jueves, 24 de junio de 2010

Conexión Pszczyna-Druskininkai-Ordes


O IES Maruxa Mallo, no proxecto educativo de cohesión europea Comenius

O pasado domingo chegaba ao aeroporto de Lavacolla a expedición galega que participou no proxecto europeo Comenius na vila polaca de Pszczyna. O grupo de traballo interdisciplinar, composto por catro profesores e cinco alumnos, colaborou ao longo dunha semana con equipos equivalentes do instituto de ensinanza secundaria local Zespól Szkol nº1 e do Instituto Atgimimo, de Druskininkai (Lituania).

Esta estadía supuxo a culminación do traballo que se veu realizando ao longo do presente curso 2009-2010. Tivo como obxecto o estudo das coincidencias e diferenzas existentes entre os tres países no eido da cultura, tradicións e vida cotiá. Durante a primeira parte deste ano académico confeccionouse un libro bilingüe (inglés-galego) que recolle as investigacións efectuadas polo alumnado sobre os seus nomes propios.
.
Reportaxe sobre o IES Maruxa Mallo
Tamén se realizou unha reportaxe para presentar o IES e o seu contorno. O motivo central da actual viaxe á Alta Silesia foi a presentación das novas achegas do IES Maruxa Mallo de Ordes: un documental no que se sintetizan en trinta minutos, dez horas de entrevistas a persoeiros sobranceiros da nosa cultura, unha presentación comparativa sobre a arquitectura barroca nos tres países e outra sobre festividades e celebracións tradicionais galegas.

Os textos completos das entrevistas xa están á disposición de quen queira consultalos na páxina web do instituto: Suso de Toro, Emilio Pérez Touriño, Xosé Ramón Gayoso, o conselleiro de Educación Jesús Vázquez Abad, o triatleta Iván Raña, o cardiólogo Alberto Bouzas, o xenetista Ángel Carracedo e a gaiteira Susana Seivane.

Co traballo deste ano conclúe o primeiro módulo do proxecto que terá continuidade ao longo do próximo curso. Nos tres seguintes encontros internacionais, financiados pola Unión Europea no marco do Proxecto Comenius, presentaranse os traballos do segundo módulo centrados no coñecemento dos recursos e da situación medioambiental, da nutrición racional e o consumo responsable, do ocio e actividades de tempo libre e de prevención de adicións entre os adolescentes.
.

Despois da próxima reunión de outubro en Lituania, corresponderalle ao IES Maruxa Mallo actuará como anfitrión no mes de febreiro.

Os alumnos participantes foron Nuria Romero e Christian Rodríguez (3º ESO), Lorena Carneiro, Sofía Rodríguez e Daniel Núñez (4º ESO). Os profesores, Raquel Rendo (Tecnoloxía), Leopoldo F. Gasalla (Historia), Xosé Manuel F. Castro (Galego) e Isabel Mato (Inglés e Coordinadora do Proxecto).
.

*