lunes, 3 de mayo de 2010

"Os gandeiros galegos están sendo discriminados nas axudas da política agraria común"

.
O BNG presenta unha moción en defensa do sector lácteo, do que aseguran, vive un de cada tres veciños da nosa comarca

O BNG de Ordes ven de rexistrar unha moción no Concello na que propón que o pleno da corporación municipal adopte os seguintes acordos:

1º.- Instar ao goberno galego a que, a través da consellaría do Medio Rural, estabeleza unha liña de axudas dirixidas especificamente ás explotacións gandeiras que en 2010 non terán acceso á novas axudas da política agraria común (PAC).

2º) Instar á Xunta de Galicia a que demande do Ministerio de Medio Ambiente, Rural e Marino, a modificación do Real Decreto que regula as axudas da PAC, de xeito que a axuda ás explotacións lácteas non discrimine ás explotacións galegas, e que a Xunta de Galicia faga o propio coa súa normativa de aplicación do disposto polo Estado.

3º) Instar á Xunta de Galicia a que cree un verdadeiro Fondo Lácteo, e demandar do Goberno do Estado a que faga o propio.

Un Fondo Lácteo coa suficiente dotación orzamentaria, de carácter extraordinario, destinado a mellorar a viabilidade das explotacións e preparar ao sector lácteo para un horizonte sen cotas no que poidan competir en igualdade de condicións, que, entre outras, financie as seguintes medidas:

a) Axudas compensatorias destinadas ás explotacións profesionais cuxa dimensión as fai especialmente vulnerables, e a aquelas explotacións que nos últimos anos experimentaron un maior crecemento da súa cota e un maior esforzo investidor

b) Axudas a compromisos agroambientais

c) Apoio financeiro aos investimentos

O réxime de axudas agrícolas da PAC ven regulado nos seguintes reais decretos: Real Decreto 1680/2009, de 13 de noviembre, sobre la aplicación del régimen de pago único en la agricultura y la integración de determinadas ayudas agrícolas en el mismo a partir del año 2010, e Real Decreto 66/2010, de 29 de enero, sobre la aplicación en el año 2010 y 2011 de los pagos directos a la agricultura y a la ganadería.

.
As frases de Gonzalo Castro, portavoz municipal do BNG de Ordes
“As decisións que ten adoptado o Ministerio sobre a aplicación do Chequeo Médico da Política Agraria Común (PAC) son claramente discriminatorias para o sector lácteo, fronte a outras producións agrarias, especialmente as de cereais, e prexudica claramente a Galiza en favor doutros territorios, xa que os límitados recursos dispoñíbeis para o sector lácteo se destinan exclusivamente as zonas de montaña, beneficiando claramente a comunidades como Asturias, Cantabria ou o País Vasco e prexudicando aos gandeiros galegos

“Esta decisión do Goberno Central non contou con ningún posicionamento político contrario nin ningún intento de negociación ou veto por parte do actual goberno da Xunta de Galiza”

“Os gandeiros e gandeiras da comarca de Ordes non poden ser prexudicados pola nefasta actuación de ambos os dous gobernos, o de Galiza e o do Estado, polo que demandamos que a Xunta de Galiza, ademais de reclamar do Estado a reparación desta discriminación, debe actuar e estabelecer medidas para resarcir a aquelas explotacións que fican excluídas destas axudas”

“É moi necesaria a unidade da corporación municipal na demanda de apoio para o sector lácteo, xa que esta discriminación nas axudas da PAC chega xusto cando Ordes ten afrontado, grazas aos investimentos da anterior Consellería do Medio Rural, xestionada polo BNG, a fase final da maioría das súas concentracións parcelarias, que é cando as explotacións poderían empezar a mellorar a súa base territorial e a súa rendabilidade”

*