martes, 15 de junio de 2010

Ordes acollerá a celebración do I Festival de Curtametraxes Libres Cinestable

.
Será o 5 de agosto e poderán concurrir todas aquelas cintas baixo licenza Creative Commons

O próximo día 5 de agosto a Casa da Cultura de Ordes acollerá a celebración da primeira edición do Festival de Curtametraxes Libres Cinestable. Un festival que está organizado pola Asociación Inestable (Asociación de usuarios de GNU/Linux de Ordes), e que conta coa colaboración do Concello de Ordes, así como doutras entidades como a AC Proxecto Trasno.

Tal e como explicaron dende a organización, este festival quere render homenaxe á liberdade que brindan as licenzas libres Creative Commons convocando un concurso de curtas ao que están invitados a participar amateurs e profesionais de todo o país. Así, no marco deste certame, o día 5 de agosto farase a entrega dos premios do concurso, así como unha proxección das mellores cintas libres a nivel mundial.

En canto ao concurso de curtas, poderán concorrer ao mesmo todas as cintas de calquera temática que se licencien baixo unha Creative Commons. A inscrición é totalmente gratuíta e realizarase a través da web do festival.

800 euros en premios
O prazo de entrega dos traballos permanecerá aberto ata o próximo 1 de agosto, uns traballos que se deberán dirixir á Oficina de Información Xuvenil de Ordes, situada na planta baixa do Concello (avenida de Alfonso Senra nº 108, C.P.:15680, Ordes), á atención da Asociación de usuarios de GNU/Linux de Ordes.

As mellores cintas presentadas, que se proxectarán tamén no festival, se repartirán máis de 800 euros en premios en metálico.

Dende a organización do festival explicaron que con este evento preténdese fomentar o uso destas licenzas, que teñen a propiedade de potenciar a creatividade dos autores e aumentar a difusión das obras noveles.

*