jueves, 24 de junio de 2010

O alcalde recibiu aos alumnos e profesores do IES Maruxa Mallo que visitaron Pszczyna

A expedición ordense, que viaxou a Polonia a través dun intercambio escolar enmarcado no proxecto Comenius da Unión Europea, entregou ao alcalde un agasallo do seu homónimo polaco

O alcalde Manuel Regos recibiu esta mañá na Casa do Concello aos alumnos e profesores que visitaron recentemente o pobo polaco de Pszczyna a través dun intercambio no que está a participar o centro educativo ordense con outros dous, un polaco e outro lituano, enmarcado dentro do proxecto Comenius da Unión Europea.

A expedición ordense do IES Maruxa Mallo entregou a Manuel Regos, un agasallo do seu homónimo polaco, en resposta ao que xa enviara o Concello de Ordes a través destes alumnos ordenses para o Concello de Pszczyna.

Irmanamento Ordes-Pszczyna
Durante a recepción desta mañá no Concello, na que tamén participaron a concelleira de Educación, Mocidade e Discapacidade, Silvia Marín, e o concelleiro de Cultura e Deportes, Ramón Vázquez Raña, os responsables municipais interesáronse pola estancia dos escolares ordenses en Polonia, así como as costumes e características do pobo que visitaron, volvendo a mostrar o alcalde o seu interese por chegar a irmanarse con dito pobo polaco, tal e como xa anunciara na visita dos escolares de Pszczyna ao municipio ordense.

A través deste intercambio escolar, enmarcado dentro do proxecto Comenius que financia a Unión Europea, alumnos do IES Maruxa Mallo viaxaran xa o pasado mes de novembro a Lituania, e en febreiro alumnos lituanos e polacos desprazáranse ata Ordes. Uns intercambios entre os tres centros educativos de Ordes, Lituania e Polonia que volverán a realizarse o próximo curso.

*