viernes, 28 de mayo de 2010

Veciños da comarca expoñeron as súas manualidades

.
Un total de 168 veciños e veciñas de 15 asociacións deron a coñecer os seus traballos no IV Mostra de Obradoiros Culturais

A exposición pode visitarse no centro cívico de Cerceda ata o 31 de maio

Un total de 168 veciños e veciñas dos sete municipios da comarca de Ordes (Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia e Trazo) participan na IV Mostra dos Obradoiros Culturais da Comarca de Ordes, organizada pola Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes. Unha exposición que foi inaugurada na noite do pasado martes no centro cívico de Cerceda e que poderá visitarse ata o vindeiro 31 de maio.

Trátase dunha mostra que recolle os traballos dun total de 15 escolas municipais e asociacións veciñais da comarca ordense, cinco máis ca na pasada edición. Na mostra pódense contemplar traballos de debuxo, pintura, cesteiría, manualidades, encaixe de bolillos, coiro e mesmo restauración de mobles. Uns traballos realizados ao longo deste ano polos veciños e veciñas de Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia e Trazo.

Entidades veciñais participantes
Entre os participantes figuran quince escolas municipais e asociacións veciñais da comarca ordense, cinco máis ca na edición de 2009. Oroso é o municipio que máis asociacións aporta a esta mosta cun total de cinco entidades, seguido por Ordes con tres. Así, nesta IV Mostra de Obradoiros Culturais da Comarca de Ordes participan:

- Obradoiro municipal de debuxo e pintura, escultura e manualidades do Concello de Cerceda
- Obradoiro de manualidades de Frades
- Escola municipal de manualidades do Concello de Mesía
- Unidade Galega de Veciños e Mulleres rurais de Santa Cruz de Montaos (Ordes)
- Asociación de Amas de casa de Ordes
- Obradoiro municipal de debuxo e pintura de Ordes
-
Obradoiro de Bolillos de Oroso
- Obradoiro municipal de debuxo e pintura de Oroso
- Obradoiro municipal de bixutería do Concello de Oroso
- AAVV Pena do Tesouro de Trasmonte (Oroso)
- Asociación de Mulleres “A Ponderosa” (Tordoia)
- Asociación de Mulleres “Pedralonga” (Tordoia)
- Asociación de Mulleres de Trazo
- AAVV “A Carballeira” de Chaián (Trazo)

A IV Mostra de Obradoiros Culturais da Comarca de Ordes poderá visitarse ata o 31 de maio no centro cívico de Cerceda en horario de luns a venres, de 9:30 a 13:00 horas e de 15:00 a 20:00 horas; e o sábado 29 de maio, de 10:00 a 13:00 horas e de 15:00 a 20:00 horas. Esta exposición está organizada pola Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes e conta co patrocinio da Deputación Provincial da Coruña.

A frase de Miguel Prado Patiño, presidente da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes
"Síntome moi orgulloso desta mostra e do traballo que facedes todos vós, pois estas pezas son froito do voso esforzo diario ao longo de todo este ano”

*