.
Manuel Regos recolleu esta mañá en Madrid o galardón 'Bandera Verde- Municipio Responsable' que outorga a Federación de Usuarios- Consumidores Independientes
O municipio recibiu o premio nas modalidades de 'Compromiso Ambiental' e 'Educación Ambiental e Participación Cidadá'
O alcalde de Ordes, Manuel Regos, acompañado polo concelleiro de Medio Ambiente, Xesús Pedreira, recollía esta mañá en Madrid un premio en materia medioambiental.
Trátase do galardón 'Bandera Verde- Municipio Responsable' que outorga a Federación de Usuarios- Consumidores Independientes (FUCI) co fin de recoñecer, valorar e destacar o compromiso e a labor que realizan as corporacións locais polo medioambiente e o consumo responsable nos seus municipios.
Así o Concello de Ordes foi seleccionado entre os gañadores desta convocatoria polo traballo realizado en materia de medio ambiente nas modalidades de 'Compromiso Ambiental' e 'Educación Ambiental e Participación Cidadá'.
A segunda bandeira verde
Non é a primeira vez que o municipio recibe este galardón que recoñece o seu traballo en materia medio ambiental, xa que ao recoñecemento deste ano súmase tamén a Bandera Verde conseguida en 2009, nesa ocasión nas modalidades de 'Residuos, limpeza e xardinería', e 'Xestión da auga'.
O alcalde, Manuel Regos, mostrou a súa satisfacción porque unha vez máis a FUCI recoñeza o traballo realizado dende o Concello nesta materia, asegurando que dende o goberno local ordense se seguirá traballando para contribuir á preservación do medio ambiente.
O acto de entrega dos galardóns tivo lugar esta mañá no Hotel Ritz de Madrid.
Foto: Manuel Regos e Xesús Pedreira esta mañá en Madrid co diploma acreditativo da Bandeira Verde.
*