viernes, 18 de junio de 2010

O Concello levará a cabo unha serie de obras na infraestrutura rural do municipio a través do PEIM Rural da Xunta

.
Dende o Concello solicitan ao goberno autonómico que as obras, que fan referencia a camiños en diferentes parroquias do municipio, se fagan o antes posible, aproveitando o bo tempo e tendo en conta o tempo que se leva esperando por elas

O Concello de Ordes levará a cabo unhas serie de obras na infraestrutura rural do municipio a través dun convenio asinado coa Consellería do Medio Rural da Xunta, enmarcado dentro do Programa Estratéxico de Infraestruturas no Medio Rural (PEIM Rural), tal e como confirmaron ao Concello dende dita consellería no día de onte.

A través deste convenio levaranse a cabo as obras de infraestrutura rural referentes ao camiño de Coruxo na parroquia de Barbeiros, o camiño de Barcula en Ardemil, o camiño do Souto en Beán, os camiños de Margarida e Canle en Buscás, os camiños en Casanova e en Castro na parroquia de Vilamaior e os camiños do Pereiro e o de Aneiro en Buscás. Unhas obras que teñen un importe aproximado de 90.000 euros e que asumirá con cargo aos seus orzamentos a Consellería de Medio Rural. Tralas mesmas o mantemento e conservación dos camiños correrá a cargo do Concello.

Dende o goberno local explicaron que se insistirá á Xunta para que as obras se realicen o antes posible, aproveitando o bo tempo e tendo en conta todo o tempo que se leva esperando por elas, sendo solicitadas xa por parte do Concello en varias ocasións.

A frase de Xesús Pedreira, concelleiro de Medio Rural de Ordes
"Con estas obras preténdese dinamizar a base produtiva do medio rural, co obxectivo de dignificar e mellorar a calidade de vida da poboación que reside nestas zonas e contribuir a fixar poboación, tendo en conta ademais a importancia das explotacións agrogandeiras no noso municipio"

*