sábado, 29 de junio de 2013

O pleno de Ordes aproba unha suba do IBI

Os concelleiros da Corporación municipal de Ordes, reunidos o pasado xoves en pleno ordinario.
Silvia Marín asegura que o incremento "non chegará aos dous euros de media por veciño"

O BNG acusa ao Goberno municipal de dictar un "catastrazo" e o PP ofrecía alternativas de pagamento respecto a bens rústicos fronte aos urbanos 

A sesión plenaria correspondente ao mes de xuño do Concello de Ordes acolleu o pasado xoves o debate da revisión catastral e a modificación do imposto sobre bens inmobles (IBI). Tal e como explicou a voceira do goberno local, Silvia Marín, “trátase dunha modificación catastral que según a lei debe ser revisada cada dez anos e que no caso de Ordes estaba á espera dende o ano 1993”

Deste xeito o Concello de Ordes, conxuntamente con outros 17 municipios foi un dos seleccionados pola Deputación da Coruña para realizar esta actualización de datos e cartografía, dentro dun plan que se levará a cabo ao longo dos próximos anos para todos os municipios da provincia que o precisen. 

“Deste xeito, ademais, remátase con situacións moi inxustas que se viñan dando. Por exemplo que se pagasen cantidades moi dispares por propiedades moi similares e de iguales dimensións”, matizou Marín. Finalmente o incremento no recibo do IBI para a poboación ordense non chegará aos dous euros de media

Aínda así, e tendo en conta a situación económica actual decidiuse manter conxelado o IPC para aplicar a menor suba posible dos recibos. Pola súa banda a idea do equipo de Goberno local é baixar aínda máis este imposto de cara ao vindeiro ano, tal e como se anunciou. Á hora da votación as representacións políticas de UxO, PSOE e CideGa votaron a favor, fronte á negativa do PP e BNG.   

Alternativas do PP
O grupo municipal popular votou en contra por defender unha enmenda coa que trataba de minorar a subida do IBI proposta polo Concello, que en dez anos pode chegar a un 52,94%.

Explicou o seu portavoz, José Luis Martínez Sanjurjo, que as proxeccións elaboradas polo PP conclúen que cun tipo de gravame do 0,58% revisable a baixa (idéntico para bens de natureza rústica e urbana) e a conxelación do IPC, o Concello tería garantida a suficiencia financeira derivada deste importe e podería cumprir o plan de axuste. 

Para os populares, o Grupo de Goberno coa "complicidade do PSOE" optou por aprobar fixar un tipo de gravame idéntico para os bens de rústica e urbana do 0,60%, co que “facer caixa” a curto prazo.

“Os datos poñen de manifesto que Regos está a aplicar sistematicamente subas de impostos nun intento desesperado por conseguir fondos para financiar os seus “caprichos persoais”, pero négase a amortizar parte da débeda derivada dunha mala xestión económica, levada a cabo dende que chegou a alcaldía, exprimindo cada vez máis os petos dos veciños”, afirmou Martínez Sanjurjo. 

Un "catastrazo" para o BNG
Pola súa parte, os nacionalistas acusaron ao Goberno local de perpetrar un “castastrazo”. Para o portavoz nacionalista, Ramiro Recouso, o alcalde Manuel Regos tenta reducir a débeda de mais de oito millóns de euros aumentando a presión fiscal sobre os veciños de Ordes, na vez de reducir gastos superfluos ou mesmo  suprimindo concesións e asesoramentos técnicos que son deficitarios. O portavoz do BNG citou como exemplos deste últimos ao Museo do Traxe, o servizo da ORA e Radio Ordes.

Redución do IBI agrícola
A colación tamén se acordou unha reducción de dito imposto nas explotacións de tipo gandeiro ou agrícola ubicadas no termo municipal. Unha bonificación solicitada polo PSOE e que todos aceptaron de xeito unánime. 

O voceiro municipal socialista, Xesús Pedreira, amosou a súa satisfacción polo apoio unánime do pleno a esta proposta, xa que “Ordes é un municipio onde a agricultura e a gandería teñen un peso especial e non aprobar isto sería condenalos directamente á ruína, cando se da a circunstancia de que moitas desas explotacións xa tiveron que pechar. Non podemos pedirlles que, enriba, paguen por esas instalacións que non poden utilizar”.

