viernes, 30 de noviembre de 2012

A Corporación municipal pecha filas cos gandeiros de Ordes

Momento do pleno da Corporación municipal celebrado onte nos baixos da Alameda de Ordes.

Silvia Marín responsabiliza á Xunta e asegura que o Concello "cumpriu co acordado" nas obras do CEIP Castelao

As mocións de Xesús Pedreira (PSOE), de baixa médica por unha recente e delicada operación quirúrxica, foron lidas pero non levadas a votación

A sesión plenaria celebrada onte no Concello de Ordes arrancou co acordo unánime de apoiar ao sector leiteiro e máis concretamente ás explotacións gandeiras da comarca. Así o solicitou o BNG na súa moción, na que se insta á Xunta de Galicia á creación dun marco de relacións entre os diversos operadores do sector e medidas que garantan prezos mínimos xustos e cubran os custes de produción. 

O portavoz nacionalista, Gonzalo Castro, responsabilizou ao Goberno do PP na Xunta de Galicia “do estado crítico dun sector que perdeu en Galiza máis de 3.000 explotacións, o que ocasionou a destrucción de 10.000 empregos, e no que hai ao redor de 3.000 explotacións que están ao borde da suspensión de pagos”.

Neste aspecto engadiuse a emenda presentada polo Grupo Municipal Popular na que, entre outros puntos, se insta a promover a sinatura de contratos homologados, desenvolver o plan de inspección de calidade e impulsar a vertebración do sector para conseguir unha maior estabilidade entre os productores e a industria. 

Neste punto, o alcalde de Ordes e presidente da Mancomunidade, Manuel Regos, sacou a colación o acordo asinado esta mesma semana por parte dos sete concellos da comarca en apoio ós gandeiros e gandeiras.

CEIP Castelao
En relación á construcción dunha zona cuberta no CEIP Castelao para uso dos alumnos, o BNG solicitoulle ó Goberno local que cubran os gastos de dita obra. Castro (BNG) acusou ao alcalde e ao goberno da Xunta de Galicia de abandonar as necesidades dos centros educativos de Ordes e manifestou que “o alcalde nin resolve os problemas dos veciños nin esixe á Xunta solución para os mesmos, semella que entre o alcalde e o PP hai un pacto de non agresión, que pagan os veciños con recortes inhumanos”.

A tenente de alcalde Silvia Marín, explicou que ata o de agora “o Concello cumpriu co acordado nesta obra”. Marín especificou que xa se ten acometida a primeira fase na que se construiu un primeiro cuberto, obra que foi financiada íntegramente polas arcas municipais.  

Na segunda fase aínda por realizar “o Concello aportará material e contribuirá na súa execución, xa que se vai encargar de pavimentar con formigón a área que solicitou a ANPA co fin de conseguir un mellor anclado e unha maior seguridade para os rapaces e rapazas”, concretou Marín. A voceira do Goberno tamén avanzou que debido a este motivo “en próximas datas se celebrará un consello escolar para aprobar unha modificación das partidas orzamentarias”. 

A Asociación de Nais e Pais (ANPA) do CEIP Castelao xa  comenzou coa compra de material, téndose gastado ata o de agora arredor de 6.500 euros. Por último Marín recoñeceu o dereito das ANPAS escolares a solicitar a axuda dos pais e nais dos alumnos a sufragar gastos do centro, en alusión á carta presentada polo BNG en base á cal se fundaba a súa moción. Ao final a proposta non prosperou ao contar únicamente co voto a favor dos nacionalistas, absténdose os popularas e CideGa e votando en contra o equipo de Goberno.

Perfil do contratante
O Partido Popular abriu o seu turno de intervención solicitando unha maior transparecia e a actualización dos datos dos perfís dos contratantes realizados polo Concello e que aparecen na súa páxina web. Tamén solitaron a publicación dos procedementos que se veñen realizando, incluidos os negociados e os de obra menor. 

Unha moción que foi aprobada por unanimidade, puntualizando dende o Goberno que neste aspecto se ven cumprindo a normativa vixente aínda que se procurará incidir na actualización dos datos publicados.

