Regos: "Este é un momento histórico. Levamos máis de trinta anos agardando por el"
Populares e nacionalistas critican a medida por ter o Concello que adiantar os cartos que logo abonará o Ministerio de Interior
O goberno rexeita todas as outras mocións da oposición
O pleno celebrado esta mañá no Concello de Ordes aprobou, cos votos a favor do grupo de goberno, o convenio de colaboración co Ministerio do Interior para a construcción dun edificio de nova pranta que será destinado a cuartel da Garda Civil. Un convenio no que se establece que o pago das obras será asumido inicialmente polo Concello, sendo o importe abonado pola Dirección General de la Policía y de la Guardia Civil, unha vez finalizadas as obras.
O alcalde Manuel Regos calificou este momento como "histórico", ao tratarse dunha das infraestructuras que levaba máis de trinta anos esperándose no municipio, e que agora se poderá facer realidade gracias a este convenio. Ante a oposición de nacionalistas e populares para aprobar este convenio, o primeiro edil lamentou que o PP de Ordes se opoña á construcción deste cuartel que durante os vinte anos de Teodosio Martino como alcalde non se puido levar adiante. Regos insistiu no seu lamento porque tanto BNG como PP “non crean na Gardia Civil nin no cuartel, unha infraestructura que sen dúbida redundará no beneficio do municipio tanto dende o punto de vista social como de seguridade para os veciños e veciñas de Ordes”.
O PP expresou o seu "recoñecemento" á Benemérita
Respecto a isto último, os populares expresaron o seu recoñecemento ao labor que desenvolve a Benemérita, pero advertiron que este non implica que o Goberno local deba asumir unhas obras para as que carece de capacidade financeira, co agravante de que non son de competencia municipal. Así, visto que o Concello, a xuízo dos populares, non é capaz de aportar garantías de que vai recuperar ese investimento, e dada a situación de bancarrota das arcas municipais, o PP optou por votar en contra do documento.
Tamén o Partido Popular lembrou que o Concello xa destinara, no seu momento, preto de 500.000 euros para a adquisición do baixo que a Garda Civil ocupa actualmente, como solución transitoria mentres non se constrúa a súa nova sede. E, paralelamente, tamén puxo a disposición do Ministerio do Interior os terreos necesarios para o novo cuartel. Ademais, o Concello anunciara, no seu momento, que pasados dous anos dende o traslado da Benemérita á sede provisional mercada polo Concello, a Dirección Xeral da Garda Civil lles aboaría un alugueiro mensual de 2.000 euros, pero tal documentro nen sequera se chegou a asinar, xa que foi rexeitado polo Ministerio do Interior.
Igual de críticos resultaron os nacionalistas co protocolo sobre o cuartel da Garda Civil. Gonzalo Castro sinalou que “mentres os veciños e veciñas de Ordes vense obrigados pola incapacidade do alcalde a financiar o cuartel da Garda Civil, noutros concellos como Ames, Vilagarcía de Arousa ou Santa Comba, os cuarteis están sendo construidos con fondos propios do Ministerio do Interior”.
Tamén acusou a Manuel Regos de “cometer unha absoluta irresponsabilidade co convenio". O nacionalista considerou que a xestión do alcalde neste asunto “pon de manifesto a súa incapacidade para defender os intereses dos veciños de Ordes, que van ter que pagar máis de dous millóns de euros na construcción do Cuartel, máis o medio millón de euros do baixo no que se ubica na actualidade, o que vai a supoñer que a cada veciño o Cuartel lle custe máis de 200 euros”.
Ante as críticas da oposición sobre o custo que a operación supón para o Concello, Regos quixo aclarar que “este cuartel vaise facer sen ningún tipo de cargo aos veciños e veciñas de Ordes". "Trátase", asegurou á corporación o primeiro edil, "dunha operación normal de tesourería que non endebedará ao Concello xa que, en 2013 cando se terminen as obras, o Ministerio abonará ao Concello o custe das mesmas”.
Tamén quixo explicar Regos que con este novo cuartel Ordes terá un posto principal deste Corpo de Seguridade do Estado, e dirixíndose aos membros da oposición insistiu en que “o que lles molesta é que o cuartel se faga agora sen que foran capaces de facelo antes”.
Aínda así, os populares ordenses apelaron á responsabilidade do rexedor para evitar que asuma ese novo compromiso, "imposible de cumprir para un Concello en situación de bancarrota, con facturas impagadas por máis de un millón de euros e proxectos faraónicos, como os baixos da Alameda, as obras de ampliación da Casa Consistorial ou infinidade de gastos sen orzamento".
.
