domingo, 30 de septiembre de 2012

Os funcionarios do Concello de Ordes quedan sen paga extra do Nadal

Os votos en contra do PP e a abstención de UxO imposibilitan este abono do mes de decembro 

Ordes terá sitio para os seus emprededores na primeira planta da praza de abastos

O Pleno da corporación municipal do Concello de Ordes imposibilitou este pasado venres cos votos en contra do PP e a abstención do grupo de Goberno municipal de UxO a proposta consensuada entre o PSdG-PSOE e o BNG de que o Concello de Ordes estudiase se era posible aboar a paga extra dos funcionarios, respectando en todo momento a legalidade vixente. Gonzalo Castro, portavoz do BNG afirmou que “con esta actitude, UxO e PP avalan unha medida inxusta, a eliminación da paga extra, que afectará negativamente ao consumo e a sectores estratéxicos do noso Concello, como o comercial ou o hosteleiro”.

Pola contra, si prosperou a moción dos socialistas ordenses de crear un Centro Municipal de Emprendemento (CME), que se ubicará na primeira planta da praza de abastos e ao que terán acceso todos aqueles emprendedores locais cun proxecto ou idea viable. 

A previsión dos socialistas é que aló se poidan colocar entre oito e dez oficinas, dotadas dos servizos comúns  máis necesarios (internet, teléfono, fax, fotocopiadoras, etc) e cun servizo de asesoramento xurídico, fiscal e laboral por parte dos técnicos do Concello de Ordes.

Camiño Inglés
Outras decisións adoptadas no Pleno foron a de elaborar dípticos ou trípticos informativos sobre o Camiño Inglés ao seu paso polo municipio ordense. Unha iniciativa tamén dos socialistas de Ordes que pretende informar aos peregrinos da riqueza natural e cultural de Poulo e Buscás, así como tamén no Mesón do Vento, na Vila de Ordes e en Santa Cruz de Montaos,  así como da oferta hostaleira e comercial que teñen á súa disposición. 

O portavoz socialista, Xesús Pedreira, sinalou que “o Camiño Inglés pode ser un elemento de dinamización económica para o sector hostaleiro e comercial de Ordes”.


CEIP Castelao
Tamén o Pleno apoiou por unanimidade a moción dos nacionalistas para instar á Xunta de Galicia a que  a que dote de medios materiais e humanos aos centros educativos de OrdesCastro afirmou que esta iniciativa “trata de evitar que se repitan situacións como a vivida nunha aula de infantil do CEIP Castelao, onde os pais e nais tiveron que facer xestións para reclamar unha solución inmediata á ausencia dun titor para esa aula". Ademáis desta situación, o portavoz nacionalista denunciou que “a aula de infantil foi enviada inicialmente a unha habitación que non cumpría cos requisitos necesarios para aloxar a quince nenos”.

Finalmente, os socialistas incluíron unha emenda na moción nacionalista para instar ao Goberno de España a anular as subas do tipo impositivo de IVE no material escolar. 

Así mesmo, os socialistas tamén pediron que instaran á Xunta de Galicia a que inclúa nos seus próximos orzamentos unha partida para a creación dun programa de axudas á adquisición de material escolar. Un programa que estaría dirixido ás familias con rendas máis baixas ou cos seus membros no paro.

*

jueves, 27 de septiembre de 2012

O PP de Ordes denuncia serias deficiencias no cableado das farolas en Leira

Estado das farolas da pista polideportiva de Leira denunciado hoxe polo PP de Ordes.

Sanjurjo: "Como é  posible que unha Administración poda cometer unha irregularidade deste calibre e chegar a poñer en risco a integridade das persoas?”

O Partido Popular de Ordes informou hoxe de que as farolas que o Concello de Ordes vén de instalar na pista polideportiva de Leira, preto da Igrexa, "incumpren as máis mínimas normas de seguridade e  poden poñer en perigo ás persoas, na medida en que deixaron os cables eléctricos á vista, e ao alcance da man".

O Partido Popular enmarca estes feitos na "sucesión de chapuzas" impulsadas polo Concello de Ordes e anuncia que esixirá copia do proxecto técnico, así como certificación da obra, "se é que esta se chegou a efectuar".

“Como é  posible que unha Administración poda cometer unha irregularidade deste calibre e chegar a poñer en risco a integridade das persoas?”, se preguntou o portavoz municipal do PP de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo.

"Risco innecesario"
Segundo os populares, "a chapuza perpetrada polo Concello de Ordes en Leira non chegou a provocar, polo de agora, desgrazas persoais, pero poderíanse ter producido, dado que as farolas entraron en servizo coincidindo coa celebración da romaría da Santa Eufemia, que congrega no igrexario e o seu contorno a centos de persoas".

O risco, aseguran, ven derivado da ausencia de proteccións adecuadas nos rexistros das farolas, de maneira que calquera persoa, especialmente os nenos, poden acceder aos cables eléctricos instalados no interior da tubaxe e sen protección algunha. Nun dos postes, o rexistro foi practicado “ás bravas”, cun burato que logo foi tapado cunha simple cinta adhesiva.

“Que pasaría se un neno tivese accedido a eses cables ou se calquera persoa os tivese manipulado cun instrumento cortante que eliminase o

Ademais de esixir información e responsabilidades políticas sobre o sucedido, o Partido Popular de Ordes reclama a inmediata reparación desas farolas, evitando calquera risco innecesario.