Seguridade en Buscás 
A segunda moción dos populares facía alusión á mellora da seguridade nun tramo de curva ubicado nun vial da zona do Vilariño, na parroquia de Buscás. Un problema que padecen tanto os vehículos que se incorporan dende as interseccións de pistas e tramos procedentes de localidades próximas, como polos viandantes que por alí transitan xa que por alí transcorre o Camiño Inglés

Gracias ás aportacións de todos os grupos finalmente acordouse poñer sinais de límites de velocidade a 50 qm/h, instalar espellos nas interseccións, acondicionar o sobreancho, sinalizar o tramo como curva perigosa, ademais de revisar os puntos máis problemáticos de todo o municipio no que se refire á circulación de vehículos.

Casa do Concello
O goberno municipal rexeitou a proposta do BNG para volver a instalar os servizos administrativos municipais na antiga Casa Consitorial e instalar no novo  no novo edificio anexo un centro de promoción económica e viveiro de empresas, que poida dar alternativas aos máis de 1.200 desempregados de Ordes. Gonzalo Castro calificou deluxo asiático, alleo ás necesidades dos veciños, que o alcalde pretenda destinar a antiga Casa Consistorial só a Salón de Plenos e despachos da alcaldía e dos grupos políticos”.

Finalmente, tamén os nacionalistas preguntaron ao alcalde pola denuncia anunciada públicamente polo Goberno contra o portavoz municipal do BNG por mor das críticas pola contratación da parella dun concelleiro na gardería municipal. O Goberno respostou que pronto terían noticias da mesma.

Baixa de Xesús Pedreira
Por último, o pleno municipal non contou coa presenza do concelleiro socialista Xesús Pedreira, quen recentemente foi sometido a unha delicada operación quirúrxica e atópase de baixa médica recuperándose na súa casa. Pese á oposición do portavoz municipal do PP, antes en xunta de portavoces, a que se leran e se votasen as súas mocións e rogos, finalmente leronse as primeiras, pero non se votaron por mor da falta de acordo unánime entre todos os grupos municipais sobre o particular. 

Nembargantes, nos últimos intres do pleno, o portavoz do BNG manifestou encarecidamente ao alcalde que tamén procedera á lectura dos rogos do concelleiro socialista, feito que finalmente levou a cabo a tenente de alcalde Silvia Marín. 

Na primeira das mocións do PSdG-PSOE se solicitaba que o Concello se adherise á declaración como cidade solidaria contra o Alzheimer. A segunda especificaba ás medidas a emprender a nivel municipal en colaboración cos servizos xurídicos do Concello en contra dos desafiuzamentos. A última delas facía alusión á erradicación de casos de violencia de xénero en relación á recente celebración o pasado 25 de novembro.

*

Martínez Sanjurjo reúnese cos veciños de Buscás e Leira


Hoxe no local social de Rúa a partir das 21:00 horas, e o mércores 5 ás 21:30 horas na escola de Castrelos

O Partido Popular de Ordes continúa desenvolvendo estes días a rolda de reunións que está a celebrar cos veciños das diferentes parroquias, con Buscás e Leira como escenarios inmediatos.

En Buscás, a reunión ten lugar hoxe dende ás 21:00 horas no local social, situado na Rúa.

Posteriormente, o mércores 5 de decembro, o portavoz municipal do Partido Popular de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo e varios dos concelleiros do Grupo Municipal Popular desprazaranse a Leira, para manter unha reunión prevista as 21:30 horas na escola de Castrelos.

Labor de oposición
Nestes encontros, aseguran dende o PP de Ordes, o portavoz popular explica o labor de oposición que está a desenvolver no Concello e toma nota das necesidades e problemas que lle trasladan os veciños, co compromiso de facerse eco deles no pleno municipal.

*

Noite de tasca en...Trazo o venres 7


Os nosos maiores de Ordes non pasarán sós as festas do Nadal


O Concello pon en marcha o programa Xuntos polo Nadal, convidando ás persoas maiores e soas a disfrutar dunhas vacacións durante dez días

O Concello de Ordes ven de convocar un ano máis o programa vacacional Xuntos polo Nadal. A través desta iniciativa preténdese que as persoas maiores do municipio que viven sóas poidan pasar uns días de vacacións nun clima de convivencia e de xeito lúdico.

