lunes, 24 de mayo de 2010

O BNG pide manter as rotondas proxectadas para ligar a ronda leste coa N-550

.
Propoñen tamén a prolongación da vía até o Cano de Leira e a dotación de servizos e beirarrúas nas súas marxes

O BNG ordense fixo público onte a súa posición ao respecto do cambio do proxecto de enlace da ronda leste coa N-550, feito público polo Ministerio de Fomento, que finalmente optará por unha intersección en forma de T con carriles de espera centrais e non por unhas rotondas, como se tiña barallado inicialmente.

O concelleiro nacionalista Ramiro Recouso defendeu “o mantemento do proxecto inicial no tocante á conexión da ronda e a N-550 mediante rotondas, xa que a opción dun carril de espera central, tendo en conta a elevada densidade de tráfico, pode xenerar graves problemas de seguridade vial, nuns puntos que xa teñen, a día de hoxe, unha elevada siniestralidade”.

Prolongación da ronda e ausencia de servizos
Por outra banda, Recouso lembrou que “o BNG segue a defender unha modificación do proxecto da ronda leste para prolongar o vial nunha distancia de 800 metros até a N-550 á altura do Cano de Leira, dotando ao mesmo dun acceso neste punto, co obxectivo de evitar que todo o tráfico pesado teña que pasar polo polígono industrial de Merelle, o que provocaría un caos circulatorio, ademáis dun serio problema de seguridade vial”.

Finalmente, o concelleiro defendeu que “tratándose dun tramo urbano, debe contemplarse na obra a instalación dos servizos básicos propios, como saneamento, abastecimento de auga potábel, gas, telefonía, etc..., así como beirarrúas polas dúas marxes”.

As frases de Ramiro Recouso, concelleiro nacionalista de Ordes
"Despois de moitos anos de espera, a mobilización dos veciños e veciñas de Ordes, con máis de 3.000 sinaturas que solicitaron o desvío o tráfico pesado do centro da vila, especialmente os camións de lixo que teñen como destino Sogama, iniciáronse as obras dunha rolda alternativa para desviar o tráfico pesado do centro da vila”

"Resulta moi preocupante que Ordes teña un alcalde que non se preocupe de negociar coas demáis administracións para conseguir unha boa execución e melloras para os proxectos a realizar no noso concello”

Foto: O concelleiro nacionalista, Ramiro Recouso.


*