martes, 11 de mayo de 2010

Aprende a divertirte polas noites sen gota de alcol

.
Éxito de participación na primeira das noites psicoeducativas do programa FARO de prevención de alcol

A próxima cita terá lugar o 22 de maio, para a que xa está aberto o prazo de inscrición

Máis información no teléfono 981 6980002 (ext. 214 e 215) ou 627983619


O pasado sábado, día 8 de maio, o Concello de Ordes celebraba a primeira das Noites Psicoeducativas enmarcadas dentro do programa FARO de prevención de alcol e dirixidas a rapaces e rapazas de entre 12 e 17 anos. Unha actividade organizada pola Concellería de Servizos Sociais e Terceira Idade do Concello de Ordes.

Os participantes que se deron cita no polideportivo municipal, un total de medio centenar de adolescentes, puideron disfrutar de inchables, un obradoiro de elaboración de carteiras de cómic, outro de elaboración de cócteles sen alcol, ademais de xogos de mesa e videoxogos coas consolas Wii e PS3.
.
Alternativas de ocio sen alcol
Coas noites psicoeducativas o Concello pretende mostrar aos mozos e mozas do municipio que existen alternativas de ocio en espazos libres de consumo de alcol. As actividades fomentan que se disfrute adecuadamente do tempo libre, mantendo relacións equilibradas coas outras persoas e aprendendo a resolver os conflitos e a mellorar a autoestima, tendo como eixo fundamental o rexeitamento do alcol.

O concelleiro e Servizos Sociais do Concello de Ordes, Xsús Pampín, mostrouse moi satisfeito polo bo resultado da actividade.

A próxima das citas para participar nesta iniciativa será o 22 de maio, e a seguinte o 5 de xuño. Para o día 22, os participantes poderán disfrutar dun rocódromo, tiro con arco e obradoiros de FIMO, de radio e de risoterapia.

Todos aqueles que estean interesados en participar poderán recibir máis información e facer as inscricións na Unidade Psicosocial do Concello de Ordes (Rúa Alfonso Senra, nº 108, Ordes; teléfonos: 981 680 002 ext. 214 e 215 / 627 983 619).
O horario de atención é de luns a venres de 8 a 15 horas e os luns de 16 a 21 horas.
*