municipal solicitaron a continuidade das axudas para este curso

Entre bágoas, emocionados e manifestando o desexo de querer volver a reencontrarse nun novo curso. Así se despediron esta mañá os alumnos, monitores, auxiliares e familiares na clausura do curso de habilidades sociais que dende o pasado setembro se viu desenvolvendo na aula adaptada do Mesón do Vento.

As concelleiras Silvia Marín e Lucía Iglesias non quiseron perder a oportunidade de despedirse persoalmente de cada alumno e ver o momento no que recollían os boletíns de calificacións e o seu diploma acreditativo. O encargado de entregalos foi un emocionado alcalde Manuel Regos, que unha vez máis puxo de manifesto o interés do actual equipo de Goberno por sacar adiante as políticas sociais emprendidas cos máis desfavorecidos. Pola súa banda os pais e familiares dos alumnos lle agradeceron o seu esforzo e recoñeceron públicamente o beneficioso deste curso e a axuda moral que lles supuso.

Alfabetización
En total foron dezaseis os alumnos e alumnas de diversos concellos da Mancomunidade de Ordes a quenes se lles brindaron coñecementos en materia de alfabetización, ademais de xogos e labores domésticas como tender e dobrar a roupa, facer a cama, poñer a lavadora, colocar a mesa, etc. “O máis destacable deste grupo son os lazos de amizade que se estableceron entre eles”, concreta a auxiliar do curso, que interpreta isto como “un aumento nas súas capacidades de relación cos demais e nun incremento da súa autoestima”.

“Agora o meu fillo non sae da casa sen deixar feitas a súa cama e a dos demais, cando antes non facía nada de nada”, comentaba un das nais presentes. Outra contestaba que a súa “filla antes nunca estaba alegre pero dende o pouco de comenzar este curso é estar esperando polo transporte para que a traia e xa empeza a rir e a contar cousas”. 

Ter un amigo
Pero para todos o momento máis destacable e entrañable do curso foi cando Juan caeu enfermo e tivo que deixar de asistir ás clases. “Era sorprendente e emotivo como todos e cada un deles non deixaban de preguntar todos os días por él”, asegura a monitora do curso. “Hai que pensar que moitos deles por primeira vez na súa vida e grazas a este curso puideron saber o que era ter un amigo”, conclúe.

Antes de concluir todos os presentes fixeron un chamamento de cara a Xunta de Galicia e demáis organismos supramunicipais para que den o visto bo á subvención da que están pendentes para poder continuar con este plan formativo. Precisamente o interés por este tipo de iniciativas tradúxose nunha aportación económica por parte do Concello de Ordes para poder continuar con este ciclo durante estes dous últimos meses.

*

O PP de Ordes celebra a subvención da Xunta para arranxar o vial Buscás-Mesón do Vento

A Consellería de Medio Rural dotou con 106.000 euros o arranxo dunha serie de viais no rural ordense

O Partido Popular de Ordes valorou hoxe de forma moi positiva a decisión da Xunta de Galicia de outorgar a unha subvención por importe de 106.536,87 euros para financiar as obras de arranxo do vial que comunica a parroquia de Buscás co núcleo do Mesón do Vento, que presentaba un serio deterioro como consecuencia da falta de conservación por parte do Concello.

Jose Luis Martínez Sanjurjo, portavoz municipal do Partido Popular de Ordes, celebrou a decisión da Xunta, enmarcada no programa de proxectos estratéxicos da Consellería de Medio Rural, que contribúe a paliar a falta de mantemento que presenta a maior parte da rede viaria de titularidade municipal.

Camiños e pistas "intransitables"
Se embargo, os populares ordenses cuestionan o abandono no que o Concello de Ordes ten sumidos os camiños e pistas do municipio, ata o punto de que algúns deses viais presentan un estado de abandono que os converte en intransitables nalgúns tramos.

O PP de Ordes atribúe esta situación á "deficiente planificación do Goberno local", que segundo o Partido Popular de Ordes, "preferiu gastar inxentes sumas económicas en proxectos de dubidosa utilidade, como a ampliación da Alameda ou a nova Casa Consistorial, en lugar de apostar por investimentos que beneficien a un maior número de veciños, como poderían ser os orientados a mellorar o firme da rede de camiños de titularidade municipal".

