martes, 4 de mayo de 2010

Pedreira critica a falta de rigor do BNG á hora de falar das axudas ao sector agrogandeiro

.
O goberno desminte a moción do BNG asegurando que desta volta, os gandeiros ordenses non son os máis perxudicados nas axudas da política agraria común

Pedreira: "A moción do BNG sería presentable en Santa Comba, por exemplo, pero non en Ordes"

O Concello si vería "razonables" axudas agroambientais para os gandeiros

Ante a moción presentada onte polo BNG local en relación a que o goberno local de Ordes inste á Xunta unha serie de cuestións relativas ao sector gandeiro, o grupo de goberno ordense difundiu hoxe unha serie de aclaracións.

Dende o goberno local, aseguran, sempre se defendeu e defenderá coas armas que se poden dar como administración local o sector agrogandeiro, “por iso fixemos a rebaixa dun 90% das tasas por construción ou ampliación das explotacións", algo que segundo o edil socialista Xesús Pedreira, "si entra dentro das nosas competencias".

Tamén citou o edil as axudas con transporte ás mobilizacións dos gandeiros fóra de Ordes, así como as numerosas mocións presentadas en pleno dando traslado das resolucións ás diferentes administracións estatais e autonómicas, coma parte do traballo do goberno municipal en defensa deste importante sector tan estratéxico para a comarca.
Máis de 22 millóns de litros de leite de cuota
No Concello de Ordes existen neste momento 132 explotacións con menos de 150.000 quilos de leite de cuota, 44 explotacións entre 150.000 e 500.000 quilos de leite de cuota e cinco explotacións con máis de 500.000 quilos de leite de cuota cunha producción de 22.500.000 litros.

Así, explicou Pedreira, as axudas para o sector lácteo son:
A) 13,4 m euros para as zonas desfavorecidas por montaña.
B) 13,4 m euros para as zonas desfavorecidas por despoboamento (toda a comarca de Ordes)
C) 13,4 m euros por extensificación (ter como mínimo 0,40 Ha de superficie forraxeira por vaca).

A axuda C é compatible coas dúas primeiras, mentras que a A e a B son incompatibles entre elas, polo que a comarca de Ordes cobraría igual que unha zona de montaña, explicou Pedreira, “unha zona coma Ordes que está clasificada como zona desfavorecida, vai cobrar a prima B e opta á C, mentras zonas como Santa Comba ou Bergantiños, veciñas e parecidas xeográficamente a Ordes, nunca van poder cobrar a axuda A, B nin C”.

Ordes é considerada como zona desfavorecida
Aclarou ademais o edil de Medio Ambiente, Medio Rural e Sanidade, que unha zona desfavorecida por montaña cobrará aproximadamente entre 48 e 60 euros por vaca (axuda A), ao que hai que engadirlle se teñen a extensificación (C) entre 40 e 49 euros por vaca; e unha zona desfavorecida por despoboamento como a comarca de Ordes, cobrará tamén aproximadamente entre 48 e 60 euros por vaca (axuda B), ao que hai que engadirlle se teñen a extensificación (C) entre 40 e 49 euros por vaca. Estes valores por vaca son para as primeiras 40, a partir deste número, ata as 100 vacas cóbrase o 70% da prima, igual para todas as zonas.

Por todo isto, Pedreira insistiu en que a zona desfavorecida por montaña e a zona desfavorecida por despoboamento teñen un trato igual nesta axuda ao sector lácteo, “a moción do BNG sería presentable noutro Concello diferente, onde non teñen nin a prima A nin a B, nin tampouco axuda por zona desfavorecida -57 euros por hectárea-, como por exemplo Santa Comba”, explicou o concelleiro ordense.

Por outra banda dende o goberno local ordense sí ven razonable e solicitan “por ser de xustiza polo traballo medioambiental que realizan os nosos gandeiros”, que se establezan axudas de carácter agroambiental para o presente ano 2010, coa suficiente dotación económica, recoñecendo os labores de coidado do medio ambiente e de protección da paisaxe, que realizan os gandeiros e as gandeiras, de xeito que se compensen as reduccións na contía das axudas en aplicación da Orde do 22 de febreiro de 2010 da Consellería de Medio Rural.

As frases de Xesús Pedreira, concelleiro de Medio Ambiente de Ordes
“O que ten o BNG é unha falta de rigor do BNG de Ordes por querer quitar rentabilidade política cando fala de que os limitados recursos dispoñibles para o sector lácteo se destinan exclusivamente ás zonas de montaña, beneficiando claramente a comunidades como Asturias, Cantabria ou País Vasco e perxudicando aos gandeiros galegos"

“A pesares de que os nosos gandeiros de Ordes estean coa auga ao pescozo, non é menos certo que desta non saen como os máis perxudicados
Foto: O concelleiro socialista de Medio Ambiente, Medio Rural e Sanidade, Xesús Pedreira.
*