viernes, 28 de mayo de 2010

As xornadas da discapacidade rematan cun gran éxito de participación

.
Foron máis dun centenar as persoas que participaron nestas dúas xornadas organizadas polo Concello

O Concello de Ordes clausurou este mediodía a segunda edición das xornadas 'A Discapacidade Hoxe' que tiveron lugar no auditorio do Museo do Traxe Juanjo Liñares, e que achegaron ata o municipio a importantes personalidades que intentaron informar acerca dos diferentes tipos de discapacidades, durante as dúas sesións celebradas onte e hoxe pola mañá.

En total foron máis dun centenar as persoas que quixeron participar nesta iniciativa promovida pola concellería da Discapacidade que dirixe a concelleira, Silvia Marín, quen se mostrou moi satisfeita co resultado das xornadas, que explicou, espera que se volvan a repetir en próximas edicións.

Podes escoitar as palabras da concelleira Silvia Marín para Radio Ordes:



Integración social e laboral
O encargado de dar o pistoletazo de saída ás charlas celebradas no día de hoxe foi o alcalde, Manuel Regos, quen volveu a insistir no empeño do goberno local con este tipo de iniciativas que non teñen outro obxectivo que dar a coñecer esta problemática, intentando ademais aportar ferramentas para a integración na vida tanto social como laboral das persoas que sufren algún tipo de diversidade funcional.

Nunha xornada na que se destacou, sobre todo, o tema da integración deste colectivo na vida laboral, Regos deu paso a Anxo Queiruga, presidente da Confederación de Discapacitados en Galicia (COGAMI), primeiro dos conferenciantes que explicou todas as iniciativas que se levan a cabo dende a entidade que representa.

A seguinte das charlas, impartida por representantes da Federación de Asociacións a favor das persoas con Discapacidade Intelectual de Galicia (FADEMGA), tivo como protagonistas a Alberto Seoane, Marcos Sanmartín e José Antonio Martínez, tres persoas con discapacidade intelectual, que están traballando e que quixeron contar a súa experiencia aos asistentes, así como animar ás persoas que estean na súa situación a que se formen e vexan que encontrar un traballo para eles non é imposible.
..
Enfermidades mentais, esa grande descoñecida
Por último pechou as charlas de hoxe José Mª Regueiro, vicepresidente da Federación de Asociacións de familiares e enfermos mentais de Galicia (FEAFES), quen explicou diferentes cuestións acerca das enfermidades mentais, que asegurou son unhas grandes descoñecidas e a xente está chea de prexízos cara elas.

Desta maneira pechábase a segunda edición das xornadas 'A Discapacidade Hoxe' que organizou o Concello de Ordes e que contaron coa colaboración de diferentes entidades do mundo da discapacidade, como ADISCORDES, a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia, a ONCE, COGAMI, FADEMGA e FEAFES Galicia.

*