Tamén de xeito unánime acordouse a ratificación da constitución de Ordes e Trazo como solicitantes conxuntos dunha subvención para a posta en marcha dun obradoiro de emprego á Consellería de Traballo e Benestar. De ser aceptada dita proposta destinaríanse arredor de 21.000 euros na reforma da casa reitoral de Challán, e outros 16.000 euros para a preparación e construcción dunha senda que percorrería unha das marxen do río Mercurín en Ordes.

Suba do IVE cultural
Xa no apartado de mocións o PSOE sacou adiante a súa solicitude de para reconsiderar a recente suba do 21 % do IVE para bens e servizos culturais, establecendo sistemáticamente o tipo reducido. Todos, agás os populares, mostráronlle o seu apoio nas votacións. 

Rentas do extranxeiro
O mesmo resultado obtivo noura das súas mocións, a través da cal se lle solicita á Agencia Estatal de Administración Tributaria que se exima dos expedientes sancionadores ás persoas afectadas polas rendas percibidas dende o extranxeiro e que, por primeira vez, se están reclamando con carácter retroactivo dende o ano 2008. Neste punto tanto o PP como o BNG avogaron porque dende o Consistorio se brindase asesoramento legal aos afectados. 

O socialista Xesús Pedreira, impulsor da proposta,  lembrou que “estamos falando de reclamacións sobre pensións de moitos veciños e veciñas de Ordes emigrados con pensións que neses países están exentas de tributar pola súa baixa contía, pero que dende o pasado mes de marzo están sendo notificados por Facenda para que presenten declaracións complementarias da Renda dende o ano 2008 e están sendo sancionados”.

Acordos plenarios pasados
Rexeitada quedou a moción do BNG referente á aplicación dalgúns acordos aprobados  no pleno, aínda as que según a lei non teñen obriga de executarse. Tal e como se aclarou  na sesión de onte, moitos dos acordos que nun principio se adquiren en pleno posteriormente resultan "inviables"

Tampouco saíu aprobada a modificación do proxecto da Casa Consistorial, no que se solicitaba un acceso dende a Alameda. “Facelo agora sería moi custoso dado que as obras están moi avanzadas, polo que esta demanda é extemporánea”, argumentou Marín.

Cunetas da N-550
Na fase de rogos destacaron a solicitude da limpeza das cunetas ao longo da N-550. Unha solicitude feita dende a bancada socialista e que o Goberno local xa ten realizada por escrito. 

Tamén se solicitou maior axilidade na expropiación de terreos próximos á rotonda da Gorita co fin de poder ampliala e facilitar así o tránsito do transporte pesado por este tramo da Rolda Leste, así como sinalizacións na zona urbana que indiquen a ubicación do Museo do Traxe Juanjo Linares.


Pola  súa banda, o BNG entre outras propostas, solicitou o mantemento e arranxo dos parques infantís das parroquias de Parada e Pereira, ademais de melloras na iluminación da escola municipal de música. Neste punto aclarouse dende o Goberno que xa se levaron a cabo cambios nas iluminarias.

*

O Concello de Ordes recibe en Madrid o Premio Nacional Alares

O alcalde de Ordes recolle o premio ante a presenza da secretaria de Estado de Emprego do Goberno de España

En recoñecemento ao curso de habilidades para persoas con diversidade funcional

O alcalde Manuel Regos garantizou a continuación deste curso pese á "retirada da contribucións" doutras Administracións públicas

O Concello de Ordes ven de ser recoñecido na entrega dos VII Premios Nacionais Alares á Conciliación da Vida Familiar, Laboral e Persoal e á Responsabilidade Social que contou coa paricipación do Ministerio de Emprego e Seguridade Social do Goberno de España a través da súa secretaria de Estado de Emprego, Engracia Hidalgo

No acto de entrega de premios, celebrado o pasado mércores na sede de CaixaFórum de Madrid, o alcalde de Ordes recolleu o galardón de accésit na categoría institucional.

Os premiados posan na sede de CaixaFórum (Madrid). O alcalde de Ordes, o quinto pola esquerda abaixo.
Traballo con discapacitados
O galardón vén dado polo labor que o Concello de Ordes está a desenvolver ao longo dos últimos anos no curso de habilidades sociais e autonomía persoal para persoas con diversidade funcional que se imparte na aula adaptada do Mesón do Vento. 

