sábado, 22 de mayo de 2010

As xornadas 'A Discapacidade de hoxe' xa teñen data: 27 e 28 de maio

.
Dende o Concello de Ordes e a Oficina Integral da Discapacidade animan a veciños e veciñas a que participen desta iniciativa, coa que se pretenderá explicar moitas cuestións relativas a estas desfuncións

O Concello de Ordes ten todo preparado para celebrar a segunda edición das xornadas 'A Discapacidade hoxe' que traerán ata o municipio a importantes personalidades a nivel galego que ofrecerán os seus coñecementos acerca de diferentes discapacidades.

As xornadas terán lugar os días 27 e 28 de maio no auditorio do Museo do Traxe “Juanjo Liñares” de Ordes en horario de 10:00 a 13:00 horas. Para todos aqueles que queiran participar non fai falta inscribirse, están abertas para todo o mundo e serán totalmente gratuítas.

Inauguración a cargo do alcalde Manuel Regos
En canto ao programa de actos, o día 27 ás 10 horas levarase a cabo a inauguración das xornadas que correrá a cargo do alcalde, Manuel Regos e a concelleira de Educación, Mocidade e Discapacidade do Concello de Ordes, Silvia Marín. A continuación o presidente de Adiscordes, Antonio Morán, dará paso aos conferenciantes, que neste caso serán Antonio Bestilleiro Ríos, fisioterapeuta da Clínica Cecine e experto en neuroloxía e equinoterapia, e José Manuel Iglesias Vilas, fabricante de xogos adaptados e experto en etoloxía.

Ás 11:00 horas tocaralle o turno a Kizkitza Velasco, membro da Federación de Asociación de Persoas Xordas de Galicia. E ás 12 horas pechará a xornada do xoves Dolores Venancio, presidenta do Consello Territorial da ONCE en Galicia.

Xa na xornada do venres 28 de maio a primeira das conferencias, ás 10 horas, correrá a cargo de Anxo Queiruga, presidente da Confederación de Discapacitados en Galicia -Cogami-. Ás 11:00 horas a charla desenvolverana membros da Federación de Asociacións a favor de persoas con Discapacidade Intelectual de Galicia -FADEMGA-.

Neste caso serán, Ana Paula Álvarez, coordinadora da área de emprego e formación, Irene Calvo, orientadora do servizo de emprego de FADEMGA, e tres persoas discapacitadas que traballan na comarca de Santiago. Ás 12 horas, para pechar as xornadas, tocaralle o turno a José Ramón Girón, presidente da Federación de Asociacións de familiares e enfermos mentais de Galicia (FEAFES).

Foto: Antonio Morán (esq.), o alcalde Manuel Regos e a concelleira de Discapacidade, Silvia Marín o pasado 3 de decembro na celebración do Día Internacional da Discapacidade.


*