Os interesados en participar gozarán dun réxime de pensión completa durante dez días, dende o 23 de decembro ata o 1 de xaneiro. Para elo deben de cumprir varios requisitos, como o de ser maior de 65 anos, residir en Galicia, valerse por sí mesmo e non padecer enfermidades infecto contaxiosas, non estar acollido en ningún centro residencial, atoparse só nas datas de Nadal e ter un nivel de ingresos económicos baixo, cuns ingresos mensuais de 532,51 euros ou inferiores poderán asistir de xeito totalmente gratuíto. Os que teñan uns ingresos superiores a dito importe deberán pagar 50 euros.

Solicitudes antes do 5 de decembro
Para presentar a solicitude os interesados deben acudir ó departamento de Servizos Sociais do Concello de Ordes antes do 5 de decembro e facer entrega dunha fotocopia do seu DNI, así coma un xustificante da pensión e un certificado de ingresos procedentes do extranxeiro. 

*

jueves, 29 de noviembre de 2012

Tania Veiras, embaixadora de Ordes no 'Luar'


Tania Veiras é natural de Beán (Ordes).
A artista de Beán participa no concurso Recantos, emitido dentro do popular programa de variedades da TVG

"O que máis me gustaría sería poder vivir da música"

Que Ordes é terra de bos músicos é algo indiscutible dado o nutrido número de grupos e artistas que ocupan un lugar destacado no panorama musical da nosa terra. 

Pero a todos eles hai que engadir un novo nome que pouco a pouco estase a facer popular máis aló da liña que marca os límites do municipio, o de Tania Veiras.

Oriunda de Beán, Tania está a ser unha das favoritas do novo concurso musical Recantos emitido por Luar (TVG) de Xosé Ramón Gayoso. “Non lembro exactamente cando me entrou o gusanillo disto da música pero sí sei que dende pequeniña xa canto”, afirma a artista.

Recén estreada a súa adolescencia, Tania xa aprendeu a encandilar a todo un auditorio. Case non tiña cumpridos os 15 anos cando o público que abarrotaba a Casa da Cultura de Ordes corroboraba cos seus aprausos o primeiro posto que acadaba no Festival da Canción que se celebraba nesta vila. Unha sensación de éxito que volvería a experimentar ao ano seguinte cando novamente se alzaba como gañadora entre máis dunha veintena de participantes. En ambos casos escolleu para a ocasión dous temas dunha das súas intérpretes favoritas, senón a que máis, Pasión Vega

Operación Triunfo
Todo esto esforzo non caeu en saco roto e levouna ata os últimos castings de Operación Triunfo. O soño de participar no popular programa musical non puido ser, pero Tania voltou para a casa con orgullo e coa sensación de non ter perdido o tempo. É máis, todo elo valeulle para corroborar o que dentro de sí xa tiña claro, que a música ocupa un lugar preferente na súa existencia e que mentras poida vai seguir intentándoo. 

E non se equivocou  porque dalí a algún tempo, concretamente no ano 2008,  acadaba o segundo posto no concurso Canteira de cantareiros dentro mesmo programa no que participa actualmente, o Luar.

“Son moitos os estilos musicais e cantantes que me gustan, dende Pasión Vega, pasando por Pablo Alborán, Isabel Pantoja ou María del Monte”, comenta Tania Veiras que tamén asegura que o que máis lle gustaría sería “poder vivir da música” e poder cantar as súas cancións.

Un día de traballo
Namentres, ela continúa o seu día a día acudindo á empresa onde realiza prácticas en prevención de riscos laborais, co seu traballo de tarde como caixeira nunha gran superfice ubicada en Compostela e como camareira durante as fins de semana nun coñecido pub de Ordes.  

Así agarda a que chegue cada venres mentres cruza os dedos para que esa noite na escaleta do programa figure un tema de Pasión Vega entre os que lle corresponden a ella. Sorte, Tania.

*

Castro acusa ao Goberno municipal e á Xunta de Galicia de desatender ao CEIP Castelao

O BNG de Ordes destapa a existencia dunha carta na que a ANPA reclama doazóns  para construir unha coberta para os cativos de primaria

Os custes apenas alcanzan os 3.600 euros

O BNG de Ordes denunciou onte que a Asociación de Nais e Pais (ANPA) do CEIP Castelao remitiu unha carta aos pais e nais dos cativos de primaria pedindo unha doazón para a construción dunha coberta que permita aos nenos entrar ao colexio sen mollarse e sair ao patio nos días de choiva.