“O que para nós non significa nada para eles é un gran logro e unha enorme satisfacción. Por exemplo: facer unha cama, recoller unha mesa, fregar un vaso ou dobrar unha camiseta é cruzar unha meta que nunca pensaron alcanzar”, explicou Silvia Marín, actual tenente de alcalde de Ordes e primeira concelleira de España na área de diversidade funcional

As frases de Manuel Regos, alcalde de Ordes
“Sabemos que as necesidades que presentan estas persoas son moitas e moi concretas, polo que temos un compromiso adquirido non só con eles senón tamén coas súas familias"

"Dende o Concello considerámolos unha prioridade e decidimos, a pesar do momento actual, continuar sufragando os gastos deste curso unha vez que se nos comunicou a retirada de contribucións por parte doutras institucións”

*

Nace en Ordes Xeira, unha nova cooperativa de servizos mediambientais, agrícolas e forestais


As tres emprendedoras ordenses posan coas autoridades ás portas da sede social de Xeira Consultora.

Fundada ao aveiro da oficina de promoción ao cooperativismo da Mancomunidade de Ordes

Manuel Regos: "Vos felicito pola súa valentía coa que tamén se nos contaxia o voso optimismo”

O presidente da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes, Manuel Regos, acompañado polos alcaldes de Trazo e Tordoian, José Dafonte e Antonio Pereiro e outras autoridades da comarca, asistiu o pasado xoves á inauguración da cooperativa Xeira Consultora.

Nacida ao aveiro da oficina de promoción ao cooperativismo da Mancomunidade de Ordes, Xeira Consultoría busca da respostas e solucións en tres áreas distintas: medioambiental, agrícola e forestal.

Tamén Xeira ofrecerá respostas xurídicas incidindo nas técnicas de mediación para a resolución de problemas e conflictos entre particulares e fronte ás Administracións públicas. 

“Con todo este conxunto de responsabilidades o que se pretende é incidir no recoñecemento e crecemento económico e social de toda a sociedade. Tamén se persegue o soño de poder desenvolver unha actividade profesional de calidade nun ámbito rural sen ter que plantexarse ter que abandoar unha comarca como a de Ordes”, manifestaron as impulsoras do proxecto empresarial. 

A frase de Manuel Regos, presidente da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes
"Felicito ás tres integrantes desta nova iniciativa pola súa valentía e por esta nova andaina coa que tamén se nos contaxia algo do voso optimismo



Da comezo un obradoiro de igualdade e contacontos na biblioteca de Ordes

Para nenos e nenas de 3 a 8 anos de idade

Inscricións na biblioteca municipal nos baixos da Alameda ou no teléfono 981681992

Baixo o nome de 'Contiños para compartir', a biblioteca municipal de Ordes emprenderá de cara ao vindeiro mes de xullo unha ova quenda de obradoiros de contacontos. Con esta iniciativa ademais de divertir e incidir na adquisición do hábito á lectura tamén se pretende traballar no valor da igualdade entre nenos e nenas.

As sesións para os rapaces e rapazas de 3 a 5 anos de idade terán lugar os días 2 e 16 de xullo de 12:15 a 13:30 horas, mentres que para os que teñen de 6 a 8 anos serán no mesmo horario pero os días 4 e 18 de xullo. 

A mesma actividade se lle impartirá noutro horario, tamén de mañán, a os asistentes das escolas de verán organizadas polo Concello de Ordes.

Inscricións
Todos aqueles que queiran participar nestes talleres poderán inscribirse na mesma biblioteca ou ben chamando ao teléfono 981 681992.


'Contiños para compartir’ é un traballo conxunto entre o Fondo Social Europeo, o CIM da Mancomunidade de Ordes, a Xunta de Galicia e o Concello de Ordes.

*

jueves, 27 de junio de 2013

Buscás celebrou o seu San Paio


O bo tempo achegou a centos de visitantes á parroquia situada aos pés do Camiño Inglés a Compostela

A parroquia ordense de Buscás celebrou onte o seu día grande na honra de San Paio

Centenares de veciños e veciñas rendíronlle tributo ao santo nunha procesión que tivo lugar logo dunha misa.