*

Pleno dos socialistas: aprobadas as súas mocións sobre custodia compartida, sanidade e lei de augas


Momento da reunión plenaria da corporación municipal do Concello de Ordes, onte nos baixos da Alameda.
O grupo municipal do Partido Popular quedou en solitario nunha sesión plenaria de máis de tres horas de duración

Convocada para o mércores a reunión do consello municipal de Radio Ordes

A longa sesión plenaria do mes de xuño do Concello de Ordes deu comezo onte coa renuncia a súa acta de concelleiro de Pedro Carrasco del Río, do grupo municipal do Partido Popular. Cada un dos portavoces dos demáis grupos municipais tiveron palabras de recoñecemento para Carrasco del Río, de quen  destacaron a súa integridade á hora de levar a cabo a súa labor politica.

Custodia compartida
Xa no debate plenario, o concelleiro do PSdG-PSOE, Xesús Pedreira, abriu o apartado de mocións solicitando o apoio do Pleno á figura da custodia compartida e a súa introdución na normativa actual. Diante dun grupo de veciños con mensaxes de apoio á figura da custodia compartida, Xesús Pedreira destacou que “aínda que dende o Ministerio din que están de acordo, non son quen de poñer datas e moito nos tememos que isto vai para longo”. Por iso, o pleno ordense non só apoiou a figura da custodia compartida, senón que instará ao lexislador a que modifique a normativa actual para que recolla a figura da Garda e Custodia Compartida. 

Según o concelleiro socialista, “as leis que regulan as rupturas matrimoniais non garanten o dereito dos menores a convivir cos dous proxenitores e coa familia de xeito igualitario o que supón unha inxustiza para moitas familias ordenses”. 

A proposta foi aprobada cos nove votos de UxO, BNG e PSdG-PSOE. O PP abstívose co argumento de estar a expensas da modificación do artigo 92 do Código Civil que regula esta materia, que se levará a cabo nun prazo de seis meses según anuncio o ministro de Xustiza, Alberto Ruíz Gallardón. Quen tamén se abstivo foi Ana Álvarez, de CideGa, alegando que “o Pleno municipal non ten competencia para tomar decisións en temas coma este, polo que facelo é enganar á xente”.

Lei de Sanidade
A segunda das mocións dos socialistas pedía a derogación do real decreto lei 16/2012 de medidas urxentes para a sanidade. Nela solicítase ao Goberno de España o diálogo con axentes sociais, Comunidade Autónomas, forzas políticas e coa Federación Española de Municipios para acadar un gran acordo sobre a Sanidade que manteña os principios establecidos na lei xeral de Sanidade de 1986

Xesús Pedreira explicou que “con este decreto quedan fora da gratuidade fármacos como os precisos para a nutrición parenteral, que poden custarlle máis de 800 euros mensuais aos pacientes”. Ademais, lamentou as mentiras do PP sobre esta lei “por fachendear de que aos parados non se lles vai cobrar cando saben perfectamente que, por desgracia, o maior número de desempregados son xente xoven que non son usuarios do sistema”.

Ante o argumento dos populares de que esta medida responde ó interese de seguir mantendo unha sanidade gratuita, universal e de calidade, a portavoz do grupo de Goberno muncipal, Silvia Marín, destacou que “Ordes quedará en breve sen matrona porque ésta marcha de vacacións e non enviarán quén a sustitúa”. 

Marín tamén incidiu na idea de que “é fácil crer que o PP prefire que os cidadáns contratemos seguros e servizos privados dadas as decisións que se están a tomar nestes  últimos meses e que traerá un grave perxuizo para as clases máis desfavorecidas”. Por parte do BNG criticouse, entre outros aspectos, que dende a Xunta de Galicia non se tome outra actitude xa que “é evidente que se están invadindo competencias do Parlamento galego”. Finalmente a moción saíu aprobada cos votos a favor de UxO, PSdG-PSOE e BNG (nove votos), pola abstención de CIDEGA e a negativa do PP.

Os socialistas tamén viron aprobada a moción que propón a retirada da lei de augas de Galicia cos votos a favor de UxO, PSdG-PSOE e BNG. O grupo municipal popular votou en contra e CideGa se abstivo.

Gesuga
O alcalde de Ordes aceptou a petición da Agrupación Socialista de Ordes e instará á empresa GESUGA a que os seus camións que transportan animais mortos usen a Rolda Lesta no seu camiño cara a planta de tratamento de Cerceda, evitando así o seu paso polo centro da Vila de Ordes. Pedreira conseguiu o compromiso do alcalde de que “se non fixeran caso, a policía local poderá sancionar a aqueles camións que pasen pola vila transportante animais mortos, e en moitas ocasións xa en estado de descomposición, para que os veciños non teñan que soportar os malos cheiros de putrefacción que deixan ao seu paso”.