Gonzalo Castro, portavoz do BNG de Ordes, afirmou tras este feitos que “esta actuación da ANPA proúcese despois de que o Goberno municipal e a Xunta non atendesen as súas peticións para a construcción desta importante instalación”.

Segundo o portavoz do BNG de Ordes o alcalde negouse a afrontar o custo dos materiais para a construcción desta coberta, cifrado en arredor de 3.600 euros, e só se comprometeu a poñer a disposición os operarios do Concello para facer esta obra, aludindo a que o Concello non podía asumir o pago dos materiais ao non dispoñer de recursos.

Os nacionalistas confimaron ademais que levarán unha moción ao pleno municipal de hoxe, exixindo ao Goberno local e á Xunta que sufraguen o custe desta obra.

Gonzalo Castro Prado.
As frases de Gonzalo Castro, portavoz municipal do BNG de Ordes
"O alcalde de Ordes e hipócrita e mentireiro, xa que mentres se nega a pagar 3.600 euros nunha actuación moi necesaria, despilfarra centos de miles de euros en festas e nas obras da Casa Consistorial

“Os pais e nais do CEIP Castelao son víctimas dun alcalde que non resolve os seus problemas e que mostra unha sumisión absoluta diante dos inxustos recortes en materia educativa da Xunta do PP”
*

miércoles, 28 de noviembre de 2012

Manuel Regos e os alcaldes da comarca amosan o seu "apoio incondicional" aos gandeiros

Os sete alcaldes da Mancomunidade de Ordes, reunidos esta mañá en sesión extraordinaria.

A Mancomunidade reclama á Xunta "un prezo digno polo leite"

Regos: "O sector agrogandeiros é a base económica do medio rural e do que viven moitas familias dos concellos da Mancomunidade de Ordes"

A Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes manifesta o seu apoio incondicional aos produtores de leite de Galicia e, en especial, aos veciños e vecinas dos concellos da comarca nas súas máis que xustas reivindicacións e insta á Xunta de Galicia a dar unha resposta a esta problemática garantindo un prezo digno polo leite dos nosos gandeiros en aras a asegurar o futuro do sector. 

Un manifesto que foi aprobado nunha sesión extraordinaria celebrada esta mesma tarde en Ordes polos sete alcaldes da comarca: José García Liñares (Cerceda), Roberto Rey Martínez (Frades), Mariano Iglesias Castro (Mesía), Manuel Regos Boquete (Ordes), Manuel Mirás Franqueira (Oroso), Antonio Pereiro Liñares (Tordoia) e Xosé Dafonte Varela (Trazo).

Solucións 
Os sete alcaldes da comarca de Ordes pídenlle á Xunta de Galicia que ofreza unha solución a esta problemática que permita que os gandeiros galegos poidan vender o seu leite a un prezo digno. O apoio dos sete alcaldes da Mancomunidade de Ordes ao sector lácteo galego é total e continuado. A súa acción máis recente data do pasado mes de xullo, cando aprobaron tamén en sesión extraordinaria unha moción de apoio ao sector lácteo galego presentada polos sindicatos Unións Agrarias, Xóvenes Agricultores e Sindicato Labrego Galego.

Xa daquela os alcaldes da comarca compartían a análise realizada polos tres sindicatos, que aseguraban que “o rural de Galicia está a afrontar un tempo de incertezas económicas agravado en boa medida polo importante diferencial de prezos do leite con España e Europa. 

Unha situación que se veu agravada pola suba dos custos de produción, a seca que vivimos a última primavera, a vaga de incendios, a falta de axudas a explotacións e a redución e práctica desaparición das compensatorias dos danos producidos pola fauna salvaxe”.


