Con teatro, partidos de fútbol sala, actuacións musicais e demais actividades para conmemorar o fin do periodo lectivo
O IES nº 1 de Ordes celebrou este pasado mércores o remate da actividade lectiva co festival de fin de curso. Tratouse dunha xornada festiva na que, na maior parte dos casos, a clase foi substituída por actividades como as deseñadas polo departamento de Matemáticas, de 'Enxeño e entretemento matemático' para todos os alumnos e alumnas de ESO e que se prolongaron ao longo das dúas primeiras horas da mañá no patio do centro.
Por outra banda, dous grupos de bacharelato e o Ciclo Medio de Administrativo asistiron a unha segunda sesión de Teatro do Oprimido dentro do programa 'Trocando peles', a cargo de ACSUR, unha ONG que traballa no ámbito da cooperación internacional e combate as desigualdades e as inxustizas tamén a través do teatro.
Algúns alumnos de Automoción desputaron partidos de fútbol sala antes do recreo. Tralos partidos tiveron lugar as interpretacións musicais por parte de alumnos de 2º, 3º e 4º de ESO e de bacharelato, preparadas nas clases de Música. Tamén e tras as actuacións musicais dos rapaces, a directora do IES, Dolores Iglesias, fixo entrega de diplomas dos premios obtidos no concurso de xogos e entretementos matemáticos a alumnos e profesores.
Houbo, ademais, acto de entrega de orlas aos alumnos de 4º de ESO que rematan estes estudos por parte da directora e do seu titor, Xosé Bestilleiro.
Exposición sobre a enerxía
Ademais tamén se puido ver unha exposición que os alumnos e alumnas de 1º ESO fixeron cos seus respectivos titores na materia denominada PRI (Proxecto interdisciplinar) e que este ano versou sobre a enerxía (de feito o título é “Nós e a enerxía”). Ademais de estudar as diferentes fontes de enerxía existentes, tamén analizaron os gastos de auga, electricidade, gasóleo e outros consumos como papel ou produtos de limpeza do IES nº 1 de Ordes.
Como traballo práctico, realizaron senllos fornos ou cociñas solares, nos que probaron a cociñar alimentos. Ademais, o IES Nº1 contou coa inestimable colaboración da empresa Couselo que achegou unha mostra de placas solares e outras alternativas enerxéticas para sistemas de calefacción e auga quente. O seu responsable, Jesús Couselo, deulles unha pequena charla a profesores e alumnos deste nivel.
Para rematar contouse coa actuación do músico Martinho de Cerceda no exterior do instituto, unha actuación que sorprendeu a todos, poñendo o peche final a unha xornada chea de diversión e a un novo curso deste centro educativo ordense.
*