Quen foi San Paio
Paio ou Pelayo naceu en Crecente (Pontevedra) en 911 e morreu en Córdoba en 925. Sobriño do obispo de Tui, foi martirizado con pinzas de ferro logo de que o seu tío foro apresado polo califa Rahman III e Paio, de apenas catoce anos de idade, mantivera a súa fe en Cristo e lle negara favores deshonestos ao califa. 

Foi canonizado pola Igrexa Católica como exemplo da virtude da castidade xuvenil

*

Orde do día do pleno de Ordes de hoxe


Preto dun cento de atletas participan no III Campus de Atletismo de Ordes


Estase a desenvolver na cidade deportiva de Vista Alegre e rematará mañá venres 

A cidade deportiva de Vista Alegre acolle dende onte o III Campus de Atletismo Concello de Ordes. Ata o vindeiro venres preto dun cento de atletas dende a categoría infantil ata a de veteranos, participarán nesta convocatoria.

O programa deu comezo con carreiras de velocidade, nas que se incluíron circuítos con e sen obstáculos, ademais de xogos multiatléticos

Ademais, os atletas tamén poderán practicar con xavelina, disco, martelo, peso, saltos de lonxitude e altura, carreiras de resistencia e de relevos, xunto con probas de multilanzamento


Trofeos e premios
Os gañadores virán dados pola suma total de cada unha destas probas. Para todos eles haberá trofeos, ademais de sortearse agasallos entre todos os participantes de cara ao vindeiro venres, día no que se clausurará esta edición.

O cadro técnico para este ano está encabezado por José Domínguez, adestrador nacional de atletismo e licenciado en Educación Física, do clube de atletismo A Silva. Outros compoñentes serán: Sandra Don, Julio Santiago Freijanes, Ana Domínguez, Irene Mallo ou Marín Liste, recente campión nacional de lanzamento de disco.

*  

martes, 25 de junio de 2013

O PP de Ordes denuncia o "estado lamentable" dos depósitos de auga para a extinción de incendios

Aspecto actual dun punto de acopio de auga para extinción de incendios, cuberto polo matoxo.

Boa parte destes equipamentos están cubertos polo matoxo

O Partido Popular de Ordes anunciou hoxe que reclamará no pleno da Corporación desta semana, que o Concello revise e acondicione os diferentes depósitos de almacenamento de auga para a extinción de incendios forestais

Segundo os populares, a ausencia de mantemento fai que boa parte destes equipamentos estean practicamente cubertos polo matoxo e, polo tanto, case ilocalizables para os efectivos que combaten o lume.

O Partido Popular de Ordes constatou os puntos de acopio de auga  situados en diferentes lugares do municipio presentan "un estado lamentable" que non só dificulta a súa utilización, en caso necesario, polos efectivos contraincendios, senón que "tamén constitúen un perigo, dada a falta de sinalización e a escasa ou nula visibilidade que presentan".

A frase de José Luis Martínez Sanjurjo, portavoz municipal do Partido Popular de Ordes
"A falta de mantemento dos puntos de captación de auga para os efectivos contraincendios ven motivada polo clima de deixadez xeral que caracteriza a xestión do Concello de Ordes”

*

sábado, 22 de junio de 2013

Manuel Regos felicitou a Andrea Castro, campiona galega infantil en lanzamento de xavelina

A atleta ordense, de 13 anos, acadou unha distancia de 25,40 metros

"En Ordes podemos presumir de canteira de deportistas", asegurou o alcalde

O Concello de Ordes por medio do seu alcalde, Manuel Regos, felicitou onte á atleta Andrea Castro Landeira, tras acadar o título de campeona galega infantil en lanzamento de xabelina. Un logro acadado recentemente en Lugo por esta veciña de tan só 13 anos, tras acadar unha distancia de 25,40 metros.

Manuel Regos, alcalde de Ordes.
As frases de Manuel Regos, alcalde de Ordes
“Exitos como os logrados por Andrea Castro poñen de manifesto que en Ordes podemos presumir de canteira de deportistas"

"A constancia e o esforzo son o camiño a seguir para acadar un éxito que ademais de compartir tamén queremos agradecer"

"Dende o Concello queremos brindarlle todo o noso apoio a esta xoven atleta no seu camiño hacia todos os éxitos que estamos seguros que lle agardan”

*

O PSOE reclama un 'IBI cero' para o agro e gandeiros de Ordes

Xesús Pedreira: "Moitas explotacións xa tiveron que pechar por non resultar rendibles e non pode ser que se lles pida cartos por unhas instalacións que están sen uso"

O PSOE de Ordes anunciou hoxe que proporá bonificacións do 100% do IBI para explotacións agrícolas e gandeiras do municipio, logo da nova actualización do catastro ordense. Unha proposta que o voceiro municipal socialista, Xesús Pedreira, presentará no pleno ordinario do vindeiro xoves 27 de xuño.