Manuel Regos Boquete.
As frases de Manuel Regos, presidente da Mancomunidade de Ordes
“O sector agrogandeiro é un sector estratéxico en Galicia pois é a base económica do medio rural e do que viven moitas familias e, en concreto, da maioría dos concellos da Mancomunidade de Ordes, xa que dependen economicamente da actividade agrícola e gandeira”

"O sector está atravesando ao longo dos últimos anos unha gravísima e insostible situación, vendendo os seus produtos por baixo dos custes de produción, poñendo en perigo a subsistencia económica das súas explotacións gandeiras e, en definitiva, da nosa comarca”

*

A biblioteca de Ordes achega este venres aos máis novos o espectáculo ‘Sopa de calcetíns’

O éxito das convocatorias das 'Tardes de Contos e Lendas' fará que desta volta se celebre na sala principal

Este venres 30 de novembro a partir das 18:30 horas, a biblioteca municipal de Ordes acollerá unha nova sesión das súas Tardes de contos e lendas. Trátase da narración Sopa de calcetíns, un espectáculo narrativo que correrá a cargo do grupo Duencecico. 

Por mor do elevado número de asistentes que acuden a cada convocatoria deste tipo os organizadores pasarán, dende esta semana, a celebralo na sala principal da biblioteca

“Pensamos que deste xeito a xente poderá estar máis cómoda e poderemos acoller a máis xente, de maneira que os pais, nais e acompañantes poidan acceder sen problemas á sala e desfrutar conjuntamente dos contos”, puntualizan dende a dirección da biblioteca.

*

O PP denuncia pouca transparencia nas contratacións municipais de Ordes


Piden que se publiquen na web municipal todos os precedimentos administrativos, incuidos os negociados e os de obra menor

O Partido Popular de Ordes ven de informar que “observa con incredulidade como as diferentes contratacións efectuadas polo Concello de Ordes se desenvolven nun círculo pechado, de costas ao principio de transparencia”, e reclamará no pleno da Corporación desta semana que o alcalde e o equipo de Goberno publiquen na web municipal todos os procedimentos de contratación efectuados pola Administración local, incluidos os negociados e os expedientes de obra menor.

A través dunha moción que defenderá no pleno deste xoves, o PP de Ordes pretende que o Concello dote de contido o “perfil do contratante” da web municipal e agarda contar co respaldo dos restantes grupos da oposición para levar adiante esta medida.

José Luis Martínez Sanjurjo, portavoz municipal do PP de Ordes, considera que “a transparencia é o mellor antídoto contra as prácticas que conlevan á sospeita de calquera tipo de irregularidade”.

Iniciativas no pleno
Ademais, no Pleno que se celebrará este xoves, o Partido Popular de Ordes presentará outras iniciativas como unha moción para mellorar a seguridade viaria e reducir a sinistralidade no lugar de Vilariño (Buscás).

Rogos
Rogo para que o Concello revise e arranxe os desperfectos que presentan boa parte das “illas verdes” respartidas polas distintas parroquias.

Rogo para que o Concello limpe e acondicione as cunetas e taludes  da pista que comunica a estrada AC-413 co lugar de Cestaños (Parada).

Rogo para que o concello autorice a manter abertos os baños do local social de A Baixa de Ardemil coincidinco coa celebración de oficios relixiosos na igrexa parroquial.

Rogo para que o Concello mellore a iluminación e sinalización na rotonda que enlaza a rolda leste coa AC-524 e a AP-9.

Rogo para podar as polas que nun treito de pista entre Pruzos e A Hermida (Beán) dificultan o paso do autobús do transporte escolar.

Rogo para que o Concello repoña a subministracion de auga na fonte pública situada entre os lugares de Pontello e A Igrexa, en Beán.

Rogo para que o Concello inste ao organismo titular a arranxar os desperfectos que presentan as vías de servizo que discorren paralelas á estrada N-550 ao seu paso por Ordes.

Rogo para que o Concello arranxe os desperfectos derivados da existencia de baldosas soltas en varias rúas da vila.

Rogo para que o Concello efectúe os traballos de limpeza e mantemento da senda verde que enlaza O Paraíso coa ponte da Pinguela, e que presenta un estado intransitable nalgúns tramos.

Rogo para que solvente a confusión na sinalización horizontal nos pasos de peóns da Rua República Arxentina na intersección con Alfonso Senra, e se vixíe o incorrecto estacionamento de vehículos.

Preguntas
Sobre a participación do Concello na edición dunha revista de ámbito local.
Sobre o control/descontrol do Concello de Ordes sobre o uso dos vehículos oficiais de titularidade municipal e  o gasto xerado en combustible, reparacións e seguros.
Sobre quen autorizou, e as razóns, que os tractores municipais sexan custodiados por unha empresa privada.
Sobre o tratamento dos cascallos da antiga casa consistorial.
Sobre o custe das festas patronais de Ordes.
Sobre as obras que o Concello está executar na cidade deportiva de Vista Alegre.

