Espéranse numerosos asistentes ao curso de verán da USC que versará sobre a xestión dos residuos
Terá lugar entre o 19 e o 22 de xullo na Casa de Cultura
Con moita expectación. Así está sendo acollida a celebración da segunda edición do curso 'Xestión integral de Residuos de Galicia', organizado pola universidade compostelá e o Concello de Ordes, e que se celebrará na nosa vila entre o 19 e o 22 de xullo. Así o asegura o concelleiro de Medio Ambiente, Xesús Pedreira, que recorda que, polo de agora, son xa moitos os interesados en facer o curso "de moitos lugares de Galicia, pero tamén de fóra. Xa temos xente de Oviedo que amosou o seu interese por vir", explica.
Numerosos expertos
Convertindo a Ordes temporalmente nun campus universitario, o curso condensará en catro días todas as técnicas de xestión medio ambiental levadas a cabo en Galicia. Alí estarán expertos na materia de diferentes lugares de Galicia, pero tamén doutros puntos de España como Asturias, León e País Vasco.
Ademais, está previsto que os alumnos poidan participar en diferentes actividades prácticas como visitas guiadas a lugares como o Complexo Medioambiental de Sogama, a planta de tratamento de residuos urbanos de Nostián, a recuperación do parque de Bens, en A Coruña, ou o Punto de Limpo de Ordes (na fotografía).
Ademais, como colofón final, está previsto que os participantes no curso percorran un tramo do Camiño inglés polo municipio ordense, cunha posterior visita á Catedral de Santiago e asistencia á Misa do Peregrino.
Pedreira: "Esperamos que o curso volva a ser un éxito coma o do ano pasado"
Para o edil Xesús Pedreira, o feito de que Ordes se convirta nuns días en sede universitaria "é moi favorable para todos nós, sobre todo se é para tratar temas como a xestión dos residuos, no que Ordes ten moito que dicir. Somo un pobo que dende sempre apostou pola reciclaxe e por xestionar ben os nosos residuos, polo que establecer o debate sobre estes temas será moi enriquecedor", engade.
Ademais, Pedreira confía en que a edición deste ano siga os pasos do curso que se celebrara o ano pasado "que fora todo un éxito de participación". E é que, como indica, "moitos dos participantes convertíronse en verdadeiros embaixadores do que aquí facemos", recorda o edil de Medio Ambiente.
Ficha técnica do curso Xestión Integral de Residuos en Galicia
Datas: de 19 a 22 de xullo
Lugar: Auditorio Casa da Cultura de Ordes
Nº de horas lectivas: 26
Director: Francisco José Peña Castiñeira
Secretaria: María Julia Melgar Riol
Podes consultar o programa oficial facendo clic neste enlace.
Foto: Momento da visita ao Punto Limpo de Ordes dos participantes na edición 2009 da Universidade de Verán da USC en Ordes.
*