.
Ambos se celebrarán na Casa da Cultura. Un deles dará comenzo esta tarde e o outro o próximo mércores
O Concello de Ordes a través da concellería de Sanidade de Xesús Pedreira, celebrará esta semana dous cursos sobre primeiros auxilios. O primeiro deles, trátase dun curso básico sobre primeiros auxilios dirixido ó público en xeral e, o segundo destinado a persoas que realicen algunha práctica deportiva. Ambos cursos son totalmente gratuítos para os participantes.
No primeiro dos cursos, Introducción aos primeiros auxilios, abordaranse dun xeito sinxelo os contidos máis esenciais sobre primeiros auxilios, facilitando as habilidades necesarias para poder facer fronte dunha maneira efectiva e segura ás diferentes situacións de emerxencia que se poden atopar en situacións cotiás. Este curso terá lugar hoxe e mañá de 16.30 a 21.30 horas na Casa da Cultura de Ordes.
No segundo dos cursos ofertados, titulado Curso de primeiros auxilios no deporte, abordaranse dun xeito sinxelo os contidos máis esenciais sobre primeiros auxilios destinados á atención de situacións críticas que poden orixinarse na práctica deportiva. As datas de celebración serán o mércores día 30 de xuño e o xoves 1 de xullo cun horario de 16.30 h a 21.30 horas tamén na Casa da Cultura.
Os encargados de impartir os dous cursos serán docentes do Centro de Formación da Cruz Vermella. Para cada un deles ofertáronse 20 prazas que xa están cubertas. A duración de cada curso é de 10 horas.
*