Piscina do Muíño
Por parte do grupo municipal do BNG, a primeira das súas mocións que demandaba a baixada das tasas para a utilización da piscina do Muíño non foi admitida a trámite ao votarse en contra a súa urxenciaO portavoz do BNG de Ordes, Gonzalo Castro, salientou que “a propia execución das obras deixa moito que desexar, xa que inicialmente prevíase o descubrimento do curso do río, coa conseguinte humanización da zona, mais finalmente o curso do río continua totalmente canalizado e oculto e se ten producido o levantamento dun muro de formigón de cuestionábel estética”. 

Axudas a concellos
Pola súa contra si que se aprobou, coa única oposición do PP, a moción do BNG que demandaba da Xunta de Galicia que non reduza en 61 millóns de euros as axudas aos concellos para políticas de emprego e contratación de persoal en paro en escolas taller e obradoiros. “Convén lembrar que cando chegou Alberto Núñez Feijóo ao poder na Xunta de Galiza a taxa do desemprego no noso país estaba situada no 12 por cento. Neste momento, supera o 20 por cento, récord histórico”, engadiu Gonzalo Castro, quen engadiu tamén que “neste contexto resulta absolutamente inconcebíbel que se reduzan as partidas económicas que permitían aos concellos desenvolver políticas activas de emprego, actividades de formación e contratación de parados e paradas”.

Rescate financieiro
A última das mocións presentadas polos nacionalistas solicitaba ao Pleno municipal que se manifestase a favor da realización dun referéndum vinculante sobre o rescate que se vai a realizar do sistema financieiro. Tamén para que pida unha rápida solución para todos os afectados polas chamadas "participacións preferentes" de Novagalicia Banco,  que demande o mantemento dos postos de traballo de Novagalicia Banco, así como unha comisión de investigación no Congreso dos Deputados que esclarezcan as xestións realizadas polas entidades financieiras e a creación dunha banca pública galega

Gonzalo Castro manifestou na defensa desta moción que “o rescate ao Estado español por valor de 100.000 millóns de euros vai ter só un beneficiario -a banca privada, que poderá pagar as súas débedas e sanear os seus balances- e unha vítima ben evidente, a cidadanía, que será quen pague esta operación en forma de novos recortes, máis desemprego e co deterioro da nosa calidade de vida, tal e como aconteceu nos anteriores rescates no ámbito da UE: Grecia, Portugal e Irlanda”.

A este respecto, o PSdG-PSOE presentou unha emenda que demanda que como moito, en xullo esté constituida dita comisión. Tamén os populares presentaron unha emenda ao respecto onde solicitaron, estre outros puntos, a retirada de varios puntos da súa e que as demandas de mantemento dos postos de traballo se solicitaran a Novagalicia Banco e non á Xunta de Galicia. Aspectos que foron rexeitados polo BNG quen defendeu o beneficio dunha banca pública poñendo como exemplo o crecemento económico de Brasil. Finalmente, UxO, BNG e PSOE aprobaron esta moción mentres que o PP rexeitouna.


*

Regos: "As 'vacacións' foron dúas habitacións para dous gandeiros chegados de fora"

O alcalde de Ordes cifra en 160 euros a invitación de cortesía ofrecida a dous gandeiros chegados de Cantabria e Francia que Martínez Sanjurjo considera "inadmisible"

O alcalde de Ordes, Manuel Regos, contestou esta mañá ás acusacións vertidas polo portavoz municipal do PP de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, respecto a uns gastos públicos en hoteis co gallo da pasada Festa do Lacón con Grelos do Mesón do Vento. “As vacacións ás que se refire o voceiro do PP foron dúas habitacións que por cortesía do noso Concello se lle abonaron a dous gandeiros chegados de Cantabria e Francia con cabezas de gando para expoñer na feira. A cuantía total non supuxo máis de 160 euros para as arcas municipais e o PP sábeo porque así se lles explicou cando solicitaron esta información no pleno de onte”.

Mentres tanto, Regos califica de "éxito rotundo" as negociacións levadas a cabo xa que o Concello aforrouse o traslado do gando que costearon íntegramente os gandeiros e que noutras edicións chegaron a superar os 8.000 euros. Grazas a esta xestión por primeira vez exibíronse exemplares da raza limusín sen cornos, unha das novidades que maior atención acapararon durante toda a feira. Todo iso posibilitou tamén que Jean Luce Kress, experto nesta raza e presidente da empresa KBS Genetic falase e atendese as peticións e solicitude de múltiples gandeiros e profesionais “que se mostraron encantados con este tipo de encontros” conclúe Manuel Regos.

