.
Terá lugar hoxe sábado no pavillón municipal e os participantes poderán disfrutar de diferentes actividades como baile latino, risoterapia e karaoke
Xesús Pampín: "Decidimos realizar un peche conxunto dado o éxito das diferentes actividades"
Tralo éxito acadado polo ciclo de noites psicoeducativas enmarcadas dentro do programa municipal FARO de prevención de alcol, o Concello de Ordes decidiu celebrar un peche conxunto destas noites como broche final da actividade.
Así, hoxe sábado celebrarase unha nova noite psicoeducativa, na que igual que nas anteriores, participarán, de maneira totalmente gratuíta, rapaces e rapazas de Ordes con idades comprendidas entre os 12 e os 17 anos e as súas familias, que nesta ocasión disfrutarán con diferentes actividades como baile latino, risoterapia e karaoke.
O ciclo de noites psicoeducativas celebrouse durante as noites de tres sábados nas que máis de 60 rapaces e rapazas de Ordes puideron comprobar que existen alternativas de ocio en espazos libres de alcol, realizando un destacado número de actividades cun rocódromo, clases de baile moderno, tiro con arco, carreiras de orientación e diferentes obradoiros de elaboración de cócteles sen alcol, fotografía nocturna, fieltro, fimo, etcétera.
O horario no que terá lugar esta iniciativa, que ten como obxectivo crear un espazo de diversión común que acolla a toda a familia, será de 21:30 a 00:30 horas no pavillón municipal, na rúa Mestre Nicolás del Río na zona do Paraíso.
A frase de Xesús Pampín, concelleiro de Servizos Sociais e Terceira Idade de Ordes
"Ante a petición das familias e dos rapaces e rapazas participantes no programa de que se sigan programando novas noites e ante o éxito das diferentes actividades, decidimos realizar un peche conxunto como colofón ao das anteriores edicións”
*