.
O Concello acumula máis dun millón de euros de débedas que, segundo os populares de Ordes, "non serán recoñecidas, polo menos, ata despois do verán"
As obras da Alameda seguen a ser motivo de fortes diferencias entre Goberno e Oposición
O Partido Popular de Ordes denunciou hoxe novamente o “burato” de máis de un millón de euros en facturas impagadas que acumula o Concello de Ordes. "A situación de bancarrota da Administración local" aseguran, "se ve agravada pola súa incapacidade para aprobar os orzamentos municipais do ano 2010" que segundo os populares foi debida ás "crecentes tensións" entre os catro socios do Goberno local.
Segundo comunica a Xestora do Partido Popular de Ordes, "o propio alcalde ven de recoñecer nunhas recentes declaracións que a falta de fondos aboca ao Concello a perder subvencións, confirmando a denuncia efectuada meses atrás polo Partido Popular". A pesar do desmentido municipal, continúan informando, "xa se evidenciara que o Concello renunciara a unha axuda da Xunta para arranxar o vial interior do polígono industrial, pola incapacidade do Goberno local para participar no cofinanciamento da obra, como é habitual nos convenios deste tipo".
As obras da Alameda seguen no punto de mira
Á vista das declaracións do alcalde, o grupo municipal do Partido Popular reclamará, no vindeiro Pleno, unha relación das subvencións ás que leva renunciado o Concello de Ordes no que vai de ano por carecer de fondos cos que cofinanciar esas medidas.
O Partido Popular reitera que tal situación non se tería producido "se o Executivo local non derrochara cartos en proxectos caprichosos e inservibles como a ampliación da Alameda, na que seguen 'enterrando' cartos, e levan preto do millón e medio de euros, sen sacar proveito algún para os veciños do municipio".
Foto: As obras de ampliación da Alameda son calificadas de "proxecto caprichoso e inservible" polo PP de Ordes.
*