Carpa de Expo Ordes
Respecto das críticas verquidas polos populares sobre o investimento de 48.000 euros na carpa que albergou a última edición de Expo Ordes, o alcalde xa explicou no último pleno que este ano dita feira multisectorial levouse a cabo cun aforro do sesenta por cento, pasando dos máis de 100.000 euros que costou  noutras edicións os pouco máis de 50.000 euros


“E aínda así foi un éxito de público e de organización. Nós continuaremos investindo os cartos nestas iniciativas porque ademáis de xenerar riqueza e traballo achega ata o noso Concello moita xente con conseguinte beneficio que iso acarrea”, manifestou Manuel Regos.


Manuel Regos, alcalde de Ordes.
As frases de Manuel Regos, alcalde de Ordes
“O portavoz municipal do PP de Ordes debería desculparse por insinuar que pagamos vacacións cos cartos dos nosos veciños. Nós miramos moito polas contas e polos intereses do concello e neste caso concreto polos de Mesón do Vento"


"A feira de gando e do lacón con grelos que se realiza alí é unha das citas gastronómicas e comerciais máis importante da provincia. Dende o Goberno estamos dispostos a traballar a reo non só por mantela senón por facela medrar


*

Charla sobre a lei de caza


Rajoy fará desaparecer as Mancomunidades de municipios

A Mancomunidade da Comarca de Ordes pronto deixará de existir


Manuel Regos levará ao Pleno unha moción en defensa da institución


O pasado mércores 27, o secretario de Estado de Administracións, Antonio Beteta, informou de que no contexto do proxecto de reforma da Administración local  que recentemente presentou o Goberno do Estado, se proporá a supresión das 1.432 entidades supramunicipais -manconunidades e consorcios- que existen en España.  

O obxectivo do Goberno de Mariano Rajoy non é o outro que o de cumplir a promesa electoral de non duplicar institucións de carácter administrativo. De prosperar o citado proxecto, as funcións e responsabilidades que na actualidade soportan as mancomunidades e consorcios municipais serán asumidas polas Deputacións provinciais.

Moción en defensa da Mancomunidade
Manuel Regos, alcalde de Ordes e presidente da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes xa avanzou esta mañá a presentación no Pleno da próximo martes 3 de xullo dunha moción en defensa da institución. As mancomunidades do Salnés, Verín-Monterrei, Conso Frieiras, Celanova, O Ribeiro, Santa Águeda, Arousa Norte e Deza, preparan tamén accións similares.

Galicia suma 43 mancomunidades de municipios que xestionan de forma conxunta servizos públicos como son os puntos limpos, a recollida do lixo, a vixilancia dos montes, servizos sociais e atención á muller, promoción turística, e outros.

*

jueves, 28 de junio de 2012

O Concello habilita un contedor de recollida de cartuchos de tinta e tóners de impresoras



Está situado no primeiro andar da Casa do Concello

O Concello de Ordes ven de instalar un novo punto de reciclaxe. Nesta ocasión trátase dun contedor de recollida de cartuchos e tóners de impresoras que está situado no primeiro andar da Casa do Concello.

Os compoñentes informáticos como os tóners e os cartuchos son produtos moi contaminantes. Cabe ter en conta que para a fabricación das carcasas de plástico precísase petróleo en  bruto, e para a desintegración natural de cada un deles é necesario o paso de máis de mil anos, polo que é esencial xestionar este residuo de maneira axeitada e así evitar o seu vertido incontrolado

Redución de CO2
A reciclaxe destes cartuchos contribúe á redución de emisións directas de dióxido de carbono á atmosfera e evita a utlilización innecesaria de materias primas, así coma de auga e enerxía.

*

Todo cheo para a última das Noites Psicoeducativas


Dirixido a menores entre os 12 e os 16 anos, o programa ofrece alternativas ao consumo de alcol no tempo de ocio

Mañá venres terá lugar a última das Noites Psicoeducativas levadas a cabo polo Concello de Ordes en colaboración coa Deputación da Coruña. Unha iniciativa coa que se lles ofrece aos máis novos do municipio alternativas para o seu tempo de ocio que non van vinculadas ao consumo de alcol. Asimesmo, con este plan preténdese incidir tamén na mellora da autoestima e das relacións interpersoais.