IVE cultural
Por outra banda, os socialistas presentarán tamén unha moción ao pleno para que o Concello de Ordes lle solicite ao Goberno de España que anule a suba do IVE ata o 21% para bens e servizos culturais e estableza un tipo reducido para a cultura por debaixo do 10%

Xesús Pedreira lembra que “segundo datos do propio Ministerio de Facenda, coa subida do IVE da cultura no último trimestre de 2012  tan só se recadaron catro millóns de euros máis que en 2011, pero a actividade económica do sector baixou un 22%”. Unha recadación que nos últimos dous trimestres caeu un 24%, segundo a Federación de Empresarios de Teatro.

Xesús Pedreira (PSOE).
As frases de Xesús Pedreira, voceiro do PSOE de Ordes
“Ordes é un municipio onde a agricultura e a gandería teñen un peso especial. Se á brutal crise que está a sufrir o sector lle engadimos agora que teñen que pagar por todas as construcións vencelladas á produción agrogandeira sería a ruína total para eles”

“Dáse a circunstancia de que moitas explotacións xa tiveron que pechar por non resultar rendibles e agora resulta que haberá que pedirlles que paguen uns cartos por unhas instalacións que están sen uso

*

Mañá domingo comezan as festas de San Paio de Buscás

O mércores 26 será o día grande

A parroquia ordense de Buscás celebrará a partires de mañá domingo as súas festas na honra de San Paio.  As celebracións darán comezo ás 13:00 horas cunha misa.

Oficios relixiosos
De cara ao mércores día 26 vivirase o día grande de celebración cunha misa ás 13:00 horas. Previamente tamén haberá oficios relixiosos ás 09:00, 09:30, 10:00, 11:00 e 12:00 horas e novamente ás 20:00 horas. 

Nesta ocasión a música virá da man das orquestras La Bámbola,  presente tanto na sesión vermú como na verbena nocturna, e Combo Dominicano.

O IES Maruxa Mallo homenaxea a Prado-Vilar, Lidia Villaverde e Anxo Fernández

Os alumnos da 4º da ESO recolleron os seus diplomas de fin de curso.
En recoñecemento aos valores artísticos representados pola pintora luguesa que da nome ao centro

Os alumnos e alumnas do IES Maruxa Mallo celebraron na mañá de onte o remate  do curso escolar cun acto marcado pola música en vivo, a interpretación e os premios no auditorio da Casa da Cultura de Ordes.

Os galardonados nesta edición inaugural do I Premio Maruxa Mallo en recoñecemento aos valores representados pola pintora luguesa que da nome ao centro foron o profesor e historiador da arte ordense Francisco Prado-Vilar, a debuxante Lidia Villaverde Cao, alumna do mesmo instituto, e o profesor de Educación Fisica Anxo Fernández Otero.

Actuacións
As En-Cantadoras, gañadoras do certame Operación Ordes, e Vicky Polard, foron os artistas que fixeron bailar e cantar ao público. Tamén o dramaturgo Cándido Pazó fixo as delicias do público co interprétación dun monólogo.

Logo foron chamados cada un dos alumnos de 4º da ESO para recibir o seu diploma que atestigua a finalización dos seus estudos da ESO.

*

jueves, 20 de junio de 2013

Regos aproba os seus orzamentos do 2013

Serán de 11,5 millóns de euros

A proposta foi aprobada cos votos a favor de UxO e PSOE, a abstención de CideGa e os votos en contra de PP e BNG

A corporación municipal do Concello de Ordes aprobou esta mañá en sesión plenaria extraordinaria cos votos a favor de UxO e PSOE, a abstención de CideGa e os votos en contra de PP e BNG, os orzamentos do ano 2013. Unhas contas que roldan os 11,5 millóns de euros e que segundo a tenente de alcalde, Silvia Marín “son equilibrados, reais e permitirán ao noso Concello seguir avanzando”.