*

Noite de tasca en...Ponte Carreira


miércoles, 26 de septiembre de 2012

O PP de Ordes propón unha rebaixa do 75 % nas licencias de obra en explotacións agrarias


Segundo os populares, construír un establo de 500 m2 implica pagar unha taxa de máis de 2.500 euros ao Concello

Martínez Sanjurjo: "Atravesamos un momento difícil e o Concello debe poñerse ao carón dos seus veciños, axudando aos nosos labregos e gandeiros"

O Partido Popular de Ordes defenderá no vindeiro Pleno unha moción para instar ao Concello a rebaixar nun 75 % as taxas que cobra aos agricultores e gandeiros que pretendan efectuar algunha obra de reforma ou ampliación das súas explotacións, dado que o elevado importe dese imposto fai que gran parte dos afectados desistan de acometer estes traballos ou teñan serias dificultades para facer fronte a ese gravame.

A modo de exemplo, o PP apunta que coa actual ordenanza en vigor, modificada en decembro de 2010, construír un establo de 500 metros cadrados supón pagar ao Concello de Ordes unha taxa de mais de 2.500 euros, e reformar un alpendre de 300 metros cadrados implica aboar unha taxa de 830 euros ao Concello.

Outras bonificacións
Para superar esta limitación á modernización do sector primario, o Partido Popular pretende que o Concello modifique a súa Ordenanza Fiscal Número 4, reguladora do imposto sobre construccións, instalacións e obras, introducindo unha bonificación do 75% sobre as obras, construccións e instalacións de carácter agrícola e gandeiro en beneficio de quen acredite ser profesional de un destes sectores. 

Na actualidade xa están contempladas bonificacións especificas para o incorporación de sistemas de aproveitamento térmico ou eléctrico da enerxía solar e para as reformas no interior das vivendas para adecualas á discapacidade das persoas. Este feito demostra que, se o Concello quere, pódese aplicar unha rebaixa neste imposto.

O Partido Popular agarda que o resto das formacións que integran a Corporación de Ordes apoien esta proposta, encamiñada a axudar ao sector primario, de gran importancia no Concello, e que está atravesando unha intensa crise derivada da falta de rendibilidade das explotacións. Así, dende o pp aseguran que co prezo do leite nos niveis de hai 20 anos e cun incremento dos custes de producción (pensos, abonos, combustibles, …) situado en arredor dun 60%, moitas granxas teñen serias dificultades de supervivencia.

Segundo datos do IGE correspondentes ao ano 2009, Ordes contaba entón con 841 explotacións agrarias.

José Luis Martínez Sanjurjo.
As frases de José Luis Martínez Sanjurjo, portavoz municipal do PP de Ordes
“Nun momento de tantas dificultades, os valentes que se arriscan a reformar ou ampliar as instalacións das súas explotacións atópanse cunha dificultade engadida: o elevado custe e moitas veces inasumible da licenza de obras que lles aplica o Concello de Ordes”

“Atravesamos un momento difícil e o Concello de Ordes debe poñerse ao carón dos seus veciños, axudando, neste caso, aos nosos labregos e gandeiros para que podan mellorar as súas explotacións

*


O PSdG-PSOE cumprirá os convenios que a Xunta "non quixo facer" en Ordes

Xesús Pedreira (der.) xunto cos candidatos socialistas esta mañá na feira de Ordes.

Méndez Romeu insiste na necesidade dun centro loxístico do téxtil en Ordes e aplaude a idea dun centro municipal de emprendemento

Bugallo di que os socialistas axilizarán dende a Xunta as estradas de conexión da N-550 con Cerceda e con Carballo, así como executar os 1,2 millóns de euros comprometidos en saneamento e abastecemento         

Os socialistas Xosé Luís Méndez Romeu e Xosé A. Sánchez Bugallo, candidatos 2 e 4 nas listas do PSdeG-PSOE da Coruña ás eleccións do vindeiro 21 de outubro, visitaron esta mañá Ordes, onde mantiveron un encontro co secretario xeral da Agrupación Socialista de Ordes, Xesús Pedreira, e repartiron información na feira ordense sobre os compromisos dos socialistas de cara aos vindeiros comicios.

Así, Sánchez Bugallo asegurou que “os socialistas traballaremos para axilizar a execución das obras da estrada de Mercurín, que une os polígonos industriais de Ordes e Cerceda, e que levan varios anos de atraso. Ademais, desenvolveremos o proxecto para conectar a N-550 coa estrada que vai a Carballo, por detrás do camposanto”. 

Neste sentido, Sánchez Bugallo insistiu en que “cando Pachi Vázquez sexa o novo presidente da Xunta, daremos cumprimento aos compromisos que a Xunta ten con Ordes e que o Partido Popular non quixo levar a cabo, como ese 1,2 millóns de euros que estaban previstos para abastecemento e saneamento”.


Recuperación do emprego
Pola súa banda, Méndez Romeu asegurou que os socialistas manterán a súa aposta pola recuperación do emprego na comarca de Ordes, especialmente no sector téxtil. “Xa presentamos unha moción para crear un centro loxístico do téxtil en Ordes, pero o PP non quixo falar de Ordes e referiuse a outras localidades como Lalín ou Vigo. 

Nós queremos apostar por crear un centro loxístico en Ordes que permita a recuperación dos talleres que hai na zona, evitar a contratación fraudulenta e que se poidan contratar procesos complexos”, asegurou o número 2 da lista socialista por A Coruña.