Nesta ocasión os mozos e mozas con idades comprendidas entre os 12 e 16 anos poderán participar en obradoiros de tiro con arco, cociña fría, decoración culinaria, obradoiros de fieltro e xogos comunitarios entre outros. 

Todas estas actividades serán de balde e terán lugar no pavillón Campomaior de 20:30 a 23:30 horas. Dado o éxito da convocatoria as prazas xa se cubriron ós pucos días de abrirse o prazo.

*

"Rescate para a banca, roubo para o pobo"



O BNG celebra mañá un acto público en Ordes coa participación de Carlos Aymerich

O BNG de Ordes celebrará mañá venres, 29 de xuño ás 21:00 horas unha conferencia económica a cargo do deputado autonómico Carlos Aymerich. O acto terá lugar no salón de actos dos baixos da Alameda da vila de Ordes.

O portavoz municipal do BNG de Ordes, Gonzalo Castro, anunciou que se explicarán cuestións relacionadas co referendo sobre o rescate, coa solución das preferentes, atención ao público e mantemento do emprego en Novagalicia Banco, comisións de investigación e a necesidade dunha banca pública galega.

*

Martínez Sanjurjo: "O Concello asume gastos de hospedaxe para festas mentras adebeda dez millóns de euros"


O portavoz municipal do PP de Ordes preguntará no Pleno desta tarde sobre un alugueiro dunha carpa por valor de 48.000 euros

Tamén instará a que o Goberno municipal "deixe de marcar a liña informativa" de Radio Ordes

O Partido Popular de Ordes reclamará no pleno de esta tarde "explicacións ao alcalde" sobre a "sucesión de gastos de difícil xustificación nun momento no que a débeda do Concello supera os dez millóns de euros". O Partido Popular considera "inadmisible" que o Concello de Ordes asuma o pagamento de hospedaxes relacionadas cos recente Festa do Lacón e esixirá ao alcalde que explique as razóns dese gasto e quen ou quenes se beneficiaron de “noites de hotel gratis total a conta dos impostos de todos os veciños de Ordes”.

Segundo afirma o seu portavoz municipal, José Luis Martínez Sanjurjo, “sabemos que o rigor na xestión dos cartos públicos brila pola súa  ausencia no Concello de Ordes, pero esta factura dispara as alarmas, porque só nos faltaba acreditar, como sucede con esta factura, que algúen disfrute de vacacións de balde con cargo aos nosos impostos”.

Na mesma liña, o grupo municipal popular preguntará ao alcalde se considera que o Concello de Ordes se pode permitir destinar máis de 48.000 euros de alugueiro dunha carpa cando a débeda municipal ascende a máis de dez millóns de euros.

Negociado sen publicidade
Para o Partido Popular resulta "sospeitoso" que a contratación dese servizo se efectuase "por procedemento negociado e sen publicidade", cando, aseguran, "unha licitación aberta, na que diferentes empresas pudieran presentar ofertas podería resultar máis económica para as arcas municipais".

No Pleno previsto para esta tarde, o Partido Popuar de Ordes tamén defenderá unha moción para instar ao Concello a que "deixe de marcar a liña informativa da radio municipal", de maneira que este medio poda "emitir contidos plurais, a diferencia do que acontece actualmente, no que se censuran sistematicamente as informacións críticas co equipo de Goberno".

Piden tamén os populares unha "reorientación dos contidos dos paneis informativos que o Concello instalou na Alameda e no Campo da Feira e que son utilizados para impulsar a imaxe do alcalde".

José Luis Martínez Sanjurjo.
Rogos e preguntas
Outros rogos dos populares para esta tarde son os seguintes:

Recolocar a marquesiña danada por un accidente no lugar de Folgoso (Pereira).

Garantir a apertura e peche do cemiterio municipal nos horarios establecidos, dado que algunhas noites non se pecha.

Arranxo do vial de acceso a Carballedo (Buscás) e do que comunica o lugar de Outeiro coa estrada de Lanzá.

Corrixir as deficiencias detectadas nos pasos de peóns da vila de Ordes.

Executar as obras comprometidas para evitar asulagamentos nas vivendas de Tras do Cruxo e Fontenla (Merelle).

Instalar sinais de limitación de velocidade e outros elementos disuasorios na pista que atravesa o lugar da Folgueira (Mesón do Vento)

Arranxar os desperfectos que presentan as escaleiras que comunican o campo da feira do Mesón do Vento coa estrada N-550.