Tal e como se sinalou dende a bancada o Goberno local “nestas contas priman áreas como as dos servizos sociais e públicos básicos, a movilidade e accesibilidade, a seguridade, a educación, o medioambiente, o fomento do emprego ou as axudas sociais. Marín avogou por investimentos realizados en obras accesibles par adaptarse as necesidades de todos os veciños a través dunha subvención finalista como é o caso da nova Casa do Concello.

Silvia Marín (UxO).
Desglose orzamentario
Así, no detalle dos gastos os servizos públicos básicos alcanzan a cifra de 3.326.000 euros, dos cales 446.500 son para materias relacionadas coa seguridade e mobilidade cidadá, e máis de 400.000 euros para a área de urbanismo, punto no que se inclúe o mantemento de vías. En saneamento e distribución de augas, recollidas e tratamentos de residuos, cemiterios, alumeado público etc, investiranse arrredor de 2.281.500 euros. Tamén destacan os algo máis de 196.000 euros destinados a medioambiente.

No que se refire a servizos sociais e educativos as contas reflicten unha partida de 684.000 euros. Neste sentido Marín destacou a colaboración que o Concello manterá coas comunidades educativas instaladas no termo municipal “aínda que sexan competencia doutras administracións porque estamos falando dos nosos rapaces e rapazas e dos estudantes de Ordes que, en definitiva, son o noso futuro e polo tanto unha das nosas prioridades”. 

Así, continuaranse co curso de habilidades sociais e autonomía persoal que se imparte na aula adaptada do Mesón do Vento para persoas que presentan algún tipo de diversidade funcional. No eido deportivo e cultural cuantifícanse un total de 753.000 euros.

En actuacións de carácter económico dedícanse un total de 3.481.500 euros, que na súa meirande parte se investirán en estradas. Tamén se dedican un total de 106.753 euros para a promoción do comercio, turismo e pequenas e medianas empresas.

No presente exercicio reducirase case dez puntos a ratio de endebedamentos xa que 639.800 euros se investirán na amortización de débeda pública.

Ingresos
No que se refire aos ingresos obteranse arredor de 7.500.000 euros procedentes de impostos directos e indirectos, taxas, transferencias e ingresos patrimoniais. A esta cifra hai que engadirlles os 3.995.000 euros obtidos a través das transferencias de capitais.

Marín destacou que na actualidade o Concello de Ordes é un dos municipios que menos recada en impostos por habitante, cunha media que se aproxima aos 270 euros. “Somos conscientes da realidade e situación de moitos dos nosos habitantes, de aí que dende as nosas posibilidades este Concello manteña un nivel de gravámenes locais baixo, a diferencia non só doutros municipios senón tamén doutras institucións de ámbito comunitario ou estatal, polo que as cifras en relación á presión fiscal tamén son das más baixas de toda Galicia”, sinalou a tenente de alcalde. 

Marín tamén salientou que se segue a mesma dinámica no referente ao gasto en persoal, xa que a media comunitaria oscila entre o 45% e 65%, estando Ordes aínda nun nivel inferior. No caso do investimento por habitante esta é superior á media da provincia, situándoo en algo máis do 108%, situándose por riba da media estatal.   

Contas do 2012 
Na sesión de hoxe tamén foron aprobadas as contas xerais do exercicio 2012. Neste punto reflíctese un resultado orzamentario positivo de algo máis de un millón de euros cun remanente en tesourería de preto de 307.000 euros. A avaliación de estabilidade orzamentaria presenta unha capacidade de financiamento de preto de 1.071.000 euros.


     Na sesión de hoxe tamén se aclaraou que dende Intervención a débeda financieira contraída polo Concello de Ordes a 1 de xuño de 2013 según datos do Departamento de Intervención ascende a 6.951.000 euros, contemplando unha amortización de 640.000 euros, “polo que estamos no bo camiño para poder seguir traballando e esforzándonos. O fin é chegar a cubrir todos aqueles servizos prioritarios para o noso municipio e prestar a atención debida a aqueles que máis o precisan”, destacou Silvia Marín. 


José Luis Martínez Sanjurjo (PP).
Un "abismo" para o PP
O Partido Popular de Ordes votou en contra por entender que entre o documento orzamentario e a realidade media un “abismo”. O portavoz municipal do Partido Popular de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, acusou ao Executivo local de presentar os orzamentos cun retraso mínimo de medio ano e recordou que, como indica o informe do interventor, non se deben presupostar gastos sen ter garantidos os ingresos necesarios para efectuar os pagamentos.