Centro Municipal de Emprendemento
Así mesmo, Méndez Romeu aplaudiu a proposta do secretario xeral dos socialistas de Ordes, Xesús Pedreira, de crear un Centro Municipal de Emprendemento (CME), que se situaría na primeira planta da Praza de Abastos ordense, que na actualidade se atopa sen utilización. Pedreira agradeceu os compromisos de Sánchez Bugallo e Méndez Romeu e lembrou que o Goberno socialista foi o que máis investiu en Ordes: case 13 millóns de euros.

Así mesmo, agarda que no pleno de mañá xoves poida saír adiante a súa proposta de Centro Municipal de Emprendemento, ao que poderían acudir todos os emprendedores de Ordes cun proxecto ou idea viable. A proposta socialista é crear entre 8 e 10 oficinas, dotadas dos servizos comúns  máis necesarios (Internet, teléfono, fax, fotocopiadoras, etc) e cun servizo de asesoramento xurídico, fiscal e laboral por parte dos técnicos do Concello de Ordes.

*

Ordenses ilustres (VI): Hixinio Cambeses

Hixinio Cambeses Carrera. // Foto Órdenes.
Viviu entre nós apenas dous anos, pero deixo unha pegada imborrable na nosa vila

Cometeu suicidio en febreiro de 1949, deixando escritas máis de duascentas composicións musicais

O historiador local Victorino Cores nos presenta a un novo ordense ilustre: Hixinio Cambeses Carrera, director da banda municipal de música de Ordes durante os anos 1931 e 1932. Nacido a finais do século XIX na parroquia de Atas, A Lama (Pontevedra), según moitos que o coñeceron, Cambeses foi un home inestable, pero moi intelixente, dotado dun oído e unha cualidades musicais extraordinarias

Formado musicalmente de xeito autodidacta, aprendeu a tocar a maioría de instrumentos bandistas, aínda que destacaría especialmente polo dominio do bombardino.

En 1926 fundou na súa parroquia a banda Celta á vez que comezaba a facer arranxos de temas populares e a compoñer as súas propias pezas musicais. En 1931 recae en Ordes como ensinante e director da recén creada banda Agrupación Musical de Órdenes. Perante os apenas dous anos que pasou entre nós, a súa presenza deixou unha imborrable pegada en Ordes. Fai agora pouco máis de oitenta anos, o 11 de setembro de 1932, o Concello de Ordes rendiulle unha cálida homenaxe en recoñecemento á súa labor artística. 

De ideas de esquerdas, o estalido da Guerra Civil colleuno como profesor de música no conservatorio de Viveiro (Lugo) e director da súa banda municipal. Alí participaría nunha comisión de axuda aos presos políticos capturados polas forzas nacionais, o que lle conduciría a ser detido e posteriormente encarcelado na illa de San Simón (Pontevedra). Unha vez 'rehabilitado' polo Réxime franquista, Hixinio Cambeses mudou para Cuntis e logo a Padrón, onde dirixiu a súa banda municipal e compuso o seu derradeiro traballo: Noches del Santo Cristo.

Graves problemas siquiátricos
Dende novo, as depresións e os tormentos siquiátricos acompañaron a este creador. Na vila de Rosalía agudizouse a súa enfermidade ata o extremo de crerse vítima dunha persecución. En febreiro de 1949, logo de facerse un profundo corte cun coitelo na gorxa, guindouse polo balcón da casa onde vivía. Quedou gravemente ferido, pero grazas a uns veciños consigueno trasladar ata o hospital de Pontevedra, onde quedaría ingresado. Poucos días despois, o 21 de febreiro, aparecería aforcado, colgado da saba da súa cama do hospital.

Hixinio Cambeses deixou escritas máis de douscentas composicións musicais. En agosto do 2009, a Agrupación Musical de Ordes rendiulle unha homenaxe dentro da décima Xuntanza de Bandas Populares de Galicia celebrada na nosa vila.

*

martes, 25 de septiembre de 2012

Orde do día do pleno ordinario do xoves 27


Méndez Romeu e Sánchez Bugallo participarán mañá nun reparto de material electoral en Ordes

Realizarán declaracións aos medios de comunicación ás 12:00 horas fronte ao Museo Juanjo Liñares

O secretario xeral da Agrupación local socialista de Ordes, Xesús Pedreira, participará mañá nun reparto de  material electoral na feira de Ordes coas principais propostas programáticas do PSdG-PSOE xunto cos tamén candidatos ao Parlamento de Galicia José Luis Méndez Romeu e Xosé A. Sánchez Bugallo.

Os candidatos socialistas estarán tamén acompañados de numerosos concelleiros, afiliados e simpatizantes socialistas da nosa comarca. Finalmente, os participantes realizarán declaracións aos medios de comunicación ás 12:00 horas no Campo da feira, fronte ao Museo Juanjo Liñares.

*  

O Pleno de Ordes aproba as contas xerais do 2011

Bancada do Goberno municipal, esta mañá durante a celebración do Pleno; ao fondo, parte do grupo municipal popular.
Silvia Marín: "Se trata duns orzamentos mellores cos anteriores e que supoñen un avance en beneficio de todos"

Manuel Regos: "O Concello poderá optar a subvencións propostas dende a Xunta de Galicia"

O pleno extraordinario celebrado esta mañá en Ordes dou por aprobadas as contas do exercicio 2011. “Unhas contas mellores cas anteriores e que supoñen un avance en beneficio para os veciños e veciñas do municipio”, según palabras da tenente alcalde, Silvia Marín. A concelleira tamén apelou á lóxica para sacar adiante a súa aprobación “xa que durante 23 días estiveron expostas ó público e nese prazo ninguén expresou a súa disconformidade nin dixo nada en contra”.