No capítulo de preguntas, o grupo municipal popular tamén se interesará polas subsanación que o Concello debería ter enviado á Xunta de Galicia para incorporar ao informe previo á aprobación  inicial do PXOM, sobre as actuacións desenvolvidas polo Concello no contorno do río Mercurín; e polas obras que se están a executar en Guindibóo de Abaixo.

*

miércoles, 27 de junio de 2012

Medio Rural dota a Ordes con 106.536 euros para infraestruturas rurais

A conselleira Rosa Quintana e outros, esta mañá na Coruña  firma dos convenios PEIM.
Trátase dun convenio sobre Proxectos Estratéxicos de Infraestruturas no Medio Rural (PEIM) 


A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana reuniuse hoxe na Delegación Territorial da Xunta na Coruña, para asinar os convenios sobre Proxectos Estratéxicos de Infraestruturas no Medio Rural (PEIM) cos distintos alcaldes dos concellos que se beneficiarán deste investimento. Entre eles estará o concello de Ordes, que se beneficiará dunha achega de 106.536,87 euros.


Xunta-Ministerio
O convenio establece que a Xunta de Galicia realizará actuacións de infraestrutura rural, mentres que o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente colaborará no financiamento de actuacións relativas a camiños agrícolas e pistas rurais.


*

O BNG opta por non subir os prezos na piscina do Muíño


Aspecto das obras do peche da piscina municipal.
Os nacionalistas presentan unha moción solicitando a conxelación dos prezos e o remate das obras

O portavoz do BNG de Ordes, Gonzalo Castro, anunciou esta tarde que o BNG ven de presentar unha moción, que será debatida no Pleno que terá lugar mañá xoves ás 20:00 horas, na que “proporemos a conxelación dos prezos da piscina municipal, mantendo os existentes o ano pasado e esixiremos ao alcalde que se rematen inmediatamente as obras que impiden o uso das instalacións da piscina e que xa levan retrasado quince días o inicio da temporada da piscina municipal, causando un perxuizo evidente aos veciños e veciñas de Ordes”.

Gonzalo Castro afirmou que “resulta inaceptábel a desproporcionada suba dos prezos da piscina municipal, que pretende acometer o alcalde, chegando prácticamente a multiplicar por dous o que viñan pagando até agora os usuarios da piscina municipal”.

O portavoz do BNG puxo como exemplo desta suba o carné de tempada de menores que pasa de 6 a 12 euros, e o de adultos, que pasa de 12 a 20 euros, así como os cursos de natación que pasan de 12 a 20 euros no caso dos menores e de 18 a 30 euros no caso dos adultos.

Gonzalo Castro salientou que, “con esta desproporcionada suba, o alcalde pretende que as familias de Ordes paguen os resultados dunha xestión absolutamente nefasta, pragada de despilfarros”.

Gonzalo Castro.
As frases de Gonzalo Castro, portavoz municipal do BNG de Ordes
“Esta suba dos abonos da piscina ten menos sentido ainda se temos en conta que xa se levan perdidos 15 días da tempada, que debía ter comezado a mediados do mes de xuño, debido ao retraso das obras que se están realizando na entrada da mesma”

“O retraso na execución destas obras é totalmente inxustificado, xa que forman parte dunha actuación subvencionada con cargo aos orzamentos do 2011, polo que debería ter sido realizada xa durante o inverno pasado”

“A execución das obras deixa moito que desexar, xa que inicialmente prevíase o descubrimento do curso do río, coa conseguinte humanización da zona, mais finalmente o curso do río continua totalmente canalizado e oculto e se ten producido o levantamento dun muro de formigón de cuestionábel estética”

*

Prado Patiño levará ao Pleno da Mancomunidade o cobro do IBI á Igrexa

Miguel Prado Patiño, durante un encontro coa conselleira de Traballo, Beatríz Mato, en outubro de 2009.
O alcalde de Frades, do PP, recoñece que no seu municipio, "todas as igrexas e capelas as rehabilita o Concello", e que sen embargo, a Igrexa "cobra por todo"


O alcalde de Frades, Manuel Prado Patiño, do Partido Popular, avanzou onte que próximamente levará ao Pleno da Mancomunidade de Ordes a súa proposta de cobrar o imposto sobre bens inmobles (IBI) á Igrexa Católica, toda vez que esta institución, asegura, "cobra por todo". O alcalde popular recoñece que "coa que está caendo, temos que ser un poco solidarios".


