jueves, 17 de junio de 2010

A piscina de O Muíño contará con 'bibliopiscina'

.
As instalacións abriron esta semana as súas portas cun horario de 11 a 21 horas todos os días da semana

A intención do Concello é a de fomentar a lectura entre os usuarios

A Piscina Municipal de O Muíño no Campo da Feira, abriu esta semana as súas portas no municipio para dar comenzo a unha nova campaña de verán. Unhas instalacións que terán un horario de apertura de 11:00 a 21:00 horas todos os días da semana ata o próximo 15 de setembro.

Entre os servizos cos que conta esta instalación, un ano máis, os usuarios poderán disfrutar dun servizo de bibliopiscina, a través do que durante a súa estancia na piscina poderán consultar infinidade de libros de diferentes temáticas e estilos, dirixidos para todas as idades, e co que dende o Concello pretenden fomentar a lectura tanto entre os máis pequenos como entre os adultos, á vez de proporcionar un entretemento máis para os usuarios das instalacións.

Ademais este ano a bibliopiscina contará cun novo servizo, que suporá a posibilidade de que os usuarios poidan facer un intercambio de libros, cambiando un libro da súa propiedade por outro dunha selección de exemplares da bibliopiscina. Tamén como novidade este ano, a bibliopiscina contará cunha sección de comicteca na que os amantes ao mundo do cómic poderán encontrar algúns dos títulos máis característicos deste xénero.

Carnés e cursos de natación
En canto ás entradas para poder facer uso das instalacións da piscina, os aboados que conten con carné de tempada terán que pagar 6,27 euros se se trata de rapaces e rapazas de 3 a 15 anos, e 12,54 euros os adultos de 16 anos en adiante. O carné pode solicitarse na Concellería de Cultura e Deportes do Concello de Ordes, situada na planta baixa da Casa do Concello.

Por outra banda para todos aqueles que non teñan o carné, as entradas terán un coste de 0,65 euros ao día para os menores (de 3 a 15 anos), e de 1,25 euros para os adultos (16 anos en adiante).

Entre outras actividades que se desenvolverán durante o verán na pisicina, o Concello tamén ten organizados uns cursos de natación nos meses de xullo e agosto. O prazo para inscribirse xa está aberto ata o próximo 25 de xuño, debendo realizarse as inscricións na Concellería de Cultura e Deporte do Concello de Ordes en horario de 9 a 14 horas.

Os prezos destes cursos, que se celebrarán polas mañás de luns a venres, serán de 18,80 euros ao mes para os adultos e de 12,55 euros mensuais para os nenos e nenas de 3 a 15 anos. Para poñer en marcha o curso deberá haber un grupo mínimo de 15 participantes.

Foto: Sección da bibliopiscina da piscina de O Muíño.

*