En alusión á crítica plantexada polo BNG, na que se concreta nun millón de euros o gasto non orzamentado, a voceira do Goberno local recoñeceu que “foi preciso realizar modificacións á alza no apartado de obrigas fiscais. Un axuste que non só se tivo que facer en Ordes, senón en outros moitos municipios para poder seguir mantendo certos servizos sociais”. Un incremento que Intervención ten xustificado debido a unha serie de gastos imprevistos, tal e como puntualizou Silvia Marín. 

Oito contra sete
Grazas a aprobación conseguida cos oito votos de UXO e PSOE, fronte á negativa de BNG e PP (sete votos), “o Concello poderá optar ás subvencións propostas dende a Xunta de Galicia”, explicou o alcalde Manuel Regos. No seu turno de palabra o máximo representante municipal demandou das demais forzas políticas “un exercicio de responsabilidade de cara á veciñanza co fin de poder optar a este tipo de axudas tan importantes”. Un aspecto de relevante importancia que o interventor municipal lles explicou ós voceiros de cada grupo nunha xuntanza mantida recentemente con todos eles. 

Neste aspecto o PSOE criticou “as poucas axudas que dende a Xunta se lle están a brindar ós veciños e veciñas de Ordes, supoñendo un agravio e perxuicio para os veciños e veciñas de Ordes”.

Críticas do BNG
Pola súa parte, o portavoz do BNG de Ordes, Gonzalo Castro, criticou duramente ao alcalde “por convocar reiteradamente Plenos extraordinarios en horario laboral para tratar de provocar a ausencia dalgún concelleiro e aprobar a Conta Xeral pola porta de atrás, retirando este punto da orde do día cando constataba a asistencia de todos os concelleiros, até que finalmente até que hoxe conseguiu o seu obxectivo, ao faltar ao Pleno dous concelleiros por motivos laborais”. Tamén o portavoz nacionalista preguntouse “que xestión se está a facer por parte do alcalde en Ordes se cada día aumenta máis a débeda, mentres vemos como empeoran os servizos públicos, e non se destina nin un euro á creación de emprego?, en que se está gastando esta cantidade inxente de diñeiro?”.

Na sesión de  hoxe, e de xeito unánime, tamén foron aprobados os sorteos dos membros das mesas electorais de cara ós próximos comícios autonómicos”.

*

Silvia Marín defende a "absoluta legalidade" no proceder do Concello de Ordes

A tenente de alcalde considera "insustanciais e totalmente impertinentes" as acusacións do BNG de Ordes

Non descarta emprender "medidas legais" fronte a quenes verten acusacións que "inutilmente buscan a provocación política"

En resposta ao portavoz municipal do BNG de Ordes respecto a súas declaracións desta mañá, a primeira tenente de alcalde e concelleira de Educación, Servizos e Mantemento de Ordes, Silvia Marín, ven de manifestar a “absoluta legalidade e transparencia” da contratación do servizo de gardería infantil de Ordes coa empresa Sermasa. Un contrato que foi adxudicado no mes de xullo do 2010 e que goza de “todas e cada unha das garantías legais”. 

A tenente de alcalde considera por tanto as acusacións do BNG de Ordes de “insustanciais e totalmente impertinentes” por tratarse dunha “decisión discrecional da empresa adxudicataria”, quen en xullo de 2012 decidiu prescindir dunha cociñeira que abandonou o seu posto de traballo “por cuestións persoais” e contratar no seu lugar a actual traballadora, “quen apenas leva dous meses traballando, contratada pola adxudicataria sen intervención algunha do Concello de Ordes”. Marín asegura así que o Concello non ten nada que ver con esta contratación que "libremente" foi acordada pola adxudicataria.

Nada que ver con Pokémon
Respecto das investigacións desta empresa na operación Pokémon, a tenente de alcalde asegura que esta contratación “non ten absolutamente nada que ver” coas investigacións xudiciais abertas, e que o expediente está a disposición de calquer concelleiro que queira examinalo.

Por último, Marín non descarta emprender "medidas legais" ante accións como as emprendidas polos nacionalistas que "únicamente pretenden cuestionar a legalidade das actuacións" do Goberno municipal de Ordes e que “inutilmente buscan a provocación política” con “estériles acusacións sen ningún fundamento”.


Silvia Marín.
As frases de Silvia Marín, primeira tenente de alcalde de Ordes
"En política non todo vale e non se pode xogar tan irresponsablemente coa credibilidade dun Goberno no que os veciños e veciñas de Ordes depositaron a súa confianza dun xeito libre e democrático"

É precisamente o respeto e o compromiso que adquirimos con todos os veciños e veciñas e o que nos merece a institución que presidimos o que nos alenta a demandarlle unha rectificación inmediata ao voceiro do BNG,  Gonzalo Castro” 

“O que podemos asegurar é a satisfacción dos pais e nais dos rapaces polo servizo que prestamos dende a escola infantil e polos avances que mostran os usuarios no seu día a día. Para nós esta é a mellor proba de que se está a realizar un bo traballo dende o centro”

*

Castro: "A empresa adxudicataria da gardería municipal contratou á muller dun concelleiro do Goberno de Ordes"

O portavoz do BNG anunciou que “esixirá explicacións ao alcalde no Pleno do próximo xoves, polo que consideramos un escándalo que fai sospeitar da existencia dun caso de nepotismo”

Gonzalo Castro Prado.
Gonzalo Castro, portavoz do BNG de Ordes, manifestou esta mañá que Sermasa, “a empresa adxudicataria da Escola Infantil, que está a ser investigada xudicialmente na operación Pokémon, contratou á muller do concelleiro de cultura do Goberno presidido por Manuel Regos, para facer labores de cociña na Escola Infantil”.

