jueves, 24 de junio de 2010

Os participantes do Proxecto Comenius entrevistan a...Alberto Bouzas, cardiólogo

.
"Se poidera formular un desexo que se cumprira sería eliminar o cancro"

"O máis importante para coidar do noso corazón é non fumar"

"O inglés é a lingua universal no mundo da mediciña"

Entrevista realizada por Claudia Martínez de la Iglesia e Laura Manteiga Regueiro

O doutor Alberto Bouzas Mosquera naceu hai 33 anos en Ordes, lugar no que vive na actualidade. Estudou Medicina en Santiago de Compostela e leva oito anos a traballar como cardiólogo no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC). No pasado mes de febreiro a prestixiosa revista The Lancet escolleu como mellor artigo do ano o seu estudo sobre a eficacia dunha proba sinxela, inocua, barata e segura para predicir infartos e outras doenzas do corazón.

O Journal of the American College of Cardiology, auténtica biblia para os cardiólogos, publicou esta investigación, que tamén quedou finalista no premio Young Investigators Award do Congreso Europeo de Cardioloxía, e dedicoulle un editorial en que destacaba que o seu estudo podería cambiar a técnica de diagnose que hoxe en día se aplica para determinar se unha persoa cunha dor torácica ten ou non unha enfermidade coronaria e, polo tanto, pode sufrir un infarto ou algún episodio cardíaco agudo.

Que lle fixo decidirse a estudar Medicina e logo á investigación?
A verdade é que desde pequeno sempre quixen ser médico. Penso que é un tema de vocación. A medicina é unha profesión moi bonita e, desde logo, se tivese que volver a elixir, escollería de novo a medicina. Non me arrepinto da elección.

Como consegue unha persoa tan nova coma vostede destacar tanto no seu campo? Ben, en gran parte influíu, evidentemente, a sorte. Non é nada fácil destacar na medicina en ningún sentido porque realmente xa hai moito avanzado. Os pasos que se dan son moi pequenos de cada vez. A sorte tivo que ver, pero a sorte tamén a hai que buscar.

Sempre investigou en Galicia? Gustaríalle investigar fóra de España?
Non, non sempre investiguei en Galicia. Estiven seis meses en Londres traballando
nun hospital relativamente importante. Pero si que me gustaría seguir investigando en Galicia. Agora mesmo non teño ningún interese en investigar fóra de España.
.
"O CHUAC é un hospital moi importante"
Que nivel ten o Complexo Hospitalario da Coruña como centro de investigación a nivel mundial?

Penso que é moi alto. Tanto dentro de España coma dentro de Europa, o Complexo Hospitalario da Coruña é un hospital moi importante. Quizais, en canto á investigación, non está á altura dos grandes hospitais de Estados Unidos, que é o país máis importante nese sentido, pero penso que se está avanzando e se están facendo as cousas nunha boa liña, na boa dirección.

Cre que hai en España unha tecnoloxía cardíaca punteira?
Hai moitas tecnoloxías cardíacas punteiras, tanto en España coma noutros países do noso contorno. No que nos ocupa a nós, levamos desenvolvendo unha técnica desde hai 15 anos. De momento, tal e como a facemos nós, non se emprega noutros hospitais, é a ecocardiografía de exercicio, que nos permite detectar a orixe cardíaca das dores de peito. Esa é a técnica coa que estamos a traballar.

Podería describirnos dun xeito sinxelo, sen tecnicismos, en que consiste a investigación pola que o premiaron?
O que fixemos foi estudar a 4.000 pacientes que viñeron á consulta por dor torácica. A proba que se realiza habitualmente é unha proba de esforzo que consiste en poñer a camiñar o paciente nunha cinta e rexistrar se ten dor torácica ou cambios na actividade eléctrica do corazón. Entón o que fixemos foi investigar a 4.000 pacientes que, ademais de consultar a dor torácica e de someterse a unha ergometría, foron sometidos a unha ecografía do corazón, que nos permite valorar como se contrae o corazón durante o exercicio.