*

lunes, 26 de noviembre de 2012

O PP alerta de perigo nun tramo de escasa visibilidade en Buscás

O tramo está transitado por veciños e peregrinos camiño a Compostela.
Martínez Sanjurjo: "O que está a acontecer en Vilariño non é máis que un exemplo da situación de abandono na que o Concello de Ordes mantén as infraestructuras do ámbito rural" 

O Partido Popular de Ordes anunciou esta tarde que defenderá no pleno municipal previsto para o próximo xoves 29 unha moción na que insta ao Concello de Ordes a incrementar a seguridade vial no tramo de pista en curva que discorre polo lugar de Vilariño, en Buscás, onde a escasa visibilidade, a falta de sinalización e a ausencia de beirarrúa está a provocar frecuentes accidentes, o último dos cales se produciu en outubro.

Os veciños de Vilariño, asegurn os populares, impotentes ante a sucesión de accidentes neste punto e desesperados pola nula resposta que o Concello ofrece fronte a esta situación, trasladaron os feitos ao portavoz municipal do PP de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, quen reclamará unha solución no vindeiro pleno.

Tramos de baixa visibilidade en Vilariño (Buscás), denunciados polo PP de Ordes. 
Perigo para veciños e peregrinos
Por esta curva discorre ademais o trazado do Camiño Inglés de peregrinación a Santiago, polo que o risco non é só para os veciños e conductores que utilizan esta estrada, senón tamén para os numerosos peregrinos que transitan esta senda para dirixirse a Compostela.

A ausencia de visibilidade vese acentuada, ademais, pola ubicación dunha marquesiña que limita o campo de visión dos veciños que se incorporan á estrada cos seus vehículos.

Demandas
Para superar estas carencias e tratar de reducir a sinistralidade neste punto, o Partido Popular reclama ao Concello de Ordes a que instale sinais de perigo por curva perigosa e de limitación da velocidade a un máximo de 50 km/h no tramo de curva; que coloque bandas rugosas permanentes nas inmediacións das dúas interseccións de maneira que os vehículos se vexan obrigados a reducir a velocidade; e que se mellore a visibilidade colocando cadanseu espello nas dúas interseccións para garantir a incorporación segura dos vehículos á estrada.

Ademais, o Partido Popular estima necesario estudiar a posibilidade de reubicar a marquesiña que reduce a visibilidade nunha das interseccións e instalar gardarraís no vértice exterior da curva, con espazo suficiente para facilitar o acceso ás fincas de labor.

Para mellorar a seguridade dos peóns que camiñan por esta zona –peregrinos, que descoñecen a perigosidade do tramo, en moitos casos-, o Partido Popular insta ao Concello a construír unha beirarrúa elevada sobre o nivel de asfalto, aproveitando o sobreancho a base de saburra xa existente na zona.

José Luis Martínez Sanjurjo, do PP.
A frase de José Luis Martínez Sanjurjo, portavoz municipal do PP de Ordes
"O que está a acontecer en Vilariño non é máis que un exemplo da situación de abandono na que o Concello de Ordes mantén as diferentes infraestructuras do municipio, en especial as do ámbito rural, mentres derrocha cartos a manchea en obras de discutible utilidade e nula demanda social, como a ampliación da Casa Consistorial ou da Cidade Deportiva"

*

Os socialistas non queren camións pola estrada Ordes-Cerceda

Advirten que de non cumprirse co mandato do pleno, promoverán cortes de tráfico puntuais durante o mes de decembro

A Agrupación Socialista de Ordes solicitará no pleno deste xoves que o Concello proceda á instalación dos carteis que prohiban a circulación de vehículos de máis de 5,5 toneladas polo tramo ordense da estrada de Mercurín, que une Ordes con Cerceda. Os socialistas de Ordes teñen coñecemento de que os carteis xa están feitos e depositados na nave que o Concello dispón no polígono de Merelle e que indican aos vehículos que non poden pasar por esa vía e os insta a seguir pola N-550 ata o Mesón do Vento e dende aló desviarse a Cerceda por Meirama.