O portavoz do BNG afirmou que “a empresa adxudicataria deste servizo municipal botou á persoa que estaba a facer o traballo de cociña na escola, contratando no seu lugar case inmediatamente á muller dun concelleiro do goberno de UxO”.

Explicacións do alcalde
Castro anunciou que o seu grupo político “esixirá explicacións ao alcalde no Pleno do próximo xoves, polo que consideramos un escándalo que fai sospeitar da existencia dun caso de nepotismo no noso Concello”.

*

lunes, 24 de septiembre de 2012

Poulo, en festas ata mañá martes

Público participante esta mañá na sesión vermú das festas de Poulo.

As orquestras Bámbola e Ciclón pecharán mañá a tradicional xornada festiva

A parroquia de Poulo a celebra dende hoxe e ata mañá martes as súas tradicionais festas na honra da Nosa Señora da Merced. Unha celebración que a pesar das malas condicións meteorolóxicas contou hoxe cun numeroso público que se abrigou baixo a carpa instalada especialmente para a ocasión. 

Logo da misa que tivo lugar ás 13:00 horas, puideron disfrutar das actuacións dos grupos tradicionais Embruxo de Leira e Camiño Real de Poulo, así como das orquestras Aché e Palladium.

Xornada de clausura
De cara a xornada de mañá novamente volverá a celebrarse unha misa ás 13:00 horas, tras a que novamente se volverá a contar con música tradicional. As orquestras Bámbola e Ciclón subirán ó escenario na sesión vermú e pola noite, co fin de facer bailar a todos os que se acheguen ata a parroquia.

*

Orde do día do pleno extraordinario de mañá


domingo, 23 de septiembre de 2012

Os socialistas de Ordes, dispostos a destinar a planta alta da praza de abastos aos emprendedores

Fachada da praza de abastos de Ordes, na rúa Mercado, onde no seu primeiro andar ubicaríase o CME.
Pedreira: "A este centro terían dereito de acudir todos os emprendedores locais cun proxecto ou idea viable”    

Os socialistas de Ordes proporán no pleno municipal do vindeiro xoves 27 de setembro a creación dun Centro Municipal de Emprendemento (CME), que se situaría na primeira planta da Praza de Abastos ordense, que na actualidade se encontra ociosa. “A este centro terían o dereito de acudir todos aqueles emprendedores locais cun proxecto ou idea viable”, explica o voceiro municipal, Xesús Pedreira

Unha viabilidade que sería valorada previamente por persoal cualificado e de acordo cuns baremos establecidos  nun regulamento.

Por iso, os socialistas instarán ao Goberno municipal a desenvolver todas as obras que sexan pertinentes para que se poidan situar alí entre oito e dez oficinas, dotadas dos servizos comúns  máis necesarios (internet, teléfono, fax, fotocopiadoras, etc) e cun servizo de asesoramento xuridico, fiscal e laboral por parte dos técnicos do Concello de Ordes.

Xesús Pedreira, do PSOE de Ordes.
As frases de Xesús Pedreira, secretario xeral da Agrupación socialista de Ordes 
“Reduciríanse moitos dos gastos precisos para poñer en marcha unha pequena empresa ou un pequeno negocio, o que permitiría que os veciños de Ordes con ideas e proxectos realmente brilantes poidan levalos a cabo”

"O colectivo dos emprendedores sufríu unha caída das subvencións e das bonificacións, así como un endurecemento desproporcionado dos requisitos para poder optar a unha axuda, dende que o PP accedeu ao Goberno de Galicia e despois ao de España”

“O Goberno de Feijóo, e despois o do señor Rajoy, xeraron unha enorme preocupación social neste e outros campos, polo que a posibilidade de desenvolver bos proxectos e boas ideas vai estar ligado exclusivamente ao poder adquisitivo de cada cal e non realmente á calidade das ideas ou dos proxectos”

*

Gonzalo Castro denuncia que unha aula do CEIP Castelao atópase sen titor


O portavoz do BNG denuncia que esta situación "é produto dos recortes inhumanos" do PP na Xunta de Galicia

Gonzalo Castro, portavoz do BNG de Ordes, anunciou onte que o seu grupo municipal “levará ao próximo Pleno unha iniciativa para esixir á Xunta que se resolva a situación que se está a vivir no CEIP Castelao, onde unha aula de primeiro curso de infantil atópase sen titor”.-

O portavoz do BNG afirmou que “os pais e nais dos alumnos están a facer xestións para reclamar unha solución inmediata a esta problema, xa que se atopan totalmente desamparados por un alcalde que fai gala dunha absoluta incapacidade e deixación de funcións na defensa dos seus veciños, cunha clara complicidade cos recortes do PP”

Gonzalo Castro afirmou que “a situación que se está a vivir é producto dos recortes inhumanos que está a levar a cabo o Goberno do PP na Xunta, o que ten ocasionado que en Ordes só haxa dous titores para tres aulas de primeiro de infantil, polo que unha delas só conta con profesorado de apoio, coas evidentes limitacións para a formación e o coidado dos rapaces”.

