O pleno solicita unha axuda á Consellería de Traballo e Benestar para o cofinanciamento dos servizos sociais que se prestan aos concellos
O pleno da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes aprobou esta mañá solicitar unha subvencíon á Consellería de Traballo e Benestar para o cofinanciamento da prestación dos servizos sociais aos sete concellos da comarca (Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia e Trazo). Uns servizos nos que a Mancomunidade de Ordes pretende poder ofertar unha novidade: a creación do Programa Psicosocial de Atención a Persoas Dependentes ou con Discapacidade e de Intervención Familar.
Servizos sociais
Este programa de atención a persoas dependentes ou con discapacidade é a gran novidade da solicitude realizada este ano á Consellería de Traballo e Benestar para o cofinanciamento da prestación dos servizos sociais que reciben os municipios da Mancomunidade de Ordes. Servizos como:
- Educación en igualdade, para fomentar a igualdade de xénero
- Educación Familiar, educación viaria para nenos, recollida de xoguetes, programa de educación para o axeitado desenvolvemento familiar.
- Programa de Emprego, elaboración de censos empresariais e asesoramento/orientación sobre a busca de traballo.
- Programa de Prevención e Consumo de Drogas, que inclúe a prestación dos servizos de información, orientación e asesoramento nesta problemática
- Programa de asesoramento xurídico, dirixido especialmente a inmigrantes, inmigrantes retornados
- Programa de Educación Temperá, que inclúe actuacións para mellorar o desenvolvemento cognitivo, afectivo e de linguaxe de nenos de 0 a 6 anos e rapaces con discapacidade
- Programa de Apoio á Persoa, que inclúe asistencia e asesoramento a persoas maiores de 6 anos con demanda psicolóxica.
Datos persoais
Así mesmo, o pleno comarcal tamén aprobou a ordenanza reguladora da creación de ficheiros de datos persoais dos servizos que presta a Mancomunidade de Ordes, adaptando así a súa normativa á Lei de Protección de Datos. Finalmente, o pleno acordou solicitar outras dúas subvencións. A primeira delas á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para o fomento do asociacionismo na comarca.
A segunda solicitude vai dirixida á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para a promoción do galego. Neste caso, o obxectivo da Mancomunidade é editar un manual para axudar a evitar a linguaxe sexista e facilitar a edición en galego dalgúns dos seus dípticos e catálogos informativos.
A esta sesión ordinaria do pleno da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes asistiron asistiron alcaldes Miguel Prado Patiño (Frades), Mariano Iglesias Castro (Mesía), Manuel Mirás Franqueira (Oroso) e Xosé Dafonte Varela (Trazo); así como o vicepresidente da Mancomunidade e concelleiro de Ordes, Manuel Astray Mariño, e a concelleira de Servizos Sociais de Cerceda, María Viqueira.
*