Prado Patiño explicou onte a Europa Press o que no seu municipio, "todas as igrexas e capelas" rehabilitounas o Concello. "Pídencho os veciño porque ali faise vida social" y "eles te poñen como escudo", explicou.


En contra da exención
Por outra banda, unha recente enquisa de Demoscopia deixa ver que un oitenta por cento dos enquisados opina que a Igrexa debe pagar o IBI aos municipios españois. Por ideoloxías, esta mesma enquisa reflexa que o sesenta por cento dos votantes do Partido Popular tamén consideran que a exención do pagamento deste imposto municipal a favor da Igrexa debería desaparecer.


*

O PSOE de Ordes solicita a retirada da Lei de Augas de Galicia


O domingo entra en vigor esta norma que segundo os socialistas, "suporá incrementos do 141% no prezo da auga"

Pedreira: "Esta lei só ten un fan recadatorio por parte da Xunta de Galicia"

O PSOE de Ordes presentou hoxe unha moción para que sexa tratada como urxente na sesión plenaria de mañá xoves e na que solicitará a retirada do Decreto polo que se desenvolve a Lei de Augas de Galicia e a elaboración dun novo regulamento que cumpla co establecido na Directiva Marco da Auga e sexa acordado coas corporacións  locais e demais personas usuarias da auga en Galicia. Unha urxencia que se xustifica na publicación do Decreto o pasado 22 de xuño no DOG e en que pretende ser vixente a partires do vindeiro domingo 1 de xullo.

O secretario xeral da Agrupación Socialista de Ordes, Xesús Pedreira, considera que “esta lei só ten un obxectivo contrastado: recadar máis e subir o prezo da auga para o conxunto da cidadanía nun momento de recesión económica. De feito, nalgún dos tramos suporá incrementos do 141% respecto do prezo actual e noutros o prezo da auga en Galicia equipararase ao da auga de desaladora no Levante de España”.

Xesús Pedreira, do PSOE de Ordes.
Perxuizo para os concellos
Xesús Pedreira denuncia ademais que “este canon se establece sen contar cos gobernos locais, que terán que aplicar despois este canon ao conxunto da cidadanía, polo que se está cercenando a autonomía local e se está incrementando o gasto corrente de concellos como Ordes aos facelos responsables da xestión do cobro e do seu ingreso íntegro na Xunta de Galicia”.

Os socialistas consideran que o texto obvia a incorporación de preceptos básicos da Directiva Marco da Auga, como garantir a sostibilidade ambiental, e só busca incorporar ao pagamento a novas persoas usuarias da auga en Galicia.

*

martes, 26 de junio de 2012

Un cento de contos para desfrutar do verán lendo


O programa permite o comodato de máis dun cento de obras literarias. 
A biblioteca municipal pon en marcha o programa de lectura veraniega, 'En vacacións, desfruta da biblioteca"

Coincidindo coa chegada do verán, a biblioteca municipal de Ordes ven de inaugurar unha nova mostra especialmente pensada para o público máis novo. 'En vacacións, desfruta da biblioteca' ofrece máis de cen títulos novos de contos e relatos nos que se destacan as ilustracións de moitos dos seus exemplares e tamén as historias e tramas do máis propicias para esta época do ano.  As obras poden desfrutarse tanto na ludoteca da biblioteca como no fogar, xa que o centro tamén ofrece o servizo de comodato para estes exemplares.

Sensibilización á lectura
Deste xeito, a biblioteca de Ordes continúa coa súa campaña de sensibilización á lectura e de captación de novos socios. Sobre todo entre os máis novos do Concello xa que “precisamente é nesta etapa de formación cando máis hai que incidir neles para que adquiran o hábito á lectura”, asegura Ana López, directora da biblioteca municipal de Ordes.  

*

Castro: "Canto chegou Feijóo á Xunta o paro estaba no 12%, agora supera o 20%, récord histórico"

Os nacionalistas presentan unha moción contra o recorte de 61 millóns de euros en axudas a políticas activas de emprego


O BNG presentou onte no Concello de Ordes unha moción contra o recorte de 61 millóns de euros en axudas ás corporacións municipais para políticas activas de emprego e para a contratación de paradas e parados, que foi publicada no DOG do pasado 15 de Xuño.
O portavoz municipal do BNG de Ordes, Gonzalo Castro manifestou que “esta drástica redución dos fondos públicos aos concellos para combater o paro é especialmente antisocial nun momento en que, precisamente a consecuencia das políticas despregadas polo PP en Galiza, o paro no noso país medra a un ritmo superior do que no Estado”.


