jueves, 20 de mayo de 2010

O Concello acondiciona locais sociais nas parroquias

.
O pasado 14 de maio, Manuel Regos inauguraba o de Leira, ao que se sumarán un en Beán e outro en Poulo no que participan o obradoiro de emprego do Concello

Regos: "O obxectivo é que os veciños poidan realizar as súas actividades sen ter que desprazarse ao centro urbano"

O alcalde Manuel Regos inauguraba o pasado 14 de maio o novo local social para os veciños da parroquia de Leira. Este local, que está ubicado nas instalacións da antiga escola da parroquia, foi reformado e rehabilitado co fin de dar un novo uso para todos os veciños e veciñas da parroquia.

Os traballos realizados no local social de Leira consistiron na mellora de todo o edificio así como do seu entorno. No edificio, que ten un total de 160 metros cadrados repartidos en dúas plantas, habilitáronse diferentes espazos como una salón para a realización das actividades, ademais de oficinas para as asociacións e veciños da parroquia, baños, almacén, así como un espazo no exterior do edificio, tamén cuberto, para a realización de actividades culturais.

Beán e Poulo tamén terán o seu local
Pero este non será o único local social co que contarán as parroquias ordenses, ao que se sumarán o de Beán, que será o próximo en inaugurarse, e que se ubica nas instalacións da antiga rectoral da parroquia; e o de Poulo no que todavía se están a realizar as obras na antiga escola.

O arranxo destes locais forma parte dun plan municipal a través do que se están a levar a cabo obras nestas antigas instalacións para convertilas en locais sociais, obras nas que está participando o obradoiro de emprego do Concello.

Dende o goberno local explicaron que estas instalacións se encontraban nun estado “lamentable”, querendo desta maneira poñer fin á situación e dándolles un valor tanto a nivel patrimonial para o Concello, como para os veciños e veciñas de cada unha destas parroquias.

A frase de Manuel Regos, alcalde de Ordes
"É moi importante dotar ás parroquias con este tipo de infraestructuras para que os veciños e veciñas teñan un lugar onde poder socializarse, así como realizar as súas actividades sen necesidade de ter que desprazarse ao centro urbano da localidade”

Foto arriba: O alcalde Manuel Regos e o concelleiro delegado de Promoción Económica, Turismo, Mercados e Exposicións, José Luis Gómez Candal, amosan a placa na que se inmortaliza a inauguración do local social de Leira.

Foto abaixo: Momento da inauguración do local social de Leira.

*