Gonzalo Castro, do BNG de Ordes.
As frases de Gonzalo Castro, portavoz municipal do PP de Ordes
“Ademáis desta situación, a aula de infantil ten sido enviada a unha habitación que non cumpre cos requisitos necesarios para aloxar a quince nenos, ocasionando outro grave problema”.

“Os veciños e veciñas de Ordes están a sufrir as consecuencias das políticas de recortes e antisociais da dereita, cunha evidente complicidade entre o PP e o alcalde

*

Sanjurjo: "A revisión catastral encargada polo Concello condena aos veciños a unha suba inasumible do IBI"

O PP de Ordes pide medidas que minimicen o impacto da suba

O PP de Ordes informa de que a recente revisión dos valores catastrais de Ordes, efectuada por petición do propio Concello, provocou unha "suba inasumible" do Imposto de Bens Inmobles (IBI) para moitos dos contribuíntes. O Partido Popular atende estes días as" queixas de infinidade de propietarios afectados", que están a recibir recibos con "cifras inasumibles para economías modestas", nalgúns casos con todos ou varios membros da unidade familiar en paro e con ingresos que non superan os 400 euros.

Así, o PP local, "ante as dúbidas suscitadas entre os veciños, e as falsidades vertidas desde o Concello para tratar de xustificar, mediante enganos, os importes postos ao cobro, o Partido Popular de Ordes aclara que esta sua ten a súa razón de ser na recente revisión catastral, solicitada unilateralmente polo Goberno local". O feito de que esta revisión implique, en moitos casos, o incremento da base liquidable, tradúcese tamén na obriga de pagar os atrasos correspondentes en ata catro anualidades, segundo os populares.

Pagamento 
Así, a suma destes dous factores –revisión catastral e actualización da base liquidable- provoca que algunhas familias de Ordes sexan incapaces de facer fronte ao pagamento requerido. É o caso dunha familia, con todos os seus membros no paro e so uns ingresos mensuais de 400 euros, á que lle reclaman case 1.000 euros, ou o de outra, que cos atrasos de 4 exercicios, que deberá pagar arredor de 3.000 euros de IBI este outono.

Neste escenario, o portavoz municipal do Partido Popular de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, insta ao Concello a habilitar os mecanismos necesarios para minimizar o impacto da subida do IBI sobre as economías familiares.

Martínez Sanjurjo, do PP de Ordes.
As frases de José Luis Martínez Sanjurjo, portavoz municipal do PP de Ordes
"O sensato sería que, en lugar de ter ordenado a revisión catastral, o Concello de Ordes aplicase un plan de axuste recortando en gastos innecesarios, como as dietas de 190 euros que percibe cada concelleiro de Regos por asistir ás Xuntas de Goberno local, ou as dos plenos e comisións, como solicitou o PP recentemente"

"Poderíanse recortar tamén os gastos en cartelería, en festas, en vehículos oficiais, sobre os que non existe control algún e mesmo utilizan persoas alleas ao Concello; no Museo do Traxe, e así ata completar un largo etcétera que evitaría esta suba brutal da contribución"

*

Pedreira visitou as festas de San Mateo de Trazo con Sánchez Bugallo e Paula Castiñeiras

En primeiro término, de camisa azul, Xosé A. Sánchez Bugallo e Paula Castiñeiras ao seu carón; detrás, Xesús Pedreira.

Trazo e Ordes estarán representados nas listas do PSdG-PSOE para as eleccións autonómicas do 21 de outubro

O secretario xeral da Agrupación Socialista de Ordes, Xesús Pedreira, compartiu o pasado venres con Xosé A. Sánchez Bugallo e Paula Castiñeiras Iglesias, candidatos número 4 e 12 das listas do PSdeG-PSOE ás eleccións autonómicas do 21 de outubro, unha xornada festiva cos veciños e veciñas de Trazo co gallo da tradicional Festa de San Mateo. Unha festa que reuníu en Vilouchada a centos de persoas chegadas non só das distintas parroquias de Trazo, senón tamén de municipios veciños como Oroso, Ordes ou Tordoia.

Xornada de festa
Outros destacados socialistas participantes foron a voceira municipal socialista de Trazo, Beatriz Domínguez; o secretario xeral da Agrupación Socialista de Oroso, Manuel Mirás; así como o coordinador comarcal dos socialistas e deputado provincial, Antonio Leira. Todos eles compartiron unha xornada de festa cos centos de veciños e veciñas reunidos no campo de festa de Vilouchada.

*

O Concello de Ordes garantiza os postos de traballo na piscina climatizada

Momento do Pleno extraordinario do Concello de Ordes celebrado na mañá do venres 21 de setembro.


O pleno aproba a modificación dos seus horarios, o arranxo da rúa Galicia e a renovación do alumeado nas rúas Nova e Lagartos

O pleno extraordinario da corporación municipal do Concello de Ordes celebrado na mañá do pasado venres acordou levar a cabo varias obras e intervencións incluídas dentro do DTC 94 da Deputación provincial. Un plan que no caso de Ordes tradúcese nun investimento de 327.000 euros que se destinarán no ámbito da vila, “reservándose o seguinte POS para as parroquias” tal e como especificou o alcalde, Manuel Regos

Entre as máis destacadas figuran o arranxo da rúa Galicia, así como a renovación do alumeado público neste mesmo vial e nas rúas Lagartos e Nova. Unhas obras, estas últimas, que comezarán a executarse no mes de novembro e que espérase estén rematadas antes de finalizar o ano. Tanto os grupos municipais do PP como do BNG abstivéronse nunha votación que saiu adiante cos votos ds grupos de UxO, PSdG-PSOE e CideGa.

