jueves, 7 de noviembre de 2013

A traxedia de Faramilláns: autocrítica dunha polémica

Aprezado lector/a:

A enorme cantidade de comentarios críticos coa miña postura sobre o desgraciado accidente de Faramilláns que apareceron en Facebook ao longo destes dous últimos días fíxome reflexionar de longo. Moitos de vos, lectores, veciños e visitantes, reclamades unha disculpa; algúns outros, unha explicación. Non poucos pedíronme que ‘dimita’ como editor deste blogue. A todos vos quero, primeiro, darvos as grazas por molestaros en lerme, e logo por manifestar a vosa opinión nun libre exercicio de libertade de expresión que tanto respecto como valoro. Certo é tamén que non poucos escribíronme ao meu correo persoal ou mesmo me chamaron por teléfono para expresarme que pese a miña receidumbre, non estaba nada lonxe de dicir "verdades como puños".

Síntome así un pouco coma Iosu Expósito, o lider daquela tan infravalorada banda vasca de punk rock dos 80 como foi Eskorbuto (“Maldito país España”, “A la mierda el País Vasco”, “Mucha policía, poca diversión”...), cando en público, dixo unha frase xenial: “el rock no tiene patria, ni siquiera la vasca”. Profusamente rexeitados pola clase política e xudicial española, logo daquela a banda foi tamén vetada tanto polo movemento do rock radical vasco (Kortatu, Cicatriz, La Polla Records, RIP, MCD...) como pola esquerda abertzale. Eskorbuto, odiados polos españois e desprezados polos vascos: punk auténtico.

"Ataque" á Movida
Moitos de vos leíchedes no meu comentario un mordaz ataque á Movida de Ordes; outros, á Orquestra Panorama; e otra mangada máis de lectores -certamente moi numerosa- fostes capaces de ler un insulto e unha ofensa á memoria das vítimas. Recoñezo que como Iosu Expósito, teño a virtude de non ser políticamente correcto, e iso –xa si resulta un defecto-, tenme levado en moitas ocasións a meterme en non poucos problemas.  

Nunca fun nin de eufemismos nin moito menos de amortiguar duros feitos con suaves palabras: teño o defecto de non ser un cínico –sería moi mal político-. Para min houbera sido ben fácil e práctico lamentar as mortes con vacíos discursos que non conducirían a nada para a renglón seguido dedicarme a cortar e pegar as notas de prensa que Pablo dende o Concello e a Mancomunidade de Ordes, José Luis dende o PP, Carlos dende o PSOE ou Ramiro dende o BNG me mandan prácticamente a diario para que todos nós esteamos ao tanto da súas actividades e propostas.

"Un sistema de ocio viciado"
A miña intención ficou ben lonxe de ofender aos afectados na tragedia de Faramilláns. Máis ben todo o contrario, tratei de lembralas como vítimas dun sistema de ocio viciado. É una magoa que en Ordes resulte imposible escoitar música pop-rock en directo antes da 01:30 horas da madrugada.

Pero que ben o pasabamos nos 90 no Carpe Diem de Mario escoitando todas aquelas bandas de rock afecionado! Era unha agradable sorpresa baixar a tomar algo despois de cenar, a iso das 10-11 da noite, e atoparte con tres ou catro tolos melenudos aporreando a batería e as guitarras nun concerto improvisado no Carpe. Agora, vinte anos máis adiante, para escoitar música en directo en Ordes hai que esperar a pasar, ben pero que ben de largo, da medianoite. 

A Orquestra Panorama en Galicia resulta un auténtico fenómeno de masas. Á súa incuestionable calidade artística unéselle a súa responsabilidade social con eventos tan exitosos e xenerosos como a súa gala anual contra o cancro. A xente de éxito, como sen dúbida o son Lito e os seus músicos e artistas, ten a obriga –e asi o fan- de mirar e coidar polo seu público entregado, que en Ordes somos, seguro, os 13.000 veciños e veciñas do municipio.  

Agora ben, manter espertos a milleiros de rapaces nun sitio público e abierto a todos ata as 04:10 h. para poder escoitar música e disfrutar dun gran espectáculo resulta incivilizado. Resulta inhumano. 

Ben sei que non pasarse co alcol e subir o pé do acelerador forma parte da conciencia individual e da responsabilidade de cada un de nós. Agora, autorizar un concerto afterhours libre e aberto ao público forma parte dun exercicio de responsabilidade colectiva. As Administracións públicas inventáronse para velar e protexer os intereses xerais da cidadanía, non os particulares de cada un de nós. Entendo que manter espertos a miles de rapaces ata altas horas da madrugada non forma parte desa obriga constitucional que os cargos e responsables públicos asumiron voluntariamente. 

