martes, 4 de mayo de 2010

Estudantes de Carril coñeceron o roteiro do Mercurín da man do alcalde

Co gallo dun intercambio con alumnos do IES nº 1 que tamén coñecerán o municipio arousán

O alcalde Manuel Regos recibiu esta mañá na Casa do Concello a máis de medio centenar de alumnos e alumnas de 4º da ESO do IES Nº1 de Ordes e o IES Miguel Ángel González Estévez de Carril. Unha recepción que se enmarcou dentro dunha xornada de intercambio entre os dous centros escolares.

Regos, durante a recepción, entregou aos escolares visitantes un agasallo con información sobre o Concello, así como lles deu a benvida ao municipio e explicou “espero que vos guste, e que así poidades coñecer un municipio cunhas características diferentes ao voso que é costeiro, pero que ten outros encantos e bonitas paisaxes como poderedes comprobar a través do roteiro do río Mercurín”.
.
Un percorrido de quince quilómetros
Trala recepción tanto alcalde como escolares e profesores, acompañados tamén polos concelleiros de Medio Ambiente, Xesús Pedreira, e de Educación, Silvia Marín, dirixíronse ata o campo da feira para iniciar o roteiro do río Mercurín. Unha ruta de 15 quilómetros aproximadamente que realizaron durante a xornada.

Tal e como explicaron dende a organización da actividade, os obxectivos desta iniciativa son que os alumnos convivan durante dous días, un en Ordes e outro en Vilagarcía, coñecendo mellor os seus respectivos municipios, ademais de facer unha ruta de sendeirismo.

*