A Agrupación Socialista de Ordes lembra que o pasado mes de abril, o alcalde aceptou a proposta realizada polos socialistas de prohibir a circulación de todo tráfico maior de 5,5 toneladas pola estrada de Mercurín, no seu tramo ordense. Unha proposta realizada despois de que o pleno municipal aprobase o pasado 26 de xaneiro unha moción dos socialistas na que o Concello se comprometía a prohibir a circulación deste tipo de vehículos pola estrada de Mercurín se non se tiñan noticias sobre o compromiso do Plan Miner.

Dez meses despois, nada se sabe destas obras conseguidas polo Concello de Ordes en 2008 e que suporía un investimento de máis de 2,8 millóns de euros. O proxecto foi elaborado pola Xunta en 2010 (por un importe de 150.000 euros), polo que só resta a sinatura do convenio entre o Concello de Ordes, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Turismo y Comercio para que poidan adxudicarse as obras. Unha sinatura que, aseguran dende o PSdG-PSOE local, non se dá producido.

Os socialistas advirten que, de non cumprirse co mandato do pleno e instalar os devanditos carteis para prohibir a circulación dos camións, promoverán cortes de tráfico puntuais nesa estrada durante o vindeiro mes de decembro.

Alumeado de Nadal
Por outra banda, a Agrupación Socialista de Ordes solicitará ao alcalde ordense que o alumeado de Nadal deste ano sexa a máis austera posible, tanto en cantidade como no seu custe. Así, solicitará que o acendido se estenda só dende o 22 de decembro ata o 6 de xaneiro e que a Cabalgata de Reis sexa máis económica, mantendo o encanto para os pequenos. Os socialistas entenden que nestes tempos de crise, o Concello debe ser exemplo de austeridade e de solidariedade con todas as familias do municipio.

Finalmente, os socialistas pedirán o cambio do sinal da ORA na avenida de Alfonso Senra á altura do Supermercado Enrique, xa que oculta o sinal de paso de peóns; e que se localice que establecemento comercial está a baleirar restos de alimentos perecedoiros nos contedores da rúa Compostela. Un lixo que fan lixiviado que se desliza cara unha baldosa solta nesa beirarrúa, manchando o calzado e as prendas dos peóns. Os socialistas solicitarán o arranxo da baldosa e a identificación do autor dos vertidos.

*

domingo, 25 de noviembre de 2012

O PP de Ordes promoverá a adhesión do Concello á rede local contra a violencia de xénero

Os populares ordenses fixeron público hoxe un comunicado co gallo da celebración deste Día Internacional 

O Partido Popular de Ordes fixo hoxe público o seguinte comunicado co gallo do Día Internacional da Violencia de Xénero:


"O día 25 de novembro converteuse nun día de reflexión e sensibilización para expresar o rexeitamento máis profundo a todo tipo de violencia contra as mulleres.

A violencia de xénero debe ser considerada como un problema público e social de primeira magnitude.

Representa un ataque ao dereito á vida, á integridade física, ao libre desenvolvemento da personalidade, á liberdade, á seguridade, e á non discriminación, tal como xa proclama a nosa Constitución e o noso Estatuto.

Todos os poderes públicos teñen a obriga de adoitar as medidas necesarias para facer reais e efectivos estes dereitos.

Mentres siga existindo un só caso de violencia de xénero non viviremos nin gozaremos dunha sociedade que poida vivir libre e en igualdade real entre mulleres e homes.

Estamos convencidos que a erradicación da violencia de xénero pasa por un proceso de maior concienciación social e de educación.

A conquista real da igualdade, do respecto á dignidade humana e da liberdade das persoas, ten que ser un obxectivo prioritario das políticas públicas, polo que é fundamental levar a cabo, dende todas as Administracións, actuacións  transversais que incidan na mellora da igualdade de oportunidades a todos os niveis.

Xunta e FEGAMP
Por todo o anterior, o Partido Popular de Ordes proporá a adhesión do Concello de Ordes á Rede de entidades locais en contra da violencia de xénero, acción promovida polo Goberno da Xunta de Galicia e a FEGAMP, xa que esta Rede se configurará como un instrumento que permita conseguir o rexeitamento social e institucional  da violencia de xénero, sensibilizando á poboación e conseguindo a súa implicación e compromiso real contra esta lacra.

*

sábado, 24 de noviembre de 2012

Unha vintena de ordenses fórmase como conductor de carretillas elevadoras

As clases presenciais terán unha duración de oito horas, por dez que serán a traves da internet.  


As clases continúan esta mañá no reciento feiral do Mesón do Vento

O Concello valora facer unha nova convocatoria en datas próximas

Na tarde de onte deu comenzo o curso de carretilleiro convocado polo Concello de Ordes, no asisten máis de 20 alumnos. Nesta primeira xornada impartiranse coñecementos teóricos para continuar na mañá de hoxe coa parte práctica, que terá lugar a partir das 10:00 horas no recinto feiral de gando do Mesón do Vento. 

En total serán dezaoito as horas de formación das cales oito son presenciais mentres que as restantes poderán seguirse a través da internet, puidendo contactar co titor para resolver as dúbidas que se presenten.

Nova convocatoria
Tal foi o interese e a demanda para asistir a este plan formativo que dende o departamento de Promoción e Emprego municipal están a valorar unha nova convocatoria en datas moi próximas. 

Adquirir coñecementos das normas de seguridade, conducir carretillas elevadoras con precisión, realizar operacións de mantemento e reparacións ó saber conducir dacordo coas normas de seguridade e prevención de riscos laborais, son algúns dos obxetivos principais que se persiguen con dito curso.

*

viernes, 23 de noviembre de 2012

O BNG continúa coa súa campaña 'Por uns impostos xustos'


Martínez Sanjurjo visitará Barbeiros, Poulo e Vilamaior esta fin de semana

“Mentres o alcalde cambia de acera para evitar cruzarse cos veciños, o PP da a cara e vai ao encontro dos problemas da xente”, asegura o portavoz popular


O Partido Popular de Ordes informou hoxe de que esta fin de semana continuará coa rolda de reunións que está a celebrar nas diferentes parroquias para explicar a labor de oposición que está a desenvolver no Concello e tomar nota das necesidades dos veciños coa intención de plantexalas logo no pleno e nas comisións municipais.

Este venres, 23 de novembro, ás 21,00 horas, o portavoz municipal do Partido Popular, José Luis Martínez Sanjurjo, acompañado de outros concelleiros populares da corporación, reunirase cos veciños de Barbeiros  no local da escola, no Cruceiro.

Mañá sábado, ás 21,00 horas, a reunión será cos veciños de Poulo, na casa da escola, en A Senra.

Xa o domingo, 25 de novembro, ás 13,00 horas, a reunión será cos veciños de Vilamaior, no local social da escola de Os Marchás.

Xa a próxima semana, o venres 30 de novembro, ás 21,00 horas, a reunión será no local social de Buscás.

A frase de José Luis Martínez Sanjurjo, portavoz municipal do PP de Ordes
“Mentres o alcalde cambia de acera para evitar cruzarse cos veciños, o PP da a cara e vai ao encontro dos problemas da xente

*

jueves, 22 de noviembre de 2012

A biblioteca recibiu a visita de 4º da ESO do IES nº 1 de Ordes

Os estudantes coñeceron na biblioteca de Ordes o proceder administrativo contra a violenca de xénero.


A saída produciuse co gallo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero

A biblioteca municipal de Ordes recibiu esta mañá a visita de varios alumnos de 4º da ESO do IES Nº1 de Ordes co gallo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, que se celebrará o vindeiro domingo día 25 de novembro. 

Neste encontro os mozos e mozas puideron consultar as obras que se están a expoñer no centro e que atenden a esta temática. Tamén se lles fixo entrega dun amplo listado bibliográfico con outras referencias que actualmente non se atopan nos fondos do centro municipal.

Violencia de xénero 
Por outra banda, persoal do CIM da Mancomunidade de Ordes mantivo unha charla cos visitantes no que se lles explicou o xeito de proceder dende este organismo ante os casos de violencia de xénero

Non foi o único punto a tratar senón que tamén se lles deu a coñecer outro tipo de servizos e asesoramentos de diversa índole que se ofrecen dende as dependencias ubicadas nos baixos da Alameda, ademais de respostar a todas as cuestións que os estudantes plantexaron.

*