Os premios entregaranse no acto conmemorativo na honra de Uxío Novoneyra o 18 de maio ás 20 horas na Casa da Cultura
O prazo estará aberto ata o día 12 na concellería de Cultura
Os departamentos de Cultura e Deportes, e Educación, Mocidade e Discapacidade do Concello de Ordes, teñen todo preparado para conmemorar o Día das Letras Galegas, que este ano homenaxea ao poeta Uxío Novoneyra.
Así e tal como vén sendo costume, está xa convocado e segue aberto o prazo para a presentación de traballos para o III Certame de Poesía “Día das Letras Galegas” no que se establecen tres categorías.
A primeira delas é a infantil para nenos e nenas ata 12 anos na que se repartirán dous premios aos mellores traballos, un primeiro de 120 euros e un segundo de 100 euros. Ademais haberá tamén unha categoría xuvenil para rapaces e rapazas de 13 a 16 anos, cuxos premios serán tamén de 120 e 100 euros, respectivamente; e por último a categoría xeral, de 17 anos en adiante, outorgará dous premios, o primeiro de 300 euros e o segundo de 180 euros.
Orixinais, en galego e máximo, 50 versos
En canto ás características das obras que se presenten, deberán ser orixinais, escritos en galego e terán unha extensión máxima de 50 versos, deberán ir mecanografiadas con letra Arial a tamaño 12 e a dobre espacio e terán un título. Ademais as obras non poderán ir asinadas polo autor, identificándose cun seudónimo ou lema e irán acompañadas cun sobre pechado no que se indicará a categoría na que participa, e no seu interior conterá os datos persoais do autor ou autora.
Este ano como novidade o Concello estableceu un novo premio para os centros escolares que estará dotado de 130 euros e que premiará ao centro que presente obras de maior calidade, establecendo un mínimo de 20 participantes.
A entrega dos premios realizarase durante o acto conmemorativo deste día, o próximo 18 de maio ás 20 horas na Casa da Cultura.
O prazo de inscrición para participar no certame permanecerá aberto ata o 11 de maio, debendo realizarse as inscricións no departamento de Cultura e Deportes do Concello de Ordes.
Foto: O poeta do Courel, Uxío Novoneyra (1930-1999)
*