Astray: "Levamos esperando 33 anos polo cuartel"
Pola súa banda, o concelleiro de Persoal, Réxime Interior e Comunicación e voceiro do goberno, Manuel Astray, explicou que “aínda que estou dacordo de que non é unha competencia do Concello, esta é a única oportunidade para que Ordes conte con este cuartel da Garda Civil polo que levamos esperando 33 anos. Nós non imos ser responsables de que Ordes quede sen cuartel e se o queremos hai que aprobar este convenio. Isto non vai endebedar ao Concello porque a inversión vaise recuperar”. Finalmente o convenio para a construcción do cuartel da Garda Civil aprobouse cos votos a favor dos nove edís do grupo de goberno, e os votos en contra de PP e BNG.
En canto ás mocións presentadas polos grupos da oposición, o BNG presentou unha relativa ás obras da rolda leste, da que non se aprobou a súa urxencia, e na que os nacionalistas solicitaban instar a Fomento a que se manteña o proxecto inicial con rotondas na conexión coa N-550, así como a que se ampliase o vial ata Cano de Leira e se dote ao tramo da zona sur dos servizos básicos e beirarrúas nas dúas marxes.
O concelleiro nacionalista Ramiro Recouso defendeu “a modificación do proxecto da ronda leste para prolongar o vial nunha distancia de 800 metros até a N-550 á altura do Cano de Leira, dotando ao mesmo dun acceso neste punto, co obxectivo de evitar que todo o tráfico pesado teña que pasar polo polígono industrial de Merelle, o que provocaría un caos circulatorio, ademáis dun serio problema de seguridade vial“. Tamén o nacionalista propuxo que “tratándose dun tramo urbano, debe contemplarse na obra a instalación dos servizos básicos propios, como saneamento, abastecemento de auga potábel, gas, telefonía, etc..., así como beirarrúas polas dúas marxes”.
O concelleiro de Obras e Urbanismo, Roberto González, insistiu en que se trata dun proxecto aprobado e que hai que respetalo agora mesmo. En canto á rotonda explicou que se están a manter conversacións con Fomento ao respecto.
.
Axudas ao sector lácteo
Tampouco se aprobou a urxencia dunha moción do BNG sobre as axudas ao sector lácteo, moción á que xa fixera referencia no seu día o edil de Medio Ambiente, Medio Rural e Sanidade, Xesús Pedreira, quen explicou que dende o goberno local sempre se defendeu e defenderá coas armas que se poden dar como administración local o sector agrogandeiro, “por iso fixemos a rebaixa dun 90% das tasas por construción ou ampliación das explotacións, esto sí entra dentro das nosas competencias e é un respiro para moitas economías, como tamén axudamos con transporte ás mobilizacións dos gandeiros fóra de Ordes, así como nas numerosas mocións presentadas en pleno dimos traslado das resolucións ás diferentes administracións estatais e autonómicas”.
Pola súa banda, Gonzalo Castro considerou “moi necesaria a unidade da corporación municipal na demanda de apoio para o sector lácteo, xa que esta discriminación do sector lácteo nas axudas da PAC chega xusto cando Ordes ten afrontado, grazas aos investimentos da anterior consellería do Medio Rural, xestionada polo BNG, a fase final da maioría das súas concentracións parcelarias, que é cando as explotacións poderían empezar a mellorar a súa base territorial e a súa rendabilidade”.
Pedreira criticou a “falta de rigor do BNG de Ordes por querer quitar rentabilidade política” cando fala de que os limitados recursos dispoñibles para o sector lácteo se destinan exclusivamente ás zonas de montaña, beneficiando claramente a comunidades como Asturias, Cantabria ou País Vasco e perxudicando aos gandeiros galegos. Explicou o edil que, “a pesares de que os nosos gandeiros de Ordes estean coa auga ao pescozo, non é menos certo que desta non saen como os máis perxudicados”, explicando que “unha zona coma Ordes que está clasificada como zona desfavorecida, vai cobrar a prima B e opta á C, mentras zonas como Santa Comba ou Bergantiños, veciñas e parecidas xeográficamente a Ordes, nunca van poder cobrar a axuda A, B nin C”.
Decreto do galego e o decreto de Zapatero
O pleno tampouco aprobou a urxencia de dúas mocións dos nacionalistas, unha sobre o decreto do galego, e outra na que se solicitaba instar a retirada do decreto aprobado polo goberno de España en canto aos recortes sociais, moción esta última que explicou o edil Xesús Pedreira “son cuestións que non se debaten nos concellos e deben ser debatidas polos deputados”.
En canto á moción presentada polo Partido Popular na que se reclamaba ao Concello que se variase o emprazamento dunha fonte na parroquia de Leira, Pedreira pediu aos populares que se informen, xa que estas actuacións as están a levar a cabo os veciños, aportando o Concello só o material.
Podes escoitar o contenido completo do pleno a través da sinal de Radio Ordes facendo clic neste enlace.
Imaxe: Transcurso da sesión ordinaria do pleno da corporación municipal ordense que contou coas ausencias dos concelleiros José Luis Díaz Hermida (dereita) e Juan Simón (esquerda).
*