miércoles, 30 de junio de 2010

Ordes poderá outorgar a súa Medalla de Ouro a empresas, asociacións e outras persoas xurídicas

.
Astray: "O anterior regulamento, de antes da Constitución, quedaba totalmetne obsoleto"

O alcalde baixará o seu soldo nun sete por cento para axudar a paliar a déficit público

Respecto ao PXOM, Manuel Regos asegura que estará listo "o antes posible"

O pleno da corporación local do Concello reuniuse na mañá de onte para celebrar a sesión ordinaria correspondente ao mes de xuño. Unha sesión na que, entre outras cuestións, aprobouse por unanimidade o novo regulamento de honores e distincións do Concello de Ordes.

Tal e como explicou o edil de Réxime Interior, Persoal e Comunicación, Manuel Astray, “procedeuse á elaboración deste novo regulamento ao advertir, con motivo do nomeamento de Fillo Predilecto a Ramón Carro, que o anterior regulamento quedaba totalmente obsoleto, ao tratarse dun documento que incluso databa de antes da Constitución”.

Entre as novidades que presenta este novo regulamento, explicou Astray, establécese a posibilidade de conceder a Medalla de Ouro do Concello a persoas físicas ou xurídicas, isto é, empresas, institucións, asociacións, fundacións ou mesmo administracións públicas. Ademais tamén se dá unha maior participación a todos os grupos políticos con representación no Concello, buscando así o consenso nos nomeamentos, e concédese a posibilidade de que se faga algún nomeamento a través de iniciativa popular.

Tanto BNG como PP apoiaron esta proposta do grupo de goberno, agradecendo ámbalas dúas formacións que se abra a posibilidade de participación dos grupos políticos na instrucción dos expedientes para os nomeamentos.

Medidas de redución do déficit público
Por outra banda, outro dos puntos da orde do día, que tamén se aprobou por unanimidade, foi o correspondente á aprobación das medidas de redución do déficit público.

Así, tal e como explicou o alcalde, Manuel Regos, seguindo a recomendación da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), vanse rebaixar os salarios e asignacións aos cargos políticos do Concello. A proposta aprobada polo pleno ordense, basada no acordo da FEMP, supón unha reducción do 7 por cento no soldo do alcalde; un 6 por cento no salario do edil de Obras e Urbanismo, Roberto González; un 5 por cento nos salarios do edil de Cultura e Deportes e o edil de Servizos Sociais; así como unha reducción do 2,7 por cento no da concelleira de Educación, Silvia Marín. Tamén se reducen nun 5 por cento as asignacións aos grupos políticos, e outro 5 por cento as asignacións por asistencias ás comisións.
O BNG apoiou esta rebaixa manifestando Gonzalo Castro que “estas medidas son insuficientes para reducir o déficit público e o único que intenta o Goberno do Estado con elas e lanzar unha cortina de fume fronte ao ataque aos dereitos sociais que constituen medidas como a conxelación das pensións”.

Pola contra, o alcalde, Manuel Regos, explicou que con esta medida si se espera poder contribuir á reducción do déficit.

Mocións do PP e BNG
No capítulo de mocións, o BNG presentou unha na que instaba ao alcalde a realizar as xestións pertinentes para facer os trámites necesarios para a aprobación inicial do PXOM. Gonzalo Castro manifestou que “a paralise da tramitación do PXOM está a provocar un grave prexuizo aos veciños e veciñas de Ordes, xa que é precisamente agora, nun momento de crise, cando mais se necesita un PXOM que dea un impulso ao noso Concello.”

Segundo Castro, “esta situación aboca a Ordes a seguir padecendo un desenvolvemento urbanístico caótico e pouco sostíbel ao manter a vixencia dunhas normas subsidiarias obsoletas que benefician a uns poucos, en lugar de aprobar un PXOM que beneficie ao conxunto dos veciños e veciñas de Ordes, permitindo que o noso Concello poida desenvolverse urbanísticamente de xeito equilibrado, no que se que fomente a creación de vivenda protexida e que prime a calidade de vida dos veciños e veciñas de Ordes”.

Finalmente non foi aprobada a súa urxencia, xa que tal e como explicou o primeiro edil, Manuel Regos, “nós facemos os deberes e isto é algo no que se está a traballar”. Indicou o alcalde que se está traballando no avance do documento e que os técnicos están adaptándoo á nova lei. Regos insistiu en que espera que o Plan Xeral estea listo o antes posible.

Orzamentos do ano 2010
A segunda das mocións dos nacionalistas, da que tampouco se aprobou a urxencia, fixo referencia ao retraso nos orzamentos para 2010. Para o portavoz municipal do BNG “a ausencia dun orzamento municipal para o ano 2010 está perxudicando aos veciños de Ordes, ao impedir o pagamento das facturas pendentes cos proveedores do concello, que ascenden a máis dun millón de euros, ademáis de comprometer as axudas para financiar as actividades das asociacións e entidades de Ordes, así como a xestión dos servizos públicos básicos”.

Gonzalo Castro emplazou ao alcalde “a asumir as súas responsabilidades e aprobar coa máxima celeridade uns orzamentos municipais para o 2010 que conteñan medidas para paliar a situación económica do concello, como a redución do gasto, estabelecendo unha priorización do mesmo para dotar de recursos aos servizos públicos básicos e facer fronte ao pago das débedas cos proveedores do Concello”.

Pola súa banda, Regos explicou que estes orzamentos sí están a sufrir un retraso a causa da elaboración da Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello, que irá incluida nos mesmos, e no que se está a traballar por parte dos técnicos. Aínda así reiterou que se levarán a pleno canto antes.

Parque Félix Rodríguez de la Fuente
Por outra banda o Partido Popular presentou outra moción na que instaba ao goberno local a arranxar o parque infantil Félix Rodríguez de la Fuente. Cuestión á que o edil de Medio Ambiente, Medio Rural e Sanidade, Xesús Pedreira, respondeu que xa deron comenzo as obras que consistirán no cambio dos xogos do parque, así como do peche perimetral do mesmo.

En canto ás preguntas, o BNG solicitou información sobre a situación na que se encontran as conversas co Ministerio de Fomento para a realización de melloras na N-550 ao seu paso polo municipio. O alcalde, Manuel Regos, explicou que un técnico do Ministerio visitou Ordes e trasladáronselle todas as demandas plantexadas. Explicou ademais o primeiro edil que dende Fomento informaron que se está elaborando o proxecto para levar a cabo as melloras.

Foto: Momento do pleno da corporación municipal de Ordes que contou coa única ausencia do edil de Nova Alternativa, Juan Simón.

*