Trátase das obras de construcción do vial de enlace entre a AC-524 e o polígono industrial de Ordes, coas que se pretende desviar o tráfico pesado do centro do municipio
O goberno local vén de adxudicar as obras da segunda fase da coñecida como Rolda Leste do municipio. Unhas obras que consistirán na construcción dun vial que enlazará a AC-524 (Ordes- Lanzá) co polígono industrial de Ordes, e que se encontran incluídas dentro dun convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta e o Concello de Ordes.
En canto á segunda fase da Rolda Leste, tal e como explicou o concelleiro de Obras e Urbanismo, Roberto González, o novo trazado, que ten unha lonxitude total de un pouco máis de dous kilómetros, transcurre íntegramente polo concello de Ordes, aproveitando no tramo final un vial municipal existente, e na parte inicial dende o polígono, o espazo reservado dentro da zona da concentración parcelaria de San Pelaio de Buscás. O novo vial terá calzada única con dous carrís de tres metros de ancho cada un, un para cada sentido da circulación. O orzamento total das obras é de 1,3 millóns de euros aproximadamente, que asumirá a Xunta a través do convenio asinado co Concello de Ordes.
"Garantizar o desvío do tráfico pesado do centro"
O alcalde Manuel Regos, explicou que con este vial preténdese garantizar o desvío do tráfico pesado do centro do municipio, fundamentalmente aqueles transportes con destino Sogama, xa que na actualidade para acceder ao polígono teñen que pasar polo núcleo de Ordes. Ademais, con este vial de enlace tamén se facilitará a conexión coa AP-9.
Obras na primeira fase
Por outra banda o pasado mes de marzo daban comenzo tamén as obras da primeira fase desta Rolda Leste, consistentes na construcción do vial de enlace entre a N-550 e a AC-524. Un vial de, aproximadamente, 730 metros de lonxitude, que contará cunha calzada de tres carrís de circulación, un carril bici e unha senda peatonal, o que suporá que nun futuro se trate dunha gran avenida dentro do núcleo de Ordes, tal e como explicaron dende o goberno local.
O orzamento destas obras ascende a máis de 850.000 euros, tamén asumidos a través do convenio asinado polo Concello coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta.
Dende o goberno local esperan que as obras desta primeira fase poidan estar rematadas no mes de agosto.
Foto arriba: Obras da ronda lesta na zona de O Paraíso.