Como alternativa, Martínez Sanjurjo, reclamou incluír nos orzamentos de 2013 un plan integral para o mantemento e limpeza dos 1.600 quilómetros de estradas e pistas de titularidade municipal para equiparar  o estado destas vías co que presentan as de concellos limítrofes.  “Canto máis empeore o estado destas pistas e estradas, máis custará afrontar a súa recuperación no futuro”, aseverou o voceiro popular.

"O Zapatero de Ordes"
Martínez Sanjurjo cuestionou con dureza a xestión desenvolvida polo Goberno de Regos nos últimos anos. A xuízo do PP, “Regos fixo como Zapatero, pensou que a crise era algo pasaxeiro e que podía seguir a gastar o que non tiña porque pensaban que o déficit e a débeda son verbas baleiras de contido”.

Como exemplos desa xestión errónea, o portavoz popular sinalou que, do orzamento de Ordes para 2013, tan só 344.000 euros financiados con fondos dos impostos dos veciños irán destinados a investimento directo, en beneficio dos veciños. Pola contra, resulta alarmante, que o importe dos xuros da débeda a longo prazo no mesmo exercicio 2013 acada os 358.000 euros. Cifra esta que supera aos investimentos financiados con fondos propios.

No seu conxunto, aseguraron os populares, a débeda do Concello de Ordes a curto e longo prazo suma nove millóns de euros, e non podemos esquecer os xuros que nalgún dos préstamos acadan o 7,25%.

O voceiro popular cuestionou tamén a suba de impostos impulsada polo Concello de Ordes no último ano, cun “catastrazo” que incrementou en máis de 400.000 euros a recadación do IBI urbano.

Na súa intervención, Martínez Sanjurjo instou tamén ao concelleiro socialista que co seu voto permitiu a aprobación do Orzamento a que explicase en público “con qué piruleta ou caramelo o convenceron en esta ocasión” para apoiar ao equipo de Goberno; pois das peticións que vendeu no ano 2012, non se viron os resultados por ningún lado.

Débeda municipal
No mesmo pleno, o Partido Popular votou tamén en contra da aprobación da Conta Xeral do Concello de Ordes correspondente ao exercicio de 2012.

Neste punto, Martínez Sanjurjo criticou o elevado crecemento da débeda municipal desde a chegada de Manuel Regos á Alcaldía. Recordou, que mentres en 2007 a débeda a longo prazo do Concello de Ordes supoñía 119 €/veciño, na actualidade, seis anos despois, supón 515,56 €/veciño, é dicir, á débeda municipal incrementouse nun 430%.

Paralelamente, Martínez Sanjurjo cuestionou tamén as horas ás que o Alcalde de Ordes convoca os plenos extraordinarios (hoxe, ás 08,00 h), cando os ordinarios adoitan celebrarse sobre as 20,00 horas do derradeiro xoves de cada mes. O voceiro popular atribuíu estas convocatorias a un intento de desincentivar a participación dos concelleiros da oposición, que se deben ausentar dos seus postos de traballo para poder acudir a estar reunións extraordinarias.

Ramiro Recouso (BNG).
"Irreais e inflados" para o BNG
Segundo Ramiro Recouso, portavoz municipal do BNG de Ordes, e "ao igual que o interventor municipal", considera que os 2.832.500 euros previstos para o arranxo da estrada de Mercurín, así como os 625.500 euros para saneamentos non deberían estar reflexados nos Orzamentos, porque non se ten constancia da súa concesión por parte do Goberno Central nin da Xunta.

Ao non estar concedidos nen comprometidos estos proxectos, o orzamento real do Concello de Ordes, sempre segundo o BNG de Ordes, ascende so a 8.009.446 euros, en 30% menos que os que aprobaron UxO e PSOE.

