lunes, 11 de abril de 2011

"Nunca máis serán excluídas as empresas e traballadores de Ordes dos contratos municipais"

A nova directiva de Novas Xeracións de Ordes posa xunto ao candidato á alcaldía do PP, Martínez Sanjurjo.
O candidato popular á alcaldía, José Luis Martínez Sanjurjo asegura que a súa prioridade durante a vindeira campaña política será a creación de emprego

O candidato do Partido Popular á alcaldía de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, reiterou onte durante acto de presentación do novo equipo de Novas Xeracións do municipio, que a creación de emprego será a súa principal prioridade durante a vindeira lexislatura. Unha vez acceda ao goberno municipal, asegura que "fará o posible" para que o Concello facilite a instalación de grandes empresas na localidade "coa condición de que creen postos de traballo para os veciños".

Na mesma liña, comprometeuse a que “nunca máis serán excluídas dos contratos municipais as empresas e os traballadores de Ordes”, ao contrario do que, ao seu xuizo, aconteceu durante a lexislatura que agora remata.

Novas Xeracións
Por outra banda, os populares ordenses celebraron este sábado a presentación oficial das Novas Xeracións de Ordes, da que forman parte mozos que, a xuízo do candidato á alcaldía polos populares, “son a mellor canteira e demostran que este concello ten futuro e entre todos seremos capaces de imprimirlle o cambio de rumbo que precisa”.

O novo presidente de Novas Xeracións de Ordes, Marcos Ferreiro Pena, animou a todos os seus compañeiros a mobilizarse e explicar ao conxunto dos veciños que “Ordes ten futuro e o futuro chámase José Luis Martínez Sanjurjo, o próximo alcalde do Partido Popular deste municipio, porque ten ideas, ten equipo, ten capacidade de traballo e rebosa honestidade, a diferenza do que acontece co actual rexedor”.

Ferreiro afirmou que, en Ordes, “Regos é sinónimo de paro, porque o desemprego medrou un 40% durante os catros anos de mandato que agora conclúe o actual alcalde”. O presidente de Novas Xeracións de Ordes recordou que en marzo de 2007, o Concello de Ordes sumaba 676 parados, cifra que case se duplica catro anos despois, en marzo de 2011, no que o servizo público de emprego ten rexistrados 1.136 parados, dos cales 103 contan con menos de 25 anos.

Pola súa banda, o presidente de Novas Xeracións de Galicia, Javier Dorado, animou aos seus compañeiros de Ordes a traballar con intensidade para conseguir que o 22 de maio saia das urnas un alcalde do PP neste concello. “José Luis –afirmou Dorado referíndose ao candidato do PP de Ordes- reúne as condicións idóneas para situar a Ordes no futuro: é un mozo do seu tempo, moi preparado e con gañas de facer cousas diferentes para situar a Ordes no século XXI

Nova directiva
A directiva de Novas Xeracións de Ordes estará presidida por Marcos Ferreiro Penas. Xunto a este estará José Antonio Liste Cores como vicepresidente, Aitor Noya Martínez como secretario xeral, e Rocío Vázquez Sueiro como tesoureira.

Completan a directiva outros oito mozos e mozas que ocuparán cadansúa vicesecretaría sectorial: Natalia Martínez Iglesias (Liberdade e Igualdade); Miguel Suárez Raña (Agricultura e Medio Rural); Daniel García Souto (Cultura e Deporte); Eva María Caamaño Lata (Comunicación e Voluntariado); Verónica Martínez Iglesias (Medio Ambiente e Reciclaxe); Luis Miguel Gómez Rial (Acción Política e Política Territorial); Moisés Pérez Vázquez (Ocio e Xuventude) e Leticia Aldao Santos (Afiliación).

*