Horario da piscina
Outro dos puntos da orde do día facía referencia á modificación do horario da piscina climatizada, que pechará de 14:00 a 16:00 horas, “o que suporá un aforro de máis de 12.000 euros que se poderán destinar a becas sociais” tal e como informou a voceira municipal, Silvia Marín. Un aforro que o equipo de Goberno local espera que sexa un atractivo engadido para as empresas que queiran optar á xestión das instalacións. 

“Unhas instalacións que son unha preferencia para este Goberno, tal e como se entende despois das obras de ampliación e remodelación do ximnasio ubicado no mesmo inmoble e que se acaban de realizar”. Marín lembrou “que a situación económica e os tempos cambiaron e temos que adaptarnos ás circunstancias e priorizar aqueles horarios nos que vai máis xente, como é a primeira hora da mañá e última da tarde”. 

Pola súa parte, Gonzalo Castro (BNG) manifestou a “rotunda oposición" do seu grupo á redución de horarios da piscina climatizada, "xa que constitue o primeiro paso para a eliminación de actividades e o despedimento de traballadores nesta instalación municipal”. O portavoz nacionalista afirmou que “a piscina leva anos sen estabilidade na súa xestión debido á incapacidade do alcalde que non foi quen de sacar adiante a xestión directa por parte do Concello, e nin tan sequera unha concesión do servizo estábel e en condicións óptimas para os usuarios”.

Dende o grupo de Goberno aseguran “que se manterán todos os postos de traballo”. Unha demanda que tamén plantexou o PSOE, quen ademais reclamou un trato preferencial para os veciños e veciñas do municipio “si é que o Concello vai correr cos gastos, ou ben plantexar a súa comarcalización”. Xesús Pedreira tamén solicitiu que se quite a concesión á empresa que a está xestionando “o antes posible”. Finalmente a proposta saiu adiante cos votos a favor de UxO, PSdG-PSOE e CideGa, mentres que PP e BNG votaron en contra.

Praza de abastos
Na sesión do venres tamén acordouse valorar a actividade daqueles que dende hai anos rexentan postos na praza de abastos de cara á próxima adxudicación, “xa que foron eles quenes ata o de agora mantiveron com vida este espazo comercial”, tal e como ratificaron todos os grupos políticos. Recentemente o alcalde mantivo unha xuntanza con eles na que se lles confirmou que se mantería o compromiso acadado coas restantes formacións no referente ó futuro da súa actividade dentro do recinto. 

Neste sentido, a abstención do PP e a negativa do BNG non bastaron para botar por terra un recurso presentado por unha das comerciantes que se negaba a pagar as tasas, tal e como se explicitaba nun informe emitido por Intervención.

Conta xeral 2011
Un dos momentos quentes do Pleno tivo lugar coa retirada da orde do día o punto relativo á aprobación da Conta Xeral de 2011, que xa fora rexeitada na sesión do Pleno extraordinario de agosto. Unha medida moi criticada por PP e BNG. Gonzalo Castro emprazou ao alcalde “a non marear a perdiz e remitir ao Tribunal de Contas a liquidación da Conta Xeral do ano 2011, co reparo do Pleno Municipal”. O portavoz municipal do BNG enfatizou que “se tan seguro está do contido destas contas e do inxustificado do rexeitamento polo Pleno, non sei porque non a remite ao Tribunal de Contas”.


*

A biblioteca de Ordes amplía os seus fondos con máis de 230 novos títulos

Ana López Brey, directora da biblioteca municipal de Ordes, cunha mostra de libros.
Rexistrouse un importante aumento das doazóns de libros por parte de particulares

Máis de 230 títulos novos forman xa parte do fondo bibliográfico da biblioteca municipal de Ordes. Os responsables do centro destacan as obras de terror xuvenil, que tanta demanda están a ter nestes últimos anos, así como títulos tan coñecidos como 50 sombras de Grey, Palmeras en la nieve ou La sangre de los inocentes. En relación a este aspecto hai que destacar o incremento no número de doazóns particulares, moitas delas rexistradas dende o inicio da campaña de comodato entre particulares ‘Lendo compartimos’. Unha iniciativa que ten rebasado con creces as previsións iniciais da organización.

Tardes de contos e lendas
 Por outra banda, o pasado venres deuse a coñecer o regreso das ‘Tardes de contos e lendas’ a partir do próximo mes de outubro. Tal e como viña acontecendo terán lugar o último venres de cada mes na mesma biblioteca. O obxetivo é o de achegarlle ós máis novos a literatura e a biblioteca dun xeito divertido á par que se fomenta o hábito á lectura. Tamén está prevista a reanudación en breve de ‘Encontros con...’, unha actividade que pon en contacto grupos culturais, profesionais e xente de diversos ámbitos co fin de compartir experiencias e ampliar coñecementos.  

No que respecta á nova tempada das visitas escolares os encargados de abrila serán os alumnos de ESO do IES Maruxa Mallo. Concretamente serán os días 28 de septembro e 5 de outubro en horario de mañá cando acudan á biblioteca para realizar un percorrido por todas as instalacións e coñecer cada un dos servizos que se prestan.

Outro aspecto que caracteriza á biblioteca de Ordes é o notable incremento no seu número de socios, que actualmente superan xa os 1.700. Moitos destes usuarios proveñen doutros concello de comarca, animados polos servizos que se comodatan, polo número de exemplares que posúe o centro, así como polo seu amplo horario de apertura. 

*

O PP de Ordes pide a dimisión de Roberto González

Martínez Sanjurjo (esq), do PP de Ordes; e Roberto González,de UxO.

Martínez Sanjurjo: “Regos pode cesar a González e demostrar que non é  un covarde ou mantelo como concelleiro de Obras, converténdose en cómplice e encubridor de irregularidades”

O Partido Popular de Ordes fixo público o pasado martes un "novo exemplo da xestión neglixente" do  Goberno do Concello de Ordes, "quen se veu obrigado a cambiar, por falta de potencia lumínica, un lote de farolas instaladas no ano 2008 e que custaron a razón de 4.200 euros a unidade".

O Partido Popular recorda así que en agosto de 2008, a Xunta de Goberno local do Concello de Ordes aprobou  un gasto de 231.888,93 euros correspondente á reposición do alumeado nas rúas dos Lagartos (31 farolas), Rúa Nova (16 farolas) e República Arxentina (6 farolas).

De inmediato, aseguran dende o PP, os veciños e usuarios destas vías expresaron o seu malestar pola escasa potencia lumínica dos novos puntos de luz. Así, a xuízo do PP local, "o Concello equivocárase ao elixir o modelo de farola, que non se axustaba ás características e necesidades das rúas nas que foron instaladas".

Retirada das farolas
"Agora tan só catro anos despois, o Concello de Ordes disponse a substituír os puntos de luz da Rúa dos Lagartos  (retirar 31 e colocar 15 novas farolas), da Rúa Nova (retirar 15 e colocar 9) e da Rúa Galicia (retirar 23 e colocar 14) con cargo a un programa de subvencións da Deputación Provincial da Coruña, aseguran os populares, quenes cifran o prezo de cada farola, con impostos incluídos, nuns 3.157 euros.

O Partido Popular, que sempre criticou as deficiencias lumínicas das anteriores farolas, non cuestiona o cambio, pero sí critica con dureza este "novo caso de derroche e neglixencia do Concello de Ordes", dado que, "tan só catro anos despois de executar as obras, tira pola borda os 231.000 euros investidos en 2008 nesas farolas como consecuencia da mala planificación".

Por iso, o portavoz municipal do Partido Popular de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, esixe ao alcalde de Ordes o "cesamento inmediato" do concelleiro de Obras como "responsable directo" deste novo caso de "despilfarro", que constitúe "un insulto" ao conxunto dos veciños que financian o Concello cos seus impostos.

As frases de José Luis Martínez Sanjurjo, portavoz municipal do PP de Ordes
Roberto González debe dimitir ou ser cesado con carácter inmediato; a ninguén lle pode saír de balde unha irresponsabilidade desa magnitude”

“Este novo caso de derroche ofrece a Regos a oportunidade de cesar a Roberto González e demostrar que non é un covarde político: se, pola contra, o ratifica no cargo, o alcalde estarase convertendo en cómplice e encubridor das irregularidades denunciadas"

"O acontecido coas farolas da Rúa dos Lagartos e da Rúa Nova, que tan só catro anos despois de instaladas deben ser substituídas por inservibles, é só un exemplo máis da sucesión de obras e decisións irresponsables adoptadas en Ordes desde que Manuel Regos asumiu a Alcaldía. Así aconteceu, entre outros casos, coas festas patronais de 2007, que o Concello pagou dúas veces; coa ampliación da Alameda, que lonxe de servir para o seu o propósito inicial, presenta numerosas deficiencias e humidades nos locais que alberga; ou coa ampliación da Casa Consistorial, tan innecesaria e pouco funcional, como mal plantexada, ata o punto de poñer en risco a integridade do antigo edificio"

*

Orde do día do pleno extraordinario do venres, 21 de setembro


O Concello optimizará os horarios da piscina climatizada


Pechará as instalacións dende as 14:00 ás 16:00 horas

O Goberno espera aforrar máis de 12.000 euros e priorizar os intervalos de maior afluencia de público


O Concello de Ordes ten previsto de cara á vindeira tempada racionalizar e optimizar o uso e desfrute da súa piscina municipal, mantendo cerradas ditas instalacións en horario de 14:00 a 16:00 horas. Unha medida que pretende tamén favorecer as condicións económicas para as empresas que queiran optar á xestión da piscina municipal climatizada. 

Deste xeito, as instalacións manteranse abertas nos horarios habituais nos que ata o de agora se viñan realizando os cursos de natación. Unha actividade cun prazo de inscrición que permanecerá aberto ata o vindeiro día 26 de 09:00 a 14:00 horas no primeiro andar da Casa do Concello.


Silvia Marín.
As frases de Silvia Marín, primeira tenente de alcalde e concelleira de Educación, Mantemento e Servizos de Ordes 
“Son tempos de recursos limitados e temos que racionalizar máis ca nunca a xestión dos servizos e bens municipais”

"Con esta medida, o Concello aforrará 12.000 euros tan só en gastos de persoal, aos que haberá que engadir os derivados do consumo enerxético, entre outros"

A nosa prioridade é a de manter os horarios con maior afluencia de público, que son as primeiras horas da mañá e últimas horas da tarde, xusto antes de que a xente inicie ou finalice a súa xornada laboral