Ás 04:10 da madrugada, hora na que rematou de tocar a Orquestra Panorama, a atención decae e a fatiga é grandiosa. Conducir a esas horas xa de por si, resulta unha actividade de alto risco. É moi probable que eses pobres rapaces levaran entré 18 e 20 horas sen durmir cando deron coa morte en Faramilláns.

Dende logo que o alcol e a velocidade resultaron a causa inmediata do accidente. Pero tamén a extenuación da madrugada reclamará a súa parte de protagonismo. As grandes catástrofes nunca coidan deberse a una única e aillada causa.

O sistema festivo imperante en Ordes, baseado no ocio de madrugada, causa trastornos de soño e estimula o cansancio e o esgotamento físico e sicolóxico. Máis aínda nun conductor. O meu artículo pretendía así reflectar, lembrar e criticar esa realidade. Non teño nada en contra da música en directo libre e aberta ao público, todo o contrario; pero si de celebrarse en horario afterhours.

Movida de Ordes: marca propia
Fai agora un ano, Gonzalo Castro (ex portavoz do BNG de Ordes), fixera unha proposta de crear unha comisión municipal que debatira e aportara criterios responsables e civilizados para o noso ocio nocturno. Falara Castro incluso de crear unha “marca propia” para a Movida de Ordes. A proposta foi aprobada por unanimidade da Corporación municipal. A crónica de El País (01/12/2012) bautizara á mesma co titular “Movida promovida por elayuntamiento”, nun guiño ao lexendario “Aquí no hay playa” de The Refrescos

Naquela medida, a realidade que ningún grupo municipal dos de Ordes puido negar foi o espinoso asunto dos horarios. Non dos horarios de apertura e licencia dos bares ou discotecas, senón da hora na que a actividade hostaleira nocturna da comezo.

“Antes das doce da noite estás ti só en calquer pub en Ordes. Non te digo nada nas discotecas, a esa hora aínda están limpando”, díxome onte un ben coñecido membro da Corporación municipal de Ordes. “A xente agora sae da casa á unha da madrugada”, continuou. “Quizá deberíamos fixarnos máis noutras formas de ocio coma no País Vasco ou mesmo en Ourense, onde a cultura de saír de viños a partires das 8-9 da noite está moi arraigada. Quen queira seguir de copas logo, pois que siga e ás 3 da mañá,  á casa. As horas de ocio e diversión son ás mesmas de 21:00 a 03:00 que de 01:00 ás 07:00”, rematou.

Buscar solucións
Agora ante a traxedia podemos facer dúas cousas: ou lamentarnos, botarlle a culpa a “mala sorte” e agardar a que o próximo sábado non lle toque esa mesma “mala sorte” a algún de nós ou dos nosos amigos, veciños e familiares; ou ben tratar de propoñer solucións a esta tan sórdida coma real amenaza. A miña proposta, como así tratei de expresar no meu tan polémico comentario, pasa por non permitir a programación de actos libres e abertos ao público durante as madrugadas. Menos aínda cun público cheo de menores de idade. A miña proposta é simple: que a festa -pública, insisto- dé comezo ás 21:00 horas e remate ás 02:00 h.

Non teño absolutamente nada en contra de que un recinto privado como poder ser un pub ou unha discoteca, programe unha festa afterhours privada mediante entrada e riguroso control de accesos, como así ben fan os hostaleiros de Ordes. Eu son un férreo defensor das libertades individuais, da libertare de empresa e máis aínda da propiedade privada: cada un na súa casa –ou no seu local- que monte a súa propia festa. Nada que reprochar. Pero lembremos que a festa tivo lugar o pasado sábado na nosa rúa e aí, os criterios de celebración deben ser rigurosos e sometidos a otras reglas de xogo.

Dende logo que a Orquestra Panorama non foi a culpable do alcol nas venas nin do exceso de velocidade no coche dese pobre rapaz. Pero si é causa de manter espertos a miles de xóvenes e menores de idade nun espazo público e aberto a todos a unha hora inapropiada para calquera actividade humana que non sexa a de durmir e descansar.

Estes pobres rapaces de Oza son, así, as últimas vítimas dun sistema de ocio defectuoso e perverso que as Administracións públicas non deben tolerar dentro das súas competencias. As festas públicas, libres e abertas á cidadanía, a horas prudentes; as festas privadas, á hora que a a cada empresario ou promotor de concertos lle pete -sempre dentro da legalidade, por suposto-, e que cada un de nós asuma a súa responsabilidade e conciencia á hora de beber e pisarlle ao acelerador.


Por todo isto e especialmente por eses pobres rapaces e as súas familias, sinto, lectores de Ordessiete, veciños e veciñas de Ordes, non poder ser políticamente correcto.

R. A. Landeira
rlandeira@mediasiete.es

*