jueves, 21 de abril de 2011

Regos confirma a Roberto González nas listas de UxO como o seu número catro

Roberto González formará parte de UxO logo de pasar polo PP (1999), CDI (2003) e Terra Galega (2007). / Arq.

Foi durante unha charla dixital cos lectores dun xornal galego
O alcalde presentará a súa lista o vindeiro mércores 4 de maio

O alcalde ordense e candidato á reelección polas siglas de Unión por Ordes (UxO), Manuel Regos ven de confirmar ao ex popular, ex CDI e tamén ex de facto Terra Galega (TEGA), Roberto González, como número catro da súa candidatura. González entrou no goberno de Manuel Regos en maio de 2007 despois de que a candidatura pola que concurría, Terra Galega, acadara un concelleiro na corporación municipal logo de chegar aos 530 votos (6,13%).

Quen é Roberto González?
Histórico do conservadurismo galego, Roberto Jesús González Santos formou parte do grupo de fundadores do Partido Popular de Galicia xunto a Manuel Fraga Iribarne. A súa maior xesta política chegaría durante os anos dourados do Partido Popular de Galicia con Manuel Fraga a finais dos anos 90 alcanzando a vicepresidencia da Deputación da Coruña.

Nas eleccións locais de 1999, González foi candidato á alcaldía de Ordes polo Partido Popular logo de protagonizar un estrambótico peche de prazos de presentación de candidaturas, conseguindo desprazar en poucas horas a Teodosio Martino da cabeza da lista. Logo das votacións, acadaría cinco concelleiros (2 068 votos e 27%) e Teodosio Martino, fundando Democracia Galega en cuestión de días, fíxose coa alcaldía case dobrando os votos populares, con sete actas de concelleiro e 3 221 votos (42,05%).

En 2003 e logo de Martino reintegrarse no Partido Popular, González queda definitivamente apartado desta formación. Lonxe de abandoar a política, consegue encabezar a lista do xa extinto Centro Democrático Independiente (CDI), partido co que consegue 920 votos (11,18%), o que se traduce en dúas actas de concelleiro.

Martínez Sanjurjo foi o seu número tres
Xa nas últimas eleccións locais de maio de 2007, González preséntase á alcaldía de Ordes polas siglas de Terra Galega (TEGA), formación na que chegaría a ser vicepresidente antes da impugnación xudicial por parte do alcalde de Narón, Xoán Gato, e recuperar a este a coordinación xeral do partido. Curiosamente, a candidatura de González contou con José Luis Martínez Sanjurjo, hoxe candidato á alcaldía polo Partido Popular, como o seu número tres.

*