“Cómpre lembrar que cando chegou Feijóo ao poder na Xunta de Galiza a taxa do desemprego no noso país estaba situada no doce por cento. Neste momento supera o vinte por cento, récord histórico”, engadiu o portavoz do BNG de Ordes.

Gonzalo Castro, do BNG de Ordes.
Políticas activas de emprego
Ademáis, Castro dixo que “neste contexto resulta absolutamente inconcebíbel que se reduzan as partidas económicas que permitían aos concellos desenvolver políticas activas de emprego, actividades de formación e contratación de parados e paradas”.

Con esta moción, o BNG, alén de denunciar o drástico recorte, propón que a Corporación Municipal que inste á Xunta a dar marcha atrás nesta nova tesourada e a garantir o financiamento que até o de agora permitía o desenvolvimento destas políticas activas de emprego. E, a maiores, que a Xunta solicite ao Goberno do Estado o mantimento dos fondos que se destinan á Administración galega para o sostimento das políticas activas de emprego.

Castro salientou “a especial gravedade que ten o problema do desemprego no concello de Ordes, cunha das taxas de paro máis altas da provincia da Coruña, que afecta na actualidade a máis de 1.270 veciños de Ordes e as súas familias, no que constitue un auténtico drama social”.

A frase de Gonzalo Castro, portavoz municipal do BNG de Ordes
“Resulta inadmisíbel que o Partido Popular siga insistindo en políticas contrarias ás maiorías sociais e contrarias a calquera hipótese de saída xusta da crise. Non só recorta as axudas para a creación de emprego, senón que, mediante a contrarreforma laboral, ten abaratado o despedimento, o que até agora se ten traducido, como advertía o BNG, nun brutal incremento do desemprego tanto en Galiza como no Estado”
*

'Xoguetes realizados con lixo' poderase visitar ata o 31 de xullo



A exposición feita con materiais de refugallo está ubicada na primeira planta da Casa do Concello

Ata o 31 de xullo poderase visitar a exposición ‘Xoguetes realizados con lixo’ que está a ter lugar na planta baixa da nova Casa do Concello de Ordes. Monecos, futbolíns, coches de carreiras e moitos máis obxetos conforman esta mostra, tendo en común o estar realizados con materiais de refugallos. O obxetivo é o de potenciar a conciencia mediambiental entre os máis novos do municipio, á par que incentivar a súa creatividade.

Medio Ambiente de Ordes
A iniciativa xurdiu do departamento de Medio Ambiente de Ordes co gallo do Día Mundial do Medioambiente celebrado o pasado 5 de xuño. Dirixida a rapaces e rapazas de entre 3 e 12 anos, na cita  participaron máis de vinte deles que recentemente recibiron un premio outorgado polo Concello de Ordes. 

*

lunes, 25 de junio de 2012

Pedreira: "Os camións de Sogama xa non circulan polo centro da vila, pero os de Gesuga ainda si"

Os socialistas de Ordes solicitarán no pleno o desvío dos camións da empresa de recollida de animais mortos

O PSOE de Ordes pedirá no pleno municipal desta semana que se inste á empresa Gesuga a que os seus camións que transportan animais mortos usen a rolda leste no seu camiño cara a planta de tratamento de Cerceda, evitando así o seu paso polo centro da Vila de Ordes. 

O secretario xeral da Agrupación Socialista de Ordes, Xesús Pedreira, explica que “observamos con satisfacción que os camións de Sogama xa non circulan polo centro da vila pero os de Gesuga seguen facéndoo, cando transportan animais mortos e en moitas ocasión xa en estado de descomposición, o cal fai que coa calor do verán os veciños teñan que soportar en maior ou menor medida os malos cheiros de putrefacción que deixan ao seu paso”.

Xesús Pedreira.
Desvío pola rolda leste
Por iso, os socialistas pedirán no pleno que o Concello de Ordes recomende a Gesuga que empregue a mesma ruta que están a utilizar os camións de Sogama cara Cerceda. Ademais, os socialistas solicitarán a instalación de paneis indicadores da rolda leste maiores aos xa instalados, para facer efectiva a desviación do tráfico. 

“Constatamos con satisfacción que as nosas suxerencias do pasado mes de maio foron atendidas, pero os paneis instalados son demasiado pequenos, polo que non poden ser observados con claridade polos vehículos”, sinala Xesús Pedreira.