martes, 11 de mayo de 2010

Xa están diplomados en Habilidades Sociais


O alcalde Manuel Regos fixo entrega dos diplomas a un grupo de alumnos discapacitados
.
A través deste curso búscase facilitarlles a súa integración na sociedade

O alcalde Manuel Regos fixo entrega esta mañá dos diplomas acreditativos do curso de habilidades sociais dirixido a discapacitados que se celebrou no municipio. Un acto no que o primeiro edil estivo acompañado polos concelleiros de Obras e Urbanismo, Roberto González, a edil de Educación, Mocidade e Discapacidade, Silvia Marín, e o empresario Álvaro Concheiro, de Internaco, empresa que colaborou co Concello na celebración deste curso.

As clases daban comenzo o pasado mes de outubro e nelas alternáronse diferentes tipos de obradoiros entre os que figuraron clases de autonomía e desenvolvemento persoal, clases de cociña, obradoiros de psicomotricidade e relaxación, clases de alfabetización e cultura xeral, que tiveron entre os seus obxectivos, facilitar a integración dos participantes na sociedade, tal e como explicou a concelleira, Silvia Marín.

Neste curso, que foi totalmente gratuíto para os participantes e que se celebrou nunha aula habilitada polo Concello de Ordes no recinto feiral de Mesón do Vento, participaron preto dunha decena de persoas con discapacidades tanto físicas como sensoriais, cognitivas ou psicolóxicas.

Unha concellería modélica: Discapacidade
O alcalde, Manuel Regos, durante a entrega dos diplomas mostrou a súa satisfacción polos resultados obtidos con este tipo de iniciativas, polas que asegurou, seguirá apostando o Concello, sendo mostra delo que se adique unha concellería á Discapacidade, ou a celebración doutro tipo de iniciativas como os cursos de informática que se clausuraban o pasado verán.

Pola súa banda, Álvaro Concheiro de Internaco, mostrou a súa satisfacción polo resultado desta iniciativa organizada polo Concello e coa que colaborou a súa empresa explicando “é unha das mellores inversións que fixo a empresa, trátase dun tema descoñecido e non nos damos conta da problemática que supón. Pódese axudar moito no noso arredor sen necesidade de facelo a 10.000 km da casa. Estou moi satisfeito da participación da empresa neste proxecto”.

Alumnos e familiares agradeceron a celebración deste curso ao Concello, facendo fincapé nos avances que supuxo para os participantes, sobre todo, á hora de socializarse cos demais.

Ademais o primeiro edil quixo aproveitar a ocasión para anunciar ás familias e aos alumnos que os próximos días 27 e 28 de maio terán lugar no municipio unhas xornadas sobre discapacidade, organizadas polo Concello e nas que participarán importantes personalidades de colectivos afectados como a ONCE, a comunidade xorda, COGAMI, FADEMGA, FEAFES ou Adiscordes.

Foto: Os alumnos do curso tras recibir os seus diplomas e os seus familiares, acompañados polo alcalde, Manuel Regos, os edís, Roberto González e Silvia Marín, e Álvaro Concheiro da empresa Internaco.
*