Para Ramiro Recouso “Manuel Regos pretende engañar aos veciños e veciñas, falsificando uns orzamentos que somentes van ter uns investimentos reais do 12% do presuposto real, ascendo os gastos correntes a un 80%, e cuns gastos financieros (amortizacións e intereses) 998.493 euros

Afondar na débeda financieira do Concello xa é redundante, “segundo o informe de intervención elaborado para aprobación da Conta Xeral 2012, a débeda percápita de Ordes ascende a 692,48 euros

Ramiro Recouso fixo fincapé “na miserábel partida orzamentaria para a promoción de emprego, no aumento da presión fiscal sobre os veciños co novo aumento do IBI e da nula redución de gasto, pondo como exemplo o déficit que xera o Museo do Traxe, 54.000 euros; Radio Ordes, 42.500 euros; ou a piscina climatizada 74.000 euros

"Quebra técnica"
O portavoz nacionalista salientou que “Regos decidiu contratar, sen concurso público que abaratara o custo do servizo, a concesión do mantemento de viais públicos, por importe de 134.000 euros e o desbroce de cunetas por importe de 109.000 euros a unha empresa determinada, non se sabe con que escuros intereses”.

Recouso salientou tamén “a reedición do Goberno de Coalición da pasada lexislatura entre UxO e PSOE, goberno que nos levou a esta situación de quebra técnica que sofre o Concello de Ordes”

Xesús Pedreira (PSOE).
"Sentido común e responsabilidade" do PSOE
Pola súa parte, o PSOE de Ordes deu o seu apoio aos orzamentos municipais de Ordes para 2013 logo de ter negociado a inclusión nos mesmos de partidas de investimentos a prol dos veciños e veciñas do municipio por unha cantidade cercana aos 100.000 euros

O voceiro municipal socialista, Xesús Pedreira, destaca a importancia destes investimentos pois “estamos falando de actuacións moi importantes como a creación dun centro de emprendedores, dar apoio ao comercio local, arranxo de pistas en Vilamaior ou o mantemento das actividades educativas e das actuacións de emerxencia social”.

Uns compromisos adquiridos polo alcalde ordense, Manuel Regos, co voceiro municipal socialista e que están incluídos na proposta de orzamentos presentada esta mañá ao pleno municipal, que foi aprobada grazas ao voto de calidade do alcalde. 

Unha sesión na que Pedreira Mirás defendeu o seu apoio a estas contas “por sentido común e responsabilidade. Facemos o que consideramos mellor para Ordes e o Goberno aceptou incluír os investimentos que solicitabamos para a veciñanza, cal sería o motivo entón para non aceptar estes orzamentos?”, se preguntou o voceiro socialista. 

De feito, Xesús Pedreira criticou a actitude doutros grupos de “rexeitar todo por sistema. Neste momentos de crise, o diálogo é máis importante ca nunca. O fácil é rexeitar todo por sistema. Nós optamos por traballar e conseguimos uns acordos moi importantes para os veciños e veciñas de Ordes”.

 Compromiso Goberno-PSOE
O compromiso entre o Partido Socialista e o Grupo de Goberno do Concello de Ordes inclúe sete puntos:

1) Habilitación dunha partida de 40.000 euros para a creación dun Centro Municipal de Emprendemento. Trátase dunha iniciativa presentada en setembro de 2012 polos socialistas ordenses e que se situaría na primeira planta da Praza de Abastos ordense, que na actualidade se encontra ociosa. Estará composta de entre 8 e 10 oficinas, dotadas dos servizos comúns máis necesarios e cun servizo de asesoramento xurídico, fiscal e laboral por parte dos técnicos do Concello de Ordes.

2) Arranxo de pistas en Vilamaior. Unha actuación de conservación e de reparación de pistas que xa leva varios meses reclamando o partido socialista en nome dos veciños desta parroquia.

3) Habilitación dunha partida de 6.000 euros para a promoción do comercio local ordense, que está a ser moi afectado pola crise económica.

4) Dotación de mobiliario para a antiga escola de Pereira, que está sendo utilizada polos veciños como local social.

5) Recuperación do festival Brincadeira, habilitando unha partida económica para recuperar un evento que reunía a milleiros de persoas e dinamizaba o sector hostaleiro ordense.

6) Mantemento das partidas dedicadas a actividades educativas e de concienciación en temas medioambientais.

7) Emerxencia social. Aínda que a atención aos casos de emerxencia social que poidan xurdir en Ordes serán xestionados pola Mancomunidade de Ordes, os socialistas conseguiron o compromiso do alcalde ordense de que o Concello atenderá en todo caso a todos os veciños e veciñas que acudan á Casa Consistorial cando se atopen nunha situación de emerxencia acreditada previo informe da traballadora social.

*