martes, 4 de mayo de 2010

Coñeceremos ata o último recuncho da nosa comarca

.
A mancomunidade de Ordes e o Sitga inventariarán toda a microtoponimia dos sete concellos da comarca

O pleno, que se celebrou no Concello de Oroso, tamén solicitou unha subvención á Consellería de Presidencia para sufragar os gastos correntes da Mancomunidade

O pleno da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes, celebrado esta mañá no salón de plenos do Concello de Oroso, acordou asinar un convenio de colaboración coa Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia (a través do SITGA) para a realización dun inventario de toda a microtoponimia existente nos sete municipios que compoñen a comarca ordense. O presidente da Mancomunidade de Ordes, Miguel Prado Patiño, explica que “os alcaldes da comarca decidimos asumir este proxecto de forma mancomunado para aforrar recursos e ser máis eficaces á hora da realización deste estudo, que consideramos que pode ser moi útil para nós”.

Así, a Mancomunidade de Ordes porá a disposición do Sistema de Información Territorial de Galicia (SITGA) un técnico que coordinará a realización dos traballos de campo nos distintos municipios da comarca ordense. Uns traballos nos que colaborarán tamén recursos humanos e materiais de cada un dos concellos da comarca (Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia e Trazo), pois se trata do persoal que ten un contacto máis directo cos veciños que serán a base do estudo.

Obxectivo do proxecto
Prado Patiño indica que “con este convenio buscamos un dobre obxectivo: axudar á recuperación e conservación do patrimonio toponímico dos nosos municipios e contribuír á mellora e actuación das distintas bases cartográficas existentes”. O SITGA facilitará tanto os medios técnicos como o material fotográfico e cartográfico para a localización dos topónimos, ademais de supervisar os traballos de campo, xestionar os datos obtidos e dixitalizalos para poñelos á disposición da sociedade.

Pola súa banda, os Concellos non terán que facer aportacións económicas, pero sí terán que apoiar os traballos de campo. Como o traballo de campo se fai directamente na parroquia falando cos veciños, cada Concello facilitará aqueles informantes que puidesen aportar un maior coñecemento do lugar e, finalmente, organizará unha exposición pública da cartografía toponímica.

A base de datos resultante desta investigación incorporarase á base do Proxecto Toponimia de Galicia e poderá ser utilizada por investigadores. Na actualidade, o SITGA ten recollidos 400.000 topónimos de 103 concellos galegos, o que significa que está recopilado aproximadamente un tercio do territorio de Galicia. Uns municipios onde se están recollendo unha media de 40 topónimos por quilómetro cuadrado.

Axudas Mancomunidade
Por outra banda, o pleno desta mañá servíu tamén para que a Mancomunidade de Ordes solicitase adherirse á Orde do 29 de marzo de 2010 da Consellería de Presidencai pola que se regulan axudas económicas para o fomento do asociacionismo municipal a través de mancomunidades de municipios e consorcios locais. Trátase dunhas axudas para gastos correntes de funcionamento da Mancomunidade ou para a prestación de servizos aos municipios asociados.

A esta sesión do pleno da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes celebrado en Oroso asistiron asistiron seis alcaldes da comarca de Ordes: José García Liñares (Cerceda), Miguel Prado Patiño (Frades), Mariano Iglesias Castro (Mesía), Manuel Mirás Franqueira (Oroso), Antonio Pereiro Liñares (Tordoia) e Xosé Dafonte Varela (Trazo).

Foto: O pleno da Mancomunidade celebrouse no salón de plenos da Casa do Concello de Oroso.

*