Eses pacientes non desenvolveron dor torácica nin cambios no electrocardiograma na actividade eléctrica do corazón. Se só se tivesen sometido a unha proba de esforzo, que é a proba que se realiza normalmente, terían sido dados como normais. Non obstante, observamos que un 16% deses pacientes presentaban alteracións na contracción do corazón durante o exercicio, polo tanto, tiñan un peor prognóstico, é dicir, tiñan máis eventos durante o seguimento, máis infartos e máis morte.

Que lle achegou o premio?
Para nós foi, evidentemente, un grande honor e un orgullo que unha revista tan
prestixiosa como The Lancet, que está entre as tres primeiras en canto á medicina (non só en cardioloxía), publicase unha investigación nosa... Foi un verdadeiro honor.

Como se sente ao quedar finalista, con ese mesmo traballo, para gañar o
premio Young Investigator Award do Congreso Europeo de Cardioloxía?
Esa foi a primeira sorpresa de todas, que o noso traballo chamase a atención nese Congreso. E tamén foi unha gran satisfacción que saíse elixido entre os finalistas para ese premio, que é moi
prestixioso
.

Cre que ten unha importante difusión o seu traballo? En que revistas lle gustaría que o publicasen?
Xa temos publicado, non só eu, senón outra xente do noso grupo, traballos de investigación nese campo, na ecocardiografía de exercicio, en revistas moi importantes dentro da cardioloxía. A nosa idea é continuar nesa liña, seguir investigando porque quedan moitas cousas por descubrir.

Podería dicirnos en que está traballando agora?
Estamos seguindo esa liña de investigación. Agora mesmo estamos comparando esa mesma técnica realizada en cinta rodante, co paciente camiñando, coa técnica tradicional, que se fai en bicicleta. Queremos comprobar se a nosa técnica é igual, máis efectiva ou menos efectiva, para o diagnóstico e para a valoración dos pacientes con dor torácica.

Tivo que dar malas noticias aos familiares ou aos pacientes en moitas ocasións?
Si, moitas máis das que me gustaría. É unha cousa moi desagradable pero é parte do noso traballo.

Como se vive esa situación?
É unha situación na que se empatiza coa familia e tes que intentar acostumarte porque é parte do teu traballo. Pero nunca te acostumas de todo.
.
"A crise económica nótase moitísimo no campo da investigación"
No campo da investigación nótase a crise económica?
Moitísimo. Ata hai un par de anos había axudas moi importantes que se tiveron que suspender. Realmente é unha pena, porque é unha motivación para facer unha cousa pola que non se nos remunera. Aos médicos non se nos remunera pola actividade investigadora. É algo que facemos no noso tempo libre e non temos asegurado nada a cambio desa actividade.

Pensa que algún día poderiamos substituír o corazón por algún aparello tecnolóxico?
Si, pero non algún día, porque iso xa é posible agora. Non é moi frecuente pero hai xente, pacientes, que andan pola rúa cun corazón artificial, que non é o seu. Iso é unha cousa factible.

Pensa que coa clonación poderiamos substituír o órgano danado por outro san?
Si, o que pasa é que para chegar a ese punto fan falta anos de investigación. Aínda non chegamos a ese punto pero, sen dúbida, iso chegará.
.
"Existe unha clara predisposición xenética nos infartos"
Hai predisposición xenética ás enfermidades cardíacas?
Si, para a maior parte das enfermedades cardíacas hai unha clara predisposición xenética. Nalgunhas é unha cousa moi evidente, herdada, cun tipo de herdanza mendeliana directamente dos pais, e noutras hai unha certa predisposición, que non é exactamente unha herdanza como dicía Mendel. Na inmensa maioría das enfermidades, especialmente nas cardiovasculares hai unha clara predisposición. É dicir, os pacientes que teñen familiares de primeiro grao con antecedentes de infarto teñen máis probabilidades de ter un infarto.

Que nos aconsella para coidar o noso corazón?
Hai moitas medidas para coidar o corazón. En primeiro lugar, está unha dieta sa, equilibrada, baixa en colesterol, baixa en graxas de orixe animal, rica en froitas e verduras... Pasear todos os días, facer exercicio de forma regular, recoméndanse 30 minutos ao día, se é posible, e para a xente que ten factores de risco cardiovascular, con hipertensión, colesterol ou diabete, hai que coidalos. E quizais a medida máis importante para a xente que fuma é deixar o tabaco.

No noso centro estase a realizar un proxecto educativo de cohesión europea Comenius con institutos de Polonia e Lituania. Que lle parecen estas iniciativas de traballo cooperativo internacional?
Paréceme unha iniciativa fantástica. Estiven comentando coa vosa profesora que me parece unha iniciativa incrible. Oxalá cando eu estudaba houbese iniciativas deste tipo!

Ten algún compañeiro de Polonia ou Lituania?
Non, non coñezo a ninguén de Polonia ou Lituania.

Algunha vez tivo algún contacto con Lituania e Polonia?
Non, nunca estiven neses países.

Vostede ten familiares vivindo no estranxeiro?
Que eu saiba non. Meus pais estiveron oito anos vivindo en Londres. De feito eu nacín alí, cerca de Londres, pero regresaron a Galicia cando eu era novo. Agora mesmo non teño ningún familiar no estranxeiro.

Viaxou por moitos países? Gustáronlle as súas culturas? E a comida?
Si, viaxei bastante porque o meu traballo obriga a viaxar. Se queres estar un pouquiño na punta do coñecemento médico tes que ir a outros países e coñecer outras formas de pensar, outras formas de traballar, e outras persoas que se dedican ao mesmo ca ti. E a min gústanme moito outras culturas. Estiven en Alemaña, Suecia, Inglaterra, Estados Unidos..., que son países con culturas moi diferentes, pero todas teñen algo positivo.

Cando vostede estudaba coma nós, que linguas estranxeiras cursaba? Era bo estudante?
Estudei inglés como primeira lingua estranxeira, pero tamén estudei francés dous anos no
instituto. Non sei se agora ocorre igual, pero daquela era unha materia optativa. E aínda que estea mal que o diga, non era mal estudante.

"Ningúen pode publicar un artigo científico se no sabe inglés"
Para a súa investigación necesita utilizar idiomas estranxeiros?
Si, en medicina hoxe en día fálase o inglés. O inglés é a lingua universal. Non hai ningún médico que poida publicar un artigo medianamente bo en ningunha lingua que non sexa o inglés.

Como se define a si mesmo Alberto Bouzas?
Difícil pregunta. Son unha persoa bastante tímida, pero creo que bastante amigable, amigo dos meus amigos… Ben, en xeral, creo que non son mala persoa.

Algunha vez viu calquera serie referida á medicina, de tipo House, Hospital Central...?
Si, si. Gústame moito a serie Urxencias que se emitía hai uns anos, pero agora xa non a botan e son fan de House.

Cre que se axustan á realidade?
Urxencias axustábase bastante ben á realidade. House xa non, pero gústame vela de todos modos.

Gústalle o deporte? Practica algún? O deporte é bo para o noso corazón?
Si, sen dúbida o deporte é bo para o corazón. A min gústame moito xogar ao tenis e andar en bicicleta cando teño tempo. Pero non é que teña moito tempo libre, que digamos.

Se puidese formular un desexo sabendo que se ía cumprir, que descubrimento lle gustaría facer?
Así de súpeto, non sabería dicirche. Hai moitas cousas que quedan por descubrir na medicina, na cardioloxía... creo que eliminar o cancro, por exemplo.

Permítanos a derradeira cuestión como principiantes no mundo da entrevista, hai algo ao que lle gustaría responder pero que nunca lle preguntaron?
Pois mira, gustaríame que me preguntásedes se merece a pena, realmente, dedicarlle tantas horas a unha actividade como á investigación, pola que non se recibe ningunha remuneración económica. Realmente hai moita recompensa en canto á satisfacción persoal, así que merece a pena. É a guinda ao teu traballo.
Podes leer outras entrevistas dos alumnos do Proxecto Comenius a través da web do IES Maruxa Mallo.

Entrevista realizada o 3 de maio de 2010. Asesora: Carmen García Romalde. Supervisores: Xosé Manuel Fernández Castro, Isabel Mato e Ana Calvo. Gravación e edición audiovisual: Xosé Manuel Fernández e Raquel Rendo